Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Venres, 7 de xullo de 2023 Páx. 42067

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 29 de xuño de 2023 pola que se fai público o incremento do crédito das axudas previstas na Orde do 27 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nados, adoptados/as ou declarados/as en situación de garda con fins adoptivos no ano 2023, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS403B).

A Orde do 27 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nados, adoptados/as ou declarados/as en situación de garda con fins adoptivos no ano 2023, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS403B), publicada no Diario Oficial de Galicia número 7, do 11 de xaneiro de 2023, establece no seu artigo 2 que ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 31.494.071 € que se imputará á aplicación orzamentaria 13.02.312B.480.13 distribuído nas seguintes cinco anualidades:

Ano 2023

Ano 2024

Ano 2025

Ano 2026

Ano 2027

4.951.471 €

13.368.700 €

8.742.600 €

4.371.300 €

60.000 €

A dita orde establece, ademais, que o crédito final resultante destinado a estas axudas poderase incrementar no suposto de que sexa insuficiente para atender todas as solicitudes recibidas que cumpran os requisitos establecidos nesta orde. Este crédito poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias sinaladas no antedito artigo.

Dada a insuficiencia de crédito da Orde do 27 de decembro de 2022 para facer fronte ao importe que supón atender todas as solicitudes presentadas e vista a existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo a créditos incluídos no mesmo programa, parece oportuno incrementala para atender todas solicitudes presentadas ao existir crédito dispoñible na aplicación orzamentaria 13.02.312B.480.13 que cumpre os requisitos establecidos no referido artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Con este incremento preténdese dar cumprimento a un dos obxectivos do Programa de apoio á natalidade posto en marcha pola Xunta de Galicia que é facilitar á cidadanía o acceso a axudas económicas que contribúan a paliar o custo que leva aparellado a crianza e coidado dos fillos e fillas.

Por todo o exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

Artigo único. Incremento dos créditos

Increméntase o crédito destinado ao financiamento das axudas previstas na Orde do 27 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nados, adoptados/as ou declarados/as en situación de garda con fins adoptivos no ano 2023, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS403B).

O importe total do dito incremento, que se realizará na aplicación orzamentaria 13.02.312B.480.13 e na anualidade 2023, é de 3.450.000 euros.

A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude