Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 3 de xullo de 2023 Páx. 41111

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 29 de xuño de 2023 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga que afectará o persoal do servizo de limpeza do hospital do Instituto Médico Quirúrgico San Rafael da Coruña, con carácter indefinido a partir do 4 de xullo de 2023.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os cales se encontra a sanidade.

O desempeño da prestación da asistencia sanitaria pública non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este. Isto implica a necesidade de conxugar o dito exercicio cun axeitado establecemento dos servizos mínimos naquelas áreas e actividades que repercuten na xestión dos servizos sanitarios, en prol de preservar, en último termo, o propio dereito á vida e á integridade física das persoas usuarias dos ditos servizos.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento dos tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A organización sindical CIG comunicou a convocatoria dunha folga que se desenvolverá con carácter indefinido a partir das 0.00 horas do día 4 de xullo de 2023 e que afectará o persoal do servizo de limpeza do hospital do Instituto Médico Quirúrgico San Rafael na Coruña.

En consecuencia, resulta obvio que a suspensión da actividade de limpeza pode implicar niveis de contaminación que porían en risco a saúde tanto das persoas doentes e usuarias como do persoal do centro, en particular do persoal sanitario.

Ademais, afecta unha institución con que o Servizo Galego de Saúde ten formalizado un concerto singular para a prestación de servizos de asistencia sanitaria especializada, incluídos na súa carteira de servizos, a determinada poboación beneficiaria da Seguridade Social e protexida polo citado organismo. Polo tanto, esta soa circunstancia determina de seu a procedencia de fixar servizos mínimos.

Con base no que antecede e logo da audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria de folga referida na parte expositiva deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen na presente orde.

I. Áreas de urxencias, laboratorio de urxencias, radiodiagnóstico de urxencias, UCI, área cirúrxica, reanimación poscirúrxica, reanimación cardíaca, oncoloxía radioterápica, hematoloxía, hospital de día e diálise: o persoal preciso para garantir o 100 % das presenzas e prestación de limpeza habituais na actualidade.

II. Áreas de radioloxía intervencionista, esterilización e hospitalización: o persoal preciso para garantir o 70 % das presenzas e prestación de limpeza habituais na actualidade.

III. Restantes áreas: o persoal preciso para garantir o 50 % das presenzas e prestación de limpeza habituais na actualidade.

Por mor da hixiene necesaria para a prestación dos servizos sanitarios, neste eido sempre resulta preciso garantir con carácter xeral que as instalacións estean en perfectas condicións de limpeza e hixiene, no que atinxe a zonas de hospitalización de doentes, vestiarios de persoal, áreas críticas, servizos de urxencias e quirófanos, así como nas zonas comúns de uso xeral, pois as eventuais diminucións dos parámetros de limpeza nalgunha delas poden incidir directamente tamén nas outras.

Artigo 2

A determinación do persoal necesario con base nos criterios anteriores deberá estar motivada adecuadamente.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de servizos mínimos e exteriorizarse axeitadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios do centro con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será determinada pola dirección do centro e notificada aos e ás profesionais designados/as.

O persoal establecido para a cobertura dos servizos mínimos que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro traballador ou traballadora que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

Conforme os criterios descritos, no anexo desta orde recóllese o número de presenzas mínimas acordado para cubrir as xornadas de folga.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos precedentes non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os preceptos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías das persoas usuarias dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2023

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Efectivos de servizos mínimos

– Servizo de limpeza

Departamento

Quenda de mañá

Quenda de tarde

Días

Hemodiálise

1

1

De luns a sábado

Quirófano

1

1

De luns a venres

Plantas de hospitalización

2

2

De luns a domingo

Consultas-Radiodiagnóstico-Laboratorio-Urxencias

1

De luns a venres