Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Venres, 7 de xullo de 2023 Páx. 42145

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 28 de xuño de 2023 de incremento do crédito da Orde do 21 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2023 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sustentables, tramitada como anticipado de gasto (código de procedemento PE209B).

Con data do 19 de xaneiro de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 21 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2023 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sustentables, tramitada como anticipado de gasto (código de procedemento PE209B).

Estes proxectos deben desenvolverse na Comunidade Autónoma de Galicia e ter por obxecto recuperar hábitats mariños e costeiros en favor de poboacións de especies de interese marisqueiro ou que contribúan a unha mellor xestión ou conservación dos recursos biolóxicos mariños. As actuacións subvencionables son as que se centran en hábitats costeiros de importancia para a reprodución de organismos mariños, as actividades destinadas a redución da contaminación física e química, medidas de conservación positivas cuxo obxectivo sexa protexer e conservar a flora e fauna, incluída a repoboación ou reintrodución de especies autóctonas, e actuacións destinadas a previr, controlar ou eliminar especies exóticas invasoras que poñan en perigo a conservación destes hábitats e especies.

Estas axudas concédense con cargo á aplicación orzamentaria 15.03.723A.770.1, código de proxecto 2016 00293, dotada con fondos do FEMP (Prioridade 1. Fomentar unha pesca sostible, OE1.b), medida 1.2.1).

O artigo 30.2.b) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, permite que as convocatorias poidan prever a posibilidade de ampliar o crédito cando o aumento veña derivado, entre outros, da existencia de remanentes doutras convocatorias con cargo a crédito doutro programa do mesmo servizo.

Consonte o anterior, o punto 4 do artigo 3 da Orde do 21 de decembro de 2022 establece que os importes consignados na convocatoria, así como as aplicacións a que se imputen, poderán ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes, respectando sempre o disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

O punto 3 do mesmo artigo 3 establece que o importe máximo das subvencións que se concederán en 2023 serán 750.000,00 €. Porén, este crédito non foi suficiente para atender todas as solicitudes cuxo obxecto é susceptible de subvención, polo que se considera oportuno incrementar o citado crédito co obxecto de contribuír ao logro do obxectivo específico de protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas acuáticos, dentro do programa operativo FEMP 2014-2020.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Incremento de crédito

Increméntase en trinta mil euros (30.000,00 €) o crédito destinado ao financiamento das axudas previstas na Orde do 21 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2023 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sustentables, tramitada como anticipado de gasto.

O citado incremento consignarase, ao igual que o crédito previsto na convocatoria, na aplicación orzamentaria 15.03.723A.770.1, código de proxecto 2016 00293.

Polo tanto, o importe máximo das subvencións que se concederán con cargo a esta convocatoria no 2023 pasa a ser de setecentos oitenta mil euros (780.000,00 €) nunha única anualidade, a 2023.

En todo caso, a concesión das axudas estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

As porcentaxes de cofinanciamento das axudas continuará sendo do 75 % con fondos FEMP e o 25 % pola Comunidade Autónoma.

A publicación desta orde non supón apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2023

Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar