DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Martes, 18 de xullo de 2023 Páx. 43979

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 4 de xullo de 2023 pola que se convocan subvencións para o ano 2023, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de emisión de bonos dixitais para colectivos vulnerables (Programa UNICO-Bono social), enmarcado no investimento C15.I3 do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento AP400A).

missing image file

A crise derivada da COVID-19 obrigou a Europa a tomar medidas excepcionais e aproveitar a circunstancia para tratar de saír máis fortes da pandemia, transformando a economía europea e creando novas oportunidades. NextGenerationEU xorde como un plan de recuperación de 750.000 millóns de euros para crear unha Europa máis verde, máis dixital e máis resiliente.

O Mecanismo europeo de recuperación e resiliencia (MRR), establecido polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, é o elemento central de NextGenerationEU, destinado a financiar os plans de recuperación e resiliencia dos Estados membros da Unión Europea.

A Comisión Europea emitiu informe favorable sobre o Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España (PRTR) o 16 de xuño de 2021, que foi aprobado polo Consello da Unión Europea o 6 de xullo de 2021. O PRTR ten como obxectivo a posta en marcha dun plan de investimentos e reformas para a recuperación das empresas e a sociedade tras a crise da COVID-19, impulsando unha transformación estrutural para un desenvolvemento máis sustentable e resiliente, cun orzamento de máis de 140.000 millóns de euros ata 2026.

Ademais, en febreiro de 2021 a Xunta de Galicia presentaba a Estratexia Galicia dixital 2030 (EGD2030), a cal define un marco de actuación común que facilite a actuación das tres administracións (nacional, autonómica e local) nun mesmo territorio de maneira complementaria, buscando as sinerxías e a suma de esforzos para consolidar a transición dixital da Comunidade, dando continuidade á Axenda dixital de Galicia 2020 e ao Plan de banda larga de Galicia 2020 (PDBL2020), coa visión posta en impulsar un modelo de crecemento vinculado á economía dixital.

Cabe salientar, ademais, que a crise da COVID-19 puxo de manifesto a necesidade de continuar de xeito remoto coa actividade económica, cos labores de ensinanza e co acceso a servizos médicos ou sociais, entre outros. Evidenciouse así un novo factor de desigualdade.

Neste senso, o eixe estratéxico 2 da EGD2030 céntrase en acadar unha sociedade dixital e inclusiva, dotando o conxunto da cidadanía da capacitación dixital necesaria para desenvolverse plenamente con confianza e seguridade no contexto dixital. Pero, ademais, neste eixe 2 recóllese o fomento da igualdade dixital mediante a redución da fenda de acceso a servizos dixitais, obxectivo que persegue o programa de emisión de bonos dixitais para colectivos vulnerables consistente na xestión de axudas ás familias máis vulnerables para dispor de servizos dixitais nos fogares.

Esta medida dítase en desenvolvemento do Real decreto 989/2021, do 16 de novembro, polo que se aproba a concesión directa ás comunidades autónomas e ás cidades de Ceuta e Melilla de axudas para a execución do programa de emisión de bonos dixitais para colectivos vulnerables, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia. O dito real decreto recolle no seu anexo I un orzamento para a Comunidade Autónoma de Galicia de 1.378.560,00 € para a execución de 5.744 actuacións.

Esta iniciativa forma parte do investimento C15.I3 de «Bonos dixitais para pemes e colectivos vulnerables» do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, que prevé o financiamento de investimentos e gastos derivados da conexión á banda larga de colectivos vulnerables.

Así mesmo, e como antecedente directo da presente convocatoria, con data 28 de xullo de 2022 ditouse a Resolución da directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) pola que se aprobaron as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, así como a inscrición de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, do Programa de emisión de bonos dixitais para colectivos vulnerables (Programa UNICO-Bono social), enmarcado no investimento C15.I3 do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convocaron para o período 2022-2023 (códigos de procedemento AP400A e AP400B) (DOG núm. 155, do 17 de agosto).

A citada convocatoria establecía un prazo de solicitude que finalizou o pasado 16 de decembro.

As bases reguladoras aprobadas na dita resolución seguen a ser de aplicación para a presente convocatoria.

Na convocatoria de subvencións realizada no ano 2022 recibiuse un total de 147 solicitudes de bonos dixitais para colectivos vulnerables, que suman un total de 35.280 € destinados á minoración de 20 € nas facturas mensuais das persoas beneficiarias durante un período de ata 12 meses. Tendo en conta que o Goberno de España lle transfire á Comunidade Autónoma de Galicia un total de 1.378.560 € para o Programa de emisión de bonos dixitais para colectivos vulnerables, quedan dispoñibles 1.343.280 € para unha nova convocatoria de subvencións no ano 2023.

Con base no anterior, e en uso das competencias atribuídas no Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega),

RESOLVO:

Artigo 1. Convocatoria

1. Por medio desta resolución convócase a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de emisión de bonos dixitais para colectivos vulnerables (Programa UNICO-Bono social), enmarcado no investimento C15.I3 do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para o exercicio 2023.

2. As bases que rexerán esta convocatoria establécense na Resolución do 28 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, así como a inscrición de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, do Programa de emisión de bonos dixitais para colectivos vulnerables (Programa UNICO-Bono social), enmarcado no investimento C15.I3 do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convocan para o período 2022-2023 (códigos de procedemento AP400A e AP400B) (DOG núm. 155, do 17 de agosto).

3. Apróbase o formulario, que se inclúe como anexo I na presente resolución, para a solicitude dos bonos dixitais para a conectividade de colectivos vulnerables no exercicio 2023.

4. Así mesmo, por medio da presente resolución, apróbanse tamén os anexos II, III, IV e V como documentación complementaria para a solicitude dos bonos no ano 2023, nos termos recollidos nas bases reguladoras aprobadas pola Resolución do 28 de xullo de 2022.

Artigo 2. Crédito

1. Para o financiamento desta convocatoria está prevista unha dotación orzamentaria máxima de 1.343.280,00 €, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 07.A1.571A.481,0, coa seguinte distribución:

Importe 2023

Importe 2024

Total

559.700,00 €

783.580,00 €

1.343.280,00 €

2. Segundo o disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a dotación orzamentaria poderase incrementar sen que se realice unha nova convocatoria, no caso de xerar, ampliar ou incorporar crédito, ou coa existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

3. Este crédito financiarase con fondos europeos procedentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

Artigo 3. Presentación de solicitudes

1. O prazo para presentar as solicitudes dos bonos dixitais comezará o día seguinte ao da publicación no DOG desta relación e rematará o 15 de novembro de 2023.

2. As persoas interesadas poderán presentar as solicitudes, preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes tamén presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para presentar as solicitudes electrónicas poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Recoméndase a presentación de solicitudes a través dun/dunha autorizado/a, como pode ser o/a traballador/a social do correspondente concello. Neste caso, o/a traballador/a social deberá achegar, xunto coa solicitude, a autorización para a presentación electrónica recollida no anexo V da convocatoria.

Artigo 4. Características do bono dixital

1. O bono dixital contribuirá a financiar a contratación de novos servizos de conexión a banda larga ou o incremento da velocidade dos xa contratados desde unha localización fixa e irá destinado a persoas físicas de unidades familiares que fosen identificadas como vulnerables.

2. O bono dixital permitiralle ao solicitante a contratación do servizo indicado no punto anterior, tendo dereito a unha minoración mensual de ata 20 euros na factura emitida pola entidade colaboradora elixida durante un período de ata 12 meses, e chegará a acadar como máximo os 240 euros.

3. O recoñecemento do dereito a recibir o bono dixital a unha unidade familiar e a contía do dito bono é independente do número de membros integrantes dela.

4. O servizo de acceso que ofertarán as entidades colaboradoras terá, como mínimo, as características seguintes:

a) O servizo de conexión terá asociada unha velocidade de transferencia de datos de, como mínimo, 30 Mbps en sentido da rede ao usuario (DL) en condicións de hora punta, entendida esta como a velocidade alcanzada polos usuarios finais durante un período dunha hora no momento de ocupación máxima da rede.

b) O servizo de acceso á banda larga realizarase a través da tecnoloxía máis adecuada en cada caso co fin de respectar o principio de neutralidade tecnolóxica.

c) Modalidade de acceso: non existirá limitación horaria para o acceso ao servizo nin limitación ao volume mensual dos datos descargados.

5. Non son obxecto desta axuda outros servizos que a entidade colaboradora poida prestar a través do mesmo acceso (voz, televisión, etc), sen prexuízo de que os usuarios poidan contratar os ditos servizos de forma adicional.

Artigo 5. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias do bono dixital as persoas que xa sexan beneficiarias das prestacións públicas da renda de inclusión social de Galicia (Risga) da Xunta de Galicia ou do ingreso mínimo vital (IMV) do Goberno de España.

2. Así mesmo, tamén poderá ser beneficiaria calquera outra persoa física maior de idade con ausencia ou déficit grave de recursos económicos ou que se encontre en situación ou risco de exclusión social. No caso da exclusión social, verificarase a concorrencia adicional dalgún dos factores de exclusión establecidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Considerarase ausencia ou déficit grave de recursos económicos cando na unidade familiar o nivel de renda sexa igual ou inferior a:

a) 1,25 veces o IPREM, se non existe unidade familiar ou non hai menores nela.

b) 1,75 veces o IPREM, se hai menores na unidade familiar.

4. En calquera caso, as persoas beneficiarias deberán estar empadroadas e ter residencia constatada polos servizos sociais comunitarios básicos en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas persoas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursas nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da persoa interesada, con independencia das comprobacións que efectúe o órgano xestor.

6. Só se poderá conceder un bono dixital por persoa física e por unidade familiar. Entenderase por unidade familiar, segundo o establecido no artigo 82 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e de modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non-residentes e sobre o patrimonio:

a) A integrada polos cónxuxes non separados legalmente e, se os houbese:

1.º Os fillos menores, con excepción dos que, co consentimento dos pais, vivan independentes deles.

2.º Os fillos maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

b) Nos casos de separación legal, ou cando non existise vínculo matrimonial, a formada polo pai ou a nai e todos os fillos que convivan cun ou outro e que reúnan os requisitos a que se refire a letra a) deste artigo.

Artigo 6. Determinación da renda

1. Para determinar a renda da unidade familiar, con carácter xeral sumaranse a base impoñible xeral e a base impoñible do aforro da declaración do imposto da renda das persoas físicas (en diante, IRPF) do último período impositivo con prazo de presentación vencido no momento de presentación da solicitude de subvención.

2. Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles a que se fai referencia obteranse como resultado de aplicar aos datos existentes na Administración os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.

3. Para determinar a renda per cápita tomarase a renda da unidade familiar e dividirase entre o número de membros computables da dita unidade.

4. Entenderase por unidade familiar a descrita no artigo 2.6 das bases reguladoras.

5. O solicitante deberá indicar o número de membros computables da unidade familiar, con detalle de cantos deles son menores de idade, a través da declaración responsable incluída na solicitude (anexo I).

Segundo o establecido no artigo 69.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a persoa solicitante debe dispor da documentación que acredite a veracidade da dita declaración responsable, que deberá ser posta á disposición da Amtega no caso de ser requirida.

Artigo 7. Documentación complementaria para a solicitude de bonos

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación complementaria:

a) O anexo II debidamente cuberto e asinado polos membros computables da unidade familiar que non aparezan como persoa solicitante da axuda.

b) Aceptación da cesión de datos entre as administracións públicas implicadas para dar cumprimento ao previsto na normativa europea que é de aplicación e de conformidade coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais (anexo III).

c) Declaración responsable relativa ao compromiso de cumprimento dos principios transversais establecidos no PRTR e que puidesen afectar o ámbito obxecto de xestión (anexo IV).

d) De ser o caso, acreditación válida do poder de representación do asinante da solicitude, segundo se establece no artigo 8 das bases reguladoras.

e) De ser o caso, autorización ao traballador/a social para a presentación electrónica da solicitude (anexo V).

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa presentase anteriormente a persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos para a solicitude de bonos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Declaración do IRPF da persoa solicitante e demais membros computables da unidade familiar, de ser o caso, correspondente ao último período impositivo con prazo de presentación vencido no momento de presentación da solicitude de subvención.

d) No caso de non ter obriga de presentar a declaración do IRPF, comprobarase o nivel de renda.

e) Certificado de empadroamento da persoa solicitante.

f) Certificado de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

g) Certificado de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día nas obrigas coa Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Órganos competentes

1. A Dirección da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia convocará e resolverá os procedementos de concesión de bonos ditados ao abeiro das bases reguladoras.

2. A Área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia será o órgano encargado da instrución e do seguimento.

3. A Xerencia da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia será a encargada da xestión económica-orzamentaria dos gastos e ingresos deste programa e do seguimento da súa execución.

Artigo 10. Procedemento de concesión dos bonos dixitais

1. O procedemento de concesión dos bonos dixitais tramitarase ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, polo que se avaliarán as solicitudes e se resolverán conforme a orde de presentación, mentres se dispoña de crédito suficiente, de xeito que, de se chegaren a esgotar os fondos dispoñibles, as seguintes solicitudes presentadas incluiranse nunha listaxe de espera.

2. O incremento do crédito, ben por dispor de crédito por producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente propostos ou ben por incremento do orzamento inicialmente destinado a esta subvención, de conformidade co disposto nos artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, permitirá reasignar fondos aos expedientes que estean en lista de espera segundo a orde de prelación que lles corresponda.

Para estes efectos, a orde de presentación das solicitudes será a que resulte da data de presentación da solicitude.

3. O esgotamento definitivo dos fondos será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, tal e como prevé o artigo 32 do Decreto 11/2009.

Artigo 11. Resolución da concesión do bono

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución aos beneficiarios será de cinco (5) meses, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo sen que se ditase resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 12. Notificacións, emisión do bono dixital e validez

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se realicen ou se deixen de realizar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario de solicitude.

3. No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Na notificación figurará o código do bono, que a persoa beneficiaria deberá facilitar á entidade colaboradora elixida para a contratación ou mellora do servizo con desconto.

7. O bono dixital terá unha validez de dous (2) meses, contados a partir do día da resolución de concesión, tendo sempre en conta que o prazo máximo para a contratación do servizo por parte dos beneficiarios dos bonos será o 31 de decembro de 2023. Poderá estenderse o gozo do bono dixital, cos conseguintes desembolsos por parte das comunidades autónomas en favor dos operadores, ás mensualidades que sexan precisas no ano 2024 para cumprir co período de duración de 12 meses.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude de bonos

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao comezo do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os devanditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Réxime de recursos

Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o director da Amtega, no prazo dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a lles subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei. En caso de incumprimento desta obriga, observarase o disposto no punto 4 do artigo citado.

Artigo 16. Compatibilidade con outras axudas

Os bonos dixitais serán compatibles con calquera outra axuda doutros programas ou instrumentos de calquera Administración pública ou organismo ou ente público, nacionais ou internacionais, particularmente da Unión Europea, sempre que a dita axuda non cubra os mesmos custos, de acordo co principio de non duplicidade no financiamento, previsto no artigo 9 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, e de conformidade co disposto no Regulamento financieiro.

Artigo 17. Control e loita contra a fraude

1. De acordo co establecido no artigo 6 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, as persoas beneficiarias e entidades colaboradoras someteranse ás actuacións de control que realice a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para o seguimento dos bonos dixitais concedidos, ás de control financeiro que lle correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, á autoridade de xestión e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 22 do Regulamento (CE) nº 241/2021 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia.

2. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá pór os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto: http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

3. Se se proban indicios fundados de fraude, a Xerencia da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia analizará a procedencia da incoación do correspondente procedemento administrativo sancionador, de conformidade coa normativa aplicable en cada caso e, proceder, instruirá o procedemento sancionador que corresponda, segundo a infracción administrativa en que resulten subsumibles os feitos analizados.

Artigo 18. Información ás persoas interesadas

Sobre estes procedementos administrativos poderá obterse documentación normalizada ou información adicional na Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) a través das seguintes canles:

a) Páxina web: http://amtega.xunta.gal/

b) Teléfono: 981 54 55 35.

c) Enderezo electrónico: amtega@xunta.gal

d) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre estes ou outros procedementos, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia (012 ou 902 12 00 12 se chama desde fóra de Galicia).

Disposición adicional única. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a Área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para que dite as instrucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2023

Julián Cerviño Iglesia
Director da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file