Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Mércores, 28 de xuño de 2023 Páx. 40156

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Industria e Innovación

ORDE do 27 de xuño de 2023 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga convocada para o día 28 de xuño de 2023 que afectará a empresa Ascensores Enor, S.L.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e nas competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño).

A organización sindical CIG, integrante da parte social da mesa negociadora do convenio colectivo de empresas do metal sen convenio propio da provincia de Pontevedra, convocou unha folga de ámbito provincial desde as 6.00 horas do 28 de xuño ata as 6.00 horas do 29 de xuño, pola que quedan afectados todos os centros de traballo de Ascensores Enor, S.L.

Nesta convocatoria de folga en Pontevedra resultan afectados dous centros, 69 empregados e 5.694 aparellos elevadores nos centros de traballo da empresa Ascensores Enor, S.L., situados na provincia de Pontevedra.

Entre os servizos que presta a empresa Ascensores Enor, S.L. considéranse como esenciais para a comunidade os referidos á atención de avisos de ascensores parados, atrapados e emerxencias de aparellos elevadores, tanto pola obriga legal e regulamentaria que lles concede o carácter de servizos de inaprazable e de recoñecible necesidade como pola propia actividade conservadora de ascensores da empresa.

O servizo de asistencia dos aparellos elevadores situados en edificios públicos afectos a servizos públicos debe cualificarse de esencial e, polo tanto, atendido, a pesar da existencia dunha situación legal de folga. En efecto, a cualificación do servizo de asistencia dos aparellos elevadores situados en edificios afectos a servizos públicos, como actividade vital ou básica para a comunidade é consecuencia da grave incidencia que a súa perturbación causaría no desenvolvemento da vida cotiá, tal e como se sinalou na Sentenza do Tribunal Constitucional do 24 de abril de 1986.

Os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a adecuada cobertura no servizo de atención de avisos de ascensores parados, atrapados e emerxencias, para evitar que se produzan graves prexuízos irreparables á cidadanía e que poden afectar a vida das persoas.

Así pois, a necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga á Administración autonómica galega, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais, que se concretan nesta orde.

O artigo 3 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, faculta os conselleiros ou conselleiras competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e en cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación. Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

1. A convocatoria de folga de ámbito provincial efectuada pola organización sindical desde as 6.00 horas do 28 de xuño ata as 6.00 horas do 29 de xuño, pola que quedan afectados todos os centros de traballo de Ascensores Enor, S.L., deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo os criterios que se establecen na presente orde.

2. Polas características dos servizos dispensados pola empresa Ascensores Enor, S.L. é preciso sinalar durante a folga o seguinte número de empregados que poidan levalos a cabo en cada un dos centros de traballo da compañía:

a) Prestación do servizo correspondente a un día de garda para poder facer fronte ás situacións de emerxencias e rescates de persoas derivadas de avarías que se produzan nos aparellos elevadores (atención de avisos de ascensores parados, atrapados e emerxencias).

b) Deberá existir en cada centro un mínimo número de técnicos en función do número de unidades en mantemento a que serve o devandito centro de traballo segundo o seguinte:

• Por cada 1.000 unidades en mantemento, 1 técnico.

• Entre 1.000 e 2.000 unidades, 2 técnicos.

• Máis de 2.000 unidades, 3 técnicos.

c) A atención ao servizo deberá realizarse durante as 24 horas.

A designación dos traballadores que desenvolvan estes labores realizaraa a compañía, así mesmo, debe considerarse como servizo mínimo o servizo de atención de chamadas 24 horas, así como o da asignación dos operarios dispoñibles para prestar os servizos mencionados.

Artigo 2

A empresa deberá adoptar as medidas necesarias para garantir os servizos mínimos fixados. En particular, requirirá o máis axiña posible, de modo individual e fidedigno, todos os traballadores que designe para cubrir os servizos mínimos, cuxo incumprimento comportará as responsabilidades previstas no ordenamento xurídico.

Artigo 3

O establecido na presente resolución non suporá ningunha limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lles recoñeza aos traballadores na devandita situación.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2023

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía, Industria e Innovación