Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Mércores, 5 de xullo de 2023 Páx. 41525

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 27 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións ao sector turístico para a promoción da dixitalización, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TU503C).

BDNS (Identif.): 706312.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de empresas de aloxamento turístico, de restauración e de axencias de viaxes que teñan o seu domicilio fiscal en Galicia e que teñan inscrito e autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o que se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

En concreto, son actuacións subvencionables as que realicen calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:

a) Os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

b) As empresas de restauración (restaurantes, cafetarías e bares) que se enmarquen dentro do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

c) As axencias de viaxes que se enmarquen dentro do artigo 83 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

Segundo. Obxecto e réxime

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto promover o desenvolvemento tecnolóxico e o proceso de transformación dixital das empresas turísticas a través da incorporación de solucións dixitais aos seus establecementos, servizos e procesos, coa finalidade de mellorar a súa competitividade, adaptándose ás novas necesidades e tendencias do sector turístico.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 27 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións ao sector turístico para a promoción da dixitalización, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TU503C).

Cuarto. Importe

As subvencións obxecto desta resolución, cun crédito total de 1.500.000,00 €, imputaranse á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.770.0, proxecto 2015 00005, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, o que poderá dar lugar á posibilidade de atender novas solicitudes que poderán implicar a subvención oportuna.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Sexto. Prazo de xustificación da subvención

Para a entrega da documentación xustificativa o prazo será ata o 15 de novembro de 2023.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2023

O/a director/a da Axencia de Turismo de Galicia
P.S. (Artigo 19.6 do Decreto 196/2012; DOG núm. 193, do 9 de outubro)
Antonio Casas Calviño
Xerente da Axencia de Turismo de Galicia