Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 3 de xullo de 2023 Páx. 41115

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 21 de xuño de 2023 pola que se dá publicidade á encomenda de xestión á Fundación Semana Verde de Galicia para a posta á disposición dos espazos precisos e para os traballos de apoio para a organización das probas selectivas de persoal estatutario da categoría de enfermeira/o e de diversas clases de persoal sanitario funcionario da Lei 17/1989.

De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade da Resolución do 19 de xuño de 2023 pola que se encomenda á Fundación Semana Verde de Galicia a posta á disposición dos espazos precisos e para os traballos de apoio para a organización das probas selectivas de persoal estatutario da categoría de enfermeira/o e de diversas clases de persoal sanitario funcionario da Lei 17/1989.

– Actividades:

Posta á disposición dos espazos precisos e os traballos de apoio para a realización das probas selectivas do Servizo Galego de Saúde para a cobertura de 1.556 prazas da categoría estatutaria de enfermeira/o e 96 prazas de diversas clases de persoal sanitario funcionario da Lei 17/1989: ATS/DUE, farmacéutico inspector/a de saúde pública, inspector/a farmacéutico, inspector/a médico/a, licenciado/a en ciencias biolóxicas, licenciado/a en ciencias químicas, licenciado/a en farmacia, licenciado/a en medicina e cirurxía, licenciado/a en psicoloxía e subinspector/a sanitario.

A actividade encomendada inclúe a posta á disposición dos espazos para a realización das probas co mobiliario e equipamento necesarios (megafonía, pantallas LED, material de imprenta e sinalización), servizo de vixilancia e seguridade, sistemas antimóbil e detectores de metais, aparcadoiros, servizo de limpeza, conexión á internet, material hixiénico e anteparos.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: a Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, ten por obxecto a racionalización de todo o sector público autonómico e da actividade administrativa, así como a adopción de medidas dirixidas a unha maior eficiencia do gasto e á mellora da xestión do sector público autonómico.

O artigo 10 desta lei recolle os instrumentos e procedementos para facer efectivos os principios de cooperación, colaboración e asistencia, entre os cales se encontran as encomendas de xestión, reguladas especificamente no artigo 13, que remiten á Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (Lofaxga).

O artigo 10 da Lofaxga prevé a posibilidade de encargar a realización de tarefas a entidades de dereito privado que reúnan a condición de medio propio da Administración ou entidade pública encomendante mediante resolución unilateral. A Fundación Semana Verde de Galicia é unha fundación do sector público autonómico de acordo co artigo 113 da Lofaxga, na medida que o seu patrimonio fundacional, con carácter de permanencia, está formado en máis dun 50 % por bens e dereitos achegados ou cedidos pola Xunta de Galicia. De acordo co artigo 47 da Lofaxga, ten a consideración de medio propio e servizo técnico da Xunta de Galicia.

– Prazo de vixencia: a encarga terá unha duración comprendida entre a data da súa sinatura e o 4 de xullo de 2023, tendo en conta as datas de realización das probas e o período de sete días previos e posteriores a elas, para o depósito e a retirada de materiais.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2023

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade