DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Luns, 17 de xullo de 2023 Páx. 43703

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Calidade Alimentaria

RESOLUCIÓN do 4 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de adxudicación de prazas de residencia e comedor nos centros de formación e experimentación agraria, e se convocan para o curso académico 2023/24 (código de procedemento MR207A).

Segundo o Real decreto 3318/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de agricultura e pesca, ampliado polo Real decreto 998/1984, do 28 de marzo, sobre valoración definitiva e ampliación de funcións e medios adscritos aos servizos traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de agricultura, as escolas de capacitación agraria pasan a depender directamente da Xunta de Galicia.

O Decreto 223/2022, do 22 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, determina como competencias desta consellería as relativas á agricultura, gandaría e desenvolvemento rural, entre outras, e atribúe á Axencia Galega da Calidade Alimentaria (en adiante, Agacal) a coordinación dos seis centros de formación e experimentación agraria integrados orgánica e funcionalmente na Axencia.

O Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e se aproban os seus estatutos (DOG núm. 102, do 30 de maio), establece no seu artigo 11 as funcións da Agacal en materia de formación. Entre estas figuran a de programar a formación agraria, nos seus aspectos de ensinanzas regradas e non regradas, tanto das persoas agricultoras, gandeiras e silvicultoras como das súas asociacións e agrupacións, así como daquelas persoas que queiran acceder no futuro á titularidade ou xerencia de calquera explotación agraria ou forestal, así como a función de coordinación dos centros de formación e experimentación agraria.

Neste momento, a Axencia dispón de varios centros de formación da familia agroforestal, entre os cales, o Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Lourizán (Pontevedra), o CFEA de Sergude (Boqueixón), o CFEA Pedro Murias de Ribadeo e o CFEA de Becerreá dispoñen de residencias de estudantes que prestan un servizo complementario ao desenvolvemento educativo da poboación do medio rural, que permite potenciar o acceso á formación continua e aos ciclos de formación profesional agraria de grao medio e grao superior seguintes:

CFEA Lourizán:

Ciclo formativo de grao medio en Aproveitamento e Conservación do Medio Natural.

Ciclo formativo de grao superior en Xestión Forestal e do Medio Natural.

CFEA Sergude:

Ciclo formativo de grao medio en Aproveitamento e Conservación do Medio Natural.

Ciclo formativo de grao medio en Produción Agropecuaria.

Ciclo formativo de grao superior en Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal (ordinario e FP dual).

Ciclo formativo de grao medio en Produción Agroecolóxica.

CFEA Pedro Murias:

Ciclo de grao medio en Aproveitamento e Conservación do Medio Natural (FP dual).

Ciclo formativo de grao medio en Produción Agroecolóxica (FP dual).

CFEA Becerreá:

Ciclo formativo de grao medio en Aproveitamento e Conservación do Medio Natural.

Ciclo formativo de grao superior en Xestión Forestal e do Medio Natural.

O Decreto 143/2013, do 12 de setembro, polo que se fixan os prezos públicos polos servizos de residencia e comedor prestados nos centros de formación das familias marítimo-pesqueira e agroforestal, así como os prezos de matrícula na Aula de Seguridade e Salvamento, dependentes desta consellería (DOG núm. 176, do 16 de setembro), recolle nos seus artigos 3 e 4 os supostos de feito e os suxeitos obrigados dos ditos prezos públicos.

De acordo co exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de adxudicación de prazas de residencia e comedor nos centros de formación e experimentación agraria (CFEA) da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) e convocar o procedemento de adxudicación para o curso académico 2023/24 nos CFEA de Lourizán (Pontevedra), Sergude (Boqueixón), Pedro Murias (Ribadeo) e Becerreá (código de procedemento MR207A).

2. A oferta de prazas para o curso 2023/24 por centro é a seguinte:

CFEA

Nº total de prazas en réxime

de pensión completa

Nº total de prazas de comedor

(só xantar)-para curso completo

CFEA de Lourizán (Pontevedra)

34

28

CFEA de Sergude (A Coruña)

52

20

CFEA Pedro Murias (Ribadeo)

0

30

CFEA de Becerreá

0

45

No caso de non utilizar o total de prazas ofertadas en pensión completa, as vacantes que se produzan poderán acumularse ás prazas de comedor para o curso completo.

Artigo 2. Requisitos para ser persoa adxudicataria

Serán requisitos para ser adxudicatario/a da praza de residencia nos centros de formación e experimentación agraria dependentes da Axencia Galega da Calidade Alimentaria:

a) Ser cidadán/á de calquera país da Unión Europea ou estranxeiro/a que acredite a residencia ou estea dentro dun programa de cooperación internacional.

b) Ter feito os 18 anos de idade no ano da publicación da convocatoria, no caso das prazas en pensión completa do CFEA de Lourizán, ou ter feito os 16 anos de idade no ano da publicación da convocatoria no caso das prazas en pensión completa que se ofertan no CFEA de Sergude.

c) Estar matriculado, en calquera dos CFEA adscritos á Agacal, nun ciclo de formación profesional durante o curso escolar.

Artigo 3. Tipoloxía de prazas ofertadas e horario de apertura dos centros

As persoas usuarias poden optar por unha das seguintes modalidades:

a) Residencia en pensión completa.

A modalidade de residencia en pensión completa inclúe o uso dun cuarto e aseo compartidos e o dereito ao almorzo, xantar e cea. O horario de apertura e peche dos centros é o seguinte:

CFEA Lourizán

CFEA Sergude

Luns (apertura)

Venres (peche)

Domingo (apertura)

Venres (peche)

8.00 horas

15.00 horas

21.00 horas

15.30 horas

As persoas que teñan asignada unha praza en pensión completa na residencia poderán facer uso dela todos os días lectivos do centro que non sexan vésperas de festivo.

b) Comedor para o curso completo.

A modalidade de comedor para o curso completo comprende o servizo de xantar na sala de comedor durante todo o curso de luns a venres, todos os días lectivos do centro en que se oferte o servizo. A oferta do servizo variará dun centro a outro en función da organización da actividade lectiva.

Artigo 4. Prezos públicos

1. As persoas adxudicatarias das prazas recollidas no artigo 1 estarán suxeitas aos prezos públicos previstos no Decreto 143/2013, do 12 de setembro, polo que se fixan os prezos públicos polos servizos de residencia e comedor (DOG núm. 176, do 16 de setembro), e a actualización prevista na Resolución do 23 de xuño de 2023 pola que se actualizan os prezos públicos determinados no Decreto 143/2013, do 12 de setembro, polo que se fixan os prezos públicos polos servizos de residencia e comedor prestados nos centros de formación das familias marítimo-pesqueira e agroforestal, así como os prezos de matrícula na Aula de Seguridade e Salvamento, dependentes de esta consellería (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230703/AnuncioG0427-260623-0002_es.pdf).

2. No caso das prazas de residencia en réxime de pensión completa para un curso escolar completo, o pagamento fraccionarase en tres prazos trimestrais, e deberá aboarse dentro dos primeiros dez días de cada trimestre escolar.

3. No taboleiro de anuncios de cada CFEA publicarase un calendario co número de días en que o centro permanecerá aberto en cada trimestre escolar, indicando os días en que se ofrece pensión completa e os días en que só se ofrece o xantar.

4. Para os servizos de pensión completa por período inferior a un curso escolar calcularase o importe do pagamento trimestral empregando os prezos/persoa/día. Para os servizos de xantar calcularase o importe por bono semanal de cinco días e/ou de xantar diario non regular, en función dos días en que se ofreza o servizo en cada centro.

5. As persoas adxudicatarias de prazas de comedor durante todo o curso deberán realizar o pagamento antes do inicio do servizo. A dirección de cada centro decidirá a forma de realizar estes pagamentos, que poderán acumularse por períodos de tempo, segundo as necesidades organizativas da residencia. O importe dos pagamentos que se establezan para cada período calcularase empregando os prezos/persoa para os servizos de xantar por bono semanal de cinco días e/ou de xantar diario non regular.

6. O alumnado con praza na residencia ou no comedor que se incorpore á formación en centros de traballo (FCT) poderá seguir usando a residencia ata o remate da formación no dito centro de traballo. No caso de non utilizar os servizos de residencia durante o terceiro trimestre do curso escolar, como consecuencia de realizar a dita FCT fóra do centro, a persoa interesada deberá presentar a renuncia e a praza quedará dispoñible para a adxudicación polo sistema previsto no artigo 16, e queda exenta do pagamento do dito trimestre.

7. O alumnado con praza na residencia ou no comedor que se incorpore á formación nunha empresa prevista nos ciclos que se desenvolvan na modalidade dual poderá seguir usando a residencia ata o remate do curso escolar. No caso de non utilizar os servizos de residencia durante o terceiro trimestre do curso escolar, como consecuencia de realizar a dita formación fóra do centro, a persoa interesada deberá presentar a renuncia e a praza quedará dispoñible para a adxudicación polo sistema previsto no artigo 16, e queda exenta do pagamento do dito trimestre.

Artigo 5. Forma, lugar e prazo para a presentación de solicitudes

1. As persoas que no curso académico anterior tivesen praza de residencia conservarana para o seguinte curso dun ciclo formativo, logo da presentación da correspondente solicitude, e sempre que acrediten o cumprimento dos requisitos académicos para o curso e non sexan repetidores/as deste. As solicitudes para a renovación de praza do alumnado escolarizado durante o curso 2022/23 e as solicitudes de novo ingreso presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado MR207A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e dentro do prazo establecido no punto 4.

2. Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente as solicitudes en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O prazo de presentación das solicitudes será do 18 de xullo ao 31 de xullo de 2023.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. Para o novo ingreso. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Anexo II. Comprobación dos datos doutras persoas que compoñen a unidade familiar, de ser o caso.

b) Certificado de convivencia das persoas que compoñen a unidade familiar, de ser o caso. A data da súa expedición será posterior á da entrada en vigor da convocatoria.

c) Documentación acreditativa da condición de orfandade, de ser o caso.

d) Documentación acreditativa dos estudos de bacharelato, formación profesional específica ou universitaria que estean cursando os irmáns ou as irmás das persoas solicitantes, fóra do domicilio habitual, de ser o caso.

e) Contrato de alugamento ou matrícula nunha residencia de estudantes ou establecemento de similares características dos irmáns ou as irmás das persoas solicitantes que estean cursando estudos fóra da súa residencia habitual, de ser o caso.

f) Certificación académica na cal figuren as notas correspondentes ao curso escolar inmediatamente anterior a esta convocatoria para aquelas persoas solicitantes que procedan doutro centro formativo.

g) Copia do título de familia numerosa, no caso de ser expedido por outra comunidade autónoma.

h) Documentación acreditativa do grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % de calquera das persoas que compoñen a unidade familiar, no caso de ser expedido por outra comunidade autónoma.

i) Documentación acreditativa de familia monoparental mediante certificado de familia monoparental, convenio regulador ou resolución de medidas paterno/maternofiliais.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que lle poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante, de ser o caso.

c) DNI ou NIE do resto das persoas da unidade familiar, de ser o caso.

2. Para solicitudes de novo ingreso, consultaranse, ademais, os seguintes datos:

a) Certificado da renda tanto da persoa solicitante como dos demais membros que compoñen a unidade familiar obrigados a declarar (anexo I, no caso da persoa solicitante, e anexo II, para os demais membros que compoñen a unidade familiar).

3. Nos supostos de solicitudes de novo ingreso, consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Título de familia numerosa da persoa solicitante, no caso de ser expedido pola Xunta de Galicia, de ser o caso.

b) Grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % da persoa solicitante e de calquera das persoas que compoñen a unidade familiar, cando sexa expedido pola Xunta de Galicia, de ser o caso.

4. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

5. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes, declaracións responsables ou comunicacións

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Criterios de adxudicación de prazas

1. Cando o número de persoas solicitantes de prazas en pensión completa ou comedor para o curso completo sexa inferior ao número de prazas ofertadas, estas serán adxudicadas a todas as persoas solicitantes que cumpran os requisitos establecidos nesta resolución. En caso contrario, procederase á adxudicación de prazas ao alumnado de novo ingreso, segundo os criterios establecidos nos números 1.1, 1.2 e 1.3 deste artigo.

1.1. Rendemento académico do último curso realizado.

a) Nota media de sobresaliente: 4 puntos.

b) Nota media de notable: 3 puntos.

c) Nota media de ben: 2 puntos.

d) Nota media de suficiente: 1 punto.

1.2. Renda familiar per cápita.

a) A renda familiar per cápita é a cantidade que determina a porcentaxe e os límites de axuda a partir das táboas de valoración. O seu importe é o coeficiente de dividir a renda da unidade familiar correspondente ao ano inmediato anterior ao do inicio do curso entre todos os membros da dita unidade. Este aspecto acreditarase mediante a declaración do IRPF.

b) Para a determinación da renda familiar sumarase a base impoñible xeral (recadro 435 da declaración da renda do ano 2022) e a base impoñible do aforro (recadro 460 da declaración da renda do ano 2022), e restaráselle a cota resultante da declaración (recadro 595 da declaración da renda do ano 2022). Se son membros computables sustentadores aplicarase o 100 % do resultado obtido; de non ser sustentadores, aplicarase un 50 % (caso de irmáns que traballen).

c) Considéranse membros computables da unidade familiar: pai, nai, irmáns e irmás solteiros/as menores de vinte e cinco anos que convivan no domicilio familiar, os irmáns e as irmás de maior idade, cando se trate de persoas diminuídas físicas, psíquicas ou sensoriais, así como os ascendentes dos pais que xustifiquen a súa residencia no mesmo domicilio familiar a través do certificado de convivencia das persoas que compoñen a unidade familiar.

No caso de persoas solicitantes que constitúan unidades familiares independentes, tamén se consideran membros computables o/a cónxuxe ou, de ser o caso, a persoa a que estea unida por análoga relación de convivencia afectiva, así como os descendentes que convivan no mesmo domicilio.

d) No caso de divorcio ou separación legal dos pais, non se considerará membro computable quen non conviva coa persoa solicitante.

e) Nos casos en que a persoa solicitante alegue a súa emancipación ou independencia familiar e económica, calquera que sexa o seu estado civil, deberá acreditar que conta cos medios económicos propios suficientes que permitan a dita independencia, así como a titularidade ou o alugamento da vivenda que constitúe o seu domicilio habitual. No caso contrario, entenderase non probada a independencia, polo que para o cálculo da renda e patrimonio familiar se computarán os ingresos correspondentes aos membros computables da familia a que se refire a antedita alínea c).

f) Ao cociente da renda familiar computada entre o número de membros da unidade familiar adxudicaráselle a seguinte puntuación:

Ata 6.000 euros: 7 puntos.

De 6.000,01 ata 9.500 euros: 5 puntos.

De 9.500,01 ata 13.000 euros: 3 puntos.

De 13.000,01 ata 15.000 euros: 1 punto.

A partir de 15.000,01: 0 puntos.

1.3. Circunstancias familiares.

a) Ás persoas solicitantes que teñan irmás ou irmáns cursando estudos de bacharelato, formación profesional específica ou universitarios fóra da súa residencia habitual, engadiránselles 2 puntos polo primeiro e 1 punto máis por cada un dos seguintes.

b) Ás persoas solicitantes en condición de orfandade, 2 puntos.

c) Ás persoas solicitantes membros de familia numerosa de categoría xeral, 1 punto; de categoría especial, 2 puntos.

d) Ás persoas solicitantes que teñan algún membro da unidade familiar en estado de discapacidade, 2 puntos.

e) Ás persoas solicitantes membros de familia monoparental, 2 puntos.

Todas as situacións referentes ás circunstancias familiares deberán xustificarse documentalmente.

A puntuación resultante de sumar as anteriores epígrafes será a que determine a orde de adxudicación.

2. No caso de que as persoas solicitantes obtivesen a mesma valoración, terán preferencia, por esta orde:

– As persoas que acrediten a minoría de idade, no momento de realizar a solicitude de praza.

– O alumnado que non repita curso.

– As persoas de menor renda familiar.

– As mulleres fronte aos homes (seguindo criterios de infrarrepresentación).

– As persoas que acrediten ter residencia en Galicia.

– E, finalmente, as persoas que acrediten documentalmente unha relación persoal ou familiar directa co sector.

Artigo 10. Instrución do procedemento

1. Corresponderá a unha Comisión de Valoración, constituída para o efecto en cada centro, a tramitación dos expedientes e a valoración dos criterios xustificados polas persoas solicitantes para os efectos de atribuírlles a puntuación correspondente, no caso que corresponda. A comisión comprobará que os expedientes reúnen os requisitos recollidos nesta resolución. De non ser así, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixer así, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se entenderá que desiste da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

2. Os órganos responsables da tramitación dos expedientes poderán reclamar en calquera momento todos aqueles datos que coiden precisos para unha realización máis eficaz da súa función e a súa debida acreditación documental.

Artigo 11. Comisións de Valoración

1. Constituirase en cada un dos centros de formación e experimentación agraria unha comisión de valoración que estará composta por:

a) Presidente/a: o/a director/a do centro de formación e experimentación agraria.

b) Secretario/a: a persoa que ocupe a secretaría do centro de formación ou a persoa que designe o/a director/a do centro.

c) Vogais: o/a xefe/a de internado ou persoa que realice a dita función e o/a xefe/a de estudos.

2. Cando o número de persoas solicitantes sexa inferior ao número de prazas ofertadas, a Comisión de Valoración estudará o cumprimento dos requisitos para ser adxudicatario da correspondente praza e elaborará a proposta de adxudicación que remitirá ao Departamento de Formación da Agacal.

A relación provisional de persoas admitidas e excluídas farase pública e poderase consultar na páxina web da Consellería do Medio Rural, https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/centros-de-formacion, e no taboleiro de anuncios do centro correspondente.

3. No caso de determinar que o número de solicitudes sexa superior ao número de prazas ofertadas, procederase do seguinte xeito:

a) A Comisión de Valoración determinará a puntuación que corresponda a cada persoa solicitante polos criterios establecidos no artigo 9, tendo en conta os datos que constan na solicitude. Unha vez baremadas as solicitudes, a comisión elaborará a proposta de adxudicación que remitirá ao Departamento de Formación da Agacal.

A relación provisional de persoas admitidas e excluídas e a lista de espera coas puntuacións obtidas farase pública e poderase consultar na páxina web da Consellería do Medio Rural, https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/centros-de-formacion, e no taboleiro de anuncios do centro correspondente.

4. Das reunións realizadas polas comisións a que se refiren os puntos anteriores levantarase unha acta, que será remitida ao Departamento de Formación da Agacal.

Artigo 12. Reclamacións

As persoas solicitantes poderán efectuar as reclamacións que consideren oportunas no prazo de 5 días posteriores á data da exposición pública da relación provisional.

Estas reclamacións entenderanse resoltas coa publicación da lista definitiva.

Artigo 13. Resolución do procedemento

1. Correspóndelle á dirección da Agacal, unha vez comprobadas as reclamacións presentadas contra a relación provisional, resolver este procedemento mediante a aprobación da relación definitiva de persoas admitidas e excluídas en cada centro e, de ser o caso, da lista de espera, onde figurará a puntuación obtida.

2. A relación definitiva de adxudicación de prazas poderase consultar na páxina web da Consellería do Medio Rural, https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/centros-de-formación, e no taboleiro de anuncios do centro correspondente, sen prexuízo do establecido no artigo 15.

No caso de non producirse resolución expresa no prazo de tres meses desde a presentación da solicitude, esta entenderase desestimada.

As resolucións ditadas ao abeiro desta resolución non porán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpor recurso de alzada ante o presidente da Agacal, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación, se o acto for expreso, ou calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos de silencio administrativo, se o acto non for expreso, de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións dos requirimentos de emenda practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Publicación dos actos

Publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución de adxudicación.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería do Medio Rural, https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/centros-de-formacion, e no taboleiro de anuncios do centro correspondente.

Artigo 16. Lista de espera

1. A lista de espera estará constituída polas persoas solicitantes que non obteñen praza, ordenadas segundo a puntuación acadada no baremo de admisión.

2. Para a cobertura das prazas de residencia en pensión completa ou comedor que queden vacantes durante o curso, a dirección do respectivo centro residencial acudirá á lista de espera, seguindo a rigorosa orde de puntuación. Se unha vez chamados todos os suplentes aínda quedasen prazas vacantes no internado, aquelas persoas interesadas que reúnan os requisitos para seren adxudicatarias dunha praza poderán solicitala a través do formulario normalizado MR207A.

Artigo 17. Matrícula

1. As persoas que obteñan praza de residencia ou comedor disporán de 8 días, contados desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución de adxudicación, para formalizar a matrícula no centro onde obtivesen a dita praza, onde se lles facilitará o impreso correspondente. Igualmente, deberán achegar a documentación que acredite, de ser o caso, que o usuario pode beneficiarse dalgunha das bonificacións que se recollen no Decreto 143/2013, do 12 de setembro.

Adicionalmente, no caso de adxudicación de prazas de residencia, os adxudicatarios deberán achegar no momento da formalización da matrícula a declaración responsable sobre o seu estado de saúde segundo o modelo que se lles facilitará no centro.

Nos supostos de ingreso pasado o prazo ordinario, disporán de 8 días contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución de concesión da praza para a realización deste trámite.

Artigo 18. Obrigas dos/das usuarios/as da residencia

As persoas beneficiarias das prazas de residencia teñen as seguintes obrigas:

1. Deben acreditar, mediante certificado ou informe médico oficial, calquera incidencia que afecte o normal desenvolvemento da vida residencial, que o presentarán no prazo de 5 días desde a formalización da matrícula.

2. Están suxeitas ao réxime interno do centro e deberán respectar as normas de convivencia e horarios que permitan o normal desenvolvemento da vida residencial e docente.

3. Teñen que deixar os cuartos libres, inescusablemente, o día en que finalice o calendario académico.

Os danos ocasionados polo mal uso das instalacións, material e utensilios da residencia será responsabilidade individual das persoas autoras ou, colectivamente, de quen teña asignadas as dependencias concretas ao seu uso, e terán que aboar o seu custo.

Artigo 19. Renuncias e perda do dereito á praza de residencia

1. O alumnado residente poderá perder a praza polas seguintes causas:

a) Non incorporarse ao centro residencial na data do inicio do curso escolar indicada polo centro docente, agás nos casos de forza maior, debidamente acreditados logo da súa valoración polo centro.

b) Perda da condición de alumno/a no centro docente en que debía cursar os estudos para os cales lle foi concedida a praza.

c) Faltas de asistencia sen xustificar, cando se supere o número de tres días de ausencia continuados ou cinco días alternos ás clases lectivas dentro do período dun mes e logo dun informe previo da dirección do centro.

d) Incumprimento do réxime interno do centro residencial que altere o normal desenvolvemento da convivencia e que dea lugar a sanción disciplinaria.

2. A dirección do CFEA poderá determinar a expulsión provisional do residente desde o mesmo día do incumprimento. A dirección do CFEA concederalle ao alumnado un prazo de 5 días hábiles para que presente as alegacións, documentos ou xustificacións que considere conveniente.

3. A dirección do centro, á vista das alegacións efectuadas ou transcorrido o prazo concedido para presentalas, resolverá o procedente no prazo de 5 días hábiles.

4. No caso de perda da praza de residencia, cubrirase a vacante conforme a lista de suplentes nos termos do artigo 16.

5. No caso de que algún residente decida renunciar á súa praza, debe comunicalo á dirección do centro correspondente por escrito. A praza que quede vacante poderá cubrirse conforme a lista de espera nos termos do artigo 16.

Artigo 20. Concorrencia con outras axudas

O desfrute do dereito a ocupar as prazas convocadas nesta resolución é incompatible co desfrute de calquera outra axuda para a mesma finalidade e dentro do mesmo período temporal, procedente de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

Disposición adicional primeira. Prazas de residencia e comedor para os cursos de formación non regrada

De ser o caso, poderanse solicitar as prazas de residencia dispoñibles durante o curso escolar 2023/24 para os cursos de formación non regrada organizados pola Consellería do Medio Rural vinculados á actividade agraria e/ou forestal. As solicitudes de praza de residencia e de comedor destinadas a esta finalidade poderán ser admitidas a partir do mes de novembro de 2023.

Os requisitos que deberán reunir as persoas interesadas para poder acceder ás prazas de residencia reguladas nesta disposición adicional son os seguintes:

a) Ser cidadás de calquera país da Unión Europea ou estranxeiros/as que acrediten a residencia ou estean dentro dun programa de cooperación internacional.

b) Ter feito os 18 anos de idade no ano de publicación da convocatoria, no caso das prazas en pensión completa do CFEA de Lourizán, ou ter feito os 16 anos de idade no ano da publicación da convocatoria no caso das prazas en pensión completa que se ofertan no CFEA de Sergude.

c) Estar matriculado en cursos de formación non regrada organizados pola Consellería do Medio Rural vinculados á actividade agraria e/ou forestal.

Disposición adicional segunda. Normativa supletoria

En todo o non previsto nesta resolución observarase o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2023

Jose Luis Cabarcos Corral
Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file