Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 14 de xullo de 2023 Páx. 43515

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 5 de xullo de 2023, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se declaran con carácter provisional, as persoas aspirantes admitidas e excluídas no proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o acceso á condición de persoal estatutario fixo da categoría de facultativo/a especialista de área, convocado pola Resolución do 11 de maio de 2023.

Mediante Resolución desta dirección xeral do 11 de maio de 2023 (Diario Oficial de Galicia núm. 98, do 25 de maio), convocouse proceso selectivo, mediante o sistema de concurso, para o acceso á condición de persoal estatutario fixo da categoría de facultativo/a especialista de área en diversas especialidades.

A base 6.1 desta resolución establece que, expirado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se declaren con carácter provisional os/as aspirantes admitidos/as e excluídos/as, co motivo da exclusión.

De conformidade coa antedita base, esta dirección xeral, como órgano convocante do proceso

RESOLVE:

Primeiro. Declarar, con carácter provisional, os/as aspirantes admitidos/as e excluídos/as no proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o acceso á condición de persoal estatutario fixo da categoría de facultativo/a especialista de área en diversas especialidades, convocado pola Resolución do 11 de maio de 2023.

Segundo. As listas coa relación provisional de admitidos/as e excluídos/as, con indicación do motivo de exclusión, poderán examinarse na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Terceiro. As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia para poderen corrixir, se for o caso, o defecto que motivou a súa exclusión, mediante escrito dirixido á mesma unidade de validación á cal se dirixiu a instancia de participación, que deberá presentarse nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos dispoñibles do artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disporán do mesmo prazo de reclamación as persoas que, tendo presentado debidamente a solicitude de participación no proceso, non consten como admitidas nin excluídas na relación publicada.

Cuarto. A estimación ou desestimación das solicitudes de emenda entenderanse implícitas na resolución pola que se aprobe a listaxe definitiva de admitidos/as e excluídos/as, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2023

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos