Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Xoves, 6 de xullo de 2023 Páx. 41753

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 23 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a iniciativa Fábrica intelixente e sustentable, orientada a proxectos de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación centrados en tecnoloxías industriais innovadoras para apoiar as empresas na súa transición industrial, en liña coas prioridades europeas en materia de dixitalización e pacto verde, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento IN854A).

A Constitución española, no seu artigo 44.2, obriga os poderes públicos a promover a ciencia e a investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral. Ademais, establece no artigo 149.1.15 que o fomento e a coordinación da investigación científica e técnica son competencia exclusiva do Estado. Pola súa banda, o Estatuto de autonomía de Galicia recolle no artigo 27.19 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, no seu artigo 1, establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia. Esta lei, no capítulo III, crea o Plan galego de investigación e innovación como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo.

O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, establece que a Axencia Galega de Innovación ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas a través da implementación de estratexias e programas de innovación eficientes.

O 8 de abril de 2022, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo mediante o cal se aproba a Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación na Comunidade Autónoma para este período, así como o Plan de investigación e innovación de Galicia 2022-2024, que concreta desde un punto de vista operativo este marco estratéxico.

A RIS3, no período 2021-2027, aborda a través da I+D+i 3 grandes retos da economía e a sociedade galega. Para darlles resposta, a estratexia, por unha banda, orienta as capacidades e os esforzos de investigación e innovación en Galicia cara a tres prioridades temáticas transversais e, pola outra, reforza e impulsa o ecosistema galego de innovación a través de cinco obxectivos estratéxicos arredor dos cales articula os instrumentos e as actuacións que se van desenvolver integrados nos correspondentes programas.

Neste contexto, o segundo reto da RIS3 consiste en desenvolver un modelo industrial sustentado na competitividade e no coñecemento, incrementando a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial de Galicia a través das tecnoloxías facilitadoras esenciais e da evolución das cadeas de valor. Desta forma, preténdese fomentar a innovación nos modelos produtivos dos principais sectores industriais galegos para conseguir unha mellora da súa produtividade de forma sustentable como garantía da súa competitividade a nivel internacional. En relación con este reto, as dúas prioridades para avanzar no necesario proceso de transformación industrial son a sustentabilidade e a dixitalización das cadeas de valor, non só na xeración de novos produtos, senón tamén na mellora dos procesos produtivos. Nesta liña, a RIS3 impulsa a fabricación avanzada e intelixente nas cadeas de valor galegas como un ámbito de priorización concreto, así como a economía circular, a simbiose industrial e a descarbonización das cadeas de valor.

Os instrumentos, apoios e actuacións que se desenvolven no marco da RIS3 en relación con cada obxectivo estratéxico recóllense nos correspondentes programas. Estes instrumentos poden ser horizontais, en relación cos retos e prioridades, pero tamén poden dirixirse a prioridades e ámbitos de priorización concretos debido á existencia de características ou necesidades diferenciadas dos axentes, cadeas de valor e mercados relacionados con cada un deles, ou polo tipo de fondo que as financia. O obxectivo estratéxico 3 busca impulsar o desenvolvemento das cadeas de valor consolidando os segmentos en que se conta con masa crítica e completando progresivamente aqueles en que hai un desenvolvemento menor desde a perspectiva de especialización intelixente de Galicia. Un dos desafíos concretos relacionados con este obxectivo é o de estender e aproveitar as solucións de sustentabilidade e dixitalización ao longo das cadeas de valor.

En consecuencia, esta convocatoria enmárcase na RIS3 respondendo ao reto 2 (Un modelo industrial sustentado na competitividade e no coñecemento) a través das prioridades 1 (sustentabilidade) e 2 (Dixitalización), incidindo concretamente nos ámbitos de priorización: biotecnoloxía agraria, mariña, industrial e ecolóxica; descarbonización das cadeas de valor; economía circular e simbiose industrial, e a eficiencia enerxética en procesos produtivos, en construción e en mobilidade, así como na fabricación avanzada e intelixente. Ten como obxectivo estratéxico completar e consolidar as cadeas de valor (obxectivo estratéxico 3), polo que se integra, no programa Completa e transfire.

A estas bases reguladoras aplícaselles o principio de «non causar un prexuízo significativo» (DNSH, polas súas siglas en inglés), isto é, que ningunha das actuacións promovidas nestas bases incide negativamente en ningún dos seis obxectivos ambientais recollidos no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852: mitigación do cambio climático, adaptación ao cambio climático, uso sustentable e protección dos recursos hídricos e mariños, transición cara a unha economía circular, prevención e control da contaminación, e protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas.

O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e axustarase ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado da Unión.

Consecuentemente con todo o anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación ao abeiro da convocatoria da iniciativa Fábrica intelixente e sustentable. Esta iniciativa, incluída no Plan galego de investigación e innovación 2022-2024, marco instrumental da RIS3 2021-2027, ten por obxectivo promover a realización de proxectos empresariais de I+D+i de carácter estratéxico para o tecido industrial galego, centrados no desenvolvemento de tecnoloxías industriais clave para acadar un modelo produtivo innovador. Estes proxectos deberán estar en liña coas prioridades europeas en materia de dixitalización e pacto verde.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as ditas axudas para o ano 2023 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva (código de procedemento IN854A), e as axudas concedidas no marco desta resolución axústanse ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014.

Artigo 2. Definicións

1. Investigación industrial: segundo o disposto no Marco sobre axudas estatais de investigación e desenvolvemento e innovación (2022/C 414/01), enténdese por investigación industrial a investigación planificada ou os estudos críticos destinados a adquirir novos coñecementos e competencias para desenvolver novos produtos, procesos ou servizos, ou para permitir mellorar considerablemente os xa existentes, incluídos os produtos, procesos ou servizos dixitais, en calquera ámbito, tecnoloxía, industria ou sector (inclúense, de forma non exhaustiva, as industrias e as tecnoloxías dixitais como, por exemplo, a supercomputación, as tecnoloxías cuánticas, as tecnoloxías de cadeas de bloques, a intelixencia artificial, a ciberseguridade, os macrodatos e as tecnoloxías na nube). Inclúe a creación de compoñentes de sistemas complexos e pode incluír a construción de prototipos nun contorno de laboratorio ou nun contorno con interfaces simuladas cos sistemas existentes, así como liñas piloto cando for necesario para a investigación industrial e, en particular, para a validación de tecnoloxía xenérica.

2. Desenvolvemento experimental: a adquisición, combinación, configuración e emprego de coñecementos e técnicas xa existentes, de índole científica, tecnolóxica, empresarial ou doutro tipo, con vistas á elaboración de produtos, procesos ou servizos novos ou mellorados, incluídos os dixitais, en calquera ámbito, tecnoloxía ou sector. Pode incluír, de forma non exhaustiva, as industrias e as tecnoloxías dixitais, por exemplo a supercomputación, as tecnoloxías cuánticas, as tecnoloxías de cadeas de bloques, a intelixencia artificial, a ciberseguridade, os macrodatos e as tecnoloxías na nube ou na fronteira. Isto pode incluír tamén, por exemplo, actividades de definición conceptual, planificación e documentación de novos produtos, procesos ou servizos.

O desenvolvemento experimental poderá comprender a creación de prototipos, a demostración, a elaboración de proxectos piloto, o ensaio e a validación de produtos, procesos ou servizos novos ou mellorados, en contornos representativos de condicións reais de funcionamento, sempre que o obxectivo principal sexa achegar melloras técnicas para produtos, procesos ou servizos que non estean substancialmente asentados. Pode incluír o desenvolvemento de prototipos ou proxectos piloto que se poidan utilizar comercialmente cando sexan necesariamente o produto comercial final e a súa fabricación resulte demasiado onerosa para o seu uso exclusivo con fins de demostración e validación.

O desenvolvemento experimental non inclúe as modificacións habituais ou periódicas efectuadas en produtos, liñas de produción, procesos de fabricación, servizos existentes e outras operacións en curso, aínda que as ditas modificacións poidan representar melloras.

3. Innovación organizativa: a aplicación dun novo método organizativo no nivel de empresa, a organización do lugar de traballo ou as relacións exteriores da empresa como, por exemplo, o uso de tecnoloxías dixitais, novas ou innovadoras. Non se inclúen os cambios baseados en métodos organizativos xa empregados na empresa, os cambios na estratexia de xestión, as fusións e adquisicións, o abandono dun proceso, a mera substitución ou ampliación de capital, os cambios exclusivamente derivados de variacións do prezo dos factores, a produción personalizada ( customisation), a adaptación aos mercados locais, os cambios periódicos, estacionais ou cíclicos doutro tipo e o comercio de produtos novos ou significativamente mellorados.

4. Innovación en materia de procesos: a aplicación dun método de produción ou subministración novo ou significativamente mellorado (incluídos cambios significativos en canto a técnicas, equipos ou programas informáticos) no nivel de empresa, por exemplo mediante unha utilización nova ou innovadora de tecnoloxías ou solucións dixitais. Non se inclúen os cambios ou melloras menores, os aumentos das capacidades de produción ou servizo mediante a introdución de sistemas de fabricación ou loxística moi similares aos xa utilizados, o abandono dun proceso, a mera substitución ou ampliación de capital, os cambios exclusivamente derivados de variacións do prezo dos factores, a produción personalizada (customisation), a adaptación aos mercados locais, os cambios periódicos, estacionais ou cíclicos doutro tipo e o comercio de produtos novos ou significativamente mellorados.

5. Empresa: segundo o artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.

6. Grande empresa: enténdese toda empresa que non cumpre cos requisitos para ser considerada peme nos termos establecidos no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

7. Pequena e mediana empresa: segundo o anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, consideraranse pemes as empresas que ocupan menos de 250 persoas e o seu volume de negocio anual non excede os 50 millóns de euros ou o seu balance xeral non excede os 43 millóns de euros. Dentro das pemes, considérase pequena empresa a que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros. Para o cálculo destes efectivos deberán considerarse as indicacións incluídas nos artigos 3, 4, 5 e 6 do citado anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

8. Empresas pequenas de mediana capitalización (Midcap): segundo o artigo 2 do Regulamento (UE) nº 2015/2017, son aquelas entidades que conten con ata 499 empregados, que non sexan pemes.

9. Organismos de investigación e difusión de coñecementos: son organismos de investigación e difusión de coñecementos (en diante, organismos de investigación), segundo a definición do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014, toda entidade (por exemplo, universidades ou centros de investigación, organismos de transferencia de tecnoloxía, intermediarios de innovación ou entidades colaborativas reais ou virtuais orientadas á investigación) independentemente da súa personalidade xurídica (de dereito público ou privado) ou da súa forma de financiamento, cuxo principal obxectivo sexa realizar de forma independente investigación fundamental, investigación industrial ou desenvolvemento experimental, ou difundir amplamente os resultados delas mediante o ensino, a publicación ou a transferencia de coñecementos. Cando unha entidade deste tipo leve a cabo tamén actividades económicas ou financiamento, os custos e os ingresos das ditas actividades deberanse contabilizar por separado. As empresas que poidan exercer unha influencia decisiva nas ditas entidades, por exemplo en calidade de accionistas ou membros, non poderán desfrutar de acceso preferente aos resultados que xeren.

10. Reto da RIS3: cada un dos tres grandes retos estratéxicos de natureza económica e social da sociedade galega identificados a través dun amplo proceso participativo cos axentes da cuádrupla hélice, que a RIS3 aborda a través da I+D+i, co obxectivo de conseguir un impacto transformador sobre a economía e a sociedade galega. Os retos son:

– Reto 1: Modelo de xestión de recursos naturais e culturais baseados na innovación. Modernización dos sectores primarios galegos a través da introdución de innovacións que incidan na mellora da eficiencia e do rendemento no uso dos recursos endóxenos e a súa reorientación cara a usos alternativos con maior valor engadido en actividades enerxéticas, acuícolas, farmacolóxicas, cosméticas, alimentarias e culturais.

– Reto 2: Un modelo industrial baseado na competitividade e no coñecemento. Incrementar a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial de Galicia a través das tecnoloxías facilitadoras esenciais e da evolución das cadeas de valor.

– Reto 3: Un modelo de vida saudable e de envellecemento activo da poboación. Posicionar Galicia como a rexión líder do sur de Europa na oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento relacionados cun modelo de vida saudable e de envellecemento activo.

11. Prioridade da RIS3: cada unha das tres grandes temáticas transversais identificadas a través dun amplo proceso participativo cos axentes da cuádrupla hélice cara ás que a RIS3 orienta as capacidades e os esforzos do ecosistema galego de innovación para responder aos tres grandes retos estratéxicos. As prioridades, polo seu carácter horizontal, teñen incidencia en todas as cadeas de valor e favorecen a colaboración entre sectores e as diferentes áreas de coñecemento e tecnolóxicas, constituíndo unha oportunidade de desenvolver novas cadeas de valor e novos mercados. Así mesmo, están plenamente aliñadas coas prioridades da Unión Europea e o Estado español. As prioridades son:

– Prioridade 1: Desenvolvemento e aplicación das diferentes solucións científico-tecnolóxicas e de innovación para avanzar na descarbonización das cadeas de valor, a sustentabilidade dos recursos naturais (terra e mar) e patrimoniais de Galicia, xerando, ademais, oportunidades para a diversificación cara a produtos sustentables competitivos internacionalmente e mellorando o benestar das persoas.

– Prioridade 2: Apoio á dixitalización (desenvolvemento e/ou incorporación de tecnoloxías) para impulsar o modelo industrial galego, a xestión e prestación de servizos sanitarios e sociais de calidade, así como a xestión de recursos naturais e culturais, como panca para a transformación resiliente de Galicia.

– Prioridade 3: Orientación dos esforzos en I+D+i cara ás necesidades e ao benestar das persoas, e consolidación de Galicia como un contorno de referencia mundial para o desenvolvemento e testaxe de novas oportunidades e solucións científico-tecnolóxicas e empresariais dirixidos a elas.

12. Ámbito de priorización da RIS3: para precisar de forma máis detallada como cada prioridade aborda os tres retos, a RIS3 selecciona vinte e nove (29) temáticas máis delimitadas, denominadas ámbitos de priorización, que concretan e detallan o perfil de especialización para Galicia e nos cales se focalizan os investimentos e esforzos da estratexia. Estes ámbitos de priorización caracterízanse pola súa transversalidade sectorial, abrindo oportunidades a diferentes cadeas de valor, así como novas formas de colaboración entre elas, no nivel tanto de mercados como de tecnoloxías ou procesos. Os ámbitos de priorización definíronse cos axentes da cuádrupla hélice durante o proceso de descubrimento emprendedor na fase de elaboración da RIS3.

13. Colaboración efectiva: tal e como se recolle no artigo 2 punto 90 do Regulamento (UE) nº 651/2014, é a colaboración entre, polo menos, dúas partes independentes para o intercambio de coñecementos ou tecnoloxía, ou para lograr un obxectivo común sobre a base da división do traballo, en que as partes implicadas definen conxuntamente o ámbito do proxecto en colaboración, contribúen á súa aplicación e comparten os seus riscos e os seus resultados; unha ou varias das partes poden soportar a totalidade dos custos do proxecto e liberar así outras partes dos seus riscos de financiamento. A investigación baixo contrato e a prestación de servizos de investigación non se consideran formas de colaboración.

14. Entidade vinculada: son empresas vinculadas, segundo o artigo 3.3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, aquelas empresas entre as cales existe algunha das seguintes relacións:

a) Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto dos accionistas ou socios da outra empresa.

b) Unha empresa ten dereito a nomear ou revogar a maioría dos membros do órgano de administración, dirección ou control da outra empresa.

c) Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra, en virtude dun contrato subscrito con ela ou dunha cláusula estatutaria da segunda empresa.

d) Unha empresa, accionista ou asociada a outra, controla soa, en virtude dun acordo celebrado con outros accionistas ou socios da segunda empresa, a maioría dos dereitos de voto dos seus accionistas ou socios.

Presúmese que non existe influencia dominante cando os investidores enunciados no artigo 3.2 do citado anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 non teñen implicación directa ou indirecta na xestión da empresa en cuestión, sen prexuízo dos dereitos que lles correspondan na súa calidade de accionistas.

As empresas que manteñan calquera das relacións previstas no parágrafo primeiro do artigo 3 do citado anexo I a través doutra ou doutras empresas, ou cos investidores enumerados no punto 2 do mesmo artigo, consideraranse tamén vinculadas.

Tamén se considerarán empresas vinculadas as que manteñan algunha das ditas relacións a través dunha persoa física ou dun grupo de persoas físicas que actúen de común acordo, se as ditas empresas exercen a súa actividade ou parte dela no mesmo mercado de referencia ou en mercados contiguos, considerándose mercado contiguo o mercado dun produto ou servizo situado nunha posición inmediatamente anterior ou posterior ao do mercado en cuestión.

15. Empresa en crise: tal e como se recolle no artigo 2, punto 18, do Regulamento (UE) nº 651/2014:

Unha empresa en que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Se se trata dunha sociedade de responsabilidade limitada (distinta dunha peme con menos de tres anos de antigüidade ou, para os efectos dos criterios para poder optar ás axudas ao financiamento de risco, unha peme no prazo de sete anos desde a súa primeira venda comercial, que cumpra as condicións para recibir investimentos de financiamento de risco tras as comprobacións de dilixencia debida por parte do intermediario financeiro seleccionado), cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas; é o que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un resultado negativo superior á metade do capital social subscrito; para os efectos desta disposición, «sociedade de responsabilidade limitada» refírese, en particular, aos tipos de sociedades mencionados no anexo I da Directiva 2013/34/UE, e «capital social» inclúe, cando cumpra, toda prima de emisión.

b) Se se trata dunha sociedade en que polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade (distinta dunha peme con menos de tres anos de antigüidade ou, para os efectos dos criterios para poder optar ás axudas ao financiamento de risco, unha peme no prazo de sete anos desde a súa primeira venda comercial, que cumpra as condicións para recibir investimentos de financiamento de risco tras as comprobacións de dilixencia debida por parte do intermediario financeiro seleccionado), cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade; para efectos desta disposición, «sociedade en que polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade» refírese, en particular, aos tipos de sociedades mencionados no anexo II da Directiva 2013/34/UE.

c) Cando a empresa se encontre nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos no seu dereito nacional para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por petición dos seus acredores.

d) Cando a empresa recibise axuda de salvamento e aínda non reembolsase o préstamo ou puxese fin á garantía, ou recibise axuda de reestruturación e estea aínda suxeita a un plan de reestruturación.

e) Se se trata dunha empresa distinta dunha peme, cando durante os dous exercicios anteriores:

1º. O cociente débeda/capital da empresa sexa superior a 7,5.

2º. O cociente de cobertura de xuros da empresa, calculado sobre a base do EBITDA, se sitúe por debaixo de 1,0.

16. Actividades económicas: aquelas actividades que consisten na oferta de bens e/ou servizos nun determinado mercado, mesmo cando non exista ánimo de lucro.

17. Actividades non económicas dos organismos de investigación: segundo o disposto no Marco sobre axudas estatais de investigación e desenvolvemento e innovación (2022/C 414/01), aquelas actividades que non consisten na oferta de bens e/ou servizos nun determinado mercado, incluíndose entre elas as actividades primarias dos organismos de investigación, en particular a formación para lograr máis e mellor persoal cualificado; a realización de I+D independente para mellorar os coñecementos e a comprensión cando o organismo de investigación emprenda unha colaboración efectiva; a ampla difusión de resultados das investigacións de forma non discriminatoria e non exclusiva. Tampouco se considerarían actividades económicas as actividades de transferencia de coñecemento cando son levadas a cabo polo organismo de investigación ou conxuntamente con outras entidades ou por conta das ditas entidades e cando todos os beneficios destas actividades se reinvistan nas actividades primarias do organismo de investigación. O carácter non económico destas actividades de transferencia non se ve afectado polo feito de contratar con terceiros a prestación dos servizos correspondentes mediante licitación pública.

18. Contorno de laboratorio: aquel contorno no que se realizan a análise e experimentación das funcións máis críticas da tecnoloxía. A validación das predicións analíticas sobre os diferentes elementos que compoñen a dita tecnoloxía, e que foron realizadas na investigación básica, efectúase mediante estudos analíticos e de laboratorio. Neste mesmo contorno controlado empezan a se integrar os ditos compoñentes e empézase a traballar de forma conxunta con eles. As probas son realizadas no nivel de sistema ou compoñente, así como mediante probas de concepto experimental validadas, pero sempre cunha baixa fidelidade.

19. Contorno relevante, operacional o de simulación: aquel contorno en que xa os compoñentes básicos da tecnoloxía están integrados dunha forma razoablemente realista e a maioría das funcións están dispoñibles para demostración e proba. O sistema está parcialmente integrado con outros sistemas auxiliares mediante o uso dunhas interfaces iniciais. Empézase a traballar cun modelo representativo ou prototipo que se encontra preto da configuración final desexada en termos de rendemento, peso e volume. No dito prototipo empézanse a implantar problemas reais a grande escala e con características similares ao contorno real (o contorno previsto), proporcionando alta fidelidade.

20. Contorno real: aquel contorno en que as probas e demostracións van dirixidas a obter, ao final do proceso, un sistema completo e cualificado, con todas as súas funcionalidades probadas (configuración final), totalmente integrado cos sistemas hardware y software cos cales van traballar e nunhas condicións de traballo realistas, así como outras inesperadas (condicións de estrés).

21. Efecto incentivador. De acordo co artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014, considérase que as axudas teñen un efecto incentivador se a solicitude de axuda se presentou antes do comezo do proxecto.

Artigo 3. Actividades subvencionables

1. Son actividades subvencionables a investigación industrial, o desenvolvemento experimental e a innovación organizativa e en materia de procesos, entendendo como tales as definicións incluídas no artigo 2 desta resolución.

2. A cualificación da actividade subvencionable para cada entidade participante no proxecto será única e corresponderá coa que sexa predominante. Neste sentido, considerarase predominante cando máis da metade dos custos subvencionables no proxecto se xeren a través de actividades clasificadas nese tipo de categoría, sempre respectando, á hora de fixar a axuda, as intensidades máximas recollidas no artigo 8 destas bases.

3. Só se financiarán as actividades desenvolvidas na Comunidade Autónoma galega, de xeito que todas as empresas e organismos participantes nun proxecto deberán ter na Comunidade un centro de traballo permanente legalmente constituído onde realicen as actividades descritas na memoria técnica do proxecto.

4. Os proxectos de I+D+i deberán enmarcarse nalgún dos ámbitos de prioridade da RIS3 recollidos no anexo VII desta convocatoria e deberán estar centrados en tecnoloxías industriais innovadoras para apoiar as empresas na súa transición industrial, en liña coas prioridades europeas en materia de dixitalización e pacto verde. Así mesmo, deberán impulsar un modelo industrial innovador que favoreza unha transición industrial adecuada, apoiando o desenvolvemento de cadeas de valor estratéxicas no marco da RIS3, en liña coas prioridades europeas en materia de dixitalización e transición verde.

5. En cumprimento do artigo 9.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e á política de visados (en diante, RDC), todos os proxectos financiados ao abeiro destas bases reguladoras deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (principio DNSH, polas súas siglas en inglés, Do no significant harm).

En atención ao considerando 10 do RDC, o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente debe interpretarse no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables, que fixan os obxectivos ambientais que se van protexer.

1. Mitigación do cambio climático.

2. Adaptación ao cambio climático.

3. Uso sustentable e protección dos recursos hídricos e mariños.

4. Transición cara a unha economía circular.

5. Prevención e control da contaminación.

6. Protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas.

Os proxectos deberán ter un orzamento subvencionable mínimo de 2.000.000 de euros e máximo de 25.000.000 de euros.

A duración dos proxectos será de catro anualidades e estenderase ata o 30 de setembro de 2026.

De acordo co artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014, considérase que as axudas teñen un efecto incentivador se a solicitude de axuda se presentou antes do comezo do proxecto. Prodúcese un efecto incentivador cando as axudas cambian o comportamento dunha empresa de tal maneira que esta emprenda actividades complementarias que non realizaría ou que, sen as axudas, realizaría dunha maneira limitada ou diferente. Con todo, as axudas non deben subvencionar os custos dunha actividade nos cales a empresa incorrería de todos os xeitos, nin deben compensar o risco empresarial normal dunha actividade económica.

Considérase que as axudas ad hoc concedidas a grandes empresas teñen un efecto incentivador se, ademais de garantir que as actividades do proxecto non comezaron antes da presentación da solicitude, o/a solicitante acredita na memoria técnica que a axuda terá como resultado un aumento substancial do alcance do proxecto ou, grazas a ela, un aumento substancial do importe total investido polo/a beneficiario/a no proxecto ou unha aceleración substancial do ritmo de execución do proxecto.

Sen prexuízo do establecido nos parágrafos anteriores, os estudos de viabilidade previos, realizados polo/a beneficiario/a, non incluídos na solicitude de axuda non se terán en conta para a determinación da data de inicio da actividade.

A data de inicio do proxecto presentado non se debe entender unicamente como unha data a partir da cal se poden imputar gastos, senón realmente como a data de comezo das actividades do proxecto.

Non será subvencionable ningún gasto executado con anterioridade á presentación de solicitude. En caso de se detectar que calquera actividade do proxecto se iniciou antes, a totalidade do proxecto será inadmisible.

Artigo 4. Modalidades de participación

1. Recóllense dúas modalidades de participación: individual ou en cooperación.

2. Proxectos individuais:

No caso de proxectos de I+D, poderá participar na modalidade de proxectos individuais unha peme ou unha empresa pequena de mediana capitalización-Midcap (entidades que conten con ata 499 traballadores, que non sexan pemes).

No caso de proxectos de innovación organizativa e en materia de procesos, para a modalidade de participación individual, só poderá solicitar axuda unha peme.

Os organismos de investigación non poderán participar nesta modalidade.

3. Proxectos en cooperación:

As entidades participantes en proxectos en cooperación deberán formar unha agrupación xurídica, nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007. Esta agrupación estará constituída por:

– No caso de proxectos de I+D:

• Empresas, pemes ou grandes. Sempre que unha empresa conte con máis de 499 traballadores, deberá cooperar cunha ou varias pemes, de acordo co establecido no artigo 5 do Regulamento (UE) 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión. Os organismos de investigación non terán a consideración de pemes para estes efectos.

• Empresas –pemes ou grandes– e un ou varios organismos de investigación e difusión. Sempre que unha empresa conte con máis de 499 traballadores, deberá cooperar cunha ou varias pemes, segundo o disposto no dito artigo 5 do Regulamento (UE) 2021/1058. Os organismos de investigación non terán a consideración de pemes para estes efectos.

– No caso de proxectos de innovación organizativa e en materia de procesos:

• Empresas, e é necesario que unha delas sexa unha peme.

4. No caso de proxectos en cooperación, as porcentaxes de participación de acordo coa tipoloxía de entidades socias da agrupación son as seguintes:

a) O orzamento global do organismo ou organismos de investigación e de difusión de coñecementos non poderá ser inferior ao 10 % do custo total subvencionable do proxecto.

b) Nos proxectos en que participen unha ou varias pemes, estas deberán asumir, no seu conxunto, un mínimo do 5 % do total dos custos subvencionables.

c) Se son proxectos de innovación organizativa ou en materia de procesos solicitados por grandes empresas, será requisito imprescindible para o seu financiamento a colaboración dun xeito efectivo (artigo 2.10 desta convocatoria) cunha ou varias pemes que deberán asumir, como mínimo, o 30 % dos custos subvencionables totais do proxecto en cooperación.

Artigo 5. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas:

a) Empresas industriais ou de servizos, de acordo coa Axenda Industrial de Galicia 2025, que dispoñan dun centro de traballo permanente legalmente constituído en Galicia, que poidan liderar proxectos empresariais de I+D+i de carácter estratéxico que cumpran as características recollidas no artigo 3.

b) Agrupacións dunha empresa ou empresas do sector industrial ou de servizos, de acordo coa Axenda Industrial de Galicia 2025, e un ou varios organismos de investigación e difusión, nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), que realicen proxectos en cooperación.

c) Agrupacións entre empresas que deberán pertencer ao sector industrial ou de servizos, de acordo coa Axenda Industrial de Galicia 2025.

2. Os organismos de investigación, ademais de cumprir os requisitos da definición incluída no artigo 2, só poderán ser beneficiarios se desenvolven un proxecto en colaboración cunha ou varias empresas no marco dun proxecto en cooperación subvencionable ao abeiro desta convocatoria e contan cun centro de traballo permanente legalmente constituído en Galicia.

3. As grandes empresas só poderán acceder ás axudas para proxectos de innovación organizativa e en materia de procesos se colaboran de xeito efectivo (artigo 2.13 desta convocatoria) cunha ou varias pemes, que deberán asumir, como mínimo, o 30 % dos custos subvencionables totais do proxecto en cooperación coa grande empresa.

4. No caso de proxectos de I+D, as empresas grandes que conten con máis de 499 traballadores só poderán ser beneficiarias se desenvolven un proxecto en colaboración cunha o varias pemes. As pemes que formen parte da agrupación deberán asumir, no seu conxunto, un mínimo do 5 % do total dos custos subvencionables.

5. Non poderán acceder á condición de beneficiarios as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin tampouco as empresas en crise, nin aquelas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común. A Axencia Galega de Innovación utilizará os medios que considere oportunos para a súa verificación e requiriralle ao solicitante, se for necesario, os documentos oportunos.

Tampouco poderán obter a condición de beneficiarias as empresas que non cumpran os requisitos establecidos no artigo 13 da Lei xeral de subvencións. En particular, non poderán obter a condición de beneficiaria aquelas as entidades que incumpran os prazos de pagamento a que se refire o artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

6. Todas as entidades que forman parte da agrupación e que obteñan axuda terán a consideración de beneficiarias e deberán cumprir as súas obrigas como tales. Tanto na solicitude como na resolución de concesión deberán constar, de forma expresa, os compromisos de execución asumidos por cada membro, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles. A concesión e o pagamento da axuda efectuarase a cada unha das entidades participantes en proporción á parte dos gastos que lle corresponda realizar no proxecto.

7. As agrupacións rexeranse polo documento contractual que as regule. O funcionamento interno da agrupación responderá a criterios de autonomía de xestión e deberá incluír de forma expresa quen é o líder ou representante da agrupación. O líder será o representante único da agrupación, único interlocutor coa Administración en todo o procedemento, e con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. O líder sempre deberá ser unha empresa, nunca un organismo de investigación.

O documento contractual de regulación da agrupación deberá prever, como mínimo, o seguinte:

a) Distribución das actividades, do orzamento total e do achegado por cada un dos membros da agrupación.

b) Acordo de representación da agrupación e elección do seu representante ante a Administración para os efectos de interlocución con ela.

c) Acordos de confidencialidade.

d) Propiedade, protección legal (patentes) e divulgación dos resultados.

e) Xestión da agrupación, plan de continxencias e distribución de responsabilidades ante posibles dificultades.

f) Designación dun/dunha xefe/a técnico do proxecto. Esta figura será única para toda a agrupación.

Con todo, o orzamento e as actividades quedarán suxeitos ao establecido na resolución de concesión da axuda.

A agrupación de empresas non se poderá disolver ata que transcorra o prazo de prescrición previsto no artigo 35 da Lei 9/2007.

Artigo 6. Prazo das solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 2 de outubro de 2023.

Artigo 7. Financiamento

1. As subvencións imputaranse ao capítulo VII do orzamento da Axencia Galega de Innovación nas aplicacións orzamentarias que se indican neste artigo.

Eixe

OE

Beneficiarios

Aplicación

2023

2024

2025

2026

Total

01

11

Grandes empresas

05.A2.561A.770.0 (CP:2023.00004)

200.000

2.800.000

8.000.000

4.000.000

15.000.000

01

11

Pemes

05.A2.561A.770.0 (CP:2023.00004)

100.000

900.000

3.000.000

1.000.000

5.000.000

01

11

Organismos de investigación privados

05.A2.561A.781.0

(CP:2023.00004)

50.000

700.000

1.000.000

250.000

2.000.000

01

11

Sistema universitario de Galicia

05.A2.561A.744.0

(CP:2023.00004)

50.000

700.000

1.000.000

250.000

2.000.000

Total

400.000

5.100.000

13.000.000

5.500.000

24.000.000

2. A distribución de fondos entre as anualidades e entre as aplicacións orzamentarias sinaladas é unha previsión que se deberá axustar tras a valoración das solicitudes de axuda; será posible mesmo, a incorporación de novos conceptos de gasto, tendo en conta a natureza xurídica das entidades beneficiarias, sen incrementar o crédito total.

3. As axudas desta convocatoria serán susceptibles de cofinanciamento pola Unión Europea no marco do programa Feder Galicia 2021-2027, obxectivo político OP1 Unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectividade rexional ás tecnoloxías da información e da comunicación; prioridade 1.A Transición dixital e intelixente; obxectivo específico: RSO 1.1. Desenvolver e mellorar as capacidades de investigación e innovación e asimilar tecnoloxías avanzadas; liña de actuación L.A.1.1.3. Proxectos de I+D+i centrados en tecnoloxías industriais innovadoras para apoiar as empresas na súa transición industrial, en liña coas prioridades europeas en materia de dixitalización e pacto verde.

Respecto aos tipos de intervención, nesta liña prevense os seguintes, coa súa correspondente previsión de axuda Feder:

TI 010. Actividades de investigación e innovación en pemes, incluída a creación de redes.

Importe CI 010: 3.600.000.

TI 011. Actividades de investigación e innovación en grandes empresas, incluída a creación de redes.

Importe CI 011: 13.500.000.

TI 028. Transferencia de tecnoloxía e cooperación entre empresas, centros de investigación e o sector do ensino superior.

Importe CI 028: 6.900.000.

A taxa de cofinanciamento do Feder é do 60 %, e o 40 % restante compútase como investimento privado ou público, segundo o caso, elixible dos beneficiarios.

O importe máximo de subvención será de 10.000.000 de euros por proxecto.

Artigo 8. Intensidade das axudas e concorrencia

1. As axudas concederanse en forma de subvencións. A contía máxima da axuda que pode ser concedida aos proxectos seleccionados determinarase sobre o investimento subvencionable de cada beneficiario e será conforme os límites de intensidade previstos nos artigos 25 e 29 do Regulamento UE nº 651/2014 (RXEC) e de acordo coas seguintes táboas:

Proxectos individuais:

Categoría predominante do proxecto

Pequena empresa1

Mediana empresa1

Grande empresa1

Investigación industrial

60 %

60 %

50 %

Desenvolvemento experimental

45 %

35 %

25 %

Innovación organizativa ou en materia de procesos2

50 %

50 %

Proxectos en cooperación:

Categoría predominante do proxecto/da participación dun membro da agrupación no caso de proxectos en cooperación

Pequena empresa1

Mediana empresa1

Grande empresa1

Investigación industrial con colaboración efectiva entre empresa/s e un ou varios organismos de investigación e difusión de coñecementos, asumindo estes, como mínimo, o 10 % dos custos subvencionables e tendo o organismo dereito a publicar os resultados da súa propia investigación

60 %

60 %

60 %

Investigación industrial con colaboración efectiva entre empresas, polo menos unha das cales debe ser peme, e que ningunha empresa corra por si soa con máis do 70 % dos custos subvencionables

60 %

60 %

60 %

Desenvolvemento experimental con colaboración efectiva entre empresa/s e un ou varios organismos de investigación e difusión de coñecementos, asumindo estes, como mínimo, o 10 % dos custos subvencionables e tendo o organismo dereito a publicar os resultados da súa propia investigación

60 %

50 %

40 %

Desenvolvemento experimental con colaboración efectiva entre empresas, polo menos unha das cales debe ser peme, e que ningunha empresa corra por si soa con máis do 70 % dos custos subvencionables

60 %

50 %

40 %

Innovación organizativa ou en materia de procesos2

50 %

50 %

15 %

1 Para os efectos desta convocatoria, na medida en que as actividades que se apoian teñen natureza económica, aos organismos de investigación seranlles de aplicación estas mesmas intensidades máximas.

2 No caso de grandes empresas, só cando colaboran de xeito efectivo cunha ou varias pemes que deberán asumir, como mínimo, o 30 % dos custos subvencionables totais do proxecto (artigos 4.c e 5.3).

2. As axudas concedidas pola Axencia Galega de Innovación ao abeiro desta convocatoria serán incompatibles coa percepción doutras axudas, outros ingresos ou outros recursos, para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

Artigo 9. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Todos os solicitantes presentarán o anexo I (solicitude), xunto co resto dos anexos dispoñibles, na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. No caso de proxectos en cooperación, cada membro da agrupación, agás o líder, presentará a súa solicitude expresando claramente o título do proxecto e a información contida no anexo I. Desta presentación resultará un número de rexistro que deberá facilitar á empresa líder. Posteriormente, a empresa líder de cada agrupación presentará a súa solicitude. Para os efectos de presentación da solicitude do proxecto, unicamente se terá en conta a data de presentación da solicitude da empresa líder, sendo esta a súa responsabilidade, polo que se entenderán inadmitidas as solicitudes que non dispoñan da presentación do líder.

3. Os datos de contacto das solicitudes (enderezo postal, enderezo electrónico e teléfono) consideraranse os únicos válidos para os efectos de notificacións.

4. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

6. No formulario de solicitude (anexo I) inclúense as seguintes declaracións responsables relativas á empresa solicitante, no caso de proxectos individuais, e a todas as entidades participantes, no caso de proxectos en cooperación:

a) Declaración responsable do solicitante de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para a mesma finalidade ou proxecto, ou para as mesmas partidas de gasto, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

b) Declaración responsable de que os datos contidos na solicitude e na documentación complementaria son certos, e que acepta as condicións e as obrigas recollidas nesta resolución.

c) Declaración responsable de que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (en diante, Lei 38/2003).

d) Declaración responsable de que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Deberase comunicar calquera variación das circunstancias recollidas na dita declaración no momento en que se produza.

e) Declaración responsable de que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

f) Declaración responsable de non ser considerada como empresa en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión.

g) Declaración responsable de non estar suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

h) Declaración responsable de que desenvolverá en Galicia as actividades que ten asignadas no plan de traballo do proxecto para o cal solicita a axuda.

i) Declaración responsable de que a solicitude de axuda é anterior ao inicio do proxecto para o cal se solicita (efecto incentivador).

j) Declaración responsable de que o solicitante sabe que os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorren neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, nin no artigo 43 do Regulamento que desenvolve a citada lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, tendo en conta, ademais, o disposto no Regulamento (UE) nº 651/2014 sobre empresas vinculadas.

k) Declaración responsable de que, no caso de dispoñer dun plan de igualdade implantado no centro, deberá mantelo durante o período de execución do proxecto e de mantemento dos investimentos previstos no artigo 34.m) desta resolución.

l) Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal solicita a axuda.

m) Declaración responsable de que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuada en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

o) Declaración responsable de que conservará toda a documentación relativa a esta subvención durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento da axuda (artigo 82 RDC).

p) Declaración responsable de que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicarlle ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

q) Declaración responsable de que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación.

r) Declaración responsable do cumprimento do principio de «non causar un prexuízo significativo» (DNSH) e compromiso do/da beneficiario/a de prever e realizar as accións oportunas para asegurar que os/as subcontratistas cumpran con este principio.

s) Compromiso por escrito de conceder os dereitos e accesos necesarios para garantir que a Comisión, a OLAF, o Tribunal de Contas Europeo, a Fiscalía Europea e as autoridades nacionais e autonómicas exerzan as súas competencias.

Artigo 10. Gastos subvencionables

1. Terán a consideración de gastos subvencionables os que respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento de cada proxecto. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

2. Para a anualidade 2023, só se admitirán os gastos realizados dentro do período comprendido entre a data de presentación da solicitude de subvención e a data límite de execución de gasto, establecida no artigo 35 desta resolución. Para estes efectos, no caso de proxectos en cooperación, considérase data de presentación a que corresponde á solicitude do líder da agrupación.

Para o resto de anualidades, admitiranse os gastos realizados dentro do período comprendido entre a data límite de execución de gasto da anualidade anterior e a data límite de execución de gasto da anualidade corrente.

3. Conforme o artigo 25 do Regulamento UE nº 651/2014 (RXEC), son custos subvencionables os seguintes:

a) Custos directos: os custos directos son os que están directa e inequivocamente vinculados á actividade subvencionada e para os cales é posible demostrar a súa vinculación coa dita actividade. Consideraranse custos directos subvencionables os seguintes:

1. Custos de persoal.

2. Custos de equipamento e material instrumental de nova adquisición.

3. Materiais, subministracións e produtos similares.

4. Adquisición de patentes.

5. Subcontratacións.

6. Outros custos:

– O custo derivado do informe realizado polo/a auditor/a.

– O custo derivado do informe de valoración do cumprimento do principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (DNSH).

– O custo derivado da contratación externa do plan de comunicación e difusión do proxecto, previsto no artigo 19.1.c) desta convocatoria.

b) Custos indirectos: son aqueles que non están vinculados ou non se poden vincular directamente á actividade subvencionada por ter carácter estrutural, pero resultan necesarios para a súa realización, nos cales se inclúen os gastos administrativos (tales como xestión administrativa e contable), gastos de supervisión e control de calidade, subministracións (tales como auga, electricidade, calefacción e teléfono), seguros, seguridade ou gastos de limpeza. En aplicación da opción prevista no artigo 54 do Regulamento (UE) nº 2021/1060, o custo imputable por este concepto será o importe resultante de aplicar unha porcentaxe do 15 % aos custos directos de persoal subvencionables.

Non se consideran subvencionables o imposto sobre o valor engadido, así como os impostos de natureza similar que sexan recuperables conforme a normativa nacional.

Artigo 11. Custos de persoal

1. Poderanse subvencionar:

a) Os custos de persoal propio (persoal investigador, técnico e persoal auxiliar que realice actividades de investigación) no tempo imputado exclusivamente ao desenvolvemento de actividades de I+D+i do plan de traballo do proxecto.

b) Os de persoal de nova contratación que se incorpore á entidade para a realización do proxecto e que se deberá dedicar de xeito exclusivo a este. É requisito do persoal de nova contratación que no momento da contratación non teña nin tivese vinculación laboral coa empresa nos seis meses anteriores á data de inicio do proxecto.

Tanto no suposto do persoal propio como no de persoal de nova contratación, só serán subvencionables os custos de persoal relativos aos salarios fixados nun contrato de traballo, nun acordo laboral ou na lei (agás os custos de viaxes e as indemnizacións ou axudas de custo) e a parte proporcional do custo da Seguridade Social por conta da empresa.

No caso de persoal propio, deberán xustificarse os motivos da porcentaxe de imputación do tempo de dedicación ao proxecto sobre a base dos fitos ou traballos concretos que se van desenvolver no proxecto. Non será suficiente unha xustificación xenérica que non permita valorar a adecuación, pertinencia e verificabilidade do tempo imputado.

O custo de persoal propio poderá ser, como máximo, o 60 % do custo subvencionable total do proxecto ou, no caso de proxectos en cooperación, do orzamento de cada entidade.

2. Só no caso de pemes poderán subvencionarse os custos de persoal directivo e xerencial que realice tarefas de I+D+i no proxecto cunha dedicación máxima mensual do 30 %. Para estes efectos, só terá a consideración de persoal directivo o persoal de alta dirección definido no artigo 1 do Real decreto 1382/1985.

Na memoria técnica que se achegue coa solicitude xustificaranse detalladamente as funcións ou tarefas concretas de investigación que desenvolverá este persoal nas diferentes fases e actividades recollidas no plan de traballo do proxecto. Estas funcións deberán ser compatibles co seu labor directivo ou xerencial.

3. Non se considerarán subvencionables:

a) Os gastos relacionados con aqueles/as traballadores/as que non estean dados de alta nun centro de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia onde se desenvolve o proxecto.

b) Os gastos de persoal que non teña relación contractual laboral coa entidade beneficiaria da subvención, agás que se trate de socios que traballen baixo o réxime de autónomos, cunha dedicación máxima mensual do 30 %.

c) Os custos de persoal administrativo relacionados con tarefas de xestión e tramitación do financiamento solicitado.

d) As contratacións en formación, as de prácticas, as de bolseiros/as e as contratacións a tempo parcial.

e) As contratacións en grupos de cotización inferiores aos correspondentes ás titulacións/categorías profesionais que establece a Seguridade Social ao regular as bases de cotización por continxencias comúns e que se indican a continuación:

Titulación/categoría profesional

Grupo de cotización

Enxeñeiros, licenciados, persoal de alta dirección

1

Enxeñeiros técnicos, peritos e axudantes titulados, diplomados

2

Xefes administrativos e de taller (técnicos especialistas)

3

Axudantes non titulados

4

Oficiais administrativos

5

Subalternos

6

Auxiliares administrativos

7

Oficiais de primeira e segunda

8

Resto de oficiais

9

Peóns

10

Traballadores menores de 18 anos

11

f) Os custos de persoal directivo e xerencial que realice labores de I+D+i no caso de grandes empresas.

4. Calquera modificación no cadro de persoal asignado ao proxecto deberá ser motivada e xustificada, e para a súa realización será necesario obter a autorización previa da Axencia Galega de Innovación. Só se admitirán cambios de persoal entre traballadores/as da mesma categoría profesional e cunha titulación ou traxectoria profesional que permita desempeñar as mesmas funcións.

Excepcionalmente, no caso de persoal de nova contratación, non será necesario obter a autorización previa da Axencia Galega de Innovación para contratar persoal adicional sempre que o novo perfil sexa idéntico ao inicialmente concedido.

Artigo 12. Custos de equipamento e material instrumental de nova adquisición

1. Serán subvencionables os custos de equipamento e material instrumental de nova adquisición na medida e durante o período en que se utilice para o proxecto.

Se o equipamento e material se dedica exclusivamente á actuación subvencionada e a súa vida útil se esgota ao termo do período de execución, será subvencionable o custo de adquisición. Deberase xustificar na memoria técnica do proxecto a vida útil do equipamento ou material.

Se o equipamento e material non se utiliza exclusivamente para o proxecto, por exceder a súa vida útil a duración deste, só serán subvencionables os custos de amortización que correspondan á duración do proxecto, calculados sobre a base das boas prácticas contables. Para que este custo sexa subvencionable, deberá detallarse na memoria técnica do proxecto o procedemento de cálculo seguido para calcular os custos de amortización, tendo en conta o tempo concreto de imputación ao proxecto.

2. A compra de novas licenzas e as renovacións de licenzas de software están dentro da categoría de material inventariable e considéranse gastos subvencionables se son de uso específico para o proxecto e non de uso xeral.

3. Admitiranse gastos de leasing, sempre que cumpran os seguintes requisitos:

a) Deberá existir un compromiso oficial por escrito de adquisición do activo ao finalizar o contrato de leasing.

b) Soamente serán subvencionables os custos na medida e durante o período que se dediquen ao proxecto.

c) As cotas de arrendamento subvencionables deberán ser constantes ou crecentes e comezar posteriormente á data de presentación da solicitude da subvención. Só se poderán imputar as cotas pagadas dentro do período de execución de cada anualidade.

d) Non serán gastos subvencionables a marxe do arrendador, os custos de refinanciamento dos xuros, os gastos xerais e os gastos de seguro.

Artigo 13. Materiais, subministracións e produtos similares

Poderanse imputar os gastos de materiais directamente destinados ás actividades de I+D+i. Para estes efectos, deberán recollerse de forma detallada e concisa na epígrafe correspondente do impreso da solicitude.

Os gastos de material de oficina e consumibles informáticos non se financiarán neste concepto, xa que se consideran incluídos dentro da porcentaxe de custos indirectos.

Artigo 14. Adquisición de patentes

As patentes deberán ser adquiridas ou obtidas por licenza de fontes externas á entidade solicitante, coa condición de que a operación se realice en condicións de plena competencia e sen ningún elemento de colusión.

Artigo 15. Subcontratacións

1. Considéranse subcontratacións as actuacións contratadas a terceiros que supoñan a execución dunha parte da actividade investigadora que constitúe o obxecto da subvención. A subcontratación deberá estar debidamente xustificada e motivada na memoria técnica.

Dentro deste concepto inclúense os servizos tecnolóxicos externos, que son aquelas actividades distintas á investigación prestadas por terceiros de forma puntual, tales como análises e ensaios de laboratorio, enxeñaría para a montaxe e operación, estudos e actividades complementarias, consultorías, asistencias técnicas e servizos equivalentes.

Quedan expresamente excluídos os custos correspondentes a calquera forma de consultoría asociada á xestión e tramitación do financiamento solicitado.

As licencias de uso de software non xeral consideraranse un servizo tecnolóxico externo.

2. Os beneficiarios das axudas reguladas nesta resolución poderán subcontratar, como máximo, ata o 65 % do importe da actividade subvencionada.

3. Na fase de solicitude deberase especificar o provedor que realizará estes servizos, así como presentar, cando corresponda, un mínimo de tres ofertas.

4. Cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20 por cento do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o contrato se realice por escrito.

b) Que a súa realización xa autorizada previamente pola Axencia Galega de Innovación.

5. En ningún caso o/a beneficiario/a poderá subcontratar con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións que se recollen no artigo 10 da Lei 9/2007.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto da contratación.

c) Intermediarios ou asesores en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe do custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades solicitantes da axuda na mesma convocatoria e programa que non obtivesen subvención por non reuniren os requisitos ou non acadaren a valoración suficiente.

e) Persoas ou entidades en que concorran algunhas das circunstancias detalladas no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

6. A entidade beneficiaria da axuda deberá prever mecanismos para asegurar que os subcontratistas cumpran co principio DNSH «non causar un prexuízo significativo» no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852.

Neste sentido, a entidade beneficiaria da axuda exixiralles aos subcontratistas unha declaración responsable de cumprir co principio de non ocasionar un prexuízo significativo ao ambiente.

Tamén lles deberá exixir un compromiso por escrito para conceder os dereitos e o acceso necesarios para que o ordenador competente, a Fiscalía Europea, a OLAF, o Tribunal de Contas e, cando proceda, as autoridades nacionais e autonómicas competentes exerzan plenamente as súas respectivas competencias.

Artigo 16. Outros custos

1. O informe do auditor axustarase ao disposto na Orde EHA/1434/2007 e, no caso dun proxecto en cooperación, deberá ser realizado por un mesmo auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas. A súa designación corresponderá ao representante da agrupación.

O informe do auditor axustarase ás instrucións que se detallan no anexo X e comprobará a existencia da documentación e requisitos descritos no artigo 36 desta convocatoria.

Así mesmo, o auditor deberá comprobar que os beneficiarios cumpren cos prazos de pagamento a provedores, de conformidade co previsto no artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

A Axencia Galega de Innovación convocará, como mínimo, unha reunión cos auditores contratados polas entidades beneficiarias para facilitarlles as instrucións necesarias para cubrir correctamente o citado anexo X. Esta reunión terá carácter obrigatorio e a ausencia poderá dar lugar á inadmisión dos gastos xustificados en concepto de auditoría.

Naqueles casos en que o beneficiario estea obrigado a auditar as súas contas anuais por un auditor sometido á Lei 22/2015, do 20 de xullo, de auditoría de contas, a revisión levaraa a cabo o mesmo auditor, ou outro, sempre que estea inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.

O custo derivado do informe do auditor, inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, non poderá superar os 1.500 euros por beneficiario e por anualidade.

2. Será subvencionable o custo derivado da obtención dun informe de valoración do cumprimento do principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (DNSH) mediante unha entidade acreditada pola ENAC. O informe debe estar referido a todo o proxecto, incluíndo tanto a parte executada directamente polos beneficiarios como a parte subcontratada. Este custo será elixible para o líder do consorcio cun límite de 2.000 euros por proxecto.

3. Tamén será subvencionable o custo derivado da contratación externa da execución do plan de comunicación e difusión do proxecto ata un 2 % do custo subvencionable que executa cada beneficiario. O límite máximo será de 30.000 euros por beneficiario no total do proxecto.

Artigo 17. Ofertas

Conforme o disposto no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable iguale ou supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público para o contrato menor, o/a beneficiario/a deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades que os presten ou subministren. Esta excepción deberá xustificarse. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e achegarase unha memoria xustificativa cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Conforme o establecido na disposición adicional 54ª da Lei de contratos do sector público, terán a consideración de contratos menores os contratos de subministracións e de servizos dirixidos a proxectos de investigación de valor estimado inferior ou igual a 50.000 euros, sempre que non se destinen a servizos xerais ou de infraestrutura.

Non exime da obriga da solicitude de tres ofertas o feito de contar con provedores homologados, o feito de que se trate de provedores habituais ou a proximidade do provedor á entidade solicitante.

Artigo 18. Participación na agrupación de empresas vinculadas

Cando nun proxecto interveñan empresas vinculadas, consonte a definición que destas empresas se realiza no artigo 2 desta resolución e no artigo 43.2 do Decreto 11/2009, só poderán facelo como membros da agrupación. Se empresas vinculadas participan como entidades subcontratadas, como provedores, como prestadores de servizos ou dalgún outro xeito, a súa actividade non será subvencionable.

Artigo 19. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude, a seguinte documentación:

a) Documentación xurídico-administrativa:

1º. Anexo I bis: descrición do equipo investigador e orzamento do proxecto.

2º. Poder da persoa representante que presenta a solicitude, verificado por letrado/a da Xunta de Galicia no caso de non estar inscrito no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia (REAG).

3º. Contrato/s de subcontratación subscrito con organismo/s e/ou empresa/s asinados por ambas as partes nos supostos en que o importe da subcontratación supere os 60.000 euros e que o dito importe exceda o 20 % da axuda concedida.

4º. Anexo de comprobación de datos das persoas representantes mancomunadas, no caso de representación mancomunada (anexo II).

5º. Anexo de declaración de información relativa á condición de peme (anexo VI). A Axencia Galega de Innovación utilizará os medios que considere oportunos para a súa verificación e requiriralle ao solicitante, se for necesario, os documentos oportunos.

6º. Anexo de comprobación de datos do equipo investigador (anexo III).

Ademais, no caso de proxectos en cooperación:

7º. A empresa líder da agrupación presentará o acordo regulador da agrupación asinado por todos os membros. Neste documento contractual deben establecerse os dereitos e as obrigas que asume cada membro da agrupación, co contido mínimo sinalado no artigo 5.7 desta resolución.

8º. Memoria xustificativa do cumprimento do principio DNSH conforme o Regulamento (UE) 2020/852, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2019/2088, segundo se detalla no anexo IX desta convocatoria.

9º. Acreditación sobre o cumprimento dos prazos de pagamento a provedores, de conformidade co previsto no artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións:

1. Para sociedades que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, declaración responsable do cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

2. Para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, certificación emitida por auditor/a rexistrado/a no Rexistro Oficial de Auditores de Contas do cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

b) Documentación técnica:

1º. Memoria técnica do proxecto, segundo o índice que se inclúe como anexo VIII (en formato pdf) para presentar polo líder. Nesta memoria deberá incluírse a información detallada sobre o persoal dedicado ao proxecto: identificación do persoal propio da empresa, actividades que desenvolverá, porcentaxe de dedicación ao proxecto e motivación desta porcentaxe. Respecto do persoal de nova contratación, indicaranse o seu perfil e a duración do seu contrato. No referido aos custos de equipamento, deberá xustificarse na memoria a vida útil do equipamento e material instrumental de nova adquisición e o procedemento seguido para calcular os custos de amortización.

2º. Currículos redactados en formato libre de todos os membros do equipo humano asignado ao proxecto por parte de cada membro da agrupación.

c) Plan de comunicación e difusión do proxecto.

Os beneficiarios deberán realizar un plan de comunicación e difusión dos resultados do proxecto para compartir os resultados non suxeitos a confidencialidade co ecosistema de I+D+i, coa sociedade e coas administracións, e maximizar así o seu impacto. Este plan deberá presentalo o líder do proxecto e incluirá as actividades que debe realizar cada beneficiario en cada unha das anualidades.

Este plan de comunicación debe describir os obxectivos previstos, as actividades de comunicación propostas, os indicadores para medir os resultados destas e o público a que van dirixidas (comunidade científica, usuarios finais, sociedade en xeral...).

As accións de comunicación deben estenderse ao longo de toda a vida do proxecto, estar estratexicamente planificadas, con obxectivos claros e medibles, e ser proporcionais á escala do proxecto. Cómpre xustificar por que cada medida elixida é a máis adecuada para o público obxectivo a que vai dirixida.

O plan de comunicación e difusión debe incluír, como contido mínimo, a realización de tres eventos de difusión do proxecto: un evento de difusión ao comezo do proxecto, nun prazo máximo de dous (2) meses despois da data de concesión da subvención, para explicar os seus obxectivos; outro, na metade da súa execución, e un terceiro no momento da súa finalización para expoñer os resultados non suxeitos a confidencialidade. Este último realizarase, como máximo tres (3) meses despois da finalización do proxecto e deberá xerar un impacto medible a través da súa divulgación nos medios de comunicación e nas redes sociais. O plan de comunicación centrarase prioritariamente nas fases intermedia e final, en que se poderán divulgar avances e resultados finais. Nos tres eventos poñerase de manifesto o apoio da Unión Europea e da Axencia Galega de Innovación ás actuacións do proxecto, mencionando expresamente estes apoios e amosando os logotipos de ambas as entidades en todos os materiais empregados.

As actividades de comunicación e difusión poden consistir na realización ou participación en eventos, xornadas; publicación en plataformas, web e redes sociais; elaboración de folletos, carteis ou vídeos; boletíns periódicos/novas e comunicados de prensa, entre outras. Así mesmo, ao finalizar as actividades do proxecto deberá elaborarse un microvídeo, dun mínimo de dous minutos de duración, para difundir os resultados do proxecto a través das redes sociais.

As actividades de difusión e comunicación que impliquen formación non serán subvencionables, así como as axudas de custo e viaxes.

Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos da Unión Europea, todas as actividades do plan deberán respectar o disposto no artigo 50 e no anexo IX do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, e no documento «O uso do emblema europeo no contexto dos programas da UE 2021-2027».

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións publicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Os anexos desta convocatoria estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Se algunha das persoas interesadas presenta documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 20. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Certificados de estar ao día nas seguintes obrigas: Axencia Estatal da Administración Tributaria, Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante da entidade solicitante. No caso de que a entidade solicitante estea representada por unha persoa xurídica, comprobarase o NIF desta.

d) DNI/NIE/NIF das persoas representantes mancomunadas.

e) DNI/NIE das persoas do equipo investigador.

f) Títulos oficiais universitarios e non universitarios do equipo investigador.

g) Consulta de vida laboral (TXSS) dos últimos doce (12) meses do equipo investigador.

h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

i) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente: certificado do grao de discapacidade do equipo investigador.

2. No caso de as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e nos anexos II e III, segundo corresponda, e achegar os ditos documentos.

Cando o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselle solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 21. Información e publicidade

A Axencia Galega de Innovación informará as entidades beneficiarias de que a aceptación da axuda implica que pasarán a formar parte da lista de operacións que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda, co contido previsto no número 3 do artigo 49 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 http://www.dgfc.sepg.minhafp.gob.es/sitios/dgfc/es-es/lofeder1420/porfeder/paginas/inicio.aspx

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. Deberán cumprirse as obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade a que se encontren vinculadas das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 23. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 24. Información aos interesados

1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal).

b) Nos teléfonos: 981 95 73 03/981 95 78 72 e 881 99 93 55 da dita axencia.

c) No correo electrónico axudas.gain@xunta.gal

d) Na guía de procedementos e servizos administrativos, no enderezo: https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento poderá usarse o teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións.

4. Por outra parte, conforme o previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia, e a resolución de concesión.

Artigo 25. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 26. Instrución do procedemento e tramitación

1. A Área de Xestión da Axencia Galega de Innovación será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións prevista nesta resolución. Corresponderalle á directora da Axencia Galega de Innovación ditar a resolución de concesión.

2. Segundo o establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou non se lle achega a documentación exixida, requirirase o interesado para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución. No caso de proxectos en cooperación, este requirimento remitirase exclusivamente ao líder do proxecto, que canaliza a relación de todos os participantes coa Axencia Galega de Innovación.

Non se considerará emendable a falta de presentación ou a presentación fóra de prazo da seguinte documentación: a solicitude de axuda (anexo I), a descrición do equipo investigador e o orzamento do proxecto (anexo I bis), a memoria técnica do proxecto e a memoria xustificativa do cumprimento do principio DNSH.

No caso de discrepancias entre o contido da memoria técnica do proxecto e a solicitude (anexo I ) e a descrición do equipo investigador e o orzamento do proxecto (anexo I bis), atenderase sempre ao contido da solicitude.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento e para o seguimento e a avaliación da RIS3 de Galicia 2021-2027 en que se enmarcan estas axudas.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán avaliados por expertos/as e remitidos á Comisión de Selección.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta. No caso de proxectos en cooperación, a inadmisión dun dos membros da agrupación por non reunir algún dos requisitos establecidos na resolución de convocatoria supoñerá a inadmisión do proxecto.

6. O feito de non se axustar aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información serán causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 27. Comisión de Selección

1. A Comisión de Selección será o órgano colexiado encargado de seleccionar as solicitudes de acordo coa valoración realizada conforme o procedemento e os criterios establecidos no artigo 28.

2. A composición da Comisión de Selección será a seguinte:

a) O director da Área de Xestión, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente.

b) A directora da Área de Programas, ou persoa en quen delegue.

c) Dous xefes/as de departamento da Axencia Galega de Innovación ou persoas en quen deleguen.

d) Un/unha funcionario/a da Axencia Galega de Innovación, que actuará como secretario/a, con voz e sen voto.

3. A Comisión de Selección elaborará unha relación ordenada de todas as solicitudes que cumpren as condicións administrativas e técnicas establecidas nas bases reguladoras para adquirir a condición de beneficiario/a, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas.

Artigo 28. Criterios de valoración

A valoración de cada proxecto presentado que reúna os requisitos realizarase sobre un total de 100 puntos que se outorgarán atendendo a aspectos científico-técnicos e económico-financeiros e á potencialidade para xerar valor económico coa explotación dos seus resultados, segundo os criterios de valoración que se indican a continuación coas súas puntuacións máximas:

1. Excelencia. Calidade científico-técnica do proxecto: 33 puntos.

a) Grao de innovación do proxecto en relación co estado da arte (15 puntos). A puntuación asignarase da forma seguinte:

− Nos proxectos de investigación industrial e desenvolvemento experimental:

i) De 0 a 5 puntos aos proxectos en que a tecnoloxía empregada foi probada, validada e certificada completamente nun contorno real. Para estes efectos, consideraranse contorno real aquelas actuacións que se desenvolvan en contornos representativos de condicións reais de funcionamento. Pode implicar a existencia dun primeiro sistema/prototipo comercial sempre que se trate do produto comercial final e a súa fabricación resulte demasiado onerosa para o seu uso exclusivo con fins de demostración e validación.

ii) De 6 a 10 puntos aos proxectos en que a tecnoloxía empregada foi validada nun contorno relevante, operacional ou de simulación, sexa o sistema completo, un prototipo deste ou no nivel de compoñentes.

iii) De 11 a 15 puntos aos proxectos en que a tecnoloxía empregada foi unicamente validada no nivel de sistema ou compoñente nun contorno de laboratorio ou existe unha proba de concepto experimental validada.

− Nos proxectos de innovación:

i) De 0 a 5 puntos aos proxectos que inclúan a implantación dunha innovación organizativa ou en materia de procesos que foi probada, validada e certificada completamente nun contorno real no mesmo sector de actividade do/da beneficiario/a.

ii) De 6 a 10 puntos aos proxectos que inclúan a implantación dunha innovación organizativa ou en materia de procesos que foi probada, validada e certificada completamente nun contorno real distinto ao sector de actividade do/da beneficiario/a.

iii) De 11 a 15 puntos aos proxectos que inclúan a implantación dunha innovación organizativa ou en materia de procesos que non foi probada, validada e certificada completamente nun contorno real.

b) Obxectivos científico-tecnolóxicos do proxecto: valorarase a adecuación dos obxectivos á finalidade do proxecto, ademais do seu encaixe para a consecución de medidas que favorezan o impulso da economía circular, a simbiose industrial (utilización de subprodutos ou residuos dunha empresa por outra) e a descarbonización das cadeas de valor. Teranse en conta o grao de concreción e a claridade expositiva (5 puntos).

c) Credibilidade da formulación da proposta: valoraranse o estudo do estado da arte, a existencia de resultados previos que soportan a proposta e a análise de puntos críticos e factores de risco (5 puntos).

d) Capacidade que ten a implantación da tecnoloxía proposta para mellorar os procesos buscando avanzar na súa eficiencia e flexibilidade; para resolver un problema de fabricación avanzada que teña a empresa ou para mellorar a xeración de produtos novos ou con novas funcionalidades, valorarase, entre outras, o emprego de tecnoloxías relacionadas coa mestura do mundo físico e o dixital, coas comunicacións e tratamento de datos, e coa intelixencia e xestión intraempresa ou interempresas (3 puntos).

e) Capacidade que teñen as actividades recollidas no proxecto para favoreceren a eficiencia enerxética, a reciclaxe industrial e a optimización de recursos, entre outras, no marco dunha industria máis sustentable (5 puntos).

2. Calidade e eficiencia da implementación do proxecto: 30 puntos.

a) Plan de traballo (10 puntos):

1. Coherencia: metodoloxía, plan de traballo, cronograma e entregables previstos. Valoraranse a compatibilidade e a coherencia cos obxectivos parciais e finais do proxecto (3 puntos).

2. Eficacia: adecuada asignación dos recursos ás tarefas planificadas. Xustificación da necesidade das distintas partidas en que se distribúe o orzamento do proxecto, tendo en conta, ademais, no caso de proxectos en cooperación, a súa distribución entre os diferentes socios (3 puntos).

3. Desenvolvemento dunha industria sustentable: que as actividades desenvolvidas no proxecto favorezan o desenvolvemento sustentable en canto á eficiencia enerxética, reciclaxe industrial, optimización de recursos ou impulso da mobilidade sustentable, entre outras (4 puntos).

b) Capacidade técnica e económica da entidade solicitante ou da agrupación no caso de proxectos en cooperación (15 puntos):

1. Capacidade técnica das entidades solicitantes: valoraranse a capacidade técnica e a experiencia da entidade ou entidades participantes no proxecto na realización de proxectos de I+D+i (5 puntos).

2. Capacidade do equipo humano que participa no proxecto: valorarase a adecuación técnica dos perfís do persoal propio ou de nova contratación da entidade ou entidades participantes no proxecto para desenvolver o plan de traballo incluído nel (5 puntos).

3. Solvencia financeira: valorarase a partir da suma das puntuacións obtidas nos seguintes subcriterios, ata un máximo de 5 puntos:

Subcriterio

Valor

Puntuación

1.1. Cociente entre a débeda total e os fondos propios

Maior ou igual a 5

0

Menor que 5 e maior ou igual a 3

1

Menor que 3

2

1.2. Cociente entre o orzamento solicitado para a execución do proxecto e a débeda total

Maior ou igual a 0,7

0

Menor que 0,7 e maior ou igual a 0,5

1

Menor que 0,5

2

1.3. Cociente entre o orzamento solicitado para a execución do proxecto e os fondos propios

Maior ou igual a 1

0

Menor que 1

1

No caso de os fondos propios seren negativos, a puntuación dos subcriterios 1.1 e 1.3 será 0.

En relación cos conceptos das epígrafes anteriores, entenderanse os seguintes conceptos como se especifican a continuación:

1º. Débeda total: é a suma do pasivo corrente e pasivo non corrente.

2º. Fondos propios: é a suma de capital, capital non exixido, prima de emisión, reservas, accións propias e o resultado do exercicio.

3º. Activo corrente: é a suma de existencias, clientes, outros debedores, outros activos correntes e o efectivo.

4º. Pasivo corrente: é a suma de débedas a curto prazo, acredores comerciais e outras contas para pagar.

5º. Orzamento solicitado para a execución do proxecto, de acordo co disposto no artigo 7 desta convocatoria.

Para acreditar esta solvencia, entregarase unha declaración relativa aos datos incluídos nos subcriterios no momento de peche do último exercicio económico para o cal estea vencida a obriga de aprobación das contas anuais. A inscrición no Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas das Administracións Públicas acreditará as condicións de solvencia económica e financeira, excepto proba en contrario. Os organismos de investigación poderán acreditar esta solvencia a través doutras fórmulas similares que se adapten máis á súa xestión.

c) Procedementos de xestión previstos (5 puntos):

1. Estrutura organizativa do proxecto e mecanismo de xestión e seguimento: valorarase a participación activa na estrutura organizativa de membros das entidades máis significativas participantes no proxecto (2 puntos).

2. Plan de continxencia: valorarase a existencia dun plan de análise das dificultades xurdidas na consecución dos fitos técnicos do proxecto e a existencia dun plan de continxencias (3 puntos).

3. Impacto socioeconómico do proxecto: 37 puntos.

a) Explotación dos resultados esperados e orientación ao mercado do proxecto: rendibilidade esperada dos resultados de I+D+i (6 puntos):

1. Eficiencia da estratexia de comercialización dos resultados do proxecto: valorarase tanto a estratexia de comercialización dos novos ou mellorados produtos como a estratexia de protección dos resultados da propiedade industrial e intelectual, se os houber (2 puntos).

2. Mercado potencial e capacidade para a apertura de mercados: valorarase a posibilidade de ter acceso a novos mercados (2 puntos).

3. Impacto do modelo empresarial de explotación: valorarase que o proxecto facilite a colaboración con outras empresas, a integración de varias actividades da cadea de valor e a integración con clientes e provedores de negocios (2 puntos).

b) Contribución do proxecto para mellorar a competitividade do modelo produtivo de Galicia a través dunha idónea integración das tecnoloxías industriais innovadoras. Aumento da intensidade tecnolóxica da estrutura industrial de Galicia, nun contexto internacional (7 puntos):

1. Efecto de arrastre do proxecto: incorporación dos resultados tecnolóxicos do proxecto a cadeas de valor estratéxicas para Galicia, mellorando a competitividade a nivel internacional (3 puntos).

2. Integración das pemes no proxecto tendo en conta o compoñente técnico das actividades que desenvolvan. Para cada peme participante no proxecto que supere o 10 % do orzamento subvencionable outorgaranse dous puntos ata un máximo de 4 puntos.

c) Complementariedades e sinerxías con outras políticas e xeración de emprego (24 puntos):

1. Consonancia e adecuación do proxecto: (4 puntos).

− Coas tendencias internacionais da fabricación avanzada e intelixente e, especialmente coas prioridades e obxectivos do programa Horizonte Europa.

− Coa Axenda Industrial de Galicia 2025.

− Co Plan estratéxico de Galicia aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na sesión do 10 de marzo de 2022.

2. Implicacións ambientais do proxecto: consonancia co Pacto verde europeo (3 puntos).

3. A Axencia Galega de Innovación, no compromiso coa investigación e innovación responsable (IIR) e en consonancia coa Axenda 2030, a través desta actuación impulsa no ecosistema galego a adopción de medidas que axuden a garantir e incrementar o impacto social das actividades de I+D+i. Na práctica, a IIR impleméntase como un conxunto de medidas que inclúen e facilitan a participación de múltiples axentes e das persoas na investigación e na innovación, permitindo un acceso máis sinxelo aos seus resultados, a incorporación do xénero e da ética no contido e no proceso de I+D+i e na educación científica formal e informal.

Neste sentido, outorgarase ata un máximo de 2 puntos pola adecuación argumentada do aliñamento dos obxectivos do proxecto con algún dos seguintes criterios:

a) A I+D realizada axudará a mellorar a calidade de vida e a saúde da cidadanía.

b) A I+D realizada terá un impacto positivo na conservación ambiental e/ou dará lugar a unha relación máis sustentable entre a sociedade, a industria e o ambiente.

c) A I+D realizada axudará a aumentar o coñecemento, a concienciación e a comprensión da ciencia, da enxeñaría e da tecnoloxía entre a sociedade en xeral.

d) A I+D realizada axudará a mellorar a reputación internacional da rexión.

e) A I+D realizada cumpre cos criterios éticos da investigación.

4. Igualdade de xénero. Participación equilibrada de mulleres no equipo humano do proxecto. Aplicaranse os seguintes baremos para a suma do número de mulleres participantes en todas as entidades do consorcio sobre o total do equipo investigador:

a) Se a porcentaxe de mulleres está entre o 40 e o 60 %: 1 punto.

b) Se a porcentaxe de mulleres é superior ao 60 %: 2 puntos.

5. Para a suma de todo o persoal investigador das entidades participantes no proxecto, valorarase a participación de persoas con diversidade funcional do seguinte xeito:

a) Se a porcentaxe de persoas con diversidade funcional recoñecida é superior ao 5 % e inferior ou igual ao 10 %: 1 punto.

b) Se a porcentaxe de persoas con diversidade funcional recoñecida é superior ao 10 %: 2 puntos.

6. Concellos emprendedores: para cada socio do consorcio que desenvolva as súas actividades no proxecto nun concello emprendedor outorgarase 1 punto ata un máximo de 5 puntos.

A relación de concellos emprendedores pode consultarse neste enderezo: https://galiciaempresa.xunta.gal/concellos-emprendedores

7. Xeración de emprego: valorarase o número de empregos creados e a duración dos contratos (4 puntos).

8. Plan de comunicación e difusión do proxecto (2 puntos): valorarase especialmente a difusión dos resultados do proxecto en foros internacionais relevantes para o contido do proxecto ou vinculado con innovación, en liña coa RIS3 2021-2027, que ten entre os seus fins a consolidación da «Marca Galicia» a nivel internacional tamén no ámbito da I+D+i.

Concederase 1 punto se o plan de comunicación ten impacto no ecosistema galego de I+D+i e 2 puntos se ten impacto internacional.

Artigo 29. Procedemento de avaliación

1. De cada proxecto faranse dúas avaliacións realizadas por asesores/as científicos/as externos/as que sexan especialistas na materia a que o proxecto se refira. Estes asesores/as avaliarán os puntos 1, 2 e 3.a) do artigo anterior.

No caso de que a diferenza entre as puntuacións das avaliacións externas sexa inferior a 15 puntos, a puntuación final corresponderá á media aritmética das dúas avaliacións. De existir unha discrepancia de 15 puntos ou máis entre as dúas avaliacións externas, unha terceira avaliación deberá corrixir a dita puntuación e esta quedará sempre comprendida entre as notas inferior e superior outorgadas polos outros dous asesores científicos externos.

O/a xestor/a técnico/a da Axencia Galega de Innovación a que se encomende o proxecto avaliará os puntos 3.b) e 3.c) e emitirá un informe técnico de idoneidade en que se determinará, co apoio de expertos/a externos/as, se for necesario, o custo subvencionable do proxecto e a intensidade de axuda que lle corresponde segundo o establecido no artigo 8. No informe técnico de idoneidade deixarase constar expresamente que en cada un dos proxectos avaliados concorren os requisitos para entender que se cumpre o efecto incentivador.

Deberán absterse de avaliar un proxecto aquelas persoas que estean vinculadas a el por calquera circunstancia e seranlles de aplicación, ademais, as causas de abstención e recusación previstas nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015.

2. Será requisito necesario para que un proxecto poida ser subvencionado que acade un mínimo de 60 puntos.

No caso de empate nas puntuacións, terán preferencia, como criterio de desempate, as empresas que presentasen un plan de igualdade dos previstos no capítulo I do título III do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

Artigo 30. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poñerase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan presentar alegacións cos documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo/a interesado/a.

Artigo 31. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución e o informe emitido pola Comisión de Selección nestas bases á directora da Axencia Galega de Innovación para ditar a resolución de concesión, que deberá estar motivada.

A proposta de resolución incluirá de xeito individualizado as solicitudes propostas para obteren a subvención e especificarase a puntuación que lles corresponde segundo os criterios establecidos nestas bases reguladoras. Indicarase, así mesmo, o importe da subvención concedida para cada unha delas ou, se for caso, a causa de denegación.

No expediente de concesión de subvencións tamén se incluirá o informe do órgano instrutor, en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que os beneficiarios cumpren os requisitos necesarios para accederen ás axudas.

2. Á vista da proposta exposta, e segundo o que dispón o artigo 21.4 da Lei 9/2007, ao non seren tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, a directora da Axencia Galega de Innovación ditará a correspondente resolución definitiva de concesión ou denegación prevista nestas bases, que será motivada de acordo cos criterios de valoración establecidos.

3. A resolución prevista nestas bases expresará, como mínimo:

a) O título do proxecto e a entidade beneficiaria da axuda.

b) O importe global da axuda para cada proxecto, indicando, ademais, no caso de proxectos en cooperación, a repartición da axuda entre os membros da agrupación.

c) En caso de solicitudes denegadas, a causa de denegación.

d) A desestimación expresa do resto das solicitudes.

4. En todo caso, deberaselle notificar a cada beneficiario un documento que estableza as condicións da axuda para a operación (DECA), que deberá incluír, como mínimo, a identificación do beneficiario, a contía da subvención e as obrigas do/da beneficiario/a, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que se deban obter coa axuda, o plan financeiro e o calendario de execución. No caso de que a convocatoria se financie con fondos Feder do programa Feder Galicia 2021-2027, seranlles notificados aos interesados os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operacións que debe conter o documento polo cal se establecen as condicións da axuda (DECA).

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Se transcorre o prazo máximo para resolver sen se ditar resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

6. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1 desta lei, a notificación individual de concesión da axuda poderase substituír pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://gain.xunta.gal, con indicación da data da convocatoria, do/da beneficiario/a, da cantidade concedida e da finalidade da axuda outorgada.

7. As entidades que resulten beneficiarias deberán achegar no prazo de tres meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de concesión da axuda un informe positivo do cumprimento do principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (DNSH) mediante unha entidade acreditada por ENAC. No caso de non presentar o dito informe no prazo indicado, revogarase a axuda concedida. De xeito excepcional, as entidades beneficiarias poderán solicitar unha prórroga, por causas debidamente xustificadas, de ata un mes.

Para os proxectos en cooperación só se requirirá un informe de cumprimento do principio de DNSH do proxecto e correspóndelle ao líder a súa presentación.

Artigo 32. Modificación da resolución

1. As actuacións subvencionadas deben executarse no tempo e na forma que se determinen nas resolucións de concesión e débese obter autorización previa da Axencia Galega de Innovación para realizar cambios no proxecto.

2. Porén, cando xurdan circunstancias concretas que alteren as condicións técnicas ou económicas tidas en conta para a concesión da axuda, estas poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión polo órgano que concede.

3. Tamén se poderá acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do/da beneficiario/a se cumpre os seguintes requisitos:

a) Que a modificación sexa autorizada polo órgano que concede.

b) Que a modificación non afecte os obxectivos perseguidos coa axuda, os seus aspectos fundamentais ou que fosen sido determinantes para a concesión da axuda, a determinación do/da beneficiario/a, nin dane dereitos de terceiros.

Con todo, en relación coa determinación do/da beneficiario/a, si se poderá autorizar o cambio dunha entidade integrante da agrupación por outra debido á súa situación de insolvencia ou doutras circunstancias económicas que lle impidan afrontar o proxecto, sempre que se motiven suficientemente estas circunstancias, que a nova entidade cumpra os requisitos establecidos para ser beneficiaria e os demais establecidos na convocatoria e se comprometa a manter a actividade obxecto da axuda. O líder da agrupación non poderá ser substituído en ningún caso, dada a súa función de dirección e coordinación do proxecto. A autorización requirirá un informe técnico dalgún dos avaliadores iniciais do proxecto, no cal se constate a idoneidade do novo beneficiario para garantir a viabilidade do proxecto e que, polo menos, teña unhas condicións equivalentes ao membro da agrupación substituído. Para realizar este informe técnico deberán aplicarse os mesmos criterios que se tiveron en conta para avaliar inicialmente a solicitude.

c) Que as modificacións obedezan a causas sobrevidas que non se puideron prever no momento da solicitude. Os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non poderían supoñer a denegación da subvención, nin poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

Permitirase, sen necesidade de autorización previa do órgano que concede, reducir ata o 10 % das partidas de gasto que figuren na resolución de concesión para cada un dos beneficiarios, sempre que se compense con incrementos noutras partidas e que non se altere o importe total da anualidade e da axuda no seu conxunto. Os cambios realizados deberán respectar as limitacións establecidas na convocatoria para persoal, subcontratación e outros custos. Así mesmo, o/a beneficiario/a deberá acreditar debidamente o cambio na documentación de xustificación presentada.

4. En relación coa solicitude de modificación nas partidas e/ou conceptos de gasto subvencionados poderán solicitarse, como máximo, ata dous meses antes da finalización do prazo de execución da anualidade afectada.

5. Para os efectos de facilitar a xestión do orzamento adxudicado, poderase solicitar unha redistribución entre as anualidades concedidas a partir da anualidade 2024, cun límite do 20% do custo concedido para cada anualidade minorada, variando proporcionalmente a seguinte anualidade orzada. O prazo para solicitar esta redistribución de anualidades remata o 30 de xuño da anualidade afectada.

6. Na solicitude de modificación expresaranse os motivos das modificacións que se propoñen, xustificando a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión. No caso de proxectos en cooperación, esta solicitude de modificación deberá ser formulada polo líder da agrupación.

7. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola directora da Axencia Galega de Innovación, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia ao/á interesado/a. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa e notificaráselle ao/á interesado/a.

Artigo 33. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo (anexo V) que está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, e que se publicará na web da Axencia Galega de Innovación http://gain.xunta.gal, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015. A directora da Axencia Galega de Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015.

Artigo 34. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigados a:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención e acreditalo ante o órgano que concede, así como o cumprimento dos requisitos, dos prazos e das condicións establecidos nas normas reguladoras, nesta convocatoria, na resolución de concesión e no documento en que se establecen as condicións da axuda.

b) Xustificar ante a Axencia Galega de Innovación, de acordo co previsto nas bases desta convocatoria e na normativa reguladora de subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables, e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto dos casos previstos na Lei 9/2007.

d) Subministrar á Administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, que regula a transparencia e o bo goberno no ámbito da Administración pública de Galicia.

e) Someterse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC, ás auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento ao/á beneficiario/a (artigo 82 RDC).

f) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, de axudas, de ingresos ou de recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

g) Ter o seu domicilio social ou un centro de traballo permanente legalmente constituído en Galicia e realizar nesta comunidade autónoma as actividades subvencionadas.

h) Solicitarlle á Axencia Galega de Innovación autorización previa para realizar modificacións no desenvolvemento dos proxectos aprobados. A realización de modificacións non autorizadas no orzamento subvencionable supoñerá a inadmisión das cantidades desviadas.

i) Dar publicidade á axuda recibida nos contratos de subcontratación e no equipamento e material instrumental, mencionando expresamente a súa orixe e o cofinanciamento con fondos estruturais da Unión Europea. Ademais, deberán publicar a concesión da axuda na súa páxina web e mantela actualizada. Na web deberán figurar, como mínimo, as entidades beneficiarias, os obxectivos e os principais avances do proxecto, que se deberán divulgar ano a ano. Concretamente, na documentación, nos carteis ou nas publicacións que se elaboren para a súa difusión pública, deberá figurar o logotipo da Xunta de Galicia, respectando o Manual de identidade corporativa (https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/descarga-do-manual) e a frase «Subvencionado pola Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia» e cofinanciado pola Unión Europea.

j) Cumprir co plan de comunicación e difusión establecido no artigo 19.1.c) desta convocatoria.

k) Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos da Unión Europea, en relación coa publicidade do financiamento, segundo o previsto no artigo 50 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, o/a beneficiario/a deberá, durante a realización da operación:

1. Na súa páxina web oficial, cando exista a dita web, e nas súas contas de redes sociais fará unha breve descrición da operación, de forma proporcionada en relación co nivel de axuda, cos seus obxectivos e resultados, e destacará a axuda económica da Unión Europea.

2. Nos documentos e materiais de comunicación destinados ao público e relacionados coa execución da actuación achegará unha declaración que destaque de forma visible as axudas da Unión Europea.

3. Expoñerá nun lugar ben visible para o público polo menos un cartel de tamaño A3, como mínimo, ou unha pantalla electrónica equivalente con información da actuación, en que se destaque a axuda de fondos europeos.

4. Para as operacións cuxo custo sexa superior a 10.000.000 €, os beneficiarios deberán organizar unha actividade ou acto de comunicación, segundo conveña, e farán participar á Comisión e á autoridade de xestión responsable no seu momento oportuno.

As entidades beneficiarias deberán conservar, en formato dixital, unha copia de todos os materiais de comunicación e publicidade que elaboren no marco da actuación. Este material deberase poñer á disposición da Xunta de Galicia ou das institucións da Unión Europea se o solicitaren.

Respectaranse en todo caso as directrices contidas no documento sobre «O uso do emblema europeo no contexto dos programas da UE 2021-2027» e as características técnicas descritas no anexo IX do RDC.

No caso de persoal de nova contratación para o proxecto, farase mención expresa no contrato ao cofinanciamento pola Unión Europea, ao acrónimo do proxecto e a esta convocatoria. Para o resto de persoal dedicado ao proxecto, o/a beneficiario/a deberá comunicarlle por escrito que parte do seu salario está a ser cofinanciado pola Unión Europea nos mesmos termos.

l) Manter un sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.

m) Destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención, que non poderá ser inferior a cinco anos en caso de bens susceptibles de se inscribir nun rexistro público, nin a dous anos para o resto de bens. No caso de bens inscritibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura esta circunstancia, así como o importe da subvención concedida, e estas cuestións deberán ser obxecto de inscrición no rexistro público correspondente. Esta condición non impedirá a substitución de instalacións ou equipamentos que queden obsoletos, dentro do prazo indicado, debido á rápida evolución da tecnoloxía, sempre que a actividade económica se manteña en Galicia durante ese período.

n) Informar do nivel do logro de indicadores asociados á actuación que lles sexan de aplicación, ao mesmo tempo que presentan a xustificación de gastos. Estes indicadores son:

− Indicador de resultado:

RCR02 Investimentos privados que acompañan o apoio público (euros).

− Indicadores de realización:

RC001 Empresas apoiadas.

RC002 Empresas apoiadas a través de subvencións.

o) Facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación da iniciativa Fábrica intelixente e sustentable no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou doutros instrumentos relacionados coa medición da I+D+i, entre outros as enquisas do INE. Tendo en conta que a localización do proxecto ten que ser Galicia, os datos asignados aos citados instrumentos de avaliación deberán estar rexistrados na Comunidade Autónoma de Galicia.

No marco do Plan de avaliación da RIS3 Galicia, desenvolverase un seguimento específico das axudas concedidas. Este seguimento estará baseado na recompilación de información acerca dos resultados económicos e científico-técnicos obtidos polas entidades beneficiarias, así como o seu nivel de satisfacción co apoio recibido. Para tales efectos, e por indicación da Axencia Galega de Innovación, durante a execución e ao finalizar o proxecto (expost), os beneficiarios deberán proporcionar información relativa a unha serie de indicadores, entre os cales se incluirán indicadores xerais e específicos de I+D+i.

p) Os organismos de investigación deberán contar cun sistema de contabilidade separada de actividades económicas e non económicas.

q) No caso de proxectos seleccionados, por aplicación do criterio de desempate relativo á implantación dun plan de igualdade, este deberá manterse vixente durante o período de execución do proxecto e, posteriormente, durante o período de mantemento dos investimentos previstos no artigo 34.m) desta resolución.

r) Comprometerse a evitar os impactos negativos no ambiente na execución das actuacións, respectando o principio de «non causar un prexuízo significativo» (principio Do no significant harm-DNSH), no sentido establecido no artigo 9.4 do RDC.

s) Asistir a unha xornada formativa impartida pola Axencia Galega de Innovación sobre as obrigas desta axuda, á cal serán convocados expresamente con antelación. Á dita xornada deberá acudir, como mínimo, unha persoa por cada unha das entidades participantes no proxecto.

t) Calquera outra obriga imposta de maneira expresa aos beneficiarios na resolución de concesión ou no documento en que se establecen as condicións da axuda.

Artigo 35. Xustificación da subvención

1. Para ter dereito ao pagamento da axuda deberá presentarse electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a documentación xustificativa da subvención utilizando os formularios dispoñibles na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal). No caso de proxectos en cooperación, cada entidade presentará a súa documentación. A xustificación económica materializarase a través da presentación do correspondente informe realizado por auditor, segundo o indicado nos artigos 16 e 36 desta resolución.

2. Prazos de execución e de xustificación:

a) Prazos de execución:

Períodos de emisión das facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados:

Emisión das facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados

Primeira anualidade

Desde

A data de presentación da solicitude

Ata

O 30 de novembro de 2023

Segunda anualidade

Desde

O 1 de decembro de 2023

Ata

O 30 de setembro de 2024

Terceira anualidade

Desde

O 1 de outubro de 2024

Ata

O 30 de setembro de 2025

Cuarta anualidade

Desde

O 1 de outubro de 2025

Ata

O 30 de setembro de 2026

b) Prazos de xustificación (presentación da documentación):

Prazos de xustificación (presentación da documentación)

Primeira anualidade

Ata

O 15 de decembro de 2023

Segunda anualidade

Ata

O 16 de decembro de 2024

Terceira anualidade

Ata

O 15 de decembro de 2025

Cuarta anualidade

Ata

O 15 de decembro de 2026

En todo caso, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de execución. Exceptúanse desta regra xeral os gastos cuxos pagamentos se deban efectuar nun momento posterior por se axustaren aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade á data de execución. A entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos do seu pagamento antes de finalizar o mes en que ao/á beneficiario/a lle corresponde liquidar eses gastos.

3. Documentación xustificativa: debe presentarse a documentación económica xustificativa do custo das actividades e a documentación técnica.

As instrucións detalladas e os formularios para a presentación da documentación xustificativa estarán dispoñibles na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal). A documentación presentarase de xeito ordenado seguindo a orde establecida nas instrucións e nun formato que permita editar e tratar o texto.

Artigo 36. Documentación xustificativa económica

1. Conforme o artigo 16 desta convocatoria, a xustificación económica realizarase a través de informe de auditor. Este informe deberá axustarse ás instrucións incluídas no anexo X, verificando a existencia da documentación correspondente e revisando, ademais, o cumprimento dos requisitos que se exixen en cada concepto de gasto.

2. Deberá presentarse un resumo global de execución para a totalidade do proxecto, así como o resto de documentación que se sinala a continuación. No caso de proxectos en cooperación, este resumo global será responsabilidade do líder da agrupación e o resto de documentación xustificativa deberá presentala cada un dos socios do proxecto:

a) Declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas, para a mesma finalidade ou proxecto, ou para as mesmas partidas de gasto, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional, utilizando o modelo que aparece como anexo IV a esta resolución e que está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal e na páxina web da Axencia Galega de Innovación http://gain.xunta.gal. Se for o caso, deberá achegarse unha copia da resolución da concesión desoutras axudas.

b) Certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, conforme os beneficiarios están ao día nas súas obrigas tributarias, no caso de que se opoñan á súa consulta por parte do órgano xestor.

c) Un resumo da execución do proxecto, no cal consten o concepto subvencionable, o provedor, o importe (IVE excluído) e a data de cada un dos xustificantes presentados agrupados por partida e por concepto de gasto.

d) Se for o caso, indicación por concepto subvencionable das cantidades inicialmente orzadas e as súas desviacións de forma xustificada, seguindo o modelo do informe técnico dispoñible na páxina web da Axencia Galega de Innovación.

e) Documentación xustificativa do investimento: documentos acreditativos dos gastos, consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas ou documentos contables xustificativos do gasto deberán incluír, ademais de todos os requisitos exixidos pola normativa de facturación, unha descrición suficiente dos conceptos facturados que permita unha análise de coherencia coa documentación técnica.

f) Documentación xustificativa do pagamento: os pagamentos xustificaranse con copia de transferencias bancarias, certificacións bancarias ou extractos bancarios, ou documentos obtidos a través da banca electrónica. Nestes documentos deberán estar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, que deberán ser o emisor da factura e o/a beneficiario/a da axuda, respectivamente, o número e o importe total da factura satisfeito. De non estar acreditado o pagamento íntegro mediante estes documentos, o gasto non será subvencionable.

En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

No caso de que no documento de pagamento non se faga referencia ás facturas, deberá ir acompañado da documentación complementaria que permita verificar a correspondencia entre gasto e pagamento. Non se aceptarán documentos de pagamento que non permitan identificar claramente as facturas vinculadas ao proxecto.

No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas, xuntarase unha relación detallada delas en que se poida apreciar que o pagamento se corresponde coas ditas facturas. En caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, será necesario presentar o correspondente extracto bancario acompañado da orde de pagamento da entidade, selada polo banco, coa relación detallada das facturas.

No suposto de pagamentos realizados mediante confirming ou cesión de pagamentos a provedores, a entidade beneficiaria deberá presentar o xustificante de pagamento á entidade financeira mediante cargo na súa conta bancaria e o xustificante de pagamento da entidade financeira ao provedor. Ambos os xustificantes deberán estar efectivamente pagados dentro do período de execución do proxecto ou, en todo caso, dentro do prazo de xustificación da anualidade afectada.

A data das facturas dos gastos xustificados debe atoparse sempre dentro do período establecido de execución do proxecto. A única excepción admisible é a factura do auditor polo seu traballo de revisión da conta xustificativa de gastos, que poderá ser posterior, pero sempre dentro do prazo de xustificación de gastos da anualidade afectada.

Non serán subvencionables partes de gastos que non estean íntegra e correctamente xustificados de acordo co establecido nos parágrafos anteriores.

Respecto á documentación xustificativa do investimento e do seu pagamento, cando non sexa posible a presentación de copia auténtica electrónica poderase presentar unha copia en formato pdf dos documentos indicados, realizada polo/a beneficiario/a e acompañada dunha declaración responsable da autenticidade deses documentos achegados, así como o compromiso de presentar os orixinais cando a Axencia Galega de Innovación llos requira.

g) Para a xustificación do custo de persoal destinado ao proxecto, deberá dispoñerse de:

1. Certificación emitida polo responsable de persoal, co visto e prace da Xerencia ou Dirección da entidade, que consistirá nunha relación detallada por traballador/a do persoal dedicado ao proxecto, que deberá incluír os seguintes datos: DNI/NIE, nome, apelidos, posto na entidade, salarios fixados nun contrato de traballo, nun acordo laboral ou na lei (agás os custos de viaxes e indemnizacións ou axudas de custo), data de pagamento das nóminas, importe da Seguridade Social con cargo á entidade, data de pagamento da Seguridade Social e custo total imputado, grupo de cotización polo que está contratado, titulación e dedicación ao proxecto. Declaración da dedicación do persoal ao proxecto, no cal deben figurar as actividades en que participa mensualmente o/a traballador/a coa súa sinatura e a sinatura do/da xefe/a técnico/a do proxecto, conforme o modelo dispoñible na páxina web da Axencia Galega de Innovación.

2. Xustificación da comunicación por escrito ao persoal traballador de que parte do seu salario está cofinanciado pola Unión Europea.

3. Informe de vida laboral referido á data de finalización do prazo de execución, e que comprenda toda a anualidade. No caso de persoal autónomo, certificado de vida laboral referido á data de finalización do prazo de execución. Para o persoal de nova contratación, deberá achegarse a copia do contrato en que se poidan verificar que o/a traballador/a se dedica exclusivamente ao proxecto e o resto dos requisitos exixidos nesta convocatoria, xunto coa certificación da súa titulación académica e o curriculum vitae.

4. Copia das nóminas do persoal dedicado ás actividades do proxecto e copia auténtica dos xustificantes bancarios do seu pagamento. Nos xustificantes de pagamento das nóminas deberán vir detallados os seus receptores e as cantidades percibidas por cada un deles. Cando a documentación xustificativa deste gasto conste dun xustificante bancario da remesa total mensual, deberá achegarse a orde de transferencia en que se detallen os traballadores incluídos.

5. Modelos 111 de retencións e ingresos de IRPF e os seus xustificantes bancarios de pagamento.

6. Relación nominal de trabajadores (RNT) e recibo de liquidación de cotizacións (RLC), así como os xustificantes bancarios de pagamento.

No caso de traballadores autónomos socios da empresa, deberase achegar o certificado de retencións ou ingresos á conta do IRPF, as nóminas e, se for o caso, as correspondentes facturas e documentos de pagamento. Unicamente será subvencionable o custo de Seguridade Social deste persoal cando se acredite que o importe é aboado pola empresa.

7. Informe de datos para a cotización-traballadores por conta allea da Seguridade Social (IDC) relativo ao período de execución de cada anualidade.

8. Declaración responsable da non participación do persoal dedicado ao proxecto, financiado con cargo ás axudas desta convocatoria, noutras actividades/proxectos financiados con axudas procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado ou, en caso contrario, declaración responsable de non superar, conxuntamente coa dedicación ao proxecto, a porcentaxe do 100 %, utilizando o modelo que estará dispoñible na páxina web da Axencia Galega de Innovación http://gain.xunta.gal

En ningún caso se admitirán pagamentos xustificados por caixa ou en efectivo.

h) Copia das tres ofertas que deba ter solicitado o/a beneficiario/a, de acordo co establecido no artigo 17 das bases reguladoras, no caso de non as ter achegado coa solicitude de axuda.

i) Declaración asinada polo/a representante legal, na cal se detalle o cadro de amortización de cada equipamento incluído no seu orzamento, calculado sobre a base de boas prácticas contables, así como un informe técnico sobre o período de amortización. En todo caso, esta documentación deberá ir acompañada dos estados contables da entidade e dos correspondentes documentos xustificativos do gasto e do pagamento da compra. A Axencia Galega de Innovación poderá comprobar a veracidade destes datos accedendo, en calquera momento, aos documentos contables da empresa.

j) No caso de leasing, será necesario presentar o contrato, as facturas e os documentos de pagamento das cotas correspondentes ao período de execución do proxecto.

k) En caso de subcontratacións, deberá achegarse a seguinte documentación:

1. Factura emitida pola entidade subcontratada ao/á beneficiario/a, en que se especifique claramente o título do proxecto financiado. No caso de que sexan varias facturas, todas elas deberán especificar o título do proxecto.

2. Xustificante bancario de pagamento da factura da subcontratación.

3. Memoria técnica realizada polo/a subcontratista, datada e asinada, en que se describan os servizos e as actividades realizadas no proxecto, coa desagregación dos custos e os medios persoais e materiais empregados na súa realización.

4. A documentación que deberán achegar os/as subcontratistas segundo o indicado no artigo 15.4 e 15.6 desta convocatoria.

Artigo 37. Documentación xustificativa técnica

1. A documentación xustificativa técnica para o proxecto constará de:

a) Informe técnico normalizado segundo o modelo dispoñible na páxina web da Axencia Galega de Innovación. Este informe incluirá unha epígrafe relativa ás actividades do plan de comunicación e difusión do proxecto.

b) Memoria libre sobre a evolución do proxecto, en que deberá incluírse a xustificación do cumprimento das normas de publicidade do artigo 34.

Documentación xustificativa (documentación gráfica, fotografías ou calquera outro soporte probatorio) do cumprimento das obrigas de publicidade, conforme o Regulamento (UE) nº 2021/1060.

c) No momento da finalización do proxecto, xunto coa documentación xustificativa da última anualidade, deberá cubrirse a epígrafe relativa aos indicadores de seguimento do proxecto no informe técnico dispoñible na páxina web da Axencia Galega de Innovación.

2. Sen prexuízo da documentación anteriormente indicada, poderáselle requirir á entidade beneficiaria que anexe cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Se, transcorrido o prazo establecido para a xustificación da subvención, os beneficiarios non presentan a documentación xustificativa segundo o indicado, a Axencia Galega de Innovación requiriraos para que a presenten no prazo improrrogable de dez días, advertíndoos de que a falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007.

Artigo 38. Pagamento

1. Poderán realizarse pagamentos anticipados e á conta das subvencións recollidas nesta resolución. De acordo co estipulado no artigo 62.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e logo da autorización do Consello da Xunta de Galicia, estes pagamentos poderán acadar ata o 100 % da axuda concedida.

Estes pagamentos están exentos da presentación de garantías de acordo co establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009, conforme a autorización do Consello da Xunta de Galicia.

2. Pagamentos anticipados.

As entidades beneficiarias poderán solicitar o pagamento anticipado segundo as seguintes porcentaxes:

− Primeira anualidade: ata o 100 % da subvención concedida desta anualidade.

− Anualidades sucesivas: ata o 50 % da subvención concedida en cada anualidade.

En ningún caso o importe da totalidade dos anticipos concedidos poderá superar o 80 % da subvención total concedida.

No caso de que a xustificación dunha anualidade sexa insuficiente e dea lugar a unha minoración da subvención, o importe minorado detraerase do importe da seguinte anualidade.

A concesión destes anticipos realizarase mediante resolución motivada, de acordo co artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A entidade solicitante deberá facer constar se opta por esta modalidade de pagamento na solicitude da subvención.

3. Pagamentos á conta: faranse efectivos, para cada anualidade, unha vez presentada e comprobada a correcta xustificación da execución do proxecto sen necesidade de entregar ningún tipo de garantías.

A suma dos pagamentos anticipados e á conta non poderá superar o 90 % da subvención total concedida.

4. Antes do pagamento final da subvención, a Axencia Galega de Innovación comprobará, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007, a adecuada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención. É obrigatoria a realización dunha actividade de inspección por parte da Axencia Galega de Innovación a cada un dos beneficiarios.

Tras a inspección efectuarase unha avaliación do proxecto presentado e valorado na solicitude, e emitirase un informe en que se indique o grao de cumprimento coa seguinte cualificación:

a) Excelente.

b) Positivo.

c) Negativo, se non se acadan as tarefas, compromisos, obxectivos ou condicións do proxecto inicial por un baixo desempeño ou por unha deficiente organización. Neste caso, deberá cuantificarse a porcentaxe de incumprimento de cada beneficiario da agrupación.

5. A Axencia Galega de Innovación poderá solicitar un novo informe que acredite que se respecta o principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852, co fin de verificar que se respectou este principio durante a execución da actividade financiada.

Artigo 39. Perda do dereito ao cobramento da subvención

1. É causa de perda do dereito ao cobramento da subvención o incumprimento do/da beneficiario/a de estar ao día nas obrigas coa Facenda estatal e autonómica e coa Seguridade Social.

2. Así mesmo, son causas de perda do dereito ao cobramento da subvención as previstas como causas de reintegro, se non se aboase a axuda.

3. O procedemento para declarar a perda do dereito ao cobramento da subvención é o establecido para o reintegro.

Artigo 40. Causas de reintegro

1. A entidade beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como cos compromisos asumidos durante o tempo de duración da dita axuda. De non ser así, perderá o dereito ao cobramento e/ou, se for o caso, procederá ao reintegro da subvención.

Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e os xuros de demora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos no artigo 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución, tramitarase o procedemento de reintegro previsto na citada lei e no Decreto 11/2009.

Son causas de reintegro as seguintes:

a) O falseamento, inexactitude ou omisión dos datos proporcionados polo/a beneficiario/a que serviron de base para a concesión da axuda ou a ocultación dos datos que a impediran.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, das tarefas, dos compromisos ou das condicións do proxecto inicial ou da finalidade para a cal se concedeu a axuda.

c) O incumprimento da obriga de xustificación, a xustificación insuficiente ou fóra do prazo establecido, a falsidade, a terxiversación ou a ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.

d) O incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo 34 desta resolución.

e) A resistencia, a escusa, a obstrución ou a negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas, para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) O incumprimento dos prazos de mantemento da actividade, do emprego ou do investimento, así como do plan de igualdade do centro no caso da aplicación como criterio de desempate, de acordo co establecido no artigo 29 desta resolución.

g) Non acreditar o cumprimento da normativa en materia de prazos a provedores, para subvencións por importe superior a 30.000 €.

h) O incumprimento de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» no sentido do artigo 17 de Regulamento (UE) nº 2020/852 dará lugar ao reintegro total da axuda.

i) Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007.

Artigo 41. Gradación dos incumprimentos

1. O incumprimento dos obxectivos da axuda, das actividades previstas no proxecto ou das condicións establecidas na resolución de concesión da axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e comprobación da xustificación, será causa de reintegro total da subvención. En particular, serán causa de reintegro total da axuda e, de ser o caso, da perda do dereito ao cobramento, os seguintes supostos:

a) Se se incumprisen as tarefas, os compromisos, os obxectivos ou as condicións do proxecto, dando lugar a un informe final negativo, o incumprimento valorarase en función deste e supoñerá a minoración da subvención segundo a porcentaxe de incumprimento sinalado no informe técnico. Se esta porcentaxe é superior ao 60 %, considerarase como incumprimento total e dará lugar ao reintegro da totalidade da axuda.

b) O incumprimento do principio de «non causar un prexuízo significativo» no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852 dará lugar ao reintegro total da axuda.

c) A oposición á realización das actuacións de control das institucións da Unión en virtude do establecido no artigo 22.2.e) do Regulamento (UE) nº 2021/241, ou ás actuacións das institucións ou organismos con competencias de control no ámbito estatal ou autonómico, poderá constituír causa de reintegro da axuda, sen prexuízo da tramitación do correspondente procedemento sancionador.

d) O incumprimento da obriga de comunicar a obtención doutras axudas, para a mesma finalidade ou proxecto, ou para as mesmas partidas de gasto, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

e) A xustificación dun custo inferior ao orzamento mínimo subvencionable (2.000.000 euros).

f) No caso de proxectos en cooperación, o incumprimento das porcentaxes de participación establecidas no artigo 4.4 desta convocatoria.

2. O incumprimento parcial dará lugar á perda parcial do dereito ao cobramento da subvención ou ao reintegro parcial da subvención nas porcentaxes que se determinen nos parágrafos seguintes.

Tratándose de condicións referentes á contía do proxecto, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao investimento deixado de xustificar ou xustificado indebidamente, minorándose a subvención proporcionalmente.

Por afectar as condicións que se tiveron en conta no momento de conceder a subvención, nos seguintes casos de incumprimento reducirase a intensidade da axuda do seguinte xeito:

a) Para os proxectos de investigación industrial e desenvolvemento experimental, no caso de colaboración efectiva entre empresas (polo menos unha das cales debe ser unha peme), cando unha das empresas asuma máis do 70 % dos custos subvencionables descontarase unha porcentaxe do 15 % de axuda adicional.

b) Se o custo xustificado finalmente na partida de persoal de nova contratación for inferior á contía concedida nesta partida, reducirase a axuda aplicando unha porcentaxe do 10 % do custo deixado de xustificar.

c) O incumprimento da obriga de dar publicidade ao financiamento do proxecto consonte o establecido nesta resolución, e se non se adoptaron medidas correctoras, supoñerá a perda do 3 % da subvención concedida. Esta penalización aplicarase aos supostos de incumprimento das actividades previstas no plan de comunicación e difusión do proxecto.

A aplicación destas penalizacións realizarase na última anualidade e o importe minorado detraerase desta. No caso de que o importe aprobado para a última anualidade resulte insuficiente para cubrir esta diferenza, requirirase a entidade beneficiaria para que proceda á devolución dos fondos percibidos indebidamente. A falta de devolución destes nos prazos requiridos dará lugar á incoación dun expediente de reintegro nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009.

3. Excepcionalmente, se o incumprimento deriva de causas de forza maior, causas non imputables ao/á beneficiario/a ou non previsibles ao longo do desenvolvemento do proxecto, a Axencia Galega de Innovación poderá revisar a aplicación das penalizacións en función do grao e da entidade da condición incumprida e sempre que se cumprisen as actividades e obxectivos do proxecto e se acade un informe final positivo.

4. O incumprimento da obriga de presentar tres ofertas segundo o disposto no artigo 17 desta convocatoria, sen que concorran as circunstancias eximentes previstas no artigo 29.3 da Lei 9/2007, dará lugar á minoración do 10 % do custo subvencionable.

5. Se o incumprimento deriva da inobservancia dalgunha condición ou suposto distinto dos anteriores, o seu alcance será determinado en función do grao e da entidade da condición incumprida.

Artigo 42. Procedemento de reintegro

1. Se, aboada unha parte ou a totalidade da axuda, acaecen os motivos que se indican no artigo 40 desta resolución, incoarase o correspondente expediente de reintegro que se tramitará conforme o previsto no artigo 37 e seguintes da Lei 9/2007.

2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

3. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarase, de oficio, por acordo do órgano concedente destas axudas e comunicaráselle ao/á beneficiario/a a iniciación do procedemento de declaración de perda do dereito ao cobramento ou de reintegro e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro no artigo 37 e seguintes da Lei 9/2007 e no artigo 77 e seguintes do Decreto 11/2009.

4. A resolución de procedemento de reintegro poñerá fin á vía administrativa.

5. Sen prexuízo do anterior, aos beneficiarios das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007 e no título VI do Decreto 11/2009.

Artigo 43. Prescrición

1. O dereito da Administración a recoñecer ou liquidar o reintegro prescribirá aos catro (4) anos, sen prexuízo do establecido na normativa de axudas de Estado.

2. Este prazo computarase, en cada caso:

a) Desde o momento en que venceu o prazo para presentar a xustificación por parte do/da beneficiario/a.

b) Desde o momento da concesión, no suposto previsto no número 9 do artigo 28 da Lei 9/2007.

c) No caso de que se establecesen condicións ou obrigas que deban ser cumpridas ou mantidas por parte do/da beneficiario/a ou da entidade colaboradora durante un período determinado de tempo, desde o momento en que venceu o dito prazo.

3. O cómputo do prazo de prescrición interromperase:

a) Por calquera acción da Administración realizada con coñecemento formal do/da beneficiario/a ou da entidade colaboradora, que conduza a determinar a existencia dalgunha das causas de reintegro.

b) Pola interposición de recursos de calquera clase, pola remisión do tanto de culpa á xurisdición penal ou pola presentación de denuncia ante o Ministerio Fiscal, así como polas actuacións realizadas con coñecemento formal do/da beneficiario/a ou da entidade colaboradora no curso dos ditos recursos.

c) Por calquera actuación fidedigna do/da beneficiario/a ou da entidade colaboradora, conducente á liquidación da subvención ou do reintegro.

Artigo 44. Control

1. A Axencia Galega de Innovación poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 €, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente, e quedará constancia no expediente mediante a acta de conformidade asinada tanto polo/a representante da Administración como polo/a beneficiario/a. A comprobación material definida no parágrafo anterior poderáselle encomendar a outro órgano distinto do que concedeu a subvención.

3. A Axencia Galega de Innovación poderá realizar en calquera momento as visitas aos beneficiarios, as comprobacións e as solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento do proxecto, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Se na obrigatoria actividade de inspección previa ao pagamento final da subvención se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou un desvío dos obxectivos, propoñerase o reintegro da subvención concedida. Ademais desta actividade final de inspección, a Axencia Galega de Innovación, no marco dos seus plans de inspección, poderá realizar as visitas e comprobacións iniciais, intermedias e finais que considere convenientes.

4. Así mesmo, a Axencia Galega de Innovación poderá convocar a entidade beneficiaria, se o considera necesario, a unha entrevista en relación coa execución das actividades e os resultados obtidos. No caso dos proxectos en cooperación, convocarase a empresa líder.

5. Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC e ás auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos. Para o exercicio destas actuacións, os beneficiarios deberán achegar canta información lles sexa requirida. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco (5) anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento ao/á beneficiario/a (artigo 82 RDC).

Artigo 45. Publicación

No prazo máximo de tres (3) meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, do/da beneficiario/a, do crédito orzamentario, da contía e da finalidade da subvención.

Artigo 46. Medidas antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total o parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servicio Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx

Artigo 47. Réxime de recursos

1. Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer un recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, perante o presidente da Axencia Galega de Innovación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer un recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se for expresa, ou en calquera momento contado desde o día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo, perante a directora da Axencia Galega de Innovación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.

Artigo 48. Normativa aplicable

As axudas obxecto desta convocatoria réxense polas normas comunitarias aplicables e polas normas nacionais de desenvolvemento ou transposición destas. En particular, seralles de aplicación a seguinte normativa comunitaria:

a) Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

b) Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e á política de visados.

c) Regulamento (UE) nº 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión.

d) Marco sobre axudas estatais de investigación e desenvolvemento e innovación (2022/C 414/01).

e) Regulamento (UE) nº 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2019/2088.

Supletoriamente, seranlles de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, a normativa básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, así como a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais disposicións que resulten de aplicación.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a directora da Axencia Galega de Innovación para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2023

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VI

IN854A-AXUDAS PARA A INICIATIVA FÁBRICA INTELIXENTE E SUSTENTABLE

NOTA EXPLICATIVA

RELATIVA AOS TIPOS DE EMPRESAS CONSIDERADOS PARA CALCULAR OS EFECTIVOS E OS IMPORTES FINANCEIROS

I. Tipos de empresas.

A definición de peme[1] distingue tres tipos de empresa en función do tipo de relación que mantén con outras empresas respecto da participación no capital, dereitos de voto ou dereito a exercer unha influencia dominante[2].

Tipo 1: empresa autónoma.

É, con diferenza, o caso máis frecuente. Abrangue todas as empresas que non pertencen a ningún dos outros dous tipos (asociadas ou vinculadas).

A empresa solicitante é autónoma se:

• Non posúe unha participación igual ou superior ao 25 %[3] noutra empresa.

• O 25 % ou máis desta non é propiedade directa doutra empresa ou organismo público nin de varias empresas vinculadas entre si ou varios organismos públicos, salvo determinadas excepcións[4].

• E non elabora contas consolidadas nin está incluída nas contas dunha empresa que elabore contas consolidadas e, polo tanto, non é unha empresa vinculada[5].

Tipo 2: empresa asociada.

Este tipo está constituído polas empresas que manteñen lazos significativos de asociación financeira con outras empresas, sen que ningunha exerza, directa ou indirectamente, un control efectivo sobre a outra. Son asociadas as empresas que nin son autónomas nin están vinculadas entre si.

A empresa solicitante é asociada doutra empresa se:

• Posúe unha participación comprendida entre o 25 % e o 50 % da dita empresa,

• Ou se a dita empresa posúe unha participación comprendida entre o 25 % e o 50 % da empresa solicitante,

• E a empresa solicitante non elabora contas consolidadas que inclúan a devandita empresa por consolidación, nin está incluída por consolidación nas contas da devandita empresa nin nas de ningunha empresa vinculada a ela.

Tipo 3: empresa vinculada.

Este tipo corresponde á situación económica das empresas que forman parte dun grupo que controla, directa ou indirectamente, a maioría do seu capital ou dereitos de voto (aínda que sexa a través de acordos ou de persoas físicas accionistas), ou que pode exercer unha influencia dominante sobre a empresa. Son casos menos habituais que, en xeral, se diferencian claramente dos dous tipos anteriores.

Para evitar dificultades de interpretación, a Comisión Europea definiu este tipo de empresas utilizando, cando se adapten ao obxecto da definición, as condicións incluídas no artigo 1 da Directiva 83/349 CEE do Consello, do 13 de xuño de 1983, baseada na letra g) do punto 3 do artigo 54 do Tratado, relativa ás contas consolidadas[6], que se aplica desde hai anos.

Polo tanto, unha empresa sabe, en xeral de forma inmediata, se está vinculada en canto que xa está suxeita á obriga de elaborar contas consolidadas, ou está incluída por consolidación nas contas dunha empresa obrigada a elaborar contas consolidadas.

Os dous únicos casos, aínda que pouco frecuentes, nos cales unha empresa pode considerarse vinculada sen estar obrigada a elaborar contas consolidadas descríbense nos dous primeiros guións da nota nº 5 ao final desta nota explicativa. Neste caso, a empresa debe verificar se cumpre algunha das condicións especificadas no punto 3 do artigo 3 da definición.

II. Os efectivos e unidades de traballo anual[7].

Os efectivos dunha empresa corresponden ao número de unidades de traballo anual (UTA).

Quen se inclúe nos efectivos?

• Os asalariados da empresa.

• As persoas que traballan para a empresa que manteñan unha relación de subordinación con ela e estean asimiladas aos asalariados conforme a lexislación nacional.

• Os propietarios que dirixen a súa empresa.

• Os socios que exerzan unha actividade regular na empresa e desfruten de vantaxes financeiras por parte da empresa.

Os/as aprendices ou alumnos/as de formación profesional con contrato de aprendizaxe ou formación profesional non se contabilizarán dentro dos efectivos.

Modo de calcular os efectivos.

Unha UTA corresponde a unha persoa que traballase na empresa ou por conta dela a xornada completa durante todo o ano de que se trate. Os efectivos contabilízanse en UTA.

O traballo das persoas que non traballasen todo o ano ou o fixesen a tempo parcial, independentemente da súa duración, así como o traballo estacional, contabilízase en fraccións de UTA.

Non se contabiliza a duración dos permisos de maternidade ou permisos parentais.

DECLARACIÓN RELATIVA Á CONDICIÓN DE PEME

Identificación precisa da empresa

Nome ou razón social:

Domicilio social:

Nº de rexistro ou de IVE[8]:

Nome e cargo dos/das principais directivos/as[9]:

Tipo de empresa (vexa a nota explicativa)

Indíquese cunha ou varias cruces a situación da empresa solicitante:

 Empresa autónoma

(neste caso, os datos indicados a continuación proceden unicamente das contas da empresa solicitante. Cubra só a declaración, sen anexo)

 Empresa asociada

 Empresa vinculada

(cubra e engada o anexo (e, de ser o caso, as fichas suplementarias); a continuación, complete a declaración trasladando o resultado do cálculo de abaixo).

Datos para determinar a categoría da empresa

Calcularanse segundo o artigo 6 do anexo da Recomendación 2003/361/CE da Comisión, sobre a definición de pequenas e medianas empresas.

Período de referencia

Ano

Efectivos (UTA)

Volume de negocio

Balance xeral

Último exercicio

Estes datos deberán corresponder ao último exercicio contable pechado e calcularanse con carácter anual. En empresas de nova creación que non pechasen aínda as súas contas utilizaranse datos baseados en estimacións fiables realizadas durante o exercicio financeiro.

Exercicio anterior

Datos do exercicio contable inmediatamente anterior ao último pechado.

Importante: Hai un cambio de datos con respecto ao exercicio contable anterior que podería implicar o cambio de categoría da empresa solicitante (microempresa, pequena, mediana ou grande empresa).

 Non

 Si (neste caso, cubra e engada unha declaración relativa ao exercicio anterior10)

[10]

CATEGORÍA DA EMPRESA/ORGANISMO (microempresa, pequena, mediana)

Sinatura

Nome e cargo do asinante, facultado para representar a empresa: .............................

Manifesto que esta declaración e os seus anexos son exactos.

Feito en ..................................................., o ..................................................................

Sinatura:

ANEXO DA DECLARACIÓN

CÁLCULO NO CASO DUNHA EMPRESA ASOCIADA OU VINCULADA

Anexos que se deberán achegar, segundo proceda:

Anexo A se a empresa ten unha ou varias empresas asociadas (e, de ser o caso, fichas suplementarias).

Anexo B se a empresa ten unha ou varias empresas vinculadas (e, de ser o caso, fichas suplementarias).

Cálculo dos datos dunha empresa vinculada ou asociada1 (véxase nota explicativa)

Período de referencia

Efectivos (UTA)

Volume de negocio (*)

Balance xeral (*)

1. Datos2 da empresa solicitante ou ben das contas consolidadas [datos do cadro B(I) do anexo B3]

2. Datos2 agregados proporcionalmente de todas as (posibles) empresas asociadas (datos do cadro A do anexo A)

3. Suma dos datos2 de todas as (posibles) empresas vinculadas non incluídas por consolidación na liña 1 [datos do cadro B(2) do anexo B]

Total

(*) En miles de euros.

1 Puntos 2 e 3 do artigo da definición.

2 Todos os datos deberán corresponder ao último exercicio contable pechado e calcularanse con carácter anual. En empresas de nova creación que non pecharon aínda as súas contas, utilizaranse datos baseados en estimacións fiables realizadas durante o exercicio financeiro (artigo 4 da definición).

3 Os datos da empresa, incluídos os efectivos, determínanse conforme as contas e os demais datos da empresa ou, de ser o caso, das contas consolidadas da empresa ou das contas consolidadas en que esta está incluída por consolidación.

Os resultados da liña «Total» deberán trasladarse ao cadro destinado aos «datos para determinar a categoría de empresa», da declaración.

ANEXO A

Empresa de tipo «asociada»

Para cada empresa para a cal se cubra unha «ficha de asociación» [unha ficha para cada empresa asociada á empresa solicitante e para as empresas asociadas ás posibles empresas vinculadas cuxos datos aínda non se recollesen nas contas consolidadas[11]. Os datos do «cadro de asociación» de que se trate trasladaranse ao cadro seguinte:

Cadro A

Empresa asociada

(complétese co nome e a identificación)

Efectivos (UTA)

Volume de negocio (*)

Balance xeral (*)

1.

2.

3.

4.

5.

6.

7.

8.

Total

(*) En miles de euros

(en caso necesario, engádanse páxinas ou amplíese o cadro)

Lembre: Estes datos son o resultado dun cálculo proporcional efectuado na «ficha de asociación» cuberta para cada empresa asociada directa ou indirecta.

Os datos indicados na liña «Total» do cadro anterior deberán trasladarse á liña 2 (relativa ás empresas asociadas) do cadro do anexo da declaración.

FICHA DE ASOCIACIÓN

1. Identificación precisa da empresa asociada.

Nome ou razón social:

Domicilio social:

Nº de rexistro ou de IVE[12]:

Nome e cargo dos/das principais directivos/as[13]:

2. Datos brutos da empresa asociada.

Período de referencia

Efectivos (UTA)

Volume de negocio (*)

Balance xeral (*)

Datos brutos

(*) En miles de euros

Lembre: Estes datos brutos son o resultado das contas e demais datos da empresa asociada, de ser o caso, consolidados, aos cales se engade o 100 % dos datos das empresas vinculadas a ela, salvo se os datos das ditas empresas xa están incluídos por consolidación na contabilidade da empresa asociada[14]. En caso necesario, engadiranse «fichas de vinculación» para as empresas vinculadas non incluídas por consolidación.

3. Cálculo proporcional.

a) Indíquese exactamente a porcentaxe de participación[15] que posúe a empresa declarante (ou a empresa vinculada a través da cal se establece a relación coa empresa asociada) na empresa asociada obxecto desta ficha:

.........................................................................................................................................

.........................................................................................................................................

Indíquese a porcentaxe de participación que posúe a empresa asociada obxecto desta ficha na empresa declarante (ou na empresa vinculada):

.........................................................................................................................................

.........................................................................................................................................

b) Selecciónese a maior de ambas as porcentaxes e aplíquese aos datos brutos indicados no cadro anterior. Trasládense os resultados do dito cálculo proporcional ao cadro seguinte:

«Cadro de asociación»

Porcentaxe

Efectivos (UTA)

Volume de negocio (*)

Balance xeral (*)

Resultados proporcionais

(*) En miles de euros

Estes datos deberán trasladarse ao cadro A do anexo A.

ANEXO B

Empresas vinculadas

A. Determinar o caso en que se encontra a empresa solicitante.

 Caso 1: A empresa solicitante elabora contas consolidadas ou está incluída nas contas consolidadas doutra empresa vinculada [cadro B( l)].

 Caso 2: A empresa solicitante ou unha ou varias empresas vinculadas non elaboran contas consolidadas ou non se inclúen por consolidación [cadro B(2)].

Lembre: Os datos das empresas vinculadas á empresa solicitante son o resultado das súas contas e demais datos ou, de ser o caso, consolidados. A estes datos agréganse proporcionalmente os datos das posibles empresas asociadas ás ditas empresas vinculadas, situadas nunha posición inmediatamente anterior ou posterior á da empresa solicitante, no caso de que non estean xa incluídas por consolidación[16].

B. Métodos de cálculo para cada caso.

No caso 1: As contas consolidadas serven de base de cálculo. Cúbrase a continuación o cadro B(l).

Cadro B(1)

Efectivos (UTA)(*)

Volume de negocio(**)

Balance xeral(**)

Total

(*) Cando nas contas consolidadas non figuren os efectivos, o seu cálculo realizarase mediante a suma dos efectivos de todas as empresas a que estea vinculada.

(**) En miles de euros.

Os datos indicados na liña «Total» do cadro anterior deberán trasladarse á liña 1 do cadro do anexo da declaración.

Identificación das empresas incluídas por consolidación

Empresa vinculada (nome/identificación)

Domicilio social

N° de rexistro ou do IVE(*)

Nome e cargo dos principais directivos (**)

A.

B.

C.

D.

E.

(*) Determinarano os Estados membros segundo as súas necesidades.

(**) Presidencia, dirección xeral ou equivalente.

Nota importante: As empresas asociadas a unha empresa vinculada deste tipo que non estean xa incluídas por consolidación trataranse como socios directos da empresa solicitante. Por conseguinte, no anexo A deberán engadirse os seus datos e unha «ficha de asociación».

No caso 2: Cúbrase unha «ficha de vinculación» por cada empresa vinculada (incluídas as vinculacións a través doutras empresas vinculadas) e procédase mediante simple suma das contas de todas as empresas vinculadas cubrindo o cadro B(2) seguinte.

Cadro B(2)

Empresa nº

Efectivos (UTA)

Volume de negocio(**)

Balance xeral(**)

1. (*)

2. (*)

3. (*)

4. (*)

5. (*)

Total

(*) Engádase una «Ficha de vinculación» por empresa.

(**) En miles de euros.

Os datos indicados na liña «Total» do cadro anterior deberán trasladarse á liña 3 (relativa ás empresas vinculadas) do cadro do anexo da declaración.

FICHA DE VINCULACIÓN

(soamente para cada empresa vinculada non incluída por consolidación)

1. Identificación precisa da empresa.

Nome ou razón social:

Domicilio social:

N° de rexistro ou do IVE[17]:

Nome e cargo dos/das principais directivos/as[18]:

2. Datos relativos a esta empresa.

Período de referencia

Efectivos (UTA)

Volume de negocio(*)

Balance xeral(*)

Datos brutos

(*) En miles de euros

Estes datos deberán trasladarse ao cadro B(2) do anexo B.

Nota importante: Os datos das empresas vinculadas á empresa solicitante son o resultado das súas contas e demais datos, de ser o caso, consolidados. A estes datos agréganse proporcionalmente os datos das posibles empresas asociadas ás ditas empresas vinculadas, situadas nunha posición inmediatamente anterior ou posterior á da empresa solicitante, no caso de que non estean xa incluídas nas contas consolidadas[19].

As empresas asociadas deste tipo deberán tratarse como socios directos da empresa solicitante. Por conseguinte, no anexo A deberán engadirse os seus datos e unha «ficha de asociación».

ANEXO VII

IN854A-AXUDAS PARA A INICIATIVA FÁBRICA INTELIXENTE E SUSTENTABLE

Retos e prioridades da RIS3 para Galicia no período 2021-2027

RETOS PARA TRANSFORMAR A ECONOMÍA E SOCIEDADE GALEGAS

RETO 2. Modelo industrial sustentado na competitividade e no coñecemento

PRIORIDADES EN QUE ORIENTAR A INVESTIGACIÓN E A INNOVACIÓN

Prioridade 1

SUSTENTABILIDADE

Desenvolver e aplicar diferentes solucións científico-tecnolóxicas e de innovación para avanzar na descarbonización das cadeas de valor, a sustentabilidade dos recursos naturais e patrimoniais de Galicia.

Xerar oportunidades para a diversificación cara a produtos sustentables, competitivos internacionalmente e que melloren o benestar das persoas.

Prioridade 2

DIXITALIZACIÓN

Apoiar o desenvolvemento de tecnoloxías dixitais para impulsar o modelo industrial galego, a xestión e prestación de servizos sanitarios e sociais de calidade, así como a xestión de recursos naturais e culturais.

ÁMBITOS DE PRIORIZACIÓN

Prioridade 1

Ámbito de priorización

Biotecnoloxía agraria, mariña, industrial e ecolóxica

Descarbonización das cadeas de valor

Economía circular e simbiose industrial

Eficiencia enerxética en procesos produtivos, en construción e en mobilidade

Prioridade 2

Ámbito de priorización

Fabricación avanzada e intelixente

ANEXO VIII

IN854A-AXUDAS PARA A INICIATIVA FÁBRICA INTELIXENTE E SUSTENTABLE

ÍNDICE DA MEMORIA TÉCNICA

1. Contido científico-técnico do proxecto.

1.1. Descrición da/das entidade/s solicitante/s.

• Breve historial da entidade.

• Capacidade investigadora da entidade (medios materiais e instalacións de I+D que utilizarán no proxecto e traxectoria investigadora).

• Para as entidades solicitantes que sexan empresas: medios produtivos dispoñibles, produtos/servizos que comercializan e breve descrición da súa organización comercial e do seu posicionamento no mercado.

• Descrición da capacidade técnica do equipo humano que participa no proxecto, de acordo coa súa formación e experiencia.

• Relación de proxectos de I+D relacionados levados a cabo previamente pola entidade e cuxos resultados son útiles para o desenvolvemento das tarefas do proxecto que se solicita.

1.2. Grao de innovación do proxecto.

• Obxectivos científico-tecnolóxicos do proxecto, incluído o encaixe das actividades que se van desenvolver nel para favorecer os obxectivos de sustentabilidade da industria.

• Antecedentes e estado da arte nacional e internacional. Xustificación da novidade que supón respecto destes antecedentes.

• Xustificación da necesidade de abordar o proxecto.

• Descrición das tecnoloxías ou innovacións que se pretenden empregar ou implantar no proxecto, indicando as probas, validacións ou certificacións con que conta e os contornos e sectores en que foron empregadas, de ser o caso.

• Capacidade que ten a implantación da tecnoloxía proposta para mellorar os procesos buscando avanzar na súa eficiencia e flexibilidade.

• Posibles proxectos futuros que poderían derivar.

2. Implementación do proxecto.

2.1. Descrición do plan de traballo.

• Identificación e descrición das principais fases/actividades técnicas (paquetes de traballo con tarefas e subtarefas asociadas), indicando para cada unha os seus obxectivos científico-técnicos específicos, as entidades participantes, os resultados esperados e o seu orzamento. No caso de que exista colaboración con algún organismo de investigación e difusión, descríbase con detalle o seu contido.

• Medidas e accións previstas no proxecto que faciliten a implantación das tecnoloxías seleccionadas, así como o desenvolvemento sustentable en canto á eficiencia enerxética, reciclaxe industrial e optimización de recursos, entre outros.

• Cronograma das fases/actividades previstas (Gantt, PERT). Metodoloxía de execución das distintas tarefas e subtarefas descritas, indicando a súa interrelación.

• Avaliación dos puntos críticos e factores de risco. Plan de continxencias.

• Estrutura organizativa do proxecto e mecanismo de xestión e seguimento proposto para el.

2.2. Descrición detallada do orzamento.

• Para cada unha das entidades que participan no proxecto, xustificación das distintas partidas en que se distribúe o orzamento para a súa participación nel. Descrición dos aparellos e equipos de investigación que se van adquirir, dos materiais, das subcontratacións e todo tipo de colaboracións técnicas, así como dos custos de persoal, xustificando detalladamente a súa necesidade e adecuación para as tarefas do proxecto.

2.3. Efecto incentivador.

Xustificación de como a axuda fará que a entidade solicitante emprenda actividades complementarias que non realizaría, ou que realizaría dunha maneira limitada ou diferente, de forma que a axuda supoña un aumento substancial dalgún/s dos seguintes puntos:

– Do alcance do proxecto.

– Da cantidade total investida.

– Da súa velocidade de execución.

2.4. Protección dos resultados do proxecto.

Aspectos relacionados coa propiedade industrial e/ou intelectual, tanto desde a perspectiva da base tecnolóxica de partida necesaria para o desenvolvemento do proxecto como da xeración de novas patentes ou modelos de utilidade derivados deste.

3. Impacto socioeconómico do proxecto.

3.1. Explotación dos resultados esperados e orientación ao mercado do proxecto.

Analizarase a viabilidade económica do proxecto en termos de rendibilidade esperada, a través da descrición do mercado potencial e do plan de negocio definido para a comercialización dos resultados de investigación conseguidos. Incluiranse:

• Definición dos novos produtos, procesos ou servizos resultantes do proxecto, indicando a súa adecuación ás necesidades do mercado detectadas e as principais diferenzas respecto da competencia.

• Análise dos mercados potenciais.

• Descrición da estratexia de comercialización dos produtos ou servizos obtidos e do impacto do modelo empresarial de explotación. Xustificación da adecuación de cada entidade solicitante para a explotación comercial do proxecto.

• No plan de negocio deberán incluírse a conta de resultados do proxecto e indicadores do tipo VAN (valor actual neto), TIR (taxa interna de retorno) ou saldo de tesouraría acumulado do proxecto.

3.2. Contribución ao proxecto para mellorar a competitividade do modelo produtivo de Galicia a través dunha idónea integración das tecnoloxías industriais innnovadoras.

• Efecto de arrastre do proxecto: incorporación dos resultados tecnolóxicos do proxecto a cadeas de valor estratéxicas para Galicia, mellorando a competitividade a nivel internacional.

• Aumento da flexibilidade e individualización dos procesos de fabricación e optimización dos procesos que acheguen maior valor engadido mediante o aumento da produtividade e a redución dos custos operativos.

• Integración de pemes, de ser o caso, no proxecto, tendo en conta o compoñente técnico das actividades que desenvolvan.

3.3. Complementariedades e sinerxías con outras políticas.

• Consonancia e adecuación do proxecto:

a) Coas tendencias internacionais da fabricación avanzada e intelixente e, especialmente, coas prioridades e obxectivos do programa Horizonte Europa.

b) Coa Axenda Industrial de Galicia 2025.

c) Co Plan Estratéxico de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na sesión do 10 de marzo de 2022.

• Implicacións ambientais do proxecto: describir as melloras ambientais e de sustentabilidade que poidan derivar da execución do proxecto e a súa consonancia co Pacto verde europeo.

• Adecuación argumentada do aliñamento dos obxectivos do proxecto coa investigación e innovación responsable (IIR).

• Impacto do proxecto en termos de creación de emprego, especialmente emprego cualificado (postos indefinidos, formación, plans de igualdade, eventual inclusión de persoas con diversidade funcional).

ANEXO IX

IN854A-AXUDAS PARA A INICIATIVA FÁBRICA INTELIXENTE E SUSTENTABLE

Memoria xustificativa do cumprimento do principio de non causar prexuízo significativo ao ambiente (DNSH)

A memoria deberá conter as seguintes epígrafes:

1. Resumo do proxecto.

a) Detallaranse e especificaranse as actividades, os métodos e os procedementos que se van seguir, coa indicación da responsabilidade e da participación de cada unha das entidades nas actividades.

b) Describiranse os obxectivos técnicos, especificando as implicacións ambientais que comporta a súa realización (utilización de recursos, xeración de residuos, emisións de gases de efecto invernadoiro, tratamentos de augas, etc.)

c) Describiranse os resultados esperados no proxecto e por cada socio, especificando o posible beneficio ambiental que se achega na súa realización.

2. Consideración dos efectos ambientais directos ou indirectos na execución do proxecto e na súa posible vida útil.

Considérase un efecto indirecto aquel que se produce con posterioridade á execución do proxecto e que sexa efecto da utilización/explotación do produto desenvolvido.

Detallaranse os efectos ao ambiente, tanto directos coma indirectos, provocados no proceso de desenvolvemento do proxecto e a súa posterior utilización.

Se no desenvolvemento do proxecto e na súa vida útil se identifica un efecto prexudicial para o ambiente con base nos obxectivos ambientais, débese propoñer unha alternativa de utilización/produción. Se non houber alternativa posible, deberase argumentar e xustificar a súa necesidade de uso ou produción.

3. Xustificación do proxecto como actividade de baixo impacto ambiental.

Nesta epígrafe débese xustificar e argumentar que:

a) Non existen alternativas viables de baixo impacto ambiental desde o punto de vista técnico e/ou económico para a realización do proxecto.

b) Se adoptan os mellores niveis de desempeño ambiental no sector para a execución do proxecto.

c) A actividade conduce a un desempeño ambiental significativamente mellor que as alternativas dispoñibles no sector.

Os tres puntos deben ser argumentados e xustificados tendo en conta os procesos ou tecnoloxías de utilización e/ou desenvolvemento do proxecto.

4. Obxectivos ambientais.

Para cubrir este punto, débese explicar o proceso de produción ou desenvolvemento do proxecto e se interfire ou compromete algúns dos obxectivos ambientais. Aínda que non sexa de aplicación algún dos obxectivos ambientais no desenvolvemento do proxecto, débese xustificar igualmente. Con carácter xeral, cada obxectivo ambiental debe conter:

a) Unha explicación do obxectivo técnico e do proceso (actividades do proxecto e materias primas utilizadas) de desenvolvemento do proxecto enfocada a cada obxectivo ambiental.

b) A argumentación e/ou xustificación á pregunta formulada debe incluír referencias á lexislación ambiental nacional e/ou da UE aplicable.

c) Facilitar, cando for posible, datos cuantitativos de referencia e valores cuxa meta se pretende acadar.

d) No caso de se identificar un impacto, indicar mecanismos de control e seguimento para previlo. Incluír referencias á aplicación ou utilización de sistemas de xestión ambiental, utilización de bens ou servizos con etiqueta ecolóxica da UE.

En cada obxectivo ambiental débese responder á pregunta formulada coas indicacións específicas descritas para cada un deles:

1. Contribución substancial á mitigación do cambio climático.

Espérase que o proxecto xere emisións importantes de gases de efecto invernadoiro?

Segundo o artigo 10 do Regulamento 2020/852, considérase que unha actividade contribúe de forma substancial a estabilizar as concentracións de gases de efecto invernadoiro na atmosfera a un nivel que impida interferencias antropoxénicas perigosas no sistema climático compatible co obxectivo a longo prazo en materia de temperatura do Acordo de París, a través da elusión ou redución das emisións dos ditos gases ou do incremento da súa absorción, nomeadamente a través da innovación de procesos ou produtos por algún dos medios seguintes:

a) A xeración, a transmisión, o almacenamento, a distribución ou o uso de enerxías renovables, en particular utilizando tecnoloxías innovadoras cun potencial de aforro futuro significativo ou mediante os reforzos ou ampliacións da rede que sexan necesarios.

b) A mellora da eficiencia enerxética, excepto para as actividades de xeración de electricidade a que se refire o artigo 19, punto 3.

c) O aumento da mobilidade limpa ou climaticamente neutra.

d) O paso para a utilización de materiais renovables procedentes de fontes sustentables.

e) O aumento do uso de tecnoloxías de captura e utilización de carbono e de captura e almacenamento de carbono seguros para o ambiente que xeren unha redución neta das emisións de gases de efecto invernadoiro.

f) O reforzo dos sumidoiros de carbono, en particular mediante a prevención da deforestación e da degradación dos bosques, a recuperación dos bosques, a xestión sustentable e a recuperación das terras agrícolas, dos pasteiros e das zonas húmidas, a forestación e a agricultura rexenerativa.

g) A implantación da infraestrutura enerxética necesaria para posibilitar a descarbonización dos sistemas de enerxía.

h) A produción de combustibles limpos e eficientes a partir de fontes renovables ou neutras en carbono.

i) Facilitar calquera das actividades mencionadas nas letras a) a h) deste punto conforme o disposto no artigo 16.

Deberase facer referencia á compatibilidade co obxectivo de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro para o ano 2030 e co obxectivo de neutralidade climática para o ano 2050.

Para accións relacionadas con electrificación, farase referencia á complementación con medidas dirixidas á descarbonización e ao aumento da capacidade de xeración de enerxías renovables a nivel nacional.

2. Contribución substancial á adaptación ao cambio climático.

Espérase que o proxecto dea lugar a un aumento dos efectos adversos das condicións climáticas actuais e das previstas no futuro, sobre si mesma ou nas persoas, a natureza ou os activos?

Segundo o artigo 11 do Regulamento 2020/852, considérase que unha actividade económica contribúe de forma substancial á adaptación ao cambio climático cando esta actividade:

a) Inclúa solucións de adaptación que ou ben reduzan de forma substancial o risco de efectos adversos do clima actual e do clima previsto no futuro sobre esa actividade económica, ou ben reduzan de forma substancial eses efectos adversos, sen aumentar o risco de efectos adversos sobre as persoas, a natureza ou os activos.

b) Prevexa solucións de adaptación que, ademais de cumprir as condicións establecidas no artigo 16, contribúen de forma substancial para previr ou reducir o risco de efectos adversos do clima actual e do clima previsto no futuro ou reduzan de forma substancial eses efectos adversos sobre as persoas, a natureza ou os activos, sen aumentar o risco de efectos adversos sobre outras persoas, outras partes da natureza ou outros activos.

Débese referenciar a valoración de realizar unha avaliación do risco climático e realizala se for de aplicación.

3. Contribución substancial ao uso sustentable e á protección sustentable dos recursos hídricos e mariños.

Espérase que o proxecto prexudique o bo estado ou o bo potencial ecolóxico das masas de augas (superficiais e subterráneas) ou o bo estado ambiental das augas mariñas?

Segundo o artigo 12 do Regulamento 2020/852, considérase que unha actividade económica contribúe de forma substancial ao uso sustentable e á protección dos recursos hídricos e mariños cando contribúa substancialmente a acadar o bo estado das masas de augas, incluídas as augas superficiais e as augas subterráneas, ou a previr a súa deterioración cando están xa en bo estado, ou ben cando contribúa substancialmente a lograr o bo estado ambiental das augas mariñas ou a previr a súa deterioración cando estean en bo estado ambiental por algún dos medios seguintes:

a) Protexer o ambiente dos efectos adversos das verteduras de augas residuais urbanas e industriais, en especial de contaminantes que son obxecto de preocupación crecente como os produtos farmacéuticos e os microplásticos, garantindo a recollida, o tratamento e a vertedura adecuados das augas residuais urbanas e industriais.

b) Protexer a saúde humana dos efectos adversos de toda contaminación das augas destinadas ao consumo humano, garantindo que estas estean libres de calquera microorganismo, parasito ou substancia que poida representar un perigo para a saúde humana e mellorando o acceso da poboación á auga potable limpa.

c) Mellorar a xestión e a eficiencia da auga, en particular protexendo e mellorando o estado dos ecosistemas acuáticos, fomentando o uso sustentable da auga mediante a protección a longo prazo dos recursos hídricos dispoñibles, por exemplo con medidas como a reutilización da auga, reducindo progresivamente os contaminantes nas augas superficiais e subterráneas, contribuíndo para reducir os efectos de inundacións e secas, ou mediante calquera outra actividade que protexa ou mellore o estado cualitativo e cuantitativo das masas de auga.

d) Velar pola utilización sustentable dos servizos dos ecosistemas mariños ou contribuír ao bo estado ambiental das augas mariñas, en particular protexendo, conservando e restaurando o medio mariño, e evitando ou reducindo as verteduras no medio mariño.

e) Facilitar calquera das actividades enumeradas nas letras a) a d) deste punto conforme o disposto no artigo 16.

Con base na execución do proxecto, débense identificar e considerar os posibles riscos de degradación ambiental da calidade das augas e prevención da tensión hídrica en virtude da Directiva marco da auga e os plans hidrolóxicos de bacía.

No caso de actuacións no medio mariño e costeiro, non impedir nin comprometer de forma permanente a consecución dun bo estado ambiental, tal como se define no Directiva marco sobre a estratexia mariña, no nivel da rexión ou subrexión mariña de que se trate ou nas augas mariñas doutros Estados.

Débese referenciar non ter un impacto significativo sobre: i) as masas de auga afectadas ou ii) hábitats e especies protexidos que dependen directamente da auga.

Débense respectar a xerarquía de mitigación e outros requisitos pertinentes en virtude da Directiva de aves silvestres e a Directiva de conservación dos hábitats naturais e de flora e fauna silvestres.

4. Contribución substancial á transición cara a unha economía circular.

Espérase que o proxecto dea lugar a un aumento significativo da xeración, incineración ou eliminación de residuos, agás a incineración de residuos perigosos non reciclables, ou que xere importantes ineficiencias no uso directo ou indirecto de recursos naturais en calquera das fases do seu ciclo de vida que non se minimicen con medidas adecuadas ou que dea lugar a un prexuízo significativo e a longo prazo para o ambiente en relación coa economía circular?

Segundo o artigo 13 do Regulamento 2020/852, considérase que unha actividade contribúe de forma substancial á transición cara á economía circular, en particular a prevención, a reutilización e a reciclaxe de residuos, cando a dita actividade:

a) Use os recursos naturais, nomeadamente materiais sustentables de orixe biolóxica e outras materias primas, na produción de modo máis eficiente, a través da redución do uso de materias primas primarias ou o aumento do uso de subprodutos e de materias primas secundarias, ou use medidas de eficiencia enerxética e dos recursos.

b) Aumente a durabilidade, a reparabilidade ou as posibilidades de actualización ou reutilización dos produtos, especialmente nas actividades de deseño e fabricación.

c) Aumente a reciclabilidade dos produtos e a reciclabilidade dos materiais contidos nos ditos produtos, entre outras maneiras a través da substitución dos produtos e materiais non reciclables ou a súa menor utilización, especialmente nas actividades de deseño e fabricación.

d) Reduza de forma substancial o contido de substancias perigosas e substitúa as substancias extremadamente preocupantes en materiais e produtos ao longo de todo o seu ciclo de vida, consonte os obxectivos establecidos no dereito da Unión, en particular substituíndo as ditas substancias por alternativas máis seguras e garantindo a súa rastrexabilidade.

e) Prolongue o uso de produtos, concretamente a través da reutilización, o deseño para a súa durabilidade, novas orientacións, a desmontaxe, as actualizacións, a reparación e o uso compartido.

f) Aumente o uso de materias primas secundarias e a calidade destas, en particular a través da reciclaxe de residuos de alta calidade.

g) Preveña ou reduza a xeración de residuos, especialmente a procedente da extracción de minerais e os residuos da construción e demolición de edificios.

h) Incremente a preparación para a reutilización e a reciclaxe de residuos.

i) Aumente o desenvolvemento da infraestrutura de xestión de residuos necesaria para a prevención, para a preparación, para a reutilización e para a reciclaxe, ao tempo que se garanta que os materiais recuperados resultantes se reciclan como materias primas secundarias de alta calidade na produción, evitando o ciclo de degradación.

j) Reduza ao mínimo a incineración e evite a vertedura dos residuos, incluída a descarga en vertedoiros, de conformidade cos principios da xerarquía de residuos.

k) Evite ou reduza a dispersión de residuos no ambiente.

l) Facilite as actividades mencionadas nas letras a) a k) deste punto, conforme o disposto no artigo 16.

Débese garantir a utilización eficiente para os principais recursos utilizados. Débense abordar as ineficiencias no uso dos recursos e garantir a recollida separada eficaz e eficiente dos residuos en orixe, así como que as fraccións separadas en orixe se envían para a preparación para a súa reutilización ou reciclaxe.

Todo isto consonte o plan de xestión de residuos e o programa de prevención de residuos nacionais ou rexionais pertinentes, de conformidade co artigo 28 da Directiva 2008/98/CE, modificada pola Directiva 2018/851/UE e, cando exista, coa estratexia nacional, rexional ou local de economía circular e cos principios de produtos sustentables e coa xerarquía de residuos, priorizando a prevención de residuos.

5. Contribución substancial á prevención e ao control da contaminación.

Espérase que o proxecto dea lugar a un aumento significativo das emisións de contaminantes á atmosfera, á auga ou ao solo?

Segundo o artigo 14 do Regulamento 2020/852, considérase que unha actividade contribúe de forma substancial á prevención e ao control da contaminación cando contribúa á protección fronte á contaminación do ambiente por algún dos medios seguintes:

a) Previr ou, cando isto non for posible, reducir as emisións contaminantes á atmosfera, á auga ou á terra, distintas dos gases de efecto invernadoiro.

b) Mellorar os niveis de calidade do aire, da auga ou do solo nas zonas en que a actividade económica se realiza e minimizar, ao mesmo tempo, os efectos adversos para a saúde humana e o ambiente, ou o risco de xeralos.

c) Previr ou reducir ao mínimo calquera efecto adverso para a saúde humana e o ambiente provocado pola produción, o uso e a eliminación de produtos químicos.

d) Realizar tarefas de limpeza dos residuos abandonados e de calquera outra contaminación.

e) Facilitar calquera das actividades mencionadas nas letras a) a d) deste punto, conforme o artigo 16.

Todo isto facendo referencia aos plans de redución da contaminación existentes a nivel mundial, nacional, rexional ou local. Se for de aplicación, identificar, propoñer e incluír solucións alternativas ao uso de substancias perigosas.

Se for de aplicación, xustificar a metodoloxía de uso sustentable dos praguicidas.

Se for de aplicación, xustificar a utilización das mellores prácticas para combater a resistencia aos antimicrobianos.

6. Contribución substancial á protección e á restauración da biodiversidade e dos ecosistemas.

Espérase que o proxecto vaia en gran medida en detrimento das boas condicións e a resiliencia dos ecosistemas ou en detrimento do estado da conservación dos hábitats e das especies, en particular daqueles de interese para a Unión Europea?

Segundo o artigo 15 do Regulamento 2020/852, considérase que unha actividade contribúe de forma substancial á protección e á restauración da biodiversidade e dos ecosistemas cando esta actividade contribúa de forma substancial a protexer, conservar ou recuperar a biodiversidade ou a lograr as boas condicións dos ecosistemas, ou a protexer os ecosistemas que xa están en boas condicións, por medio:

a) Da conservación da natureza e da biodiversidade, en particular logrando un estado de conservación favorable dos hábitats naturais e seminaturais e das especies ou evitando a súa deterioración se o seu estado e conservación xa é favorable, e protexendo e restaurando os ecosistemas terrestres, mariños e outros ecosistemas acuáticos co fin de mellorar o seu estado e capacidade de prestar servizos ecosistémicos.

b) Do uso e da xestión sustentables da terra, en particular a protección adecuada da biodiversidade do solo, a neutralidade na degradación das terras e o saneamento dos terreos contaminados.

c) Dunhas prácticas agrícolas sustentables, en particular aquelas que contribúan a mellorar a biodiversidade ou a frear ou evitar a degradación dos solos e doutros ecosistemas, a deforestación e a perda de hábitats.

d) Dunha xestión forestal sustentable, cunhas prácticas e unha utilización dos bosques e dos terreos forestais que contribúan a mellorar a biodiversidade ou que freen ou eviten a degradación dos ecosistemas, a deforestación e a perda de hábitats.

e) De facilitar calquera das actividades mencionadas nas letras a) a d) deste punto, conforme o disposto no artigo 16.

Confirmar e xustificar que a actuación respecta a xerarquía de mitigación e outros requisitos pertinentes en virtude da Directiva de aves silvestres e a Directiva de conservación dos hábitats naturais.

Cando proceda, confirmar o compromiso de realización dunha avaliación do impacto ambiental e aplicación das súas conclusións.

ANEXO X

IN854A-AXUDAS PARA A INICIATIVA FÁBRICA INTELIXENTE E SUSTENTABLE

INFORME DE REVISIÓN DE MEMORIA ECONÓMICA QUE REALIZARÁ O AUDITOR

O obxecto deste informe é tanto a validación da correcta xustificación dos gastos vinculados ao orzamento do proxecto como a verificación do cumprimento doutras condicións requiridas pola normativa aplicable.

O informe de auditoría axustarase ao disposto na Orde EHA/1434/2007, do 17 de maio, e, no caso dun proxecto en cooperación, deberá ser realizado por un mesmo auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, cuxa designación lle corresponderá ao representante da agrupación.

Ademais, terá en conta as bases reguladoras e as instrucións que se detallan neste anexo.

1. Análise e comprobacións que efectuará o auditor.

O auditor, na súa análise, deberá verificar a memoria económica e ter en conta:

1. As condicións da resolución de concesión.

2. O orzamento susceptible de financiamento establecido na resolución de concesión e, de ser o caso, nas resolucións posteriores que impliquen modificacións autorizadas pola Axencia Galega de Innovación.

3. Que a información económica contida na memoria económica está soportada por unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade financiada, con identificación do acredor e do documento (factura ou documento de valor probatorio equivalente segundo a normativa nacional e comunitaria aplicable á subvención), o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento, tal e como se describe de forma detallada no artigo 36 para cada tipoloxía de gasto. As facturas ou os documentos contables xustificativos do gasto deberán incluír, ademais de todos os requisitos exixidos pola normativa de facturación, unha descrición suficiente dos conceptos facturados que permita unha análise de coherencia coa documentación técnica.

4. Que a entidade dispón de documentos orixinais acreditativos dos gastos xustificados e do seu pagamento e que os ditos documentos foron reflectidos nos rexistros contables, tal e como se indica de forma detallada no artigo 36 para cada tipoloxía de gasto.

5. Que os gastos e investimentos que integran a relación cumpren os requisitos para teren a consideración de gasto susceptible de financiamento.

6. Que todos os pagamentos dos gastos executados están realizados dentro dos prazos establecidos no artigo 35.

7. Verificar que a entidade mantén un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes aos investimentos realizados no proxecto.

8. Verificar, no caso de organismos de investigación, que contan cunha contabilidade separada de actividades económicas e non económicas.

Coa xustificación de cada anualidade, os beneficiarios presentarán un resumo de execución da subvención agrupado por custos directos e indirectos:

A. Custos directos.

Os custos directos son aqueles que están directa e inequivocamente vinculados á actividade subvencionada e cuxo nexo con esta actividade se pode demostrar. Consideraranse custos directos subvencionables os seguintes:

1. Persoal.

O auditor deberá analizar e verificar a existencia da documentación e requisitos detallados no artigo 36 e comprobar:

a) Se o persoal está incluído dentro do orzamento susceptible de financiamento que figura na resolución de concesión ou resolucións posteriores de modificación aprobadas pola Axencia Galega de Innovación.

b) Que o persoal cumpre os requisitos establecidos no artigo 11 da convocatoria para os custos de persoal.

c) Comprobación das retribucións satisfeitas das persoas que imputaron dedicación de acordo coa documentación xustificativa (nóminas e xustificantes de pagamento e certificado de retencións de IRPF).

d) Comprobación do custo da Seguridade Social imputable a cada beneficiario mediante os modelos RNT e RLC de cotización á Seguridade Social e documento de pagamento de todos os meses de actividade do proxecto.

e) Se o persoal está incluído no informe de vida laboral da empresa, se o tipo de contrato é subvencionable e se o grupo de cotización se corresponde co que figura na resolución de concesión.

f) No caso de que se imputen custos de persoal autónomo contratado en concepto de persoal propio, o auditor verificará, ademais:

− Que o dito persoal traballa regularmente na entidade que imputa os gastos e que non se trata dunha contratación esporádica, e que a súa dedicación ao proxecto non supera o establecido no artigo 11 da convocatoria.

− Que se realizaron efectivamente os pagamentos ao persoal autónomo contratado pola contía imputada.

g) Comprobación, no caso de persoal de nova contratación, da dedicación exclusiva ao proxecto, de que non tivo vinculación laboral coa empresa nos seis (6) meses anteriores ao inicio do seu contrato e de que este fai mención expresa ao cofinanciamento pola Unión Europea, ao acrónimo do proxecto e á convocatoria.

h) Comprobación da comunicación por escrito ao traballador ou traballadora de que parte do seu salario está cofinanciado pola Unión Europea.

i) Comprobación de que toda a documentación xustificativa é coherente co calendario de realización do proxecto que figura na resolución de concesión ou as posibles ampliacións de prazo de execución aprobadas pola Axencia Galega de Innovación.

j) Verificar que se cumpre o resto de requisitos e que se conta con toda a documentación xustificativa indicada nesta convocatoria para este concepto subvencionable.

2. Equipamento e material instrumental de nova adquisición.

O auditor deberá analizar e verificar a existencia da documentación e requisitos detallados no artigo 36, comprobando:

a) Se este concepto está incluído dentro do orzamento financiable que figura na resolución de concesión ou resolucións posteriores de modificación aprobadas pola Axencia Galega de Innovación.

b) Se a cota anual de amortización, a data de inicio da amortización e o importe de adquisición de cada equipo é a reflectida nos rexistros contables da sociedade e se corresponde co indicado na documentación de solicitude do proxecto.

c) Debe verificar que os equipos que se están a amortizar non recibiron calquera outra axuda pública para a súa adquisición.

d) Verificar que se achegaron un mínimo de tres ofertas para os gastos establecidos no artigo 17 da convocatoria.

e) Verificar que se cumpre o resto de requisitos e se conta con toda a documentación xustificativa indicada na convocatoria para este concepto subvencionable.

3. Materiais, subministracións e produtos similares.

O auditor deberá analizar e verificar a existencia da documentación e requisitos detallados no artigo 36, comprobando:

a) Se este concepto está incluído dentro do orzamento susceptible de financiamento que figura na resolución de concesión ou resolucións posteriores de modificación aprobadas pola Axencia Galega de Innovación.

b) Verificar que as datas das facturas e os documentos acreditativos do pagamento son coherentes co calendario de realización do proxecto que figura na resolución de concesión ou as súas posibles ampliacións de prazo de execución aprobadas pola Axencia Galega de Innovación.

c) Verificar que se achegou un mínimo de tres ofertas para os gastos establecidos no artigo 17 da convocatoria.

d) Verificar que se cumpre o resto de requisitos e que se conta con toda a documentación xustificativa indicada nesta convocatoria para este concepto subvencionable.

4. Adquisición de patentes.

O auditor deberá analizar e verificar a existencia da documentación e requisitos detallados no artigo 36, comprobando:

a) Se este concepto está incluído dentro do orzamento financiable que figura na resolución de concesión ou resolucións posteriores de modificación aprobadas pola Axencia Galega de Innovación.

b) Verificar que as datas das facturas e os documentos acreditativos do pagamento son coherentes co calendario de realización do proxecto que figura na resolución de concesión ou as súas posibles ampliacións de prazo de execución aprobadas pola Axencia Galega de Innovación.

c) Verificar que as patentes foron adquiridas ou obtidas por licenza de fontes externas á entidade solicitante e que a operación se realizou en condicións de plena competencia.

d) Verificar que se achegou un mínimo de tres ofertas para os gastos establecidos no artigo 17 da convocatoria.

e) Verificar que se cumpre o resto de requisitos e que se conta con toda a documentación xustificativa indicada nesta convocatoria para este concepto subvencionable.

5. Subcontratacións.

O auditor deberá analizar e verificar a existencia da documentación e requisitos detallados no artigo 36, comprobando:

a) Se este concepto está incluído dentro do orzamento susceptible de financiamento que figura na resolución de concesión ou resolucións posteriores de modificación aprobadas pola Axencia Galega de Innovación.

b) Verificar que as datas das facturas e os documentos acreditativos do pagamento son coherentes co calendario de realización do proxecto que figura na resolución de concesión ou as súas posibles ampliacións de prazo de execución aprobadas pola Axencia Galega de Innovación.

c) Verificar que se achegou un mínimo de tres ofertas para os gastos establecidos no artigo 17 da convocatoria.

d) Verificar a subscrición do contrato entre o beneficiario e a entidade subcontratista nos casos que establece o artigo 15 das bases reguladoras.

e) Verificar que se achega a documentación que se indica no artigo 15.4 e 15.6 da convocatoria.

f) Verificar que se cumpre o resto de requisitos e que se conta con toda a documentación xustificativa indicada nesta convocatoria para este concepto subvencionable.

6. Outros custos.

− O custo derivado do informe realizado polo auditor.

− O custo derivado do informe de valoración do cumprimento do principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (DNSH).

− O custo derivado do plan de comunicación e difusión do proxecto.

O auditor deberá analizar e verificar a existencia da documentación e requisitos detallados no artigo 36, para cada un destes custos, comprobando:

a) Se o concepto está incluído no orzamento susceptible de financiamento que figura na resolución de concesión ou resolucións posteriores de modificación aprobadas pola Axencia Galega de Innovación.

b) As datas das facturas e os documentos acreditativos do pagamento deberán ser coherentes co calendario de realización do proxecto que figura na resolución de concesión ou as súas posibles ampliacións de prazo de execución aprobadas pola Axencia Galega de Innovación.

c) Deberá verificar que tanto o custo do informe de auditoría como o custo derivado do informe de valoración do cumprimento do principio DNSH e o custo derivado do plan de comunicación e difusión do proxecto non superan os límites establecidos no artigo 16.

d) Verificar que se cumpre o resto de requisitos e que se conta con toda a documentación xustificativa indicada nesta convocatoria para este concepto subvencionable.

B. Custos de carácter indirecto.

Os custos indirectos son aqueles que non están vinculados ou non se poden vincular directamente á actividade subvencionada por ter carácter estrutural, pero resultan necesarios para a súa realización. Inclúense os gastos administrativos, tales como xestión administrativa e contable, gastos de supervisión e control de calidade; subministracións, tales como auga, electricidade, calefacción e teléfono; seguros; seguridade ou gastos de limpeza.

O auditor, conforme as bases reguladoras, verificará que os custos indirectos se corresponden co importe resultante de aplicar unha porcentaxe do 15 % aos custos de persoal imputados ás actividades do proxecto (artigo 10 das bases reguladoras).

2. Outras obrigas e comprobacións que efectuará o auditor.

a) Deberá comprobar o cumprimento dos prazos de pagamento a provedores de conformidade co previsto no artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

b) Deberá conservar copia de toda a documentación utilizada para a análise e verificación dos conceptos incluídos na memoria económica durante o prazo que sexa legalmente exixible.

c) Comprobará, no lugar de desenvolvemento do proxecto, a existencia de indicación visible do financiamento por parte da Axencia Galega de Innovación e que se cumpre o resto de requisitos en materia de publicidade e información recollidos no Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, e nas bases reguladoras desta convocatoria.

d) O auditor deberá asistir á reunión que convocará a Axencia Galega de Innovación para facilitarlle a revisión conforme as instrucións recollidas neste anexo. Esta reunión terá carácter obrigatorio e a ausencia poderá dar lugar á inadmisión dos gastos xustificados en concepto de auditoría (artigo 16 das bases reguladoras).

e) Calquera outra que derive da verificación dos requisitos indicados nesta convocatoria e no resto de normativa que lle é de aplicación (artigo 48 das bases reguladoras).

[1] Neste texto, o termo «definición» refírese ao anexo da Recomendación 2003/361/CE da Comisión, sobre a definición de pequenas e medianas empresas.

[2] Artigo 3 da definición.

[3] En termos de participación de capital ou dereitos de voto, terase en conta a maior das dúas porcentaxes. Á devandita porcentaxe engadirase a porcentaxe de participación que calquera outra empresa vinculada á empresa accionista posúa sobre a empresa en cuestión (punto 2 do artigo 3 da definición).

[4] Unha empresa pode seguir sendo considerada autónoma aínda que se acade ou se supere este límite do 25 % cando corresponda a algún dos tipos de investidores que se indican a continuación (sempre que os investidores non sexan empresas vinculadas á empresa solicitante):

a) sociedades públicas de participación, sociedades de capital risco, persoas físicas ou grupos de persoas físicas que realicen unha actividade regular de investimento en capital risco (investidores providenciais ou business angels) e invistan fondos propios en empresas sen cotización bolsista, coa condición de que o investimento da business angels na mesma empresa non supere 1.250.000 euros;

b) universidades ou centros de investigación sen fins lucrativos;

c) investidores institucionais, incluídos os fondos de desenvolvemento rexional.

(segundo parágrafo do punto 2 do artigo 3 da definición).

[5] Se o domicilio social da empresa está situado nun Estado membro que previu unha excepción á obriga de elaborar as contas, conforme a sétima Directiva 83/349/CEE, a empresa debe verificar especificamente que non cumpre ningunha das condicións establecidas no punto 3 do artigo 3 da definición.

_ Nalgúns casos pouco frecuentes, unha empresa pode estar vinculada a outra a través dunha persoa ou un grupo de persoas físicas que actúen de común acordo (puntos 3 do artigo 3 da definición).

_ Á inversa, pode darse o caso, moi pouco habitual, de que unha empresa elabore voluntariamente contas consolidadas sen estar suxeita a iso segundo a sétima Directiva. Neste caso hipotético, a empresa non está necesariamente vinculada, e pode considerarse só asociada.

Para determinar se unha empresa está vinculada ou non, debe verificarse, para cada unha das tres situacións mencionadas, se cumpre algunha das condicións establecidas no punto 3 do artigo 3 da definición, de ser o caso, a través dunha persoa ou grupo de persoas físicas que actúen de común acordo.

[6] DO L 193, do 18.7.1983, p. 1 modificada pola Directiva 2001/65/CE do Parlamento Europeo e do Consello (DO L 283, do 27.10.2001, p. 28).

[7] Artigo 5 da definición.

[8] Determinarano os Estados membros segundo as súas necesidades.

[9] Presidencia, dirección xeral ou equivalente.

[10] Punto 2 do artigo 4 da definición no anexo á Recomendación 2003/361/CE da Comisión.

[11] Se os datos relativos a unha empresa se recollen nas contas consolidadas nunha porcentaxe inferior á determinada no punto 2 do artigo 6, é conveniente, con todo, aplicar a porcentaxe que se determina no dito artigo (segundo parágrafo do punto 3 do artigo 6 da definición).

[12] Determinarano os Estados membros segundo as súas necesidades.

[13] Presidencia, dirección xeral ou equivalente.

[14] Primeiro parágrafo do punto 3 do artigo 6 da definición.

[15] Polo que respecta á participación no capital ou dereitos de voto, terase en conta a maior das dúas porcentaxes. Á dita porcentaxe debe engadírselle a porcentaxe de participación que calquera empresa vinculada posúa da empresa en cuestión (primeiro parágrafo do punto 2 do artigo 3 da definición

[16] Segundo parágrafo do punto 2 do artigo 6 da definición.

[17] Determinarano os Estados membros segundo as súas necesidades.

[18] Presidencia, dirección xeral ou equivalente.

[19] Se os datos relativos a unha empresa se recollen nas contas consolidadas nunha porcentaxe inferior á determinado no punto 2 do artigo 6, é conveniente, con todo, aplicar a porcentaxe que se determina no dito artigo (segundo parágrafo do punto 3 do artigo 6 da definición).