DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Martes, 18 de xullo de 2023 Páx. 43973

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 30 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto de sociedades, xestionado por esta consellería (código de procedemento BS623D).

BDNS (Identif.): 708459.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/es/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades do terceiro sector de acción social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social, e a Cruz Vermella Española, sempre que reúnan os seguintes requisitos, sen prexuízo de cumprir os requisitos específicos establecidos no artigo 5 para cada liña de actuacións que se subvencionan, se é o caso:

a) Estar legalmente constituídas con dous anos de antelación á data da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico.

A/as entidade/s solicitante/s de axudas para realización de programas recollidos nas liñas I, II, III e VII, e/ou execución de proxectos de investimento recollidos nas liñas IV e VIII deberán estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social e Xuventude.

A/as entidade/s solicitantes de axudas para a realización de programas recollidos na liña V deberán estar inscritas no Rexistro de Entidades Xuvenís (REX) da Consellería de Política Social e Xuventude, agás no caso de entidades solicitantes de natureza fundacional legalmente constituídas que entre o seu obxecto social e finalidade inclúan especificamente a realización de actuacións destinadas á protección, promoción e mellora da xuventude.

A/as entidade/s solicitante/s de programas da liña VI deberán estar inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia (RAV) da Consellería de Política Social e Xuventude.

O cumprimento deste requisito será comprobado de oficio polo órgano da Administración convocante.

No caso de federacións, confederacións ou outras formas de agrupación con personalidade xurídica de recente creación, entenderase cumprido o requisito sempre que o cumpran cada unha das entidades que a integran e a dita agrupación presente a solicitude de inscrición no rexistro correspondente dentro do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de entidades de nova creación legalmente constituídas que se subroguen nos dereitos e obrigas de entidades que xa estivesen constituídas legalmente, entenderase cumprido o requisito sempre que a entidade trasmitente estivese constituída con dous anos de antelación á data da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, no Rexistro de Entidades Xuvenís ou no Rexistro de Acción Voluntaria, de ser o caso. A nova entidade, en todo caso, deberá solicitar a súa inscrición no rexistro correspondente dentro do prazo de presentación de solicitudes.

b) Carecer de ánimo de lucro. Para estes efectos, a entidade solicitante acreditará que non reparten beneficios, que no caso de liquidación ou disolución desta o seu patrimonio se destina a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven o seu cometido con carácter gratuíto, de conformidade co disposto nos seus estatutos e co disposto nos números 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

c) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.

d) Figurar nos estatutos da/das entidade/s solicitante/s que os seus fins institucionais son a realización e a execución de programas sociais de similar natureza á dos programas de interese xeral para fins de carácter social para os que solicita/n a subvención.

e) Acreditar experiencia e especialización durante un prazo mínimo de 2 anos, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, na xestión e execución de, cando menos, un programa dos definidos na mesma liña do anexo I a que concorre, e que se posúen os medios persoais e materias necesarios para iso mediante declaración responsable do representante legal.

No caso de que se solicite axuda para un proxecto de investimento da liña IV, deberá acreditar a citada experiencia e especialización na xestión e execución de, cando menos, un programa dos definidos na liña III do dito anexo I.

No caso de federacións, confederacións ou outras formas de agrupación con personalidade xurídica de recente creación, entenderase cumprido o requisito sempre que o cumpra cada unha das entidades que a integran.

No caso de entidades de nova creación legalmente constituídas que se subroguen nos dereitos e obrigas de entidades constituídas legalmente entenderase cumprido o requisito se o cumpría a entidade trasmitente.

2. Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.

3. No caso de entidades que formen parte de federacións, confederacións ou outras formas de agrupación con personalidade xurídica de entidades sociais de ámbito autonómico, a solicitude das axudas realizarase sempre a través da entidade en que estea integrada e non de forma individual.

No caso de que algunha das entidades solicitantes sexa unha federación, confederación ou persoa xurídica similar que integre no seu seo varias entidades, poderá propoñer de entre estas unha ou varias delas para executar os programas, as cales actuarán no nome e por conta da entidade solicitante. En todo caso, cada un dos seus membros deberá cumprir os requisitos establecidos no número 1.

4. Dentro dos límites da lexislación autonómica tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de entidades sen personalidade xurídica que recollan nos seus acordos de constitución similares fins institucionais nos seguintes termos:

a) Cada un dos seus membros deberá cumprir os requisitos establecidos no número 1.

b) As entidades agrupadas deberán achegar un acordo no cal se indiquen os compromisos de execución asumidos por cada unha delas como membro da agrupación, así como o importe da subvención que se aplicará igualmente por cada unha delas, que terán igualmente a condición de entidades beneficiarias.

c) Deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir coas obrigas que, como entidade beneficiaria, lle corresponden á agrupación.

d) Non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Na execución de cada un dos programas presentados debe participar, cando menos, o 50 % das entidades que concorren agrupadas.

5. Non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía destas entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións deles dependentes, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais e os sindicatos, e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2023 das axudas para a realización de programas de interese xeral que atenden fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto de sociedades xestionado pola Consellería de Política Social e Xuventude e cuxo obxecto sexa o sinalado no artigo 5.

2. O procedemento será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

3. Terá o código do procedemento BS623D para os efectos de identificación na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e o acceso aos formularios de inicio específicos, de uso obrigatorio.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 30 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto de sociedades, xestionado pola consellería (código de procedemento BS623D).

Cuarto. Financiamento

1. Para o financiamento desta convocatoria destínase, con cargo á anualidade 2023, crédito por importe total de dezaoito millóns cincocentos trinta e tres mil novecentos noventa e dous euros con setenta céntimos (18.533.992,70 €) consignado nas aplicacións orzamentarias seguintes en función das liñas de actuación subvencionables relacionadas no artigo 5:

Liñas de actuación

Aplicación

Importe €

Liña I. Actuacións no ámbito da familia, infancia e dinamización demográfica

13.02.312B.481.1

1.561.029,98

Liña II. Actuacións de inclusión social

13.03.313C.481.6

6.320.022,41

Liña III. Actuacións de promoción da autonomía persoal e apoio de persoas con discapacidade

13.04.312E.481.1

4.152.594,94

Liña IV. Proxectos de investimento e adecuación de centros e unidades de atención destinados a persoas con discapacidade

13.04.312E.781.1

1.775.446,95

Liña V. Actuacións destinadas á xuventude

13.06.313A.481.0

480.605,84

Liña VI. Actuacións destinadas ao voluntariado

13.06.312F.481.0

456.414,58

Liña VII. Actuacións de promoción da autonomía persoal e apoio de persoas maiores

13.05.312E.481.1

2.653.410,00

Liña VIII. Proxectos de investimento e adecuación de centros e unidades de atención destinados a persoas maiores ou a persoas dependentes

13.05.312E.781.1

1.134.468,00

Total

18.533.992,70

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Outros datos

Consideraranse como gastos subvencionables os que, de maneira indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada ao abeiro do correspondente programa e resulten estritamente necesarios e que se efectúen durante o ano 2024 e sexan efectivamente pagados antes do 15 de marzo de 2025.

O pagamento do 100 % do importe da subvención concedida realizarase dunha soa vez en concepto de anticipo, que se fará efectivo unha vez notificada a resolución e, en todo caso, na anualidade 2023.

O procedemento será tramitado en réxime de concorrencia competitiva e non se poderá conceder subvención ás solicitudes que non obteñan unha puntuación mínima global de 60 puntos.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude