Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Xoves, 6 de xullo de 2023 Páx. 41738

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 5 de xullo de 2023 pola que se regula o exercicio dos dereitos electorais do persoal ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia nas eleccións xerais ao Congreso dos Deputados e ao Senado, convocadas para o día 23 de xullo de 2023 polo Real decreto 400/2023, do 29 de maio, de disolución do Congreso dos Deputados e do Senado e de convocatoria de eleccións.

Convocadas eleccións xerais ao Congreso dos Deputados e ao Senado para o 23 de xullo de 2023 mediante o Real decreto 400/2023, do 29 de maio (BOE núm. 128, do 30 de maio), cómpre adoptar as medidas oportunas para facilitar o exercicio dos dereitos e deberes do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, en virtude do previsto nos artigos 28, 76 e 78 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, e no artigo 13 do Real decreto 605/1999, do 16 de abril, de regulación complementaria dos procesos electorais, e demais disposicións concordantes, esta consellería, de conformidade coas facultades que lle confire o artigo 14 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia,

DISPÓN:

Primeiro

1. O persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que o día das eleccións non desfrute do seu descanso semanal terá dereito a un permiso retribuído de ata catro horas libres para exercer o seu dereito ao voto, sempre que a súa quenda de traballo, o día 23 de xullo de 2023, coincida, polo menos en catro horas, co tempo en que permanecerán abertas as mesas electorais. Cando o traballo se preste en xornada reducida, efectuarase a correspondente redución proporcional do permiso.

2. O persoal ao servizo da Administración pública de Galicia que teña previsto que na data da votación non estará na localidade onde lle corresponde exercer o seu dereito ao voto, ou que non poida exercer o dereito de sufraxio o día das eleccións, disporá, no seu horario laboral, de ata catro horas libres para que poida formular persoalmente a solicitude de certificación acreditativa da súa inscrición no censo, que se recolle no artigo 72 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, de réxime electoral xeral, así como para a remisión do voto por correo.

Segundo

1. O persoal nomeado presidenta/e ou vogal de mesas electorais e as/os que acrediten a súa condición de interventoras/es teñen dereito, durante o día da votación, a un permiso retribuído de xornada completa se non desfrutan en tal data de descanso semanal, e a unha redución da súa xornada de traballo de cinco horas o día inmediatamente posterior.

2. As/os que acrediten a súa condición de apoderadas/os teñen dereito a un permiso retribuído durante o día da votación, se non desfrutan nese día de descanso semanal.

3. A acreditación do persoal nomeado presidenta/e ou vogal de mesas electorais ou da condición de interventoras/es ou de apoderadas/os realizarase mediante a achega da oportuna xustificación documental na correspondente dirección ou xefatura de persoal.

Terceiro

O persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia enunciadas na letra a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, que se presente como candidato ás eleccións que terán lugar o vindeiro 23 de xullo poderá ser dispensado, logo da súa solicitude, da prestación do servizo nas súas respectivas unidades durante a campaña electoral; é dicir, desde as cero horas do venres 7 de xullo de 2023 ata as vinte e catro horas do venres 21 de xullo de 2023.

A competencia para a concesión do referido permiso corresponderalle á secretaría xeral técnica de cada consellería ou órgano directivo correspondente da respectiva entidade pública instrumental.

Cuarto

As direccións ou xefaturas de persoal das dependencias onde prestan os seus servizos as persoas afectadas por esta orde exixiranlles a estas os oportunos xustificantes expedidos polas mesas electorais de que exerceron o seu dereito ao voto.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2023

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública