Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Xoves, 6 de xullo de 2023 Páx. 41734

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

DECRETO 104/2023, do 29 de xuño, polo que se modifica o Decreto 244/2011, do 29 de decembro, polo que se aproban os estatutos do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio (IET).

A Comunidade Autónoma de Galicia, segundo establece o artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia nos parágrafos 3 e 30, ten competencia exclusiva, respectivamente, en materia de ordenación do territorio e do litoral, así como de normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23 da Constitución española. O artigo 37.3 do mesmo estatuto recolle que as competencias de execución na Comunidade Autónoma levan implícitas, entre outras, a correspondente potestade regulamentaria.

O Decreto 79/2023, do 22 de xuño, fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia. No seu artigo 2 establece os órganos de dirección da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e adscribe á dita consellería o organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio.

O Instituto de Estudos do Territorio creouse pola Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, como consecuencia do mandato legal do artigo 31 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, á vez que dispuxo a súa adscrición á consellería competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

Ambas as dúas leis derrogáronse pola vixente Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, que no seu capítulo IV regula o Instituto de Estudos do Territorio como organismo autónomo adscrito á consellería competente en materia de ordenación do territorio e co obxecto de analizar, estudar e asesorar en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

Está configurado como un organismo autónomo dos regulados na sección 2ª do capítulo II do título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e o sector público autonómico de Galicia, medio propio e servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

II

Os estatutos do Instituto de Estudos do Territorio aprobáronse polo Decreto 244/2011, do 29 de decembro. O seu artigo 9 recolle que o Instituto de Estudos do Territorio ten por obxecto a análise, estudo e asesoramento en materia de urbanismo e ordenación do territorio, entendéndose comprendida nela a ordenación, protección e xestión da paisaxe.

En consonancia co seu obxecto, o artigo 10 da citada norma recolle as súas funcións entre as que se atopan o impulso da cooperación con todas as administracións públicas con competencia no territorio, especialmente coas administracións locais, co fin de promover o desenvolvemento de políticas comúns, debidamente coordinadas e programadas, que aseguren o cumprimento dos fins de protección, xestión e ordenación anteriormente sinalados. Así mesmo ten atribuídas, entre as súas funcións, a de prestar asistencia e asesoramento aos concellos de Galicia para a elaboración do planeamento urbanístico e a xestión e execución do planeamento, co fin de implementar as políticas de paisaxe na planificación urbanística e territorial.

III

A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, traballa na mellora e protección da riqueza paisaxística de Galicia e con este obxectivo conta con instrumentos cos cales asegurar a súa axeitada protección, xestión e ordenación, entre os que destacan o Catálogo das paisaxes de Galicia e as directrices de paisaxe.

A elaboración e a configuración destes instrumentos puxo en evidencia novas necesidades, entre outras o necesario reforzo da cooperación entre administracións públicas que se amosa como a canle idónea para o desenvolvemento de políticas que supoñan integrar a cultura da paisaxe en todas as políticas territoriais e sectoriais (tal e como temos advertido con instrumentos tales como os pactos pola paisaxe ou os plans de acción de paisaxe). Isto fai esencial desenvolver, desde o Instituto de Estudos do Territorio, unha programación e coordinación axeitada para acadar un adecuado impulso da referida cooperación interadministrativa.

Por outra banda, púxose de manifesto a existencia de moitos bens, tanto de titularidade privada como de titularidade municipal que, pola súa situación ou estado de conservación, producen impactos paisaxísticos.

Á vista destas necesidades cómpre modificar os estatutos do Instituto de Estudos do Territorio co fin de adaptar e reforzar a súa estrutura para o desenvolvemento de novos programas e proxectos no ámbito das súas competencias. Do mesmo xeito, cómpre adaptar as funcións realizadas polas distintas unidades administrativas á realidade existente a día de hoxe, así como ás novas necesidades xurdidas como consecuencia da implementación dos instrumentos recollidos no Decreto 96/2020, do 29 de maio, polo que se aproba o Regulamento da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia.

IV

Na tramitación do expediente observáronse os trámites previstos nos artigos 41 a 43 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Prescindiuse do trámite de consulta pública previa, así como da audiencia e información pública, ao tratarse dunha norma puramente organizativa

En particular, constan no expediente: a documentación xustificativa da publicación na páxina web, os informes da Dirección Xeral da Función Pública e da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa de conformidade co previsto no artigo 42.7 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, o informe da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos (artigo 42.1), o informe de impacto demográfico (artigo 42.9) e o informe de impacto de xénero da Secretaría Xeral da Igualdade ao abeiro do previsto no artigo 7 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

Este decreto elaborouse de conformidade co disposto nos artigos 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 37 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, adecuándose aos principios de necesidade, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, accesibilidade, simplicidade e eficacia.

O cumprimento do principio de necesidade deriva da necesidade de adaptar a estrutura do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio ás novas necesidades detectadas no desenvolvemento dos instrumentos previstos no Decreto 96/2020, do 29 de maio, polo que se aproba o Regulamento da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia.

En virtude do exposto, en exercicio das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e nove de xuño de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 244/2011, do 29 de decembro, polo que se aproban os estatutos do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio

Un. A alínea b) do número 2 do artigo 27 queda redactada como segue:

«b) Servizo Xurídico-Administrativo: correspóndenlle as funcións encomendadas ao departamento no relativo á prestación de asesoramento a todas as unidades do organismo, particularmente nos procedementos de axudas tramitados polo Instituto de Estudos do Territorio, á elaboración dos anteproxectos normativos e de plans e programas de actuación deste organismo e das propostas de resolución dos expedientes que sexan competencia do Instituto de Estudos do Territorio, á tramitación dos convenios de colaboración, así como á xestión e administración ordinaria do persoal adscrito ao organismo».

Dous. Engádese unha alínea d) ao número 2 do artigo 28, que queda redactada como segue:

«d) Xefatura de Servizo de Coordinación e Fomento dos valores paisaxísticos: correspóndenlle as funcións encomendadas ao Instituto de Estudos do Territorio no relativo ao fomento dos valores paisaxísticos e da súa integración nas políticas territoriais e sectoriais, así como as funcións de asistencia aos concellos de Galicia para a elaboración, xestión e execución dos instrumentos de planeamento urbanístico».

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de xuño de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ángeles Vázquez Mejuto
Vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda