Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 3 de xullo de 2023 Páx. 41106

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 23 de xuño de 2023 pola que se modifica a Orde do 27 de abril de 2023, pola que se regulan as bases que rexerán a concesión das subvencións ás entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no Programa de voluntariado sénior e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS508C).

No Diario Oficial de Galicia número 89, do 10 de maio de 2023, publicouse a Orde pola que se establecen as bases que rexerán a concesión das subvencións ás entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no Programa de voluntariado sénior e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS508C).

A Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria, establece entre as súas prioridades o fomento da acción voluntaria, promovendo o coñecemento público das ditas actividades e o recoñecemento social das persoas voluntarias e das entidades de acción voluntaria e, no seu artigo 25, establece incentivos e apoios a estas.

Segundo establece o Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude, corresponden á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, entre outras funcións, a dirección e a xestión das actuacións en materia de voluntariado, a elaboración e o seguimento dos instrumentos de planificación, de rexistro, da xestión dos órganos colexiados e todas aquelas actuacións en aplicación da Lei 10/2011, do 28 de novembro.

A Consellería de Política Social e Xuventude considera de máximo interese, a teor do escenario demográfico da nosa Comunidade Autónoma en particular, fixar un compromiso co envellecemento activo emprendendo accións concretas orientadas á promoción de actividades no ámbito do voluntariado que o promovan, recoñecendo o labor que as persoas voluntarias e as entidades achegan á sociedade e, en especial, a do colectivo das persoas maiores, piar fundamental na nosa sociedade e grupo de cidadanía con altas potencialidades como panca de transformación social e de notoria participación no desenvolvemento comunitario.

Con base no anterior e coa idea de impulsar que as persoas voluntarias de máis de 55 anos compartan a súa experiencia como piar fundamental para a transformación social, preténdese conseguir a maior participación posible destas persoas voluntarias, polo que se revisa a través da presente modificación do artigo 2.5 da Orde do 27 de abril de 2023 coa supresión da limitación que establece que se lles permitirá participar nos proxectos subvencionables deste ano ás persoas voluntarias que, como máximo, concorresen á mesma subvención nunha convocatoria anterior.

A presente modificación leva consigo a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes para garantir a eficacia da concorrencia competitiva e a ausencia de prexuízos a terceiros interesados.

En consecuencia, no uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e polo Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude,

RESOLVO:

Artigo 1. Modificación da Orde do 27 de abril de 2023 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión das subvencións ás entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no Programa de voluntariado sénior e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS508C)

O número 5 do artigo 2 referido aos proxectos subvencionables da Orde do 27 de abril de 2023, pola que se regulan as bases que rexerán a concesión das subvencións ás entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no Programa de voluntariado sénior e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS508C), queda redactado como segue:

«5. Non se subvencionarán proxectos en que participen máis de oito persoas voluntarias por proxecto. No caso de proxectos presentados por entidades locais resultado dunha fusión, agrupación, asociación, mancomunidade ou similar, poderanse subvencionar aqueles coa participación de ata un máximo de 20 persoas voluntarias por proxecto».

Artigo 2. Apertura de novo prazo de presentación de solicitudes

1. Procederá a apertura dun novo prazo de presentación das solicitudes, que será dun mes desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

2. As solicitudes presentadas segundo o establecido no número anterior tramitaranse de acordo coas bases establecidas na Orde do 27 de abril de 2023.

3. As entidades que solicitaron as axudas previstas na Orde do 27 de abril de 2023 non terán que presentar unha nova solicitude.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude