DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Luns, 17 de xullo de 2023 Páx. 43791

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 4 de xullo de 2023, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se convoca a concurso específico de méritos a praza vacante de xefe/a de servizo da Área de Clínica Médico-Forense da Subdirección Territorial de Santiago de Compostela no Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga).

O Decreto da Xunta de Galicia 119/2005, do 6 de maio, polo que se crea o Instituto de Medicina Legal de Galicia (DOG do 18 de maio), establece no seu artigo 22.1 que teñen a consideración de persoal do Instituto de Medicina Legal de Galicia os médicos forenses dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

Aprobada a relación de postos de traballo do Instituto de Medicina Legal de Galicia pola Orde do 15 de novembro de 2022 pola que se modifica a relación de postos de traballo do Instituto de Medicina Legal de Galicia, para determinados postos establécese como forma de provisión o concurso específico.

Producida unha vacante dun posto singularizado na Subdirección Territorial do Instituto de Medicina Legal en Santiago de Compostela, e de conformidade co establecido no artigo 532 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, así como no artigo 49 e seguintes do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, aprobado polo Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, procede a convocatoria dun concurso específico para a súa cobertura.

En consecuencia, e no exercicio das competencias previstas no artigo 23 do Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes,

RESOLVO:

1. Aprobar as bases da convocatoria do concurso específico que figuran no anexo I desta resolución, así como os méritos do anexo III.

2. Convocar o concurso específico de méritos e capacidades para a provisión do posto de traballo singularizado vacante que se detalla no anexo II.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e poderá ser impugnada potestativamente en reposición, ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou poderá ser impugnada directamente, ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, todo isto de conformidade co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2023

José Tronchoni Albert
Director xeral de Xustiza

ANEXO I

Bases da convocatoria

Primeira. Requisitos e condicións de participación

1. Para seren admitidas neste concurso, as persoas aspirantes deberán ser funcionarios/as de carreira e pertencer ao corpo de médicos forenses.

2. Só poderán tomar parte neste concurso os médicos forenses que conten cun mínimo de cinco (5) anos de experiencia como médicos forenses.

3. Poderán participar neste concurso os médicos forenses que, ademais de reuniren os requisitos sinalados nos dous puntos anteriores, estean na situación administrativa de servizo activo, ou en calquera outra que comporte a reserva do posto de traballo, no momento de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

4. Non poderá participar neste concurso o persoal funcionario que se encontre na situación de excedencia voluntaria por interese particular, mentres dure o período mínimo obrigatorio de permanencia na dita situación; os declarados suspensos en firme, mentres dure a suspensión; nin os sancionados con traslado forzoso, para destino na mesma localidade en que se lles impuxo a sanción, ata que transcorran un (1) ou tres (3) anos segundo se trate de falta grave ou moi grave, respectivamente.

5. Con respecto ao tempo mínimo para participar neste concurso específico, e de conformidade co previsto no artigo 49.7 do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, aprobado polo Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, non rexerá a limitación establecida no seu artigo 46.1.

Segunda. Posto de traballo ofertado

1. As persoas participantes poderán solicitar o posto de traballo relacionado no anexo II sempre que no momento de finalización do prazo de presentación de solicitudes cumpran os requisitos establecidos na base primeira para poderen participar neste concurso.

2. A solicitude dos postos farase nunha única instancia axustada ao modelo que se publica como anexo IV, no cal constan os datos referentes ao posto de traballo solicitado.

Terceira. Presentación de solicitudes e documentación

1. As persoas interesadas deberán presentar as súas solicitudes utilizando obrigatoriamente o modelo que figura no anexo IV desta resolución.

2. O prazo de presentación será de dez (10) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado. En caso de que a dita publicación non se faga de xeito simultáneo en ambos, terase en conta a data de publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co que dispón o artigo 49.5 do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza.

3. As solicitudes irán dirixidas á Dirección Xeral de Xustiza da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, na rúa Madrid, 2-4, 2º andar, polígono das Fontiñas, 15781 Santiago de Compostela, e deberán presentarse na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) mediante o modelo de solicitude xenérica co código PR004A.

4. Coa solicitude deberase achegar a documentación acreditativa dos requisitos exixidos e dos méritos alegados, que se deberán especificar nunha relación adxunta ao modelo de solicitude (anexo IV) desta convocatoria.

Os méritos alegados deberán ser xustificados documentalmente mediante os pertinentes títulos académicos ou diplomas, así como mediante certificados ou calquera outro medio de proba admisible en dereito.

5. Igualmente, xunto coa instancia presentarase unha memoria asinada na cal, nunha extensión non superior aos dez (10) folios, a persoa candidata realizará unha análise das tarefas do posto solicitado e das condicións e medios necesarios para o seu desempeño, suscitará propostas de mellora no desenvolvemento das funcións e fará constar todas aqueloutras cuestións que considere de interese ou importancia, con base na descrición das funcións do posto.

6. Dentro dos vinte (20) días seguintes ao da finalización do prazo de presentación de instancias, a Dirección Xeral de Xustiza aprobará as listas provisionais de admitidos e excluídos, que se publicarán na web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes http://cpapx.xunta.gal/concursos-de-traslados. As persoas interesadas poderán formular reclamación contra as listas provisionais no prazo dos dez (10) días hábiles seguintes ao da súa publicación.

Cuarta. Comisión de Valoración

1. A avaliación dos méritos corresponderá a unha Comisión de Valoración que será nomeada pola Dirección Xeral de Xustiza da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e que estará integrada por:

a) Dous/dúas funcionarios/as do grupo A designados/as de entre os que presten servizos na Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, dos cales un exercerá as funcións da Presidencia e outro as da Secretaría da Comisión.

b) Dous/dúas médicos/as forenses designados/as pola Dirección Xeral de Xustiza.

c) Dous/dúas médicos/as forenses ou funcionarios/as dos corpos da Administración de xustiza para cuxo ingreso se exixa unha licenciatura universitaria, designados/as por proposta das organizacións sindicais máis representativas.

Os representantes escollidos polas organizacións sindicais designaranse baixo proposta destas, e advertirase expresamente que, unha vez que a Administración solicite a proposición de designación, de non se formular a proposta de nomeamento no prazo de dez (10) días hábiles se entenderá que decaeron na súa opción.

2. A Comisión de Valoración suplente terá a mesma composición que a Comisión de Valoración titular, e os seus membros actuarán en ausencia dos seus correspondentes da Comisión de Valoración titular.

3. A Comisión de Valoración poderalle solicitar á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a designación de expertos que, en calidade de asesores, actúen con voz pero sen voto.

4. A Comisión de Valoración terá a consideración de órgano colexiado da Administración, e como tal estará sometida ás normas contidas na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público. Igualmente, os membros da Comisión de Valoración estarán sometidos ás causas de abstención e recusación previstas na citada lei.

Quinta. Baremación, fases e puntuación do concurso

1. O concurso específico rexerase polo baremo e as puntuacións establecidos no anexo III desta resolución, respecto dos cales terán efecto exclusivamente os méritos alegados e acreditados con referencia á data de peche do prazo de presentación de instancias.

2. O concurso constará de dúas fases:

a) Na primeira procederase á comprobación e valoración dos méritos xerais, cunha puntuación máxima de 72 puntos.

b) Na segunda procederase á valoración dos méritos específicos, sen que se poidan valorar os méritos que fosen puntuados na primeira fase. A puntuación máxima desta fase será de 43 puntos.

3. A valoración dos méritos específicos deberá efectuarse mediante a puntuación correspondente á media aritmética das outorgadas por cada un dos membros da Comisión de Valoración, e para estes efectos deberanse desbotar a máxima e a mínima concedidas ou, de ser o caso, unha das que aparezan repetidas como tales.

4. As puntuacións outorgadas a cada persoa candidata en cada epígrafe do baremo, así como a valoración final de cada fase e a suma de ambas as fases, deberán reflectirse na acta que se levantará para o efecto.

5. A Comisión de Valoración poderá solicitarlles ás persoas interesadas as aclaracións ou, se for o caso, a documentación adicional, que se consideren necesarias para a comprobación dos méritos alegados.

Sexta. Publicación da valoración e proposta de adxudicación de postos

1. A Comisión de Valoración proporá para o posto de traballo ofertado neste concurso a persoa candidata que obtivese a maior puntuación unha vez sumados os resultados finais das dúas fases do concurso. En caso de empate na puntuación, para dirimilo acudirase á maior antigüidade no corpo.

2. A Comisión de Valoración redactará a proposta de persoas candidatas, con expresión das puntuacións obtidas en cada fase, que trasladará á Dirección Xeral de Xustiza para os efectos da súa publicación na intranet de Xustiza e na web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

3. As persoas interesadas, dentro dos dez (10) días hábiles seguintes ao desta publicación, poderán alegar e xustificar o que consideren conveniente sobre os resultados da valoración.

4. A Comisión de Valoración resolverá as alegacións e xustificacións que se presenten en relación coa aplicación do baremo de méritos e redactará a proposta de resolución, que elevará á Dirección Xeral de Xustiza, quen adoptará a resolución definitiva.

Sétima. Resolución do concurso

1. O concurso será resolto pola Dirección Xeral de Xustiza no prazo de seis (6) meses contados desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes, e a resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, motivarase de acordo co previsto no artigo 51.4 do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, aprobado polo Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro.

2. A resolución do concurso expresará o posto de orixe da persoa interesada a quen se lle adxudique destino.

Oitava. Carácter do destino adxudicado

1. Os traslados que deriven da resolución deste concurso terán a consideración de voluntarios.

2. A persoa titular do posto de traballo obtido por concurso poderá renunciar a este mesmo mediante solicitude razoada, sempre que desempeñe o citado posto polo menos durante un ano.

Novena. Cesamento e toma de posesión

1. O prazo para a toma de posesión empezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá efectuar dentro dos tres (3) días hábiles seguintes ao da publicación da resolución do concurso no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, ou no primeiro deles en caso de que a publicación non sexa simultánea en ambos.

Se a resolución comporta reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberá computarse desde a dita publicación.

2. A toma de posesión do novo destino obtido polo concurso producirase nos tres (3) días hábiles seguintes ao do cesamento se non hai cambio de localidade do funcionario, nos oito (8) días hábiles seguintes se implica cambio de localidade dentro da Comunidade Autónoma, e nos vinte (20) días hábiles seguintes se implica cambio de Comunidade Autónoma, excepción feita da Comunidade Autónoma de Canarias, da Comunidade Autónoma das Illes Balears, da Cidade de Ceuta e da Cidade de Melilla, en que será dun mes.

3. O cómputo dos prazos posesorios comezará cando finalicen os permisos ou licenzas, incluídos os de vacacións, que lle fosen concedidos á persoa a quen se lle adxudique o posto.

4. Efectuada a toma de posesión, o prazo posesorio considerarase como de servizo activo para todos os efectos, agás os supostos de reingreso ao servizo activo.

5. Cando, por calquera causa, o/a funcionario/a adxudicatario/a da praza non chegue a tomar posesión, poderáselle adxudicar o destino ao/á funcionario/a que obtivese a seguinte mellor puntuación.

ANEXO II

Posto de traballo convocado

Denominación: xefe/a de servizo da Área de Clínica Médico-Forense.

Código do posto: XG9251820015770310.03.

Centro de destino: Instituto de Medicina Legal de Galicia. Subdirección Territorial de Santiago de Compostela.

Localidade: Santiago de Compostela.

Funcións: as previstas nos artigos 15 e 17 do Decreto 119/2005, do 6 de maio (DOG do 18 de maio), polo que se crea o Instituto de Medicina Legal de Galicia.

Requisitos: funcionario/a de carreira do corpo de médicos forenses en activo con cinco (5) anos de experiencia.

Formación específica: coñecementos e experiencia en valoración do dano corporal e psiquiatría forense. Coñecementos de informática: sistemas operativos, tratamento de textos, folla de cálculo, base de datos, internet e correo electrónico.

Forma de provisión: concurso específico de méritos.

ANEXO III

Primeira fase: valoración de méritos xerais, cun máximo de 72 puntos

1. Antigüidade. Cun máximo de 45 puntos, a razón de 2 puntos por cada ano completo de servizos. Os períodos inferiores ao ano computaranse proporcionalmente a razón de 0,0055 puntos por día; os meses estableceranse como de trinta (30) días.

2. Coñecementos da lingua galega. Cun máximo de 12 puntos, a acreditación de coñecementos da lingua galega mediante os certificados de aptitude emitidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia ou a Dirección Xeral de Xustiza, ou certificados ou diplomas equiparados segundo a normativa vixente, valorarase, segundo o nivel acadado, consonte o seguinte:

a) Celga 4 ou equivalente: 4 puntos.

b) Curso medio de linguaxe xurídica galega: 8 puntos.

c) Curso superior de linguaxe xurídica galega: 12 puntos.

3. Actividades docentes, publicacións, comunicacións e asistencia a congresos. Cun máximo de 15 puntos, segundo os criterios seguintes:

a) Por actividades docentes relacionadas coa medicina legal: ata 5 puntos, a razón de 0,2 puntos por cada dez (10) horas de impartición en calquera organismo docente, público ou privado, oficialmente recoñecido ou homologado, así como en centros oficiais de formación de funcionarios.

b) Por publicacións e comunicacións relacionadas coa medicina legal: ata 8 puntos.

– Por comunicacións en congresos nacionais: ata 0,2 puntos por cada unha.

– Por comunicacións en congresos internacionais: ata 0,4 puntos por cada unha.

– Por relatorios en congresos nacionais: ata 0,6 puntos por cada un.

– Por relatorios en congresos internacionais: ata 0,8 puntos por cada un.

– Por publicacións en revistas nacionais: ata 1 punto por cada unha.

– Por publicacións en revistas internacionais: ata 1,2 puntos por cada unha.

– Por participación en libros e monografías: ata 1,4 puntos por cada unha.

Para puntuar cada actividade, a Comisión de Valoración terá en conta o grao de participación do/da candidato/a na elaboración das comunicacións, estudos ou publicacións.

c) Por asistencia a congresos e xornadas sobre medicina legal: ata 2 puntos, a razón de 0,1 puntos por cada congreso nacional ou xornada. En todo caso, só se valorarán os cursos, congresos e xornadas organizados, ou homologados, por colexios profesionais, asociacións profesionais de médicos forenses, universidades ou centros oficiais de formación.

d) Valoración da memoria presentada segundo o previsto no punto 5 da base terceira desta resolución: ata 0,2 puntos.

Segunda fase: valoración de méritos específicos, cun máximo de 43 puntos

A. Experiencia profesional. Cun máximo de 10 puntos; valorarase para o efecto:

– Desempeñar nos institutos de medicina legal o posto de xefe/a de servizo na Área de Clínica Médico-Forense: ata 10 puntos; valorarase ata 2 puntos por ano.

B. Titulacións académicas. Cun máximo de 20 puntos; valorarase para o efecto:

1. A posesión do título de especialista en Medicina Legal e Forense, expedido ou homologado polo ministerio competente en materia de educación: ata 10 puntos.

2. A posesión do título de médico especialista en Psiquiatría ou do título de médico especialista en Traumatoloxía, expedidos ou homologados polo ministerio competente en materia de educación: ata 7 puntos.

3. A posesión do título de médico especialista en medicina Interna, Xinecoloxía ou Reumatoloxía, expedido ou homologado polo ministerio competente en materia de educación: 5 puntos.

4. A posesión do título de médico especialista en especialidade diferente ás comprendidas nos puntos anteriores, expedido ou homologado polo ministerio competente en materia de educación: ata 3 puntos.

5. Doutoramento con premio extraordinario: ata 10 puntos.

Doutoramento con sobresaliente: ata 7 puntos.

Doutoramento con outras puntuacións: ata 3 puntos.

C. Coñecementos, formación profesional e investigación. Cun máximo de 10 puntos, en función dos méritos seguintes:

1. Por formación, na Área de Clínica Médico-Forense: ata 10 puntos, a razón de ata 0,4 puntos por cada dez (10) horas. Só se valorarán os méritos desta epígrafe se son froito de actividades convocadas e organizadas pola universidade, institutos ou escolas oficiais, Centro de Estudos Xurídicos do Ministerio de Xustiza, Dirección Xeral de Xustiza ou Escola Galega de Administración Pública, e cando fosen homologados por unha Administración pública e excluirase a formación recibida para obter as titulacións académicas comprendidas na epígrafe B anterior.

2. Por formación específica noutras áreas da medicina forense ou en materias ou disciplinas médicas que garden relación co posto solicitado: ata 5 puntos, a razón de ata 0,2 puntos por cada dez (10) horas. Só se valorarán os méritos desta epígrafe se son froito de actividades convocadas e organizadas pola universidade, institutos ou escolas oficiais, Centro de Estudos Xurídicos do Ministerio de Xustiza, Dirección Xeral de Xustiza ou Escola Galega de Administración Pública, e cando fosen homologados por unha Administración pública e excluirase a formación recibida para obter as titulacións académicas comprendidas na epígrafe B anterior.

3. Por bolsas e participación en proxectos de investigación oficiais en materias relacionadas co posto solicitado: ata 5 puntos, sempre que estas actividades non fosen valoradas na primeira fase (méritos xerais).

D. Coñecementos de informática e técnicas audiovisuais. Cun máximo de 3 puntos; valorarase para o efecto:

Os cursos de formación informática (sistemas operativos, tratamento de textos, tratamento de imaxes, folla de cálculo, bases de datos, internet e correo electrónico), así como cursos de fotografía e métodos de reprodución, convocados e organizados pola universidade, institutos ou escolas oficiais, Centro de Estudos Xurídicos do Ministerio de Xustiza, Dirección Xeral de Xustiza ou Escola Galega de Administración Pública, así como tamén os convocados polas organizacións sindicais, cando fosen homologados por unha Administración pública: ata 3 puntos, a razón de 0,1 puntos por cada dez (10) horas de formación recibida.

missing image file