Expediente: IN407A 2023/231-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación da instalación: ampliación de potencia do CT15AG27.
Concello: Porto do Son.
Feitos:
1. O día 28.4.2023, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución denominado «Ampliación de potencia do CT15AG27», co obxecto de aumentar a potencia do centro de transformación de intemperie CT Quintáns (15AG27, expediente 50.679) de 100 kVA de potencia, alimentado pola liña de distribución de media tensión LMT PDS-805, procedente da subestación Porto do Son, no lugar de Quintáns, concello de Porto do Son, por mor da sobrecarga que actualmente soporta. Proxéctase o cambio de máquina por unha de 160 kVA sobre o apoio existente.
Entregan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento, conforme establece o artigo 123 do Real decreto 1955/2000, que comprende a seguinte documentación:
– Proxecto de execución denominado «Ampliación de potencia do CT15AG27», asinado o 10.4.2023 por Victoriano González Lemos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, colexiado núm. 2.980 de Vigo.
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
3. En relación cos artigos 127.1 e 127.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, dado que o proxecto non afecta a administracións, organismos nin empresas de servizo público nin de servizos de interese xeral, a empresa promotora non presenta separatas.
4. O día 31.5.2023 emitiuse un informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia; e no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25 de maio).
2. A lexislación aplicable neste expediente é a seguinte:
• A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
• O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
• O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
• O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
• Resolución do 19 de febreiro de 2014 pola que aproba o procedemento de autorización administrativa de construción de acordo co previsto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
• O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
• A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).
3. As instalacións atópanse no lugar de Quintáns, no concello de Porto do Son, e as súas características técnicas son as seguintes:
– Repotenciación do CTI Quintáns (15AG27, expediente 50.679) de 100 kVA con relación de transformación de 20.000/400-230 V, instalado en apoio nº 9JASDBJT//11-A1-1CT existente tipo HVH-1600/11 da LMT PDS-805, procedente da subestación Porto do Son. Novo trafo de 160 kVA e retirada do existente.
4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.
De acordo con todo o sinalado,
RESOLVO:
1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción á dita instalación de distribución eléctrica.
2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar perante esta xefatura territorial unha solicitude acompañada da seguinte documentación:
I. As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
II. Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.
4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial das relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.
Mediante este documento notifícaselle á empresa promotora esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
A Coruña, 12 de xuño de 2023
Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña