Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Mércores, 28 de xuño de 2023 Páx. 40159

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 27 de xullo de 2023 pola que se establecen os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais nos centros de educación infantil 0-3 de titularidade pública con xestión externa durante a folga convocada por CIG-Ensino, CC.OO., UGT-SP de Galicia, USO e SNEP.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga. O exercicio deste dereito queda condicionado ao mantemento dos servizos esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño). O artigo 3 deste decreto faculta as persoas titulares das consellarías competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para a fixación do persoal preciso para a súa prestación, oído o comité de folga.

As organizacións sindicais CIG-Ensino, CC.OO., UGT-SP de Galicia, USO e SNEP comunicaron a convocatoria de folga na totalidade dos centros educativos incluídos no ámbito funcional do XII Convenio colectivo de centros de asistencia e educación infantil etapa 0-3, no ámbito territorial de Galicia. Na dita comunicación indícase que a folga terá lugar o día 29.6.2023 en xornada completa.

Así pois, a necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga a esta Administración autonómica galega, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais, que se concretan nesta orde.

O exercicio do dereito de folga supera o plano das relacións entre empresa e traballadores/as para ingresar no campo do público cando a empregadora resulta ser a propia Administración pública ou se afectan os servizos esenciais respecto dos cales esta cumpre unha función de garantía. Neste sentido, a atención educativa e asistencial dos nenos e nenas de 0-3 anos ten este carácter esencial para a comunidade.

O servizo esencial xustifícase pola exixencia constitucional de garantir o dereito da comunidade a non se ver privada de determinados bens ou servizos, que prevalece sobre o dereito fundamental de folga.

O seguimento desta folga, sen a determinación anticipada dunha prestación mínima, podería xerar un prexuízo tanto para os nenos e nenas usuarios como para as súas familias e para o persoal do centro que non a secunde.

A folga comunicada afecta todos os centros privados de asistencia e educación infantil, así como aquelas empresas ou entidades privadas que xestionen centros de titularidade pública.

A Axencia Galega de Servizos Sociais conta actualmente con dúas escolas infantís xestionadas por unha empresa privada (San Paio e Complexo Administrativo de Pontevedra) e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar conta con seis escolas infantís de xestión privada (A Guarda, Betanzos, Carballo – A Braña, Coristanco, O Pino e Pontevedra-Monte Porreiro), sendo que o seu persoal está incluído no ámbito funcional do XII Convenio colectivo de centros de asistencia e educación infantil.

O servizo de escola infantil é esencial para que moitas familias poidan conciliar a súa vida persoal e laboral sen ter que deixar os seus fillos e fillas a cargo da rede familiar ou social de apoio que, na maior parte das ocasións, está constituída por persoas maiores de especial vulnerabilidade.

Ademais do exposto e non menos importante, está o papel que a escola infantil desempeña máis aló da perspectiva dun servizo de conciliación e que en realidade é a esencia, a finalidade e o obxectivo desta etapa educativa, o coidado, a educación e o correcto desenvolvemento de nenos e nenas nesta etapa fundamental. Non hai que esquecer que na rede pública dáse entrada a través dos baremos oficiais publicados, principalmente aos usuarios máis desfavorecidos, comezando por nenos e nenas en situación de emerxencia social e das familias en risco de exclusión, e outras situacións con baixos ingresos económicos. Unha das principais razóns de ser da «Escola Infantil» e dar acubillo, sostén, e amparo principalmente a eses nenos e nenas e aqueloutras persoas usuarias con necesidades de atención específica (NEAE), que precisan dunha estimulación temperá en colaboración cos equipos de Atención Temperá das consellerías de Sanidade e de Política Social e Xuventude. Neste sentido, as escolas infantís da Axencia Galega de Servizos Sociais e máis o do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar desde sempre serviron de rede de protección para moitas persoas menores que, de non estar baixo a súa supervisión, vivirían situacións que pasarían desapercibidas polo sistema público que ten a obriga de protexelas, sendo deste xeito, ademais de centros de educación e ensino das primeiras etapas da vida, centros de sostén e apoio a nenos e nenas con familias máis desfavorecidas, primeiramente nun sentido económico pero tamén en canto a recursos e formación dos propios pais e nais aos cales se acompaña no proceso da crianza dos seus fillos e fillas.

Abondan os documentos e estudos en que se fai referencia á etapa da educación infantil como decisiva na formación das persoas adultas máis competentes de modo xeral como a UNESCO, UNICEF, OMS, ONU, ECDC, Asociación Española de Pediatría, Save the Children, e diversas ONG. Estas organizacións coinciden en que, ademais do impacto emocional e social, os centros educativos posibilitan a oferta doutros recursos que permiten cubrir necesidades de alimentación e apoio social, especialmente importantes nun momento de crise socioeconómica e de aumento de situacións de estrés no fogar como o incremento do desemprego, os problemas económicos, a violencia intrafamiliar e situacións similares.

Dentro do contexto normativo das escolas infantís en Galicia, cómpre ter en consideración o que dispón o Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, relativo ás ratios de persoal das escolas infantís 0-3, que no seu artigo 27.2 establece que a proporción do persoal cualificado con que deberán contar os centros é dun número igual ao de unidades en funcionamento máis un.

En consecuencia, e de conformidade co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e no Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan as normas para garantir a prestación dos servizos esenciais en caso de folga no ámbito da Comunidade Autónoma,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

A convocatoria de folga realizada polas organizacións sindicais CIG-Ensino, CC.OO., UGT-SP de Galicia, USO e SNEP para o día 29 de xuño de 2023, das 00.00 horas ás 23.59 horas nas escolas infantís da Axencia Galega de Servizos Sociais e nas escolas infantís do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen no anexo.

Artigo 2. Designación dos efectivos

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos será determinada pola Axencia Galega de Servizos Sociais e mais polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Artigo 3. Salvagarda dos dereitos

O disposto nos artigos anteriores non comportará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Disposición derradeira única. Efectos da orde

Esta orde producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude

ANEXO

Para a xornada de folga nos centros a que fai referencia esta orde, terán a consideración de servizos mínimos a xornada completa os que se relacionan a seguir:

– Dúas persoas traballadoras de persoal de atención directa aos nenos e nenas, que garantan a apertura e peche dos centros ao longo da xornada.

– Nas escolas de dúas ou máis unidades abertas haberá, ademais, unha persoa de atención directa por cada unha das unidades que teña a escola en funcionamento.