Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Mércores, 12 de xullo de 2023 Páx. 42794

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 21 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras da IV edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento IN822E).

A Axencia Galega de Innovación ten entre os seus fins apoiar e impulsar o crecemento e a competitividade das empresas galegas, a través da implementación de estratexias e programas de innovación eficientes.

A transformación do modelo económico galego cara a unha economía competitiva e sustentable, baseada no coñecemento e no talento, que acelere o crecemento económico e impulse o emprego e o benestar social a través da innovación, é misión fundamental da Axencia Galega de Innovación.

Galicia dispón dun capital humano altamente cualificado, un coñecemento excelente nas nosas universidades e centros de investigación, uns centros tecnolóxicos que son chave na dinamización do I+D+i empresarial e na transferencia de tecnoloxía ao mercado, e empresas cada vez máis convencidas de que a innovación pode ser o motor da súa sustentabilidade futura. Xunto coa investigación e o desenvolvemento, a innovación xoga un papel clave no desenvolvemento económico e social en Galicia e colocouse no centro das políticas públicas, como ponte entre o coñecemento a longo prazo e a actuación produtiva no mercado.

A nivel europeo, a estratexia Europa 2020 para o crecemento intelixente, sustentable e integrador como maneira de superar as deficiencias estruturais da economía europea, mellorar a súa competitividade e produtividade e soster unha economía social de mercado sustentable debe incluír iniciativas dos gobernos para impulsar e apoiar o emprendemento innovador, a innovación empresarial, a cultura innovadora a todos os niveis e o deseño como vehículo de transformación de ideas ao mercado, transformándoas en produtos e servizos atractivos e fáciles de usar.

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, impulsa a Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3 Galicia). A RIS3 é a estratexia integral para artellar todas as actuacións da I+D+i en Galicia e integra os grandes obxectivos da política económica e industrial da Unión Europea, construída arredor da sustentabilidade, o Pacto verde europeo, a transformación dixital e a responsabilidade social.

A Axencia Galega de Innovación impulsa desde o ano 2018, tamén no marco da RIS3, o Programa de deseño para a innovación 2020, o cal foi aprobado no Consello da Xunta do 21 de xuño de 2018. O 24 de xuño de 2022 apróbase no Consello o novo Programa de deseño para a innovación e a sustentabilidade 2024-Diferenza, que dá continuidade ao anterior programa e constitúe a aposta pola innovación e o deseño estratéxico para a transformación social e económica de Galicia desde un enfoque sustentable, atendendo á capacidade dos procesos creativos e do deseño como axentes de cambio.

Este programa ten como un dos seus obxectivos clave axudar a incorporar nas pemes galegas o deseño e poñer en valor a figura do profesional do deseño como elemento de innovación, competitividade e sustentabilidade empresarial.

O novo Programa de deseño para a innovación e a sustentabilidade 2024–Diferenza ten como prioridades estratéxicas catro áreas fundamentais do contexto socioeconómico actual: o reto climático, a transformación dixital, a competitividade empresarial e o benestar social.

O deseño foi e é unha fonte de riqueza en Galicia. Pero non só se pode comprender esta actividade a través do seu aspecto cultural e artístico, senón que tamén constitúe un elemento presente e necesario en boa parte da realidade cotiá dos cidadáns e das empresas. En maior ou menor medida, o deseño está sempre presente no proceso produtivo, especialmente na actividade empresarial innovadora, na xeración de novos conceptos, no desenvolvemento de novos produtos e servizos, na redefinición tanto dos procesos produtivos como dos procesos de mercadotecnia. O deseño centrado no usuario é unha fonte de mellora xeral da calidade de vida dos cidadáns, así como da eficiencia empresarial.

En resumo, a innovación xunto co deseño como forza impulsora permite lanzar unha economía xeradora de bens e servizos de alto valor engadido e unha xestión eficaz das súas cadeas de valor cun maior acceso aos mercados en todo o mundo, e a través destes premios preténdese recoñecer as persoas e entidades que destacan na súa aposta pola innovación e o deseño en Galicia.

Consecuentemente con todo o anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación, no exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

DISPÓN:

CAPÍTULO I

Bases reguladoras da IV edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño

Artigo 1. Finalidade

A finalidade dos premios é recoñecer o labor de persoas e entidades galegas pola súa excelente contribución á innovación como un elemento indispensable no desenvolvemento da súa estratexia profesional e o seu crecemento empresarial, que acada, con iso, altas cotas de competitividade nos mercados, tanto galegos como nacionais e internacionais.

Así mesmo, trátase de recoñecer aos profesionais e empresas que contribúen significativamente á mellora do prestixio do deseño galego e a súa internacionalización, así como as empresas que, ao incorporáreno á súa estratexia empresarial, demostran que o deseño actúa como como motor de innovación, sustentabilidade e competitividade empresarial.

Artigo 2. Procedemento

1. Os premios concederanse por concorrencia competitiva, segundo o procedemento baseado no artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O procedemento iniciarase de oficio coa publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria pública, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Modalidades dos Premios Galicia de Innovación e Deseño

1. Dentro dos premios de innovación recóllense as seguintes modalidades:

a) Traxectoria innovadora.

b) Grande empresa.

c) Pequena e mediana empresa.

2. Dentro dos premios de deseño recóllense as seguintes modalidades:

a) Profesionais.

b) Empresa.

c) Talento emerxente.

Artigo 4. Requisitos das candidaturas

1. Poderán cursar candidatura aos Premios Galicia de Innovación e Deseño as persoas físicas con plena capacidade de obrar nacidas en Galicia. Así mesmo, poderán optar aos premios as persoas xurídicas que teñan polo menos un establecemento permanente en Galicia, validamente constituído, que manteña a súa actividade. En ambos os casos, en función da modalidade a que concorran, deberán posuír as seguintes características:

a) Premios Galicia de Innovación: premiarán a persoas, empresas, institucións e organizacións que destaquen polo seu labor de posta en valor da innovación empresarial.

– Modalidade «Traxectoria innovadora»: persoas físicas cunha traxectoria de polo menos dez anos en que a innovación fose unha das súas características relevantes.

– Modalidade «Grande empresa»: grandes empresas cunha actividade innovadora de polo menos dez anos.

– Modalidade «Pequena e mediana empresa»: pequenas e medianas empresas con demostrada actividade innovadora de polo menos cinco anos.

b) Premios Galicia de Deseño: premiarán a persoas, empresas, institucións e organizacións que destaquen polo seu labor de posta en valor do deseño.

– Modalidade «Profesionais»: profesionais do deseño (persoas físicas ou empresas) cunha traxectoria de polo menos cinco anos de recoñecido prestixio no sector.

– Modalidade «Empresa»: empresas consolidadas que incorporasen o deseño á súa estratexia empresarial durante polo menos dez anos.

– Modalidade «Talento emerxente»: dirixido a aqueles creadores, cunha idade que non supere os trinta e cinco anos no día de presentación da candidatura e cunha traxectoria profesional inferior a dez anos.

A modalidade «Talento emerxente» do Premio Galicia de Deseño deberá contar, polo menos, con dous avais de persoas de recoñecido prestixio no ámbito do deseño.

2. A definición do tamaño de empresa seguirá o establecido no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, Diario Oficial de la Unión Europea L 187/1, do 26 de xuño.

3. As persoas candidatas, no momento da presentación da súa candidatura, deberán estar en activo e desenvolvendo un labor altamente significativo dentro da súa especialidade. Cando as ditas persoas candidatas sexan persoas físicas, deben desenvolver un traballo altamente significativo no seu respectivo campo e deberán demostrar desenvolver unha actividade profesional rexistrándose no imposto de actividades económicas ou outras obrigas fiscais que deriven do simple exercicio de actividade profesional, económica ou artística.

4. Unha mesma candidatura poderá propoñerse para unha ou varias modalidades dos premios, para o que é imprescindible enviar unha proposta de solicitude diferente e completa, con toda a documentación requirida, para cada modalidade presentada.

5. As persoas físicas ou xurídicas que en edicións anteriores resultaron gañadoras nalgunha das modalidades destes premios non poderán optar a eles na mesma modalidade en que xa foron premiadas.

6. Mesmo cumpridos os requisitos recollidos na convocatoria, non poderán obter a condición de beneficiarias as candidaturas en que concorra algunha das causas de exclusión recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, nas súas normas de desenvolvemento, ou en calquera das epígrafes desta convocatoria.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación das propostas de candidaturas

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. No que se refire ás persoas físicas non autónomas, queda acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios, motivo polo que presentarán as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos, conforme o disposto no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 6. Documentación complementaria

1. O formulario de solicitude (anexo I) consta dunha proposta de candidatura, na cal se indicará a modalidade a que se presenta a persoa física ou xurídica, de entre as seis posibles descritas no artigo 3 desta resolución.

Xunto coa proposta de candidatura, xuntarase a seguinte documentación complementaria para cada unha das modalidades dos premios:

Premio Galicia de Innovación, modalidade «Traxectoria Innovadora».

– Resumo executivo da memoria descritiva dos méritos da persoa candidata requirida no punto seguinte, dunha extensión máxima de dúas páxinas.

– Memoria descritiva dos méritos da persoa candidata. A memoria terá unha extensión máxima de 15 páxinas, cun tamaño de letra non inferior a 11 puntos e interliñado sinxelo.

No proceso de avaliación, o xurado destes premios terá en conta a información detallada nesta memoria descritiva segundo os criterios de valoración recollidos no artigo 11, relativo aos criterios de avaliación da convocatoria.

– Deberá incluír un informe curricular dunha extensión máxima de dúas páxinas.

Premio Galicia de Innovación, modalidade «Grande empresa».

– Resumo executivo da memoria descritiva dos méritos da entidade candidata requirida no punto seguinte, dunha extensión máxima de dúas páxinas.

– Memoria descritiva dos méritos da entidade candidata. A memoria terá unha extensión máxima de 15 páxinas, cun tamaño de letra non inferior a 11 puntos e interliñado sinxelo.

No proceso de avaliación, o xurado destes premios terá en conta a información detallada nesta memoria descritiva segundo os criterios de valoración recollidos no artigo 11, relativo aos criterios de avaliación da convocatoria.

Premio Galicia de Innovación, modalidade «Pequena e mediana empresa».

– Resumo executivo da memoria descritiva dos méritos da entidade candidata requirida no punto seguinte, dunha extensión máxima de dúas páxinas.

– Memoria descritiva dos méritos da entidade candidata. A memoria terá unha extensión máxima de 15 páxinas, cun tamaño de letra non inferior a 11 puntos e interliñado sinxelo.

No proceso de avaliación, o xurado destes premios terá en conta a información detallada nesta memoria descritiva segundo os criterios de valoración recollidos no artigo 11, relativo aos criterios de avaliación da convocatoria.

Premio Galicia de Deseño, modalidade «Profesionais».

– Resumo executivo da memoria descritiva dos méritos da persoa e/ou entidade candidata requirida no punto seguinte, dunha extensión máxima de dúas páxinas.

– Memoria descritiva dos méritos da persoa e/ou entidade candidata. A memoria terá unha extensión máxima de 15 páxinas, cun tamaño de letra non inferior a 11 puntos e interliñado sinxelo.

No proceso de avaliación, o xurado destes premios terá en conta a información detallada nesta memoria descritiva segundo os criterios de valoración recollidos no artigo 11, relativo aos criterios de avaliación da convocatoria.

– Deberá incluír un informe curricular dunha extensión máxima de dúas páxinas.

– Documentación gráfica. Documento adicional de 15 páxinas mediante o cal se achegará a documentación gráfica dos traballos, produtos e/ou servizos da persoas ou entidades candidatas.

Premio Galicia de Deseño, modalidade «Empresa».

– Resumo executivo da memoria descritiva dos méritos da entidade candidata requirida no punto seguinte, dunha extensión máxima de dúas páxinas.

– Memoria descritiva dos méritos da entidade candidata. A memoria terá unha extensión máxima de 15 páxinas, cun tamaño de letra non inferior a 11 puntos e interliñado sinxelo.

No proceso de avaliación, o xurado destes premios terá en conta a información detallada nesta memoria descritiva segundo os criterios de valoración recollidos no artigo 11, relativo aos criterios de avaliación da convocatoria.

– Documentación gráfica. Documento adicional de 15 páxinas mediante o cal se achegará a documentación gráfica dos traballos, produtos e/ou servizos da entidade candidata.

Premio Galicia de Deseño, modalidade «Talento emerxente».

– Resumo executivo da memoria descritiva dos méritos da persoa e/ou entidade candidata requirida no punto seguinte, dunha extensión máxima de dúas páxinas.

– Memoria descritiva dos méritos da persoa e/ou entidade candidata. A memoria terá unha extensión máxima de 15 páxinas, cun tamaño de letra non inferior a 11 puntos e interliñado sinxelo.

No proceso de avaliación, o xurado destes premios terá en conta a información detallada nesta memoria descritiva segundo os criterios de valoración recollidos no artigo 11, relativo aos criterios de avaliación da convocatoria.

– Deberá incluír un informe curricular dunha extensión máxima de dúas páxinas.

– Documentación gráfica. Documento adicional de 15 páxinas mediante o cal se achegará a documentación gráfica dos traballos, produtos e/ou servizos da persoa candidata.

– Avais á persoa candidata. Exixirase a documentación que acredite o apoio á persoa candidata de, polo menos, dúas entidades ou persoas de recoñecido prestixio no ámbito do deseño.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e mais o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que as persoas e/ou entidades interesadas se opoñan á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) NIF da entidade solicitante.

f) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

g) Imposto de actividades económicas (IAE).

2. No caso de que as persoas e entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos datos citados, poderáselles solicitar ás persoas e entidades interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 9. Instrución e notificacións

1. O órgano instrutor dos expedientes será a Área de Centros da Axencia Galega de Innovación, que se encargará de comprobar que as solicitudes e a documentación presentada reúnen os requisitos exixidos nesta resolución. No suposto de que observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, e atendendo ao disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días. Se non o fixer, considerarase por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 en relación co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

5. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Xurado

1. A avaliación das candidaturas levarana a cabo dous xurados. Os premios de innovación serán avaliados polo Xurado de Innovación e haberá un Xurado de Deseño para as diferentes modalidades dos premios de deseño.

Constituiranse dous xurados cuxos membros serán nomeados pola persoa titular, o/a director/a da Axencia Galega de Innovación, e estará integrado cada un deles por un/unha presidente/a, un/unha secretario/a e un máximo de cinco (5) vogais.

Actuará como presidente/a o/a director/a da Axencia Galega de Innovación ou persoa en quen delegue; como vogais actuarán profesionais e persoas expertas de recoñecido prestixio no eido da innovación e o deseño, e a secretaría recaerá na persoa titular da Dirección da Área de Centros da Axencia Galega de Innovación, con voz pero sen voto.

Procurarase que no Comité de Avaliación exista unha representación equilibrada de mulleres e homes con capacitación, competencia e preparación adecuadas.

No caso de ausencia ou de enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, a suplencia da presidencia, vogalías e secretaría do xurado de innovación e do xurado de deseño farase de acordo co establecido para estes casos na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

2. A composición nominal do xurado farase pública na páxina web da Axencia Galega de Innovación.

3. O xurado poderá propoñer deixar deserto o premio cando ningunha das propostas de candidaturas presentadas reúna os requisitos exixibles.

4. O xurado estará clasificado na categoría superior para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

5. O funcionamento do xurado regularase polas normas contidas na sección 3ª (órganos colexiados das distintas administracións públicas) do capítulo II, título preliminar, da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público .

Artigo 11. Criterios de avaliación

No proceso de avaliación, o xurado terá en conta os seguintes criterios de valoración segundo as categorías:

Premios Galicia de Innovación:

A valoración das candidaturas realizarase con base nos seguintes criterios xerais para os Premios Galicia de Innovación e subcriterios para cada unha das modalidades:

I. Premio Galicia de Innovación «Traxectoria innovadora»:

a) Traxectoria e actividade innovadora dos profesionais e empresas candidatas, o recoñecido prestixio no ámbito empresarial e o desenvolvemento, impulso e aplicación da innovación (60 puntos).

1. Visión innovadora e enfoque perseverante que derivase nunha traxectoria consolidada, excelente e exemplar de polo menos dez anos, amplamente recoñecida no ámbito da innovación (20 puntos).

2. Relevancia do investimento innovador na identificación de oportunidades e consecución de obxectivos de carácter empresarial (20 puntos).

3. Aplicación de políticas de recursos humanos orientados a incentivar a cultura innovadora dos traballadores e a súa diseminación na organización (20 puntos).

b) Posicionamento e impacto do desenvolvemento e/ou a aplicación da innovación para conseguir mellorar a súa capacidade competitiva a nivel galego, nacional e internacional (40 puntos).

1. Impacto galego, nacional e internacional da innovación en termos de competitividade (20 puntos).

2. Asunción de riscos en tecnoloxías emerxentes (20 puntos).

II. Premio Galicia de Innovación «Grande empresa»:

a) Traxectoria e actividade innovadora dos profesionais e empresas candidatas, o recoñecido prestixio no ámbito empresarial e o desenvolvemento, impulso e aplicación da innovación (60 puntos).

1. Actividade innovadora de polo menos dez anos e importancia da innovación na estratexia empresarial (20 puntos).

2. Creación, deseño e desenvolvemento de produtos, servizos ou modelos de negocio con forte compoñente innovador e impacto e beneficios xerados tanto na organización como no mercado (20 puntos).

3. Introdución de produtos tecnolóxicos innovadores galegos nos mercados internacionais (20 puntos).

b) Posicionamento e impacto do desenvolvemento e/ou a aplicación da innovación para conseguir mellorar a súa capacidade competitiva a nivel galego, nacional e internacional (40 puntos).

1. Progresión da porcentaxe anual do volume de negocio da entidade no ámbito galego, nacional e internacional (20 puntos en total).

2. Políticas de fomento da internacionalización da actividade de investigación e innovación da empresa (20 puntos).

III. Premio Galicia de Innovación «Pequena e mediana empresa»:

a) Traxectoria e actividade innovadora dos profesionais e entidades candidatas, o recoñecido prestixio no ámbito empresarial e o desenvolvemento, impulso e aplicación da innovación (60 puntos).

1. Traxectoria innovadora de polo menos cinco anos demostrable mediante actividades organizativas, financeiras e comerciais encamiñadas á introdución ou produción de innovacións (20 puntos).

2. Carácter innovador demostrable pola propia actividade da entidade: proxectos de I+D+i, patentes en explotación, deducións fiscais por actividades de I+D+i, certificacións oficiais vinculadas a I+D+i (20 puntos).

3. Creación, deseño e desenvolvemento de produtos, servizos ou modelos de negocio con forte compoñente innovador e impacto e beneficios xerados tanto na organización como no mercado (20 puntos).

b) Posicionamento e impacto do desenvolvemento e/ou a aplicación da innovación para conseguir mellorar a súa capacidade competitiva a nivel galego, nacional e internacional (40 puntos).

1. Introdución de produtos tecnolóxicos innovadores galegos nos mercados internacionais (20 puntos).

2. Progresión da porcentaxe anual do volume de negocio da entidade no ámbito galego, nacional e internacional (20 puntos en total).

Premios Galicia de Deseño:

A valoración das candidaturas realizarase con base nos seguintes criterios xerais para os Premios Galicia de Deseño e subcriterios para cada unha das modalidades:

IV. Premio Galicia de Deseño «Profesionais»:

a) Traxectoria excelente e amplamente recoñecida polos profesionais do sector, a achega realizada ao deseño galego e a visión do deseño como ferramenta de desenvolvemento de produtos e servizos (60 puntos).

1. Traxectoria consolidada, excelente e exemplar de polo menos dez anos e amplamente recoñecida polo sector do deseño (profesionais, organizacións e medios) (20 puntos).

2. Logros sobresalientes e calidade recoñecida na creación de produtos, proxectos de comunicación visual, contornos e/ou outros servizos para o mercado (15 puntos).

3. Capacidade de servizo en deseño e excelencia acreditadas polas entidades para as que se traballou (25 puntos).

b) Impulso á innovación a través do deseño, integración do deseño á estratexia empresarial e consecución de cotas de competitividade tanto no ámbito galego, nacional como internacional (40 puntos).

1. Contribución relevante para a sociedade e para a mellora da calidade de vida das persoas (20 puntos).

2. Achega amplamente recoñecida ao progreso do deseño galego, mediante publicacións, actividades de investigación, docencia ou actividade asociativa (20 puntos).

V. Premio Galicia de Deseño «Empresa»:

a) Traxectoria excelente e amplamente recoñecida polos profesionais do sector, a achega realizada ao deseño galego e visión do deseño como ferramenta de desenvolvemento de produtos e servizos (60 puntos).

1. Traxectoria consolidada, excelente e exemplar de, polo menos, dez anos, amplamente recoñecida polo sector do deseño (profesionais, organizacións e medios) (30 puntos).

2. Eficacia do deseño para a entidade e resultados positivos no mercado: retos empresariais onde o deseño tivo un papel relevante (30 puntos).

b) Impulso á innovación a través do deseño, integración do deseño á estratexia empresarial e consecución de cotas de competitividade tanto no ámbito nacional como internacional (40 puntos).

1. Incorporación destacada do deseño na estratexia da entidade e como factor de innovación (en metodoloxías, procesos, proxectos, produtos, servizos, comunicación visual, contornas, organización etc.) para a mellora da competitividade e o posicionamento internacional (30 puntos).

2. Capacidade para transmitir valores á sociedade contribuíndo á promoción e valorización do deseño (10 puntos).

VI. Premio Galicia de Deseño «Talento emerxente»:

a) Traxectoria excelente e amplamente recoñecida polos profesionais do sector, a achega realizada ao deseño galego e visión do deseño como ferramenta de desenvolvemento de produtos e servizos (60 puntos).

1. Actividade profesional inferior a dez anos caracterizada polo talento e a creatividade, así como capacidade de introducirse no mercado (30 puntos).

2. Logros sobresalientes e disruptivos e de calidade recoñecida na creación de produtos, proxectos, contornas e/ou outros servizos para o mercado (30 puntos).

b) Impulso á innovación a través do deseño, integración do deseño á estratexia empresarial e consecución de cotas de competitividade tanto no ámbito galego, nacional como internacional (40 puntos).

1. Capacidade de servizo en deseño e excelencia acreditadas polas entidades para as que se traballou (20 puntos).

2. Manexo dos recursos e capacidade de afrontar retos e xerar solucións (20 puntos).

VII. Todas as modalidades de premios.

Valorarase, para todas as modalidades de premios, a contribución relevante para a sociedade e para a mellora da calidade de vida das persoas, en termos de sustentabilidade, así como as achegas e logros nos campos da inclusión e a diversidade (10 puntos)

Artigo 12. Resolución e réxime de recursos

1. A adxudicación dos premios realizarase mediante resolución da directora da Axencia Galega de Innovación, de acordo coa proposta do xurado.

2. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao de remate do prazo para a presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no dito prazo mediante a publicación da correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia, as persoas solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A resolución da directora da Axencia Galega de Innovación pon fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a directora da Axencia Galega de Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación nos termos dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación ou ben de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co establecido nos artigos 8.2.a) e 14 e 46, respectivamente, da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Artigo 13. Financiamento e normativa reguladora

1. A concesión dos premios realizarase con cargo aos recursos económicos asignados á Axencia Galega de Innovación nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega. As aplicacións orzamentarias e os importes asignados a estes premios figurarán nas oportunas convocatorias.

2. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse a estas bases e ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 14. Publicidade e entrega do premio

Publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución deste procedemento.

Así mesmo, será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web e redes sociais da Axencia Galega de Innovación.

Os premios entregaranse no transcurso dun acto público que se celebrará para o efecto.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 16. Información e control

As persoas e entidades beneficiarias do premio quedan sometidas ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou polo Consello de Contas, segundo a súa normativa propia.

Artigo 17. Aceptación dos termos da convocatoria e normativa reguladora

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

CAPÍTULO II

Convocatoria dos IV Premios Galicia de Innovación e Deseño para o ano 2023

Artigo 18. Convocatoria

Convócanse os IV Premios Galicia de Innovación e Deseño para o ano 2023 en réxime de concorrencia competitiva e nas seguintes modalidades:

a) Premio Galicia de Innovación, modalidade «Traxectoria innovadora».

b) Premio Galicia de Innovación, modalidade «Grande empresa».

c) Premio Galicia de Innovación, modalidade «Pequena e mediana empresa».

d) Premio Galicia de Deseño, modalidade «Profesionais».

e) Premio Galicia de Deseño, modalidade «Empresa».

f) Premio Galicia de Deseño, modalidade «Talento emerxente».

Artigo 19. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 2 de outubro, ambos os dous incluídos.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 20. Premios

1. Todos os premios disporán dunha dotación económica de 15.000 €, menos nos casos relativos ao Premio Galicia de Innovación «Grande empresa» e ao Premio Galicia de Deseño «Empresa», que terán un carácter estritamente honorífico.

2. Establécese que a entrega dos correspondentes galardóns terá lugar nun acto público con representación institucional que contará coa adecuada campaña de difusión entre os sectores profesionais involucrados.

3. Todos os gañadores poderán facer uso de tal circunstancia no material promocional da súa actividade, sempre que nel se faga constar o ano e a modalidade en que se recibiu o premio ou a mención.

Artigo 21. Financiamento

A concesión dos premios previstos nesta convocatoria realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 05.A2.561A.480.0 do proxecto dos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para o ano 2023, cun importe máximo de 60.000 €.

A dotación económica dos premios será compatible coa percepción doutras axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional, salvo que se superen as intensidades máximas de axuda establecidas no Regulamento (UE) nº 651/2014.

Os premios estarán suxeitos ás retencións vixentes na data de concesión destes.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a directora da Axencia Galega de Innovación para que realice as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2023

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file