Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 3 de xullo de 2023 Páx. 41109

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 23 de xuño de 2023 pola que se modifica a Orde do 27 de abril de 2023, pola que se regulan as bases que rexerán a concesión das subvencións ás entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no Programa de voluntariado sénior e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS508C).

BDNS (Identif.): 692253.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Entidades de acción voluntaria e entidades locais que realicen proxectos de voluntariado ao abeiro do Programa de voluntariado sénior desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 31 de outubro de 2023.

Segundo. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 27 de abril de 2023 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión das subvencións ás entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no Programa de voluntariado sénior e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS508C).

Terceiro. Modificación do artigo 2.5

Suprímese a limitación que establece que se lles permitirá participar nos proxectos subvencionables deste ano ás persoas voluntarias que, como máximo, concorresen á mesma subvención nunha convocatoria anterior, que queda redactado como segue:

«5. Non se subvencionarán proxectos en que participen máis de oito persoas voluntarias por proxecto. No caso de proxectos presentados por entidades locais resultado dunha fusión, agrupación, asociación, mancomunidade ou similar, poderanse subvencionar aqueles coa participación de ata un máximo de 20 persoas voluntarias por proxecto».

Cuarto. Outros datos

Ábrese un novo prazo de presentación de solicitudes que será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

As entidades que solicitaron as axudas previstas na Orde do 27 de abril de 2023 non terán que presentar unha nova solicitude.

Coa solicitude presentarase o proxecto de actividades. Admitirase un só proxecto por entidade coa súa denominación/nome, os obxectivos, a identificación de problemas e o número aproximado de persoas beneficiarias. Este irá acompañado do número de persoas voluntarias coas cales se pretende executar o proxecto, das horas de execución deste por parte de cada unha destas persoas e do número de días que participará cada unha, así como do custo que correspondería por número de persoas voluntarias e días e dun orzamento desagregado do custo das demais actividades. Este proxecto de actividades de voluntariado non pode ser igual ao presentado pola mesma entidade no caso de haber outra convocatoria de axudas desta consellería en materia de voluntariado.

A concesión da axuda tramítase en réxime de concorrencia competitiva seguindo a orde de prelación pola puntuación obtida. Requirirase unha puntuación mínima de 50 puntos e a concesión efectuarase por orde de puntuación ata esgotar o crédito orzamentario.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude