Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Xoves, 13 de xullo de 2023 Páx. 43213

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 3 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de prazas, en réxime de concorrencia competitiva, de tecnificación e rendemento deportivo para o Centro Galego de Tecnificación Deportiva para a tempada 2023/24, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento PR952A).

A Lei 3/2012, do deporte de Galicia, dedica o seu título II ás competencias das administracións públicas galegas en materia de deporte, e no artigo 5 establece as competencias que lle corresponden á Administración autonómica, segundo o establecido no artigo 27.22 do Estatuto de autonomía de Galicia. No punto 1, alínea m), establécese a competencia da Administración autonómica do fomento e regulación do deporte e dos deportistas de alto nivel de Galicia, así como os seus beneficios.

En prol da definición da política deportiva autonómica, fixando as directrices e programas de fomento e desenvolvemento do deporte galego dos seus diferentes niveis, a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, está a dotar o deporte de alta competición dos medios necesarios para a mellora do seu nivel técnico. Con este obxectivo establécense as presentes bases reguladoras para a concesión de prazas, en réxime de concorrencia competitiva, de tecnificación e rendemento para o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (en diante, CGTD) para a tempada 2023/24, e se procede á súa convocatoria.

Para os efectos desta orde, o CGTD dispón das instalacións situadas na cidade de Pontevedra, na rúa Padre Fernando Olmedo, 1, e o Complexo Náutico e Campo de Regatas David Cal (Pontevedra-Verducido), así como as relativas ao Centro Galego de Vela, situado na Rampla do Cavadelo, s/n, na localidade de Vilagarcía de Arousa, todas elas clasificadas, xunto cos programas que se desenvolven nelas, polo Consello Superior de Deporte na Resolución do 27 de maio de 2014, publicada no BOE núm. 137, do 6 de xuño, como instalacións deportivas para o desenvolvemento do deporte de alto nivel e competición.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas, polo Decreto 65/2023, do 14 de xuño, polo que se nomea vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a Diego Calvo Pouso, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións comúns

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

Establecer, mediante esta orde, as bases reguladoras e proceder á convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva e con sometemento aos principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, mérito e capacidade de prazas para o CGTD, co fin de facilitar o adestramento dos/das deportistas orientado á mellora da tecnificación e rendemento, creando un clima de adestramento e convivencia entre deportistas de diferentes especialidades deportivas, fomentando a educación integral dos deportistas que favoreza o seu desenvolvemento persoal e facilitando a mellora do seu rendemento deportivo coa finalidade de acadar o máximo nivel competitivo (código de procedemento PR952A).

Artigo 2. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes deberán ser presentadas polas federacións deportivas galegas de deportes individuais que sexan compatibles cos servizos e instalacións do CGTD das seguintes seccións: atletismo na especialidades de lanzamentos; bádminton; judo; loita; natación pura e natación en augas abertas; natación artística; piragüismo en augas bravas (slálom); piragüismo en augas tranquilas; remo; taekwondo; tríatlon; vela e ximnasia acrobática, trampolín e artística. As federacións que conten cun grupo de tecnificación e/ou rendemento remitirán os/as deportistas que cumpran os requisitos establecidos no artigo 3 desta orde e que se axusten á política deportiva autonómica establecida pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a través da Secretaría Xeral para o Deporte.

2. As solicitudes deberán ser presentadas no modelo normalizado recollido como anexo I nesta orde, xunto á cal se achegará o resto da documentación solicitada segundo o disposto no artigo 7 (anexos II ao VI). O formulario da solicitude estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal, e na páxina web da Secretaría Xeral para o deporte, no enderezo https://deporte.xunta.gal

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das federacións presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes, poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. Se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, notificaráselle á federación para que, nun prazo de dez días, emende os erros ou presente os documentos preceptivos. Unha vez que transcorra o dito prazo sen que se produza a emenda, considerarase que desiste da súa petición.

5. Rematado o prazo de presentación de solicitudes e o establecido para a súa emenda, publicaranse na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte e no seu taboleiro de anuncios as listas provisionais de admitidos, excluídos, con indicación da causa que orixina esta situación, e desistidos.

6. A presentación da solicitude para participar nesta convocatoria implica o coñecemento e a aceptación das bases que a regulan.

Artigo 3. Das persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das prazas para deportistas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva todas aquelas persoas deportistas que, no momento de presentación da solicitude por parte das correspondentes federacións deportivas, cumpran os requisitos que se detallan a continuación:

– Ter nacionalidade española.

– Estar en posesión da licenza deportiva, na modalidade para a cal se presenta a solicitude, emitida pola federación galega correspondente ou ben pola federación española correspondente no caso de que a federación galega da modalidade en cuestión non estea integrada na federación española.

Poderase valorar, segundo informe técnico da Comisión de Selección e como caso excepcional, o incumprimento deste requisito unicamente nas prazas de rendemento.

– Para os grupos de tecnificación, deberase pertencer a un club deportivo galego ou sociedade anónima deportiva (SAD) dada de alta no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, así como estar empadroada nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.

– As persoas deportistas beneficiarias de praza de tecnificación deberán ter promocionado de curso na convocatoria ordinaria de xuño 2023 (non se considera a promoción por imperativo legal). Excepcionalmente, poderase considerar a posibilidade de repetición daqueles deportistas cuxas federacións xustifiquen que participaron, con posibilidade de seguir participando, en campionatos de Europa, do mundo ou xogos olímpicos.

Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas persoas que concorren nalgunha das circunstancias establecidas a continuación:

– Non obter un «apto» na análise médica realizada polo equipo médico do CGTD previamente á formalización da matrícula.

– Ter un informe negativo da Dirección do CGTD e ratificado pola Secretaría Xeral para o Deporte a través da Comisión de Selección sobre o seu comportamento durante a súa estadía como bolseiro no Centro Galego de Tecnificación Deportiva durante o curso inmediatamente anterior ao desta convocatoria.

– Ter sanción en firme por dopaxe.

– Ter sanción en firme por algunha das infraccións previstas no artigo 14 do Real decreto 1591/1992, do 23 de decembro, sobre disciplina deportiva (BOE do 19 do febreiro de 1993).

– Ter sanción en firme por algunha das infracción previstas no artigo 97 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

Artigo 4. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 5. Prazo de presentación

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. Para a valoración dos méritos, as federacións deportivas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

Documentación

Unidades

Anexo II Proxecto de tecnificación e/ou de rendemento para o curso 2023/24.

1

Anexo III Proposta de equipo técnico.

Documentación, a maiores do disposto no artigo 8, que deberá achegarse xunto co anexo III:

– Adestrador/a deportivo/a de nivel III ou equivalente da modalidade deportiva correspondente (se é o caso).

– Experiencia: certificado da federación deportiva que acredite un mínimo de 3 anos de experiencia como adestrador/a coa titulación exixida, se é o caso, ou, de ser o caso, o recoñecemento da condición de DGAN.

– Documento que indique o tipo de relación laboral prevista.

1 por persoa

Anexo IV Adestrador/a responsable da sección deportiva:

– Declaración de coñecemento das súas funcións e declaración de non estar en situación de incompatibilidade.

1

*Anexo V Adestrador/a responsable de grupo:

– Declaración de coñecemento das súas funcións.

1 por persoa

Anexo VI Valoración técnica das persoas deportistas.

1 por persoa

* En caso de tratarse de adestradores/as de grupo

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas solicitantes, as federacións deportivas, presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa adestradora.

– Consulta de títulos oficiais universitarios da persoa adestradora.

– Consulta de títulos oficiais non universitarios da persoa adestradora.

– Consulta de inexistencia de antecedentes penais por delitos sexuais da persoa adestradora.

– NIF da entidade solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– DNI ou NIE do/da presidente/a da federación.

– NIF da entidade representante.

– Certificado de residencia do/a deportista con data de última variación no padrón.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 9. Órgano instrutor

A instrución do procedemento para a concesión das prazas correspóndelle á Comisión de Selección.

Artigo 10. Comisión de Selección

1. A Comisión de Selección estará constituída por:

– Presidente/a: subdirector/a xeral de Plans e Programas da Secretaría Xeral para o Deporte.

– Vogal: director/a do CGTD.

– Vogal: subdirector/a do CGTD.

– Vogal: técnico da Secretaría Xeral para o Deporte.

– Secretario: funcionario/a da Secretaría Xeral para o Deporte.

2. As funcións da Comisión de Selección serán:

– Analizar a documentación presentada pola federación.

– Comprobar o cumprimento dos diferentes aspectos da convocatoria.

– Informar a federación dos aspectos que requiran ser modificados ou completados.

– Valoración e ratificación, se é o caso, dos informes emitidos pola Dirección do CGTD sobre a estadía como bolseiro, durante o curso escolar anterior a esta convocatoria, daqueles deportistas que soliciten a renovación da praza.

– Formular o informe-proposta de valoración que remitirá á persoa representante da Secretaría Xeral para o Deporte.

3. Finalizado o prazo para a presentación das solicitudes, a Comisión de Selección estudará a documentación presentada polas federacións deportivas (anexo II) e comprobará o cumprimento de todos os aspectos da convocatoria, e a federación deportiva galega será a responsable da autenticidade dos datos presentados.

4. Unha vez valoradas as solicitudes por esta comisión, esta valoración será comunicada ás federacións deportivas solicitantes indicando:

– Lista provisional de baremo.

– As federacións solicitantes.

– Os deportistas bolseiros.

– O réxime da praza concedida.

– Puntos concedidos.

– Curso académico.

– Nova solicitude ou renovación da praza.

5. A Secretaría Xeral poderá solicitar todas as xustificacións que considere necesarias sobre a orde en que os deportistas son propostos pola federación, segundo o anexo VI, con base na puntuación outorgada pola respectiva federación deportiva tendo en conta o disposto no artigo 22.1.e) desta orde, ou sobre a ausencia dalgún/dalgunha destacado/a deportista na lista.

Artigo 11. Proposta de resolución

1. A persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte, tendo en conta o informe da Comisión de Selección, formulará unha proposta de resolución baseada nas maiores puntuacións obtidas.

2. Esta proposta de resolución provisional exporase a información pública, na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte, por un prazo de dez días contados a partir do seguinte ao da data de publicación. Durante este prazo, os interesados poderán formular as alegacións que xulguen pertinentes nos lugares e formas indicados para a presentación de solicitudes.

3. Se algún/algunha dos/das candidatos/as propostos/as ten a intención de non aceptar a adxudicación da praza, deberá comunicalo expresamente dentro do prazo de alegacións e proporase o/a seguinte con maior puntuación; ante o rexeitamento deste/a, ofreceráselle ao/á situado/a a continuación, e así sucesivamente ata a súa cobertura.

4. Logo de rematar o prazo de alegacións e examinadas estas, se as houber, formularase a proposta de resolución definitiva.

Artigo 12. Resolución

1. O prazo máximo para resolver a convocatoria será de tres meses, contados a partir da data límite para a presentación das solicitudes. De non se resolver neste prazo, as solicitudes entenderanse desestimadas.

2. Baseándose na proposta de resolución definitiva, a persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes ditará resolución pola que se adxudican as prazas de tecnificación e rendemento deportivo para o Centro Galego de Tecnificación Deportiva para a tempada 2023/24. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, exporase na web institucional da Secretaría Xeral para o Deporte e notificaráselles ás correspondentes federacións deportivas, con indicación das federacións, os deportistas bolseiros e o réxime da praza concedida.

3. Notificada a resolución polo órgano concedente, a persoa beneficiaria disporá dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa, se entenderá tacitamente aceptada.

4. As baixas que se produzan unha vez publicada a lista definitiva teñen que ser comunicadas inmediatamente e por escrito polo/a interesado/a ao enderezo de correo cgtd@xunta.gal para que poidan ser cubertas.

As baixas cubriranse, se así o considera oportuno a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, con deportistas pertencentes ás federacións nas cales se produzan as baixas e seguindo a lista de espera dos deportistas valorados e que non acadaron praza.

No caso do grupo de tecnificación, poderase ter en conta, por cuestións organizativas da residencia, que cumpran cos requisitos de curso e xénero do deportista que causou baixa, e que a organización da residencia permita.

5. A concesión e a percepción da praza non implica ningún tipo de relación laboral, ou de natureza similar, entre a Xunta de Galicia e as persoas beneficiarias.

6. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da praza e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 13. Obrigas da persoa deportista bolseira

A persoa deportista bolseira estará obrigada a:

– Cumprir o proxecto deportivo da súa federación.

– Realizar un número mínimo de adestramentos (75 %) no proxecto deportivo, segundo o Regulamento de réxime interno do CGTD.

– Adestrar co técnico que lle asigne a súa federación, ata a categoría Sub23 (incluída).

– Participar nas competicións autonómicas, nacionais ou internacionais que a federación ou técnico do CGTD considere, principalmente en representación de Galicia, agás causa debidamente xustificada.

– Someterse aos controis de dopaxe segundo a normativa en vigor.

– Pasar o control médico obrigatorio nos servizos médicos do CGTD.

– Formalizar o seu ingreso previamente á súa incorporación nas oficinas do CGTD.

– Cumprir a normativa contida no Regulamento de réxime interno do CGTD.

– Cumprir os requisitos establecidos no artigo 3 da convocatoria, para ser beneficiario, durante o tempo de duración da praza.

– Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 14. Obrigas das federacións deportivas solicitantes

1. As federacións quedarán obrigadas a publicar nas súas páxinas web esta convocatoria, así como unha relación dos/das deportistas que manifestaron o seu interese para seren incluídos no seu proxecto deportivo.

2. As federacións deportivas galegas, que se relacionan no artigo 2, deberán realizar un estudo previo de todos/as os/as deportistas recollidos no proxecto deportivo segundo o modelo do anexo II. O estudo realizarase sobre unha base dun proxecto deportivo integral, no cal figure un grupo de adestramento e unha cobertura técnica suficiente que garante a preparación dos/das deportistas.

3. No número 9 do índice do proxecto deportivo (anexo II), as federacións deberán incluír todos os deportistas que en tempo e forma solicitaron formar parte desta lista. Se algún dos deportistas non cumpre todos os requisitos establecidos no artigo 3 desta convocatoria, a federación deberá indicalo con claridade.

4. No caso dos/das deportistas propostos por primeira vez (nova admisión) para o grupo de tecnificación, as federacións deberán achegar copia do boletín de notas de xuño de 2023 ou ben un certificado de notas, que despois deben incorporar ao anexo VI de cada deportista.

Artigo 15. Doutras obrigas das federacións

1. As federacións disporán dun equipo técnico para o correcto desenvolvemento do proxecto deportivo presentado (anexo II), en todo caso atendendo ao establecido nesta convocatoria. A relación laboral entre os membros do equipo técnico e a federación deportiva de que dependen deberá axustarse en todo momento á lexislación laboral vixente. En ningún caso este persoal federativo gardará relación laboral ou doutro tipo coa Secretaría Xeral para o Deporte.

2. O equipo técnico deberá cumprir o establecido na Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia (BOE do 29 de xullo de 2015) e estará formado por:

• Un/unha adestrador/a responsable da sección deportiva obrigatoriamente.

• Un/unha substituto/a nomeado/a para cubrir as ausencias do/da responsable obrigatoriamente.

• Un/unha ou varios/as adestradores/as responsable/s de grupo con carácter opcional.

3. O/a adestrador/a responsable da sección deportiva será a persoa con maior responsabilidade desa sección deportiva no CGTD e deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) Titulación: licenciatura ou grao en Ciencias da Actividade Física e o Deporte, ou título de técnico/a deportivo/a superior, ou adestrador/a deportivo/a de nivel III ou equivalente da modalidade deportiva correspondente.

b) Experiencia: acreditar un mínimo de tres (3) anos como adestrador/a coa titulación exixida ou ter ou ter tido a condición de deportista galego/a de alto nivel.

c) Non estar afectado/a por incompatibilidade.

d) Deberá estar presente nos adestramentos e facer cumprir o proxecto deportivo presentado polas federacións.

e) Deberá participar/asistir ás competicións onde participen os/as deportistas con praza no CGTD.

4. O/a adestrador/a de grupo terá a responsabilidade do seu grupo de adestramento e deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) Titulación: licenciatura en Ciencias da Actividade Física e o Deporte, ou título de técnico/a deportivo/a superior, ou adestrador/a deportivo/a de nivel III ou equivalente da modalidade deportiva correspondente.

b) Non estar afectado/a por incompatibilidade.

c) Deberá estar presente nos adestramentos do seu grupo, adestrando os/as deportistas, e cumprir o proxecto deportivo presentado polas federacións.

d) Deberá participar/asistir ás competicións onde participen os/as deportistas con praza no CGTD.

5. Os/as membros do equipo técnico non poderán adestrar outros deportistas no horario do grupo de adestramento do CGTD sen autorización da Secretaría Xeral para o Deporte.

6. As funcións dos/das adestradores/as serán as recollidas nos anexos IV e V desta convocatoria.

Sen prexuízo do anteriormente dito, a Secretaría Xeral para o Deporte poderá desestimar a proposta do/da responsable dos programas e/ou doutros membros do equipo técnico, feita pola federación deportiva que solicita a autorización, fundamentando a súa decisión no incumprimento dalgún dos requisitos anteriores, ou ben por informe desfavorable por parte da Comisión de Selección, fundamentado por unha falta de compromiso co proxecto educativo do centro, entre outras posibles causas.

Artigo 16. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 17. Revogación

1. Dunha praza.

A praza concedida a un/unha deportista poderá ser obxecto de expediente de perda de dereito ou de reintegro, ademais de polas causas establecidas na normativa reguladora das axudas, polas seguintes causas:

– Inadaptación ás normas de convivencia.

– Dar positivo nun control de dopaxe ou negarse a pasalo.

– Se o recoñecemento médico do CGTD conclúe que non é apto.

– Poderase cancelar a praza porque así o solicite o/a deportista ou os seus pais/titores legais, no caso de seren menores de idade, sempre que veña motivada por causas xustificables.

– Igualmente, poderase cancelar por motivos disciplinarios no caso de faltas moi graves segundo o Regulamento de réxime interno do centro.

2. Dun programa.

Os programas poderán ser revogados ao longo do curso por instancia do/da presidente/a da federación galega correspondente, co acordo da Asemblea Xeral da súa federación.

CAPITULO II

Prazas para as instalacións do CGTD situadas en Pontevedra

Artigo 18. Natureza das prazas

1. Grupo de tecnificación

Poderán ser beneficiarias de prazas do grupo de tecnificación as persoas deportistas que cumpran de 14 a 17 anos en 2023 (nados nos anos 2009, 2008, 2007 e 2006). Excepcionalmente, poderanse atender solicitudes que por razóns académicas non se axusten ao rango de idade sinalado: alumnos/as de altas capacidades que, logo de autorización da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, cursen 3º de ESO con menos de 15 anos, e alumnos de 2º de bacharelato que, por teren repetido algún curso, antes do seu ingreso no CGTD, superen os 18 anos.

– Praza de residente 1: deportistas que residan fóra do raio de 3 km á redonda do CGTD no momento da presentación da solicitude.

Beneficios da praza: matrícula no IES adscrito ao centro, aloxamento (de domingo a xoves) e manutención (de domingo a venres), servizo de lavandaría, incorporación ao grupo de adestramento da súa modalidade, instalacións deportivas, servizo médico-deportivo, servizo de fisioterapia e titoría.

– Praza de externo/a 1: deportistas que residan dentro do raio de 3 km á redonda do CGTD no momento da presentación da solicitude.

Excepcionalmente, e logo de informe xustificativo da federación correspondente, poderase acceder á praza de externo/a 1 aínda que se resida fóra do raio de 3 km á redonda do CGTD, cando se acredite de forma razoable o desprazamento da persoa deportista desde o seu domicilio familiar ás instalacións do CGTD con todas as garantías para non romper a dinámica de estudos e adestramentos.

Beneficios da praza: matrícula no IES adscrito ao centro, manutención no comedor da residencia (de domingo a venres), incorporación ao grupo de adestramento da súa modalidade, instalacións deportivas, servizo médico-deportivo, servizo de fisioterapia e titoría.

2. Grupo de rendemento.

Poderán ser beneficiarios/as de prazas do grupo de rendemento os/as deportistas de máis de 18 anos.

– Praza de residente 2: deportistas que cumpran de 18 a 25 anos no 2023 (nados do ano 2005 ao ano 1998) que residan fóra do raio de 3 km á redonda do CGTD no momento da presentación da solicitude.

Beneficios da praza: aloxamento (de luns a domingo) e manutención (de domingo a venres), servizo de lavandería, incorporación ao grupo de adestramento da súa modalidade, instalacións deportivas, servizo médico-deportivo e servizo de fisioterapia.

– Praza de externo/a 2: deportistas que cumpran 18 anos en 2023 (nados no ano 2005 ou anteriores).

Beneficios da praza: xantar no comedor da residencia (de luns a venres), incorporación ao grupo de adestramento da súa modalidade, instalacións deportivas, servizo médico-deportivo e servizo de fisioterapia.

– Os/as deportistas galegos/as de alto nivel (DGAN/DGAR/DGRDB) que non sexan bolseiros/as en ningunha das epígrafes anteriores poderán presentar unha solicitude directamente ao CGTD, no enderezo cgtd@xunta.gal, para o uso das instalacións deportivas, servizo médico-deportivo e servizo de fisioterapia. Estás serán concedidas directamente pola dirección do centro, segundo a dispoñibilidade dos espazos, horarios e instalacións, e cumprindo as normas de funcionamento do centro.

Artigo 19. Número de prazas.

Convócase un máximo de 160 prazas.

– Grupo de tecnificación:

– Ata un máximo de 105 prazas (ata un máximo de 84 residentes 1; o resto serán externos/as 1) e distribuiranse entre os cursos 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de bacharelato, tendo en conta unha distribución ponderada e o límite de alumnado por curso establecido pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

– Reservarase da cota das prazas de tecnificación o 5 % das prazas ofertadas para persoas con discapacidade (4 prazas de residente e o resto de externos). No caso de non seren ocupadas, pasarán a ser ocupadas pola cota ordinaria.

– Grupo de rendemento:

– Residente 2, ata un máximo de 12 prazas (non poderán ser máis de 7 do mesmo sexo e, como máximo, 4 da mesma sección deportiva).

– Externo/a 2, ata completar as 160 prazas ofertadas na resolución, por decisión da Comisión de Selección segundo os criterios establecidos no punto quinto da convocatoria.

– Reservarase da cota das prazas de rendemento o 5 % das prazas ofertadas para persoas con discapacidade. No caso de non seren ocupadas pasarán a ser ocupadas pola cota ordinaria.

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, vista a proposta de resolución, poderá cubrir ou non a totalidade das prazas ofertadas.

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, reservará unha porcentaxe de non máis do 10 % das prazas que poderá cubrir durante todo o curso académico en función de situacións non recollidas nesta orde, sempre cumprindo uns criterios de excelencia deportiva e nivel académico acordes coas bases desta convocatoria. As prazas asignadas para cada sección deportiva, no caso de non se cubriren, pasarán á cota da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Naquelas seccións que non cubran o 50 % das prazas ou, cando se cumpra a dita porcentaxe, se á vista das solicitudes presentadas non se poden cumprir os obxectivos do programa deportivo da federación, a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes poderá non conceder as prazas solicitadas.

Artigo 20. Duración das prazas

A duración das prazas será desde o 8 de setembro de 2023 ata ao 31 de xullo de 2024, exceptuando o grupo de tecnificación, que rematará a última semana do período lectivo.

CAPÍTULO III

Dos criterios de valoración

Artigo 21. Criterios de valoración

1. Todos os méritos que se van valorar nos criterios deportivos e académicos que se detallan a continuación, deberán estar debidamente reflectidos no anexo VI desta convocatoria.

2. Valoraranse os criterios deportivos da modalidade deportiva e especialidade para a cal solicitan a praza ao CGTD.

3. Para a tecnificación de tríatlon, nas probas de ácuatlon e dúatlon, terán un valor da metade de puntos sobre a modalidade olímpica.

4. Para valorar os/as deportistas nados no ano 2008 ou posteriores, nas modalidades en que non haxa modalidades ou probas olímpicas na categoría infantil, e así o especifiquen no anexo II desta convocatoria, a valoración do resultado será a que especifique a federación e que sexa máis próxima á modalidade e proba olímpica.

5. Non serán valorados os méritos deportivos acadados nos campionatos de España de clubs, nos campionatos de España por seleccións autonómicas, nin tampouco en copas ou competicións internacionais de clubs.

6. Non serán susceptibles de valoración os resultados acadados en equipo, coa excepción dos resultados obtidos en competicións internacionais formando parte da selección española (agás en tecnificación, que, nas probas onde o resultado se acade formando parte dun equipo, a puntuación obtida polo posto acadado se dividirá entre o número de integrantes do equipo). En vela considerarase a embarcación como individual.

7. Non se valorarán os resultados deportivos acadados en categorías máster, veteranos ou similar.

Artigo 22. Criterios de valoración para os deportistas de tecnificación

1. Criterios deportivos.

A valoración do rendemento deportivo realizarase en función da categoría en que o/a deportista proposto/a competise no ano en que se publica esta convocatoria de prazas, cunha participación mínima de seis (6) competidores, e do seu ano de nacemento segundo o seguinte:

a) Para valorar os/as deportistas nados/as nos anos 2009, 2008, 2007 e 2006 (máximo de 45 puntos):

– Mellor resultado no Campionato de España nos dous últimos campionatos celebrados en modalidade e proba olímpica (de 30 a 4 puntos)*:

* Nas probas onde o resultado se acade formando parte dun equipo, a puntuación obtida polo posto acadado dividirase entre o número de integrantes do equipo (exemplo: 1º en catro scull: 30/4 = 7,5 para cada deportista).

– 1º posto: 30 puntos.

– 2º posto: 26 puntos.

– 3º posto: 22 puntos.

– 4º posto: 20 puntos.

– 5º posto: 18 puntos.

– 6º posto: 16 puntos.

– 7º posto: 14 puntos.

– 8º posto: 12 puntos.

– 9º posto: 10 puntos.

– 10º posto: 8 puntos.

– 11º posto: 6 puntos.

– 12º posto: 4 puntos.

– Mellor resultado no Campionato Galego nos dous últimos campionatos celebrados en modalidade e proba olímpica (de 15 a 8 puntos):

* Nas probas onde o resultado se acade formando parte dun equipo, a puntuación obtida polo posto acadado dividirase entre o número de integrantes do equipo (exemplo: 1º en catro scull: 15/4 = 3,75 para cada deportista).

– 1º posto: 15 puntos.

– 2º posto: 13 puntos.

– 3º posto: 11 puntos.

– 4º posto: 10 puntos.

– 5º posto: 9 puntos.

– 6º posto: 8 puntos.

b) Nas modalidades en que non haxa Campionato de España na categoría infantil, segundo o anexo II desta convocatoria, a valoración dos deportistas nados no ano 2008 ou posteriores, a valoración do resultado no Campionato Galego infantil, en modalidade e proba olímpica individual, será o seguinte cun máximo de 36 puntos:

* Nas probas onde o resultado se acade formando parte dun equipo, a puntuación obtida polo posto acadado dividirase entre o número de integrantes do equipo (exemplo: 1º en catro scull: 36/4 = 9 para cada deportista).

– 1º posto: 36 puntos.

– 2º posto: 32 puntos.

– 3º posto: 28 puntos.

– 4º posto: 26 puntos.

– 5º posto: 24 puntos.

– 6º posto: 22 puntos.

– 7º posto: 20 puntos.

– 8º posto: 18 puntos.

– 9º posto: 16 puntos.

Así mesmo, aplicarase o dito baremo aos/ás deportistas carentes de competicións nacionais e autonómicas, que así o especifiquen no anexo II e veñan acompañadas por un informe técnico (máximo de 36 puntos).

Esta alínea «b» só se puntuará se na alínea «a» non teñen puntuación ou a puntuación é menor que os puntos da alínea «b». As puntuacións das alíneas «a» e «b» son excluíntes, non complementarias.

c) Deportistas que competiron formando parte da selección española en modalidades e probas olímpicas nos anos 2022 ou 2023*, escollendo só unha das seguintes competicións (máximo 17 puntos).

* Para o ano 2023, poderase valorar a participación no dito campionato sempre que sexa acreditada pola federación nacional cando esta se vaia producir despois do prazo de presentación de solicitudes.

– Se competiron nos campionatos do mundo: 13 puntos.

– Se competiron nos campionatos de Europa: 11 puntos.

– Sumaranse 4 puntos adicionais se logran estar entre os oito (8) primeiros postos do campionato.

– Se competiron en copas do mundo: 9 puntos.

– Se competiron en copas de Europa: 7 puntos.

– Sumaranse 2 puntos adicionais se logran estar entre os oito (8) primeiros postos da Copa.

d) Deportistas que competiron formando parte da selección española en modalidades e probas non olímpicas nos anos 2022 ou 2023, escollendo só unha das seguintes competicións (máximo 8 puntos).

– Se competiron en Campionato do mundo: 6 puntos.

– Se competiron en Campionato de Europa: 4 puntos.

– Sumaranse 2 puntos adicionais se logran estar entre os tres (3) primeiros postos do campionato.

e) As federacións poderanlles outorgar ata 18 puntos adicionais aos/ás deportistas de tecnificación segundo a orde establecida no punto 7.1.a) do anexo II desta convocatoria, segundo o cupo asignado á súa sección deportiva. Esta puntuación irá decrecendo medio punto por posto asignado. Para poder ser puntuado, a puntuación deberá estar acompañada dun informe técnico da federación correspondente xunto co anexo VI, onde xustifique, con criterios técnicos obxectivos, a puntuación do/da deportista (datos antropométricos, progresión deportiva, condicións de adestramento, etc.), reflectida no punto 7.1 do anexo II desta convocatoria. O dito informe, de ser negativo –xustificadamente– poderá ser motivo da non inclusión do solicitante na cota da modalidade deportiva. Excepcionalmente, e xustificado suficientemente, poderánselle dar a un/unha só/soa deportista 10 puntos extra sobre a puntuación anterior, que sexa de interese federativo.

Esta puntuación non se terá en conta no momento que teña que haber un desempate entre seccións deportivas.

2. Criterios académicos.

– Se remata en xuño con todo aprobado e cunha nota superior a 8: 8 puntos.

– Se remata en xuño con todo aprobado e cunha nota media entre 6 e 8: 7 puntos.

– Se remata en xuño con todo aprobado e cunha nota media inferior ao 6: 5 puntos.

– Se remata en xuño con dúas ou menos materias suspensas, pero acada unha nota media superior a 7: 4 puntos.

3. Criterio de actitude.

No caso de deportistas que aspiren a renovar a súa praza de tecnificación, terase en conta a valoración final residencial sobre o grao de aproveitamento e adaptación aos servizos residenciais, avaliacións deportivas, conforme as normas de convivencia durante o curso 2022/23, emitida pola Dirección do centro, cunha escala que irá de 4 a - 4 puntos.

4. Criterios de desempate no grupo de tecnificación.

A prelación de criterios será:

1. O/a que obtivo maior puntuación na valoración do rendemento deportivo.

2. O/a deportista bolseiro/a o ano anterior que opte por renovar a súa praza no CGTD fronte ao que se incorpora ao centro por primeira vez (sempre e cando non teña puntuación negativa, que non terá esta prelación).

3. O/a que teña a nota media máis alta en xuño no expediente académico do último curso.

4. O/a de menor idade.

5. Orde alfabética de apelidos e nome iniciando pola letra «V», conforme o sorteo feito pola Consellería de Facenda e Administración Pública no ano 2023 e publicado no Diario Oficial de Galicia nº 18, do 23 de xaneiro de 2023.

5. Cota de prazas de tecnificación como residente.

As prazas máximas do grupo de tecnificación para residentes distribuiranse entre as modalidades e especialidades deportivas do seguinte xeito, e podendo cada sección poderá renunciar ao número máximo co pertinente informe técnico da federación:

Atletismo lanzamentos: 4 prazas de residente.

Bádminton: 7 prazas de residente.

Judo: 8 prazas de residente.

Loita: 7 prazas de residente.

Natación pura e augas abertas: 6 prazas de residente.

Natación artística: 5 prazas de residente.

Piragüismo slálom: 4 prazas de residente.

Piragüismo AT: 17 prazas de residente.

Remo: 4 prazas de residente.

Taekwondo: 8 prazas de residente.

Tríatlon: 7 prazas de residente.

Vela: 4 prazas de residente.

Ximnasia: 3 prazas de residente.

As prazas non cubertas polas diferentes seccións deportivas pasarán á reserva de prazas da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Artigo 23. Criterios de valoración para os/as deportistas de rendemento

As prazas do grupo de rendemento distribuiranse entre as mesmas modalidades e especialidades deportivas que o grupo de tecnificación.

a) Deportistas que acadaron un resultado entre os/as doce (12) primeiros/as nos últimos xogos olímpicos ou paralímpicos, ou Campionato do Mundo da súa categoría en modalidades e probas olímpicas, ata 38 puntos:

– 1º posto: 38 puntos.

– 2º posto: 35 puntos.

– 3º posto: 32 puntos.

– 4º posto: 30 puntos.

– 5º posto: 28 puntos.

– 6º posto: 26 puntos.

– 7º posto: 24 puntos.

– 8º posto: 22 puntos.

– 9º posto: 20 puntos.

– 10º posto: 18 puntos.

– 11º posto: 16 puntos.

– 12º posto: 14 puntos.

b) Deportistas que acadaron un resultado entre os/as 9 primeiros/as no último Campionato de Europa da súa categoría en modalidades e probas olímpicas, ata 28 puntos:

– 1º posto: 28 puntos.

– 2º posto: 25 puntos.

– 3º posto: 22 puntos.

– 4º posto: 20 puntos.

– 5º posto: 18 puntos.

– 6º posto: 16 puntos.

– 7º posto: 14 puntos.

– 8º posto: 12 puntos.

– 9º posto: 10 puntos.

c) Deportistas que participaron nos últimos xogos olímpicos ou paralímpicos, ou Campionato do Mundo ou Campionato de Europa, coa selección nacional da súa categoría en modalidades e probas olímpicas, ata 18 puntos.

– Xogos olímpicos/xogos paralímpicos: 18 puntos.

– Campionato do Mundo: 15 puntos.

– Campionato de Europa: 12 puntos.

d) Deportistas que participaron nos campionatos de España de forma individual en modalidades e probas/distancias olímpicas, ata 10 puntos:

– 1º posto: 10 puntos.

– 2º posto: 6 puntos.

– 3º posto: 3 puntos.

e) Deportistas que no curso anterior 2022/23 estiveron formando parte dun grupo de tecnificación no CGTD: 6 puntos. Cando o/a deportista que renove teña un informe negativo da Dirección do CGTD, nota de convivencia ou valoración final non satisfactoria, esta epígrafe non será valorada. Este criterio non será valorado se non se obtén ningún punto nas epígrafes anteriores.

f) Criterios de desempate no grupo de rendemento.

A prelación de criterios será:

1. O/a que obtivo unha maior puntuación sumando os puntos correspondentes ao posto obtido no último Campionato de Europa e no último Campionato de Mundo, xogos olímpicos ou paralímpicos.

2. O/a deportista que opte por renovar a súa praza no CGTD (sempre que non teña unha puntuación negativa no informe do CGTD).

3. En caso de continuar o empate, entraría o deportista que obtivo un mellor posto no Campionato do Mundo.

4. O/a de menor idade.

5. Orde alfabética de apelidos e nome iniciando pola letra «V», conforme o sorteo feito pola Consellería de Facenda e Administración Pública no ano 2023, e publicado no Diario Oficial de Galicia nº 18, do 23 de xaneiro de 2023.

g) O/a deportista que, solicitando unha praza de residente 2 no grupo de rendemento, non consiga acceder a ela, pasará á lista de candidatos ao resto de prazas de rendemento, segundo os méritos alegados e os criterios recollidos nesta convocatoria.

CAPÍTULO IV

Doutras disposicións

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 25. Información ás persoas beneficiarias

De acordo co establecido no artigo 14, alínea ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e, xunto cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos dos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Así mesmo, os interesados teñen dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na alínea d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 27. Réxime xurídico

O réxime xurídico aplicable a esta convocatoria é o seguinte: Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG número 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia; Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG número 20, do 29 de xaneiro), polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007; os preceptos declarados básicos pola disposición derradeira primeira da Lei 38/2003, do 17 de novembro (BOE número 276, do 18 de novembro), xeral de subvencións, e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo (BOE número 176, do 25 de xullo), polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003; a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de xeral aplicación.

Artigo 28. Recursos

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpor recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 a 125 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición adicional única. Deportistas de vela

Os/as deportistas seleccionados/as pola Federación Galega de Vela para o uso do Centro Galego de Vela, situado en Vilagarcía de Arousa, nas clases olímpicas, de tecnificación, así como de alto rendemento con programas encamiñados a París 2024 e con dezaseis (16) anos cumpridos en diante, tras a súa correspondente revisión e publicación por parte da Secretaría Xeral para o Deporte, terán os beneficios de servizo médico-deportivo e servizo de fisioterapia no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

A duración dos beneficios será desde o 8 de setembro de 2023 ata o 7 de setembro de 2024.

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte para ditar, no ámbito das súas competencias, cantos actos e medidas sexan precisos para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2023

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file