Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 30 de xuño de 2023 Páx. 40848

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 16 de xuño de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se declaran, con carácter provisional, os/as aspirantes admitidos/as e excluídos/as, así como os/as exentos/as e non exentos/as do exercicio de lingua galega no concurso-oposición para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario.

Mediante as resolucións do 14 e do 15 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde (Diario Oficial de Galicia núm. 3, do 4 de xaneiro de 2023), convocouse concurso-oposición para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario do Sistema sanitario público de Galicia.

Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, de conformidade coa base sexta das resolucións de convocatoria, este centro directivo, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Primeiro. Declarar, con carácter provisional, os/as aspirantes admitidos/as e excluídos/as, así como os/as exentos/as e non exentos/as da realización do exercicio de lingua galega no concurso-oposición para o ingreso nas seguintes categorías:

Persoal facultativo:

Facultativo/a especialista de área nas especialidades de Alergoloxía, Anatomía Patolóxica, Anestesioloxía e Reanimación, Anxioloxía e Cirurxía Vascular, Aparello Dixestivo, Cardioloxía, Cirurxía Cardiovascular, Cirurxía Oral e Maxilofacial, Cirurxía Pediátrica, Cirurxía Plástica, Estética e Reparadora, Cirurxía Torácica, Cirurxía Xeral e Aparello Dixestivo, Dermatoloxía Médico-Cirúrxica e Venereoloxía, Endocrinoloxía e Nutrición, Hematoloxía e Hemoterapia, Medicina Física e Rehabilitación, Medicina Intensiva, Medicina Interna, Medicina Preventiva e Saúde Pública, Microbioloxía e Parasitoloxía, Nefroloxía, Neurocirurxía, Neuroloxía, Oftalmoloxía, Oncoloxía Médica, Otorrinolaringoloxía, Pediatría e as súas áreas específicas, Pneumoloxía, Psicoloxía Clínica, Psiquiatría, Radiodiagnóstico, Reumatoloxía, Uroloxía e Xeriatría; médico/a asistencial 061, médico/a coordinador/a 061, médico/a de admisión e documentación clínica, médico/a de familia e odontólogo/a de atención primaria.

Persoal sanitario non facultativo:

Enfermeiro/a especialista en obstetricia-xinecoloxía (matrón/a), enfermeiro/a especialista en saúde mental, enfermeiro/a especialista en enfermaría familiar e comunitaria, enfermeiro/a especialista en enfermaría pediátrica, fisioterapeuta, terapeuta ocupacional, técnico/a superior en hixiene bucodental, técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico e técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría.

Persoal de xestión e servizos:

Técnico/a superior de sistemas e tecnoloxías da información, enxeñeiro/a técnico/a, técnico/a xestión de sistemas e tecnoloxías da información, grupo auxiliar da función administrativa, persoal de servizos xerais e celador/a.

Nas categorías de celador/a, persoal de servizos xerais e técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría inclúense, ademais, os/as aspirantes admitidos/as e excluídos/as, así como os/as exentos/as e non exentos/as da realización do exercicio de lingua galega na quenda de discapacidade intelectual.

Segundo. A lista coa relación provisional de admitidos/as e excluídos/as, con indicación do motivo de exclusión, e os/as declarados/as exentos/as e non exentos/as da realización do exercicio de lingua galega poderá examinarse na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Terceiro. As persoas aspirantes excluídas e as declaradas non exentas da realización do exercicio de galego disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a súa exclusión e/ou a declaración de non exento/a da realización de tal exercicio, mediante escrito dirixido á mesma unidade de validación a que se dirixiu a instancia de participación, que deberá presentarse nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos dispoñibles do artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disporán do mesmo prazo de reclamación as persoas que, tendo presentado debidamente solicitude de participación no proceso, non consten como admitidas nin excluídas na relación publicada.

Cuarto. A estimación ou desestimación das solicitudes de emenda entenderase implícita na resolución pola que se aprobe, con carácter definitivo, a relación de admitidos/as e excluídos/as e de exentos/as e non exentos/as do exercicio acreditativo do coñecemento da lingua galega, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2023

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos