Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Mércores, 5 de xullo de 2023 Páx. 41547

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 27 de xuño de 2023 pola que se convocan para o ano 2023 as axudas para a adquisición de vivendas protexidas (código de procedemento VI420C).

BDNS (Identif.): 706169.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas maiores de idade que reúnan os seguintes requisitos:

a) Posuíren a nacionalidade española ou, no caso de seren estranxeiras, teren a residencia legal en España.

b) Seren adquirentes ou adxudicatarias, en primeira transmisión, dunha vivenda de protección autonómica de réxime xeral ou especial de nova construción ou procedente da rehabilitación, cualificada definitivamente na data de publicación desta resolución.

c) Teren subscrito con posterioridade ao 30 de setembro de 2022 un contrato privado de compravenda da vivenda, visado pola área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda ou, de ser o caso, unha escritura pública de compravenda que conteña as cláusulas obrigatorias derivadas da cualificación definitiva da vivenda.

d) Estaren a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teren pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Non estaren nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada unha delas deberá cumprir os requisitos sinalados no primeiro parágrafo para poder ser beneficiaria da axuda.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2023 as subvencións para a adquisición de vivendas protexidas, que se tramitarán co código de procedemento VI420C.

2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras das subvencións obxecto desta convocatoria están recollidas na Resolución do 5 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición de vivendas protexidas e se procede á súa convocatoria para o ano 2021, publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 140, do 23 de xullo.

Cuarto. Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451B.780.4 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023, por un importe total de 780.900 euros, e financiaranse con fondos propios da Comunidade Autónoma.

2. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), e terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 2 de outubro de 2023 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o que será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2023

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo