Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 30 de xuño de 2023 Páx. 40787

III. Outras disposicións

Xunta Electoral Provincial da Coruña

ACORDO do 28 de xuño de 2023 para dar cumprimento ao previsto no punto quinto da Instrución 4/2011, do 24 de marzo, da Xunta Electoral Central (Boletín Oficial del Estado número 74, do 28 de marzo), de interpretación do artigo 66 da Lei orgánica do réxime electoral xeral no relativo a recursos contra os plans de cobertura informativa da campaña electoral.

En cumprimento do previsto no punto quinto da Instrución 4/2011, do 24 de marzo, da Xunta Electoral Central (XEC), de interpretación do artigo 66 da LOREG no relativo a recursos contra os plans de cobertura informativa da campaña electoral, disponse o anuncio no Diario Oficial de Galicia de que se recibiu comunicación do director xeral da Corporación Radio e Televisión de Galicia, do 27.6.2023, en relación co Plan de cobertura dos medios de comunicación públicos da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. (Televisión de Galicia e Radio Galega) relativo ás eleccións ao Congreso dos Deputados e ao Senado convocadas para o 23 de xullo e que inclúe a previsión de debates e entrevistas, con indicación da data e hora da súa emisión, as entidades políticas a que se convida e a súa duración, así como os programas específicos de natureza electoral e os criterios sobre a información específica da campaña electoral.

De conformidade co establecido na mencionada instrución, as entidades políticas poderán examinar a dita programación nas dependencias desta Xunta Electoral Provincial, no prazo preclusivo dun día desde a publicación do acordo e formular as reclamacións ou os recursos que consideren pertinentes.

Así mesmo, independentemente do anterior, acórdase notificárllelo aos representantes das candidaturas proclamadas, vía correo electrónico e con remisión do plan, co fin de que poidan ter coñecemento del e, se é o caso, formular as reclamacións ou recursos que consideren oportunos no indicado prazo dun día contado desde a publicación do acordo no Diario Oficial de Galicia.

Tendo en conta que o plan inclúe emisións a nivel autonómico e que, en consecuencia, pode afectar os intereses de todas as candidaturas presentadas nas provincias comprendidas nel, póñase en coñecemento daquelas proclamadas na Comunidade que non conten con representación ante esta Xunta.

Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia en virtude do disposto no artigo 18.6 da LOREG e no punto quinto da referida Instrución 4/2011.

A Coruña, 28 de xuño de 2023

Emilio Fernández Castro
Secretario da Xunta Electoral Provincial