DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Martes, 18 de xullo de 2023 Páx. 43896

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 30 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto de sociedades, xestionado por esta consellería (código de procedemento BS623D).

A Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o establecido no artigo 27.23 do Estatuto de autonomía de Galicia, ten competencia exclusiva en materia de asistencia social. A dita competencia correspóndelle á Consellería de Política Social e Xuventude, que asume a proposta e execución das directrices xerais do Goberno no dito ámbito ao abeiro do disposto no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude.

As subvencións con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto de sociedades constitúen unha vía esencial de sostemento das axudas públicas para a realización de programas de interese xeral, que en Galicia permita a execución, no ano 2023, de investimentos e programas cun financiamento superior aos 19 millóns de euros, o que permite concluír que esta actividade de fomento da Administración constitúe, na nosa comunidade, un verdadeiro instrumento de vertebración social no marco da asignación tributaria que a cidadanía realiza na súa declaración anual da renda.

Así, na presente orde establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria de subvencións ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto de sociedades.

Existe crédito dispoñible para esta finalidade na Lei 6/2022, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.

Esta orde de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e normas de desenvolvemento, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na súa virtude, e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, polo Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e polo Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e procedemento

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2023 das axudas para a realización de programas de interese xeral que atenden fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas e do imposto de sociedades xestionado pola Consellería de Política Social e Xuventude e cuxo obxecto sexa o sinalado no artigo 5.

2. O procedemento será tramitado en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

3. Terá o código do procedemento BS623D para os efectos de identificación na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e o acceso aos formularios de inicio específicos, de uso obrigatorio.

Artigo 2. Financiamento

1. Para o financiamento desta convocatoria destínase, con cargo á anualidade 2023, crédito por importe total de dezaoito millóns cincocentos trinta e tres mil novecentos noventa e dous euros con setenta céntimos (18.533.992,70 €) consignado nas aplicacións orzamentarias seguintes en función das liñas de actuación subvencionables relacionadas no artigo 5:

Liñas de actuación

Aplicación

Importe €

Liña I. Actuacións no ámbito da familia, infancia e dinamización demográfica

13.02.312B.481.1

1.561.029,98

Liña II. Actuacións de inclusión social

13.03.313C.481.6

6.320.022,41

Liña III. Actuacións de promoción da autonomía persoal e apoio de persoas con discapacidade

13.04.312E.481.1

4.152.594,94

Liña IV. Proxectos de investimento e adecuación de centros e unidades de atención destinados a persoas con discapacidade

13.04.312E.781.1

1.775.446,95

Liña V. Actuacións destinadas á xuventude

13.06.313A.481.0

480.605,84

Liña VI. Actuacións destinadas ao voluntariado

13.06.312F.481.0

456.414,58

Liña VII. Actuacións de promoción da autonomía persoal e apoio de persoas maiores

13.05.312E.481.1

2.653.410,00

Liña VIII. Proxectos de investimento e adecuación de centros e unidades de atención destinados a persoas maiores ou a persoas dependentes

13.05.312E.781.1

1.134.468,00

Total

18.533.992,70

O crédito da aplicación orzamentaria 13.03.313C.481.6, dedicarase ás actuacións comprendidas dentro da liña II: sctuacións de inclusión social relacionadas no anexo I. Do importe total consignado na dita aplicación, destinarase unha contía de 1.450.000,00 € ás actuacións de tipoloxía II.1. Programas de atención ás necesidades básicas; de 1.250.000,00 € ás actuacións de tipoloxía II.2. Actuacións dirixidas a persoas sen fogar e en exclusión residencial grave, e de 3.620.022,41 € ao resto dos programas dirixidos a inclusión social previstos nesta liña. De non esgotarse todo o crédito destinado a cada unha das citadas actuacións o crédito restante distribuirase entre as restantes da citada liña en función da puntuación obtida de acordo co artigo 13.

2. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou ben cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

3. Así mesmo, poderase reaxustar o crédito entre as distintas aplicacións orzamentarias no caso de resultar remanente nalgunha delas segundo o previsto no artigo 13.7, despois da tramitación da correspondente modificación, de ser o caso.

Artigo 3. Compatibilidade das axudas

1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

2. O importe da subvención concedida non poderá ser en ningún caso de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos supere o custo do correspondente programa. En caso contrario, esta subvención reducirase na cantidade necesaria ata acadar o cumprimento do establecido anteriormente.

3. No caso de solicitantes que sexan perceptores doutras axudas para a mesma finalidade concedidas por outra entidade, deberán acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente á execución das actuacións. En todo caso, deberá/n facerse constar de forma clara o/os concepto/s e a/as partida/s de gasto afectadas, así como o/os importe/s imputado/s a cada unha delas. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade ao remate do prazo de xustificación establecido no artigos 5.1 e 23.4 desta orde.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades do terceiro sector de acción social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social, e a Cruz Vermella Española, sempre que reúnan os seguintes requisitos, sen prexuízo de cumprir os requisitos específicos establecidos no artigo 5 para cada liña de actuacións que se subvencionan, se é o caso:

a) Estar legalmente constituídas con dous anos de antelación á data da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico.

A/as entidade/s solicitante/s de axudas para realización de programas recollidos nas liñas I, II, III e VII, e/ou execución de proxectos de investimento recollidos nas liñas IV e VIII deberán estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social e Xuventude.

A/as entidade/s solicitantes de axudas para a realización de programas recollidos na liña V deberán estar inscritas no Rexistro de Entidades Xuvenís (REX) da Consellería de Política Social e Xuventude, agás no caso de entidades solicitantes de natureza fundacional legalmente constituídas que entre o seu obxecto social e finalidade inclúan especificamente a realización de actuacións destinadas á protección, promoción e mellora da xuventude.

A/as entidade/s solicitante/s de programas da liña VI deberán estar inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia (RAV) da Consellería de Política Social e Xuventude.

O cumprimento deste requisito será comprobado de oficio polo órgano da Administración convocante.

No caso de federacións, confederacións ou outras formas de agrupación con personalidade xurídica de recente creación, entenderase cumprido o requisito sempre que o cumpran cada unha das entidades que a integran e a dita agrupación presente a solicitude de inscrición no rexistro correspondente dentro do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de entidades de nova creación legalmente constituídas que se subroguen nos dereitos e obrigas de entidades que xa estivesen constituídas legalmente, entenderase cumprido o requisito sempre que a entidade trasmitente estivese constituída con dous anos de antelación á data da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, no Rexistro de Entidades Xuvenís ou no Rexistro de Acción Voluntaria, de ser o caso. A nova entidade, en todo caso, deberá solicitar a súa inscrición no rexistro correspondente dentro do prazo de presentación de solicitudes.

b) Carecer de ánimo de lucro. Para estes efectos, a entidade solicitante acreditará que non reparten beneficios, que no caso de liquidación ou disolución desta o seu patrimonio se destina a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven o seu cometido con carácter gratuíto, de conformidade co disposto nos seus estatutos e co disposto nos números 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

c) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.

d) Figurar nos estatutos da/das entidade/s solicitante/s que os seus fins institucionais son a realización e a execución de programas sociais de similar natureza á dos programas de interese xeral para fins de carácter social para os que solicita/n a subvención.

e) Acreditar experiencia e especialización durante un prazo mínimo de 2 anos, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, na xestión e execución de, cando menos, un programa dos definidos na mesma liña do anexo I a que concorre, e que se posúen os medios persoais e materias necesarios para iso mediante declaración responsable do representante legal.

No caso de que se solicite axuda para un proxecto de investimento da liña IV, deberá acreditar a citada experiencia e especialización na xestión e execución de, cando menos, un programa dos definidos na liña III do dito anexo I.

No caso de federacións, confederacións ou outras formas de agrupación con personalidade xurídica de recente creación, entenderase cumprido o requisito sempre que o cumpra cada unha das entidades que a integran.

No caso de entidades de nova creación legalmente constituídas que se subroguen nos dereitos e obrigas de entidades constituídas legalmente entenderase cumprido o requisito se o cumpría a entidade trasmitente.

2. Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.

3. No caso de entidades que formen parte de federacións, confederacións ou outras formas de agrupación con personalidade xurídica de entidades sociais de ámbito autonómico, a solicitude das axudas realizarase sempre a través da entidade en que estea integrada e non de forma individual.

No caso de que algunha das entidades solicitantes sexa unha federación, confederación ou persoa xurídica similar que integre no seu seo varias entidades, poderá propoñer de entre estas unha ou varias delas para executar os programas, as cales actuarán no nome e por conta da entidade solicitante. En todo caso, cada un dos seus membros deberá cumprir os requisitos establecidos no número 1.

4. Dentro dos límites da lexislación autonómica tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de entidades sen personalidade xurídica que recollan nos seus acordos de constitución similares fins institucionais nos seguintes termos:

a) Cada un dos seus membros deberá cumprir os requisitos establecidos no número 1.

b) As entidades agrupadas deberán achegar un acordo no cal se indiquen os compromisos de execución asumidos por cada unha delas como membro da agrupación, así como o importe da subvención que se aplicará igualmente por cada unha delas, que terán igualmente a condición de entidades beneficiarias.

c) Deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir coas obrigas que, como entidade beneficiaria, lle corresponden á agrupación.

d) Non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Na execución de cada un dos programas presentados debe participar, cando menos, o 50 % das entidades que concorren agrupadas.

5. Non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía destas entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións deles dependentes, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais e os sindicatos, e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.

Artigo 5. Requisitos e importe dos programas e actuacións subvencionables

1. As subvencións destinaranse a programas de interese xeral que teñan fins de carácter social. O contido dos programas deberá axustarse aos requisitos establecidos para as liñas de actuación sinaladas a continuación, segundo a tipoloxía de cada programa.

Os programas desenvolveranse no ano 2024, e a data límite de presentación da documentación xustificativa é o 15 de marzo de 2025, segundo o estipulado no artigo 23.

2. O orzamento mínimo de cada programa será de 5.000 €. O número máximo de programas para os que se poderá obter subvención por parte dunha mesma entidade ou agrupación, así como a contía máxima da subvención que se concederá para cada uns dos programas e proxectos presentados dentro de cada unha das liñas de actuación, será o seguinte:

a) Para a liña I: actuacións no ámbito da familia, infancia e dinamización demográfica:

1º. As entidades e asociacións de ámbito local ou provincial poderán presentar un máximo de 2 programas dentro desta liña de actuación. Cada programa poderá ser subvencionado cunha contía máxima de 60.000 €.

2º. As federacións, confederacións, así como as agrupacións, entidades e asociacións que desenvolvan as súas actuacións no ámbito autonómico poderán presentar un máximo de 5 programas dentro desta liña de actuación. Cada programa poderá ser subvencionado cunha contía máxima de 130.000 €.

b) Para a liña II: actuacións de inclusión social:

1º. Programas dirixidos a cubrir necesidades básicas:

1º.1. As entidades e asociacións de ámbito local ou provincial poderán presentar 1 programa como máximo dentro desta tipoloxía de actuación. O programa poderá ser subvencionado cunha contía máxima de 60.000 €.

1º.2. As federacións, confederacións, así como as agrupacións, entidades e asociacións que desenvolvan as súas actuacións no ámbito autonómico poderán presentar un máximo de 1 programa dentro desta tipoloxía de actuación. Cada programa poderá ser subvencionado cunha contía máxima de 350.000 €.

2º. Programas dirixidos a persoas sen fogar:

2º.1. As entidades e asociacións de ámbito local ou provincial poderán presentar 1 programa como máximo dentro desta tipoloxía de actuación. O programa poderá ser subvencionado cunha contía máxima de 200.000 €.

2º.2. As federacións, confederacións, así como as agrupacións, entidades e asociacións que desenvolvan as súas actuacións no ámbito autonómico poderán presentar un máximo de 2 programas dentro desta tipoloxía de actuación. Cada programa poderá ser subvencionado cunha contía máxima de 200.000 €.

3º. Resto de programas dirixidos á inclusión social das persoas en situación ou risco de exclusión social:

3º.1. As entidades e asociacións de ámbito local ou provincial poderán presentar un máximo de 2 programas dentro desta tipoloxía de actuación. Cada programa poderá ser subvencionado cunha contía máxima de 50.000 €.

3º.2. As federacións, confederacións, así como as agrupacións, entidades e asociacións que desenvolvan as súas actuacións no ámbito autonómico poderán presentar un máximo de 4 programas dentro desta tipoloxía de actuación. Cada programa poderá ser subvencionado cunha contía máxima de 200.000 €.

c) Para a liña III (actuacións de promoción da autonomía persoal e apoio de persoas con discapacidade) e liña VII (actuacións de promoción da autonomía persoal e apoio de persoas maiores):

1º. As entidades e asociacións de ámbito local ou provincial poderán presentar un máximo de 2 programas dentro desta liña de actuación. Cada programa poderá ser subvencionado cunha contía máxima de 40.000 €.

2º. As federacións, confederacións, así como as agrupacións, entidades e asociacións de ámbito autonómico poderán presentar un máximo de 8 programas dentro desta liña de actuación. Cada programa poderá ser subvencionado cunha contía máxima de 300.000 €.

d) Para a liña IV (proxectos de investimento e adecuación de centros e unidades de atención destinados a persoas con discapacidade) e liña VIII (proxectos de investimento e adecuación de centros e unidades de atención destinados a persoas maiores):

1º. As entidades e asociacións de ámbito local ou provincial poderán presentar 1 proxecto de investimento como máximo dentro desta liña de actuación. O proxecto poderá ser subvencionado cunha contía máxima de 50.000 €.

2º. As federacións, confederacións, así como as agrupacións, entidades e asociacións de ámbito autonómico poderán presentar un número máximo de proxectos de investimento equivalente ao 50 % do número de entidades que as integren. Cada proxecto poderá ser subvencionado cunha contía máxima de 150.000 €.

e) Para a liña V: actuacións destinadas á xuventude:

1º. As entidades e asociacións de ámbito local ou provincial poderán presentar un máximo de 2 programas dentro desta liña de actuación. Cada programa poderá ser subvencionado cunha contía máxima de 20.000 €.

2º. As federacións, confederacións, así como as agrupacións, entidades e asociacións que desenvolvan as súas actuacións no ámbito autonómico poderán presentar un máximo de 4 programas dentro desta liña de actuación. Cada programa poderá ser subvencionado cunha contía máxima de 30.000 €.

f) Para a liña VI: actuacións destinadas ao voluntariado:

1º. As entidades e asociacións de ámbito local ou provincial poderán presentar un máximo de 3 programas dentro desta liña de actuación. Cada programa poderá ser subvencionado cunha contía máxima de 15.000 €.

2º. As federacións, confederacións, así como as agrupacións, entidades e asociacións que desenvolvan as súas actuacións no ámbito autonómico poderán presentar un máximo de 2 programas dentro desta liña de actuación. Cada programa poderá ser subvencionado cunha contía máxima de 50.000 €.

3. Para os efectos desta orde entenderase que unha agrupación, entidade ou asociación ten ámbito autonómico cando esta, ou ben de xeito conxunto as entidades que a conforman, acredite que ten xestionado e executado programas sociais similares aos definidos no anexo I no ámbito das catro provincias galegas, durante un prazo mínimo de 2 anos.

4. Será requisito común para todos os programas das liñas de actuación subvencionables comprendidos nesta orde en que participe persoal voluntario a subscrición e vixencia dunha póliza de seguro de accidentes e de responsabilidade civil por parte da entidade a favor do persoal voluntario que participe nos programas subvencionados, de conformidade co previsto nos artigos 7.g) e 11.i) da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria, durante toda a súa duración e que respondan dos prexuízos que se poidan causar durante o desenvolvemento da actuación subvencionable.

5. Para todos os programas destinados ás actuacións de inclusión da liña II serán requisitos comúns:

a) Os programas desenvolveranse de conformidade coas prioridades e obxectivos previstos na anterior Estratexia de inclusión social de Galicia 2014-2020, e no Decreto 61/2016, do 11 de febreiro, polo que se define a Carteira de servizos sociais de inclusión.

b) Será requisito necesario que as persoas beneficiarias se encontren en risco ou situación de exclusión social, entendendo que a persoa se atopa nesta situación cando cumpra os requisitos previstos no artigo 3 da lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, ausencia ou déficit grave de recursos económicos, así como concorrencia dalgún factor de exclusión. As entidades beneficiarias acreditarán o cumprimento deste requisito mediante declaración responsable.

c) Os programas deberán describir concreta e amplamente como se van desenvolver as actuacións, indicando a denominación da actividade, o número de horas, o número de participantes, as accións de adquisición de hábitos sociais e laborais, que serán adecuadas ás necesidades do mercado e das propias persoas beneficiarias, e, de ser o caso, as accións concretas que se realizarán para acadar a inserción laboral das persoas beneficiarias. Ademais, deberán concretar o número de persoas beneficiarias, as súas características en relación coas accións que se van desenvolver e os criterios establecidos para a súa selección.

d) As persoas profesionais que leven a cabo estes programas, deberán contar con experiencia e formación adecuada ao tipo de intervención que se vai realizar.

e) Os programas que se realicen en centros penais deberán contar coa preceptiva autorización da dirección dos centros de que se trate.

6. Para os programas destinados ás actuacións de inclusión da liña II serán requisitos específicos:

a) En relación cos programas de apoio á inclusión sociolaboral (letra b) da liña II: os itinerarios deberán incluír, cando menos, as prestacións que a Carteira de servizos sociais de inclusión de Galicia considera indispensables e obrigatorias para a realización dun itinerario de inclusión de conformidade do Decreto 61/2016, do 11 de febreiro.

Nos casos de itinerarios de inclusión básica deberán incluír as seguintes prestacións: diagnose, deseño, seguimento e avaliación do proxecto de inclusión social, acompañamento social, acción de adquisición e/ou fortalecemento das capacidades persoais e sociais.

Nos casos de itinerarios de inclusión e transición ao emprego deberán incluír as seguintes prestacións: diagnose, deseño, seguimento e avaliación do proxecto de inclusión social, acompañamento social, acción de adquisición e/ou fortalecemento das capacidades persoais e sociais e as accións promotoras do acceso e permanencia no mercado laboral, entendendo que son as que a Carteira de servizos de inclusión define como tales: actuacións de formación prelaboral, orientación laboral, formación ocupacional, acompañamento laboral e todas aquelas que promovan a mellora da empregabilidade.

As persoas traballadoras que estean contratados a xornada completa terán que acreditar a atención a un mínimo de 40 persoas, das cales 24 deberán ter realizadas polo menos as prestacións que a Carteira de servizos sociais de inclusión considera obrigatorias.

O número de persoas atendidas exixido minorarase proporcionalmente en función da dedicación horaria declarada.

Se as persoas atendidas son persoas sen fogar ou se atopan en situación de exclusión severa, circunstancia que se fará constar no momento da solicitude, exixirase, para unha dedicación a xornada completa, a atención de 15 persoas que deberán ter realizadas, polo menos, as prestacións obrigatorias elixidas, do mesmo xeito que no punto anterior, así como prestacións do servizo de apoio á inclusión residencial. En caso de xornadas distintas, farase o cálculo proporcional.

As persoas atendidas nos programas de apoio á inclusión socio laboral non poderán participar noutros programas de apoio á inclusión sociolaboral financiados pola Consellería de Política Social e Xuventude que teñan a mesma finalidade.

A acreditación do cumprimento destes requisitos farase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade e da persoa responsable da prestación, que acompañará a memoria da actuación segundo o modelo establecido pola dirección xeral competente en materia de inclusión social.

b) En relación cos programas dirixidos a persoas sen fogar e en exclusión residencial grave (liña II.2): de conformidade coa descrición contida no Decreto 61/2016, do 11 de febreiro, enténdense que son programas dirixidos ás persoas sen teito, sen vivenda, con vivendas inseguras ou inadecuadas que non poden acceder ou conservar un aloxamento axeitado, adaptado á súa situación persoal, permanente e que proporcione un marco estable de convivencia, xa sexa por razóns económicas ou outras barreiras sociais ou porque presentan dificultades persoais para levar unha vida autónoma ou se trate de persoas que precisan apoio para a súa inclusión residencial.

Os programas integrais de inclusión sociolaboral de inclusión básica deberán incluír as seguintes prestacións: diagnose, deseño, seguimento e avaliación do proxecto de inclusión social e/ou laboral, acompañamento social, aloxamento completo, manutención, accións de adquisición e/ou fortalecemento das capacidades persoais e sociais.

Os programas integrais de inclusión sociolaboral de inclusión e transición ao emprego deberán incluír as seguintes prestacións: diagnose, deseño, seguimento e avaliación do proxecto de inclusión social e/ou laboral, acompañamento social, aloxamento completo, manutención, accións de adquisición e/ou fortalecemento das capacidades persoais e sociais e accións promotoras do acceso e permanencia no mercado laboral.

c) En relación cos programas de formación e de reforzo socioeducativo (letras c) e d) da liña II.1): no caso de que a entidade solicitante de axuda para a realización de programas de formación solicite tamén axuda para a realización dalgún programa de apoio á inclusión sociolaboral, ou ben teña concedida algunha axuda para a realización dun programa de apoio á inclusión sociolaboral con financiamento doutra convocatoria de axudas xestionada pola consellería da Xunta de Galicia con competencias en materia de política social, deberá acreditar que os programas de formación solicitados non están integrados entre as prestacións incluídas nos devanditos programas de apoio á inclusión sociolaboral.

7. Para os programas referidos ás actuacións destinadas ao voluntariado na liña VI serán requisitos específicos:

a) Indicar o número de persoas voluntarias.

b) Indicar o número de persoas beneficiarias.

Artigo 6. Gastos subvencionables

1. Para os efectos desta orde, consideraranse como gastos subvencionables os que conten coas seguintes características:

a) Que de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada ao abeiro do correspondente programa e resulten estritamente necesarios.

b) Que se efectúen durante o ano 2024 e sexan efectivamente pagados con anterioridade á finalización do prazo de xustificación establecido no artigo 23.4, agás os impostos imputables á dita actividade devindicados con posterioridade á súa finalización e os gastos relacionados cos honorarios derivados da xustificación baixo a modalidade de conta xustificativa con achega de informe de auditoría contemplada no artigo 23.5.

c) Que teñan a seguinte natureza:

1º. Gastos do persoal da entidade:

Polo que respecta ao persoal laboral da entidade, será subvencionable o custo total que abranguerá as retribucións, indemnizacións e os custos de Seguridade Social correspondentes á entidade.

O importe das subvencións destinadas a financiar as retribucións do persoal laboral imputables á execución dos programas estarán limitadas polas contías determinadas para os diferentes grupos profesionais que se detallan nos convenios colectivos de aplicación en cada caso, incrementados nun máximo dun 15 %, de ser o caso.

Para xornadas inferiores á completa realizarase o cálculo proporcional.

2º. Gastos do persoal contratado en réxime de arrendamento de servizos: no relativo aos gastos do persoal contratado en réxime de arrendamento de servizos, serán subvencionables as retribucións deste persoal, que quedarán afectadas, con carácter xeral, polas limitacións sinaladas para o persoal laboral.

Esta modalidade admitirase nos casos en que, polas especiais características do programa, non resulte axeitado o desenvolvemento das actividades concretas de que se trate polo persoal suxeito á normativa laboral.

Estas retribucións quedarán tamén afectadas, con carácter xeral, polas limitacións sinaladas no punto anterior.

3º. Axudas de custo e gastos de viaxe: serán subvencionables dentro desta partida as axudas de custo e gastos de viaxe do persoal adscrito ao programa.

A contía das axudas de custo será a equivalente á establecida para o grupo 2 no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de indemnizacións por razóns do servizo ao persoal con destino na Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo que se refire ás axudas de custo no estranxeiro, estarase ao disposto no Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servizo, e a súa contía será a equivalente á establecida para o grupo 2 no referido Decreto 144/2001, do 7 de xuño.

As axudas de custo serán subvencionables sempre que estas non superen o 10 por 100 (10 %) do importe da subvención concedida para o desenvolvemento do programa, logo da súa reformulación ou modificación, de ser o caso, de acordo co establecido nos artigos 15.3 e 20.2, respectivamente.

4º. Gastos de xestión e administración directamente relacionados co funcionamento habitual da entidade solicitante, incluíndo os custos xerais de estrutura necesarios e indispensables para a súa axeitada preparación ou execución, sempre que non superen o 20 % do importe da subvención finalmente concedida para o desenvolvemento do programa, logo da súa reformulación, de ser o caso, de acordo co establecido no artigo 15.

5º. Gastos derivados de auditorías externas sobre a xestión do/dos programa/s por parte da entidade, gastos derivados da revisión da conta xustificativa e da emisión do informe de auditoría e/ou gastos derivados da implantación de procedementos de calidade.

6º. Gastos de investimento no caso das liñas de actuación IV e VIII: na execución de obras o importe total dos custos xerais (tales como honorarios de arquitectos e enxeñeiros) non poderán superar o 12 % do importe total da subvención finalmente concedida para o desenvolvemento do programa.

7º. Bolsas de asistencia dirixidas a promover a participación dos beneficiarios nos programas de formación. A contía non poderá ser superior a 5 €/día.

8º. Outros gastos correntes directamente relacionados coa actividade desenvolvida ao abeiro do correspondente programa.

2. Non serán subvencionables os gastos orixinados polas actividades realizadas na condición de membros das xuntas directivas ou consellos de dirección das entidades.

3. Atendendo á natureza das actividades, as entidades beneficiarias poderán concertar con terceiros a execución total ou parcial da actividade subvencionada de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e demais normativa de aplicación.

Así mesmo, as entidades beneficiarias das subvencións destinadas ao financiamento dos proxectos de investimento presentados dentro das liñas IV e VIII poderán concertar con entidades vinculadas a execución total ou parcial da actividade subvencionada sempre que a contratación se realice de acordo coas condicións normais do mercado e logo de autorización do órgano concedente.

Artigo 7. Iniciación do procedemento. Solicitudes

1. A/as entidade/s deberán achegar a solicitude segundo o modelo normalizado que figura como anexo II dirixida á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social e Xuventude, á cal se lle xuntará a documentación complementaria indicada no artigo seguinte. A súa presentación implica a aceptación da totalidade de prescricións previstas nesta orde, así como na demais normativa aplicable.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

4. No formulario de solicitude, anexo II, asinado polo/a representante da entidade, deberán figurar datos identificativos e acreditativos de determinados aspectos sinalados nesta orde e demais normativa aplicable:

a) Identificación da entidade solicitante, da persoa representante, enderezo, datos bancarios.

b) Os datos do/dos programa/s ou investimento respecto do/dos cales se solicita subvención: liña, actuación, denominación e importe solicitado expresado en euros.

c) Declaracións sobre:

1º. Outras subvencións solicitadas ou concedidas: a entidade deberá declarar se solicitou ou se lle concederon outras axudas para o/os programa/s ou investimento/s para o/os cales se solicita subvención, con expresión do organismo concedente, ano, importe expresado en euros e disposición reguladora da axuda solicitada ou concedida. En caso contrario, a entidade deberá declarar que non se solicitou nin se concedeu ningunha outra axuda para o/os programa/s para o/os que se solicita subvención.

2º. Veracidade dos datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan.

3º. Inexistencia de causa que implique prohibición para ser entidade beneficiaria; estar ao día no pagamento de obrigas por reintegros de subvencións e, ao mesmo tempo, estar ao día no pagamento das obrigas tributarias estatais e autonómicas e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

4º. Cumprimento de requisitos establecidos na normativa vixente e da dispoñibilidade da documentación que así o acredite no caso de que sexa requirida pola Administración.

5º. Que a/as actuación/s para a/as que solicita subvención se desenvolven de maneira real e efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia.

6º. Condicións do persoal contratado que vai participar no programa: inexistencia de sentenza firme por ningún delito contra a liberdade e indemnidade sexual que inclúe a agresión e o abuso sexual, acoso sexual, exhibicionismo e provocación sexual, prostitución e explotación sexual e corrupción de menores, así como por trata de seres humanos, en aplicación do artigo 13.5 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, de modificación parcial do Código civil.

Polo que se refire ás persoas voluntarias que van participar nel e que estean relacionadas con menores de idade, non poderán ter antecedentes penais non cancelados por delitos de violencia doméstica ou de xénero, por atentar contra a vida, a integridade física, a liberdade, a integridade moral ou a liberdade e indemnidade sexual do outro cónxuxe ou dos/das fillos/as, ou por delitos de tráfico ilegal ou inmigración clandestina de persoas, ou por delitos de terrorismo en programas cuxas persoas destinatarias fosen ou poidan ser vítimas destes delitos, en aplicación do previsto no artigo 8.4 da Lei 45/2015, do 14 de outubro, do voluntariado.

7º. Coñecemento das obrigas derivadas desta orde e demais normativa aplicable.

8º. No caso de programas orientados a actuacións de inclusión social das persoas incluídos no anexo I (liña II), que todas as persoas destinatarias das referidas actuacións dos programas están en situación ou risco de exclusión social, ou ben nunha situación de vulnerabilidade derivada da súa condición de persoa inmigrante.

Ao mesmo tempo, declararase que a entidade solicitante dispón da documentación que acredite as circunstancias anteriores e da dispoñibilidade que así o acredite no caso de que sexa requirida pola Administración.

9º. Que nos programas de apoio á inclusión sociolaboral (letra b) da liña II os itinerarios incluirán, cando menos, as prestacións que a Carteira de servizos sociais de inclusión de Galicia considera indispensables e obrigatorias para a realización dun itinerario de inclusión, de conformidade do Decreto 61/2016, do 11 de febreiro.

10º. Que os programas de formación e de reforzo socioeducativo (letras c) e d) da liña II.1) para os cales solicitan, de ser o caso, subvención, non están incluídos entre as prestacións dos programas de apoio á inclusión sociolaboral financiados dentro doutra convocatoria de axudas xestionada pola consellería da Xunta de Galicia con competencias en materia de política social.

11º. Que nos programas que conten coa participación de persoal voluntario, a entidade subscribiu un seguro de responsabilidade civil e de accidentes que cobre as persoas voluntarias durante a duración da actuación subvencionable.

12º. Que a entidade solicitante posúe, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, experiencia e especialización durante un prazo mínimo de dous anos na xestión e execución dos programas definidos do anexo I que se solicitan, así como os medios persoais e materias necesarios para o desenvolvemento destes.

13º. Que a entidade se comprometese a manter o cumprimento das anteriores obrigas durante o período de tempo inherente ao devandito recoñecemento ou exercicio.

14º. Que nos proxectos de execución de obras das liñas IV e VIII disponse da titularidade suficiente sobre o inmoble por un prazo non inferior a 10 anos, contado desde a data de publicación da convocatoria.

15º. Que nos proxectos de execución de obras das liñas IV e VIII o representante da entidade solicitará as licenzas e permisos, no caso de que estes sexan exixidos pola normativa vixente de aplicación, segundo o tipo de obra de que se trate.

d) Indicación da documentación complementaria que se xunta e, se é o caso, constancia dos datos relativos a documentos achegados anteriormente con indicación do tipo, órgano administrativo ante o que se presentou, código de procedemento e data de presentación e/ou manifestación da oposición á consulta dos documentos sinalados no artigo 9.1.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa sobre o programa obxecto da solicitude de subvención (anexo III) para todos os programas relativos a todas as liñas de actuación descritas no anexo I (no caso de achegar memoria complementaria da memoria explicativa está terá unha extensión máxima de 10 folios), agás os programas relativos ás liñas IV e VIII.

b) Memoria explicativa sobre o investimento obxecto da solicitude de subvención (anexo IV), no caso de programas incluídos dentro das liña IV e VIII do anexo I.

c) Información para a valoración das entidades (anexo V).

d) Estatutos debidamente legalizados, co obxecto de verificar que a entidade carece de ánimo de lucro e que os seus fins institucionais corresponden á realización e á execución de programas sociais de similar natureza á dos programas para os cales se solicita subvención, entre outros requisitos exixidos no artigo 4.

e) Documentación acreditativa da representatividade da persoa solicitante para actuar en nome da entidade.

f) No caso de agrupacións sen personalidade xurídica, documento dos compromisos de execución asumidos por cada membro e o importe da subvención que se aplica a cada un.

g) Documentación acreditativa dos requisitos establecidos no anexo I:

1º. En relación coas subvencións para a liña II, actuacións de inclusión social, no caso de que os programas se realicen en centros penais, autorización da dirección dos centros de que se trate, para o desenvolvemento e execución do programa.

2º. En relación coas subvencións para as liñas IV e VIII:

2º.1. Para a execución de obras:

2º.1.1. Memoria explicativa sobre o investimento obxecto da solicitude de subvención (anexo IV).

2º.1.2. Proxecto ou anteproxecto de obras, axustado á normativa vixente de acordo coas especificacións legais, técnicas e arquitectónicas, adecuadas aos usuarios do centro.

Cando se trate de obras de menor contía de acordo co establecido no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos del sector público, deberá presentarse, no seu lugar, un orzamento detallado e unha memoria abreviada asinada polo contratista.

2º.2. Para a adquisición de bens inmobles:

2º.2.1. Memoria explicativa sobre o investimento obxecto da solicitude de subvención (anexo IV).

2º.2.2. Orzamento detallado.

2º.2.3. Certificado do taxador independente debidamente acreditado, inscrito no correspondente rexistro oficial ou dun órgano ou organismo público debidamente autorizado, en que se acredite que o prezo de compra non excede o valor de mercado.

2º.3. Para a adquisición de subministracións, equipamentos ou vehículos:

2º.3.1. Memoria explicativa sobre o investimento obxecto da solicitude de subvención (anexo IV).

2º.3.2. Orzamento da casa subministradora, con indicación do custo por unidade e do importe total das adquisicións que se pretenden realizar.

3º. No caso de solicitudes presentadas por federacións, confederacións ou outras formas de agrupación con personalidade xurídica de entidades sociais de ámbito autonómico achegarase unha declaración responsable en que consten relacionadas as respectivas entidades asociadas que representan.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola/s persoa/s interesada/s para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado sobre cumprimento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado sobre cumprimento de obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificado sobre cumprimento de obrigas tributarias coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da/das persoa/s interesada/s para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitarlle á/ás persoa/s interesada/s a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Instrución do procedemento

1. A instrución do procedemento corresponderalle ao órgano colexiado creado para o efecto. Este órgano realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. A composición do órgano instrutor será a seguinte:

a) Presidente/a: a persoa titular da dirección xeral competente en materia de persoas con discapacidade. No caso de ausencia, a suplencia será exercida de acordo co establecido no Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude.

b) Vogais: as persoas titulares de cada unha das dirección xerais competentes en materia de:

1º. Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

2º. Inclusión Social.

3º. Xuventude, Participación e Voluntariado.

4º. Maiores e Atención Sociosanitaria.

No caso de ausencia dalgún dos/das vogais, a suplencia será exercida de acordo co establecido no Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude.

Na composición do órgano instrutor procurarase acadar una presenza equilibrada de homes e mulleres.

3. A Secretaría e a súa suplencia, será exercida por unha persoa funcionaria adscrita á Consellería de Política Social e Xuventude, nomeada pola persoa titular da presidencia. Actuará con voz e sen voto.

4. No funcionamento da comisión aplicaranse as disposicións que regulan os órganos colexiados contidas na Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, de 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

5. O órgano instrutor procederá ao exame do contido da documentación co fin de propoñer se as actuacións e os gastos que abranguen son susceptibles de subvención de conformidade co informe de valoración dos criterios preferenciais.

Artigo 12. Emenda da solicitude e remisión da documentación ao correspondente órgano

1. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, o órgano instrutor requirirá a entidade solicitante para que, nun prazo improrrogable de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixesen, terase por desistida da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. Revisada a documentación inicial e, de ser o caso, realizado o trámite de emenda, o órgano instrutor procederá a:

a) Elevar ao órgano competente para resolver unha proposta en que se reflictan os expedientes susceptibles de resolución de inadmisión e de declaración ou aceptación de desistencia, con indicación das circunstancias que concorran, para a emisión da resolución final do procedemento.

b) Remitirlle á Comisión de Valoración prevista no artigo seguinte aqueles expedientes respecto dos que se verificase a presentación da documentación en prazo e forma e o cumprimento de requisitos previos.

Artigo 13. Comisión de Valoración e regras para a valoración

1. De conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as solicitudes admitidas serán examinadas por unha Comisión de Valoración, coa seguinte composición:

a) Presidente/a: unha persoa funcionaria adscrita á Consellería de Política Social e Xuventude con nivel de subdirección xeral, designada pola persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude. No caso de ausencia, a suplencia será exercida por unha persoa funcionaria adscrita á Consellería de Política Social e Xuventude co mesmo rango que a persoa titular, designada pola persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude.

b) Vogais: unha persoa funcionaria, con rango mínimo de xefe/a de servizo, designada polas persoas titulares de cada unha das direccións xerais competentes en materia de:

1º. Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

2º. Inclusión Social.

3º. Persoas con Discapacidade.

4º. Xuventude, Participación e Voluntariado.

5º. Maiores e Atención Sociosanitaria.

No caso de ausencia dalgunha/s das persoas que a integran, estas serán substituídas polas persoas designadas polas persoas titulares de cada unha das direccións xerais competentes.

Na composición da Comisión de Valoración procurarase acadar una presenza equilibrada de homes e mulleres.

2. A Secretaría e a súa a suplencia será exercida por unha persoa funcionaria adscrita á Consellería de Política Social e Xuventude, nomeada pola persoa titular da presidencia. Actuará con voz mais sen voto.

3. A orde de prelación para a concesión das subvencións determinarase en función da puntuación obtida por valoración dos criterios establecidos no artigo 14. Non se concederá subvención ás solicitudes que non obteñan unha puntuación mínima global de 60 puntos.

4. Para a determinación do importe da axuda que corresponde a cada un dos programas que supere o limiar de puntuación mínima previsto no número anterior procederase do seguinte modo:

a) A Comisión de Valoración determinará cal é o orzamento subvencionable de cada programa, sendo este igual á axuda solicitada coa exclusión daqueles gastos que non sexan elixibles ou que non sexan estritamente necesarios para acadar a finalidade da subvención.

b) Dentro de cada unha das liñas de actuación establecidas no artigo 5, ordenaranse os programas segundo a puntuación total acadada, de maior a menor.

5. Unha vez acadada a puntuación mínima exixida (60 puntos), o importe da subvención correspondente a cada programa ou proxecto presentado e co obxecto de promover aqueles que teñan unha maior calidade, os puntos finais obtidos por cada programa ou proxecto serán o resultado de aplicar un índice corrector aos puntos obtidos de acordo cos criterios de valoración, aplicando a seguinte fórmula:

PF= SI (PCV >=85;3;SI(PCV >=75;2;SI(PCV >=60;1;0)))* PCV

PF= puntuación final do programa ou proxecto

PCV= puntuación obtida de acordo cos criterios de valoración

6. Para realizar a distribución do orzamento consignado obterase o valor do punto. Este valor será o resultado obtido tras a división do crédito establecido para cada unha das liñas de actuación ou, de ser o caso, tipoloxías de actuación, entre a suma dos puntos finais obtidos por todos os programas avaliados.

Para determinar a contía da subvención correspondente a cada programa/proxecto os puntos finais obtidos por cada un deles multiplicaranse polo valor por punto. As cifras obtidas redondearanse a dous decimais.

No caso de que a contía que se asigne a un programa/proxecto supere a cantidade solicitada para este, o exceso será redistribuído entre o resto dos programas/proxectos que non superasen a cantidade solicitada, obtendo así o novo valor do punto.

Este novo valor do punto multiplicarase polos puntos finais obtidos por cada programa/proxecto, resultando unha segunda contía asignable a cada un deles.

De continuar existindo remanente procederase, da mesma maneira, a sucesivas reparticións ata esgotar o crédito dispoñible.

7. A Comisión de Valoración emitirá un informe cos resultados da citada avaliación que presentará á Comisión Instrutora para que esta formule a correspondente proposta de resolución.

8. No caso de que tras calcular o importe que correspondería a cada un dos programas/proxectos quedase saldo de crédito dispoñible e fose insuficiente o previsto noutra/s aplicación/s segundo o establecido no artigo 2, o importe resultante poderá ser obxecto de modificación orzamentaria, se é o caso, co fin de financiar programas a través deste saldo.

Artigo 14. Criterios de valoración

Para a adxudicación das subvencións teranse en conta os criterios obxectivos de valoración e a ponderación deles que a continuación se relacionan:

a) Criterios obxectivos de valoración das entidades solicitantes (ata 40 puntos).

No caso de entidades de nova creación legalmente constituídas que se subroguen nos dereitos e obrigas de entidades constituídas legalmente os criterios obxectivos de valoración aplicaranse sobre as condicións e as características da entidade trasmitente.

A desagregación da puntuación é a seguinte:

1º. O ámbito territorial de implantación (máximo de 10 puntos). Valorarase o maior ámbito territorial das actuacións e programas realizados pola entidade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia nos últimos dous anos. Para estes efectos, outorgaranse:

1º.1. Ás entidades que desenvolvan actuacións en dúas provincias: 5 puntos.

1º.2. Ás entidades que desenvolvan actuacións en tres provincias: 7,5 puntos.

1º.3. Ás entidades que desenvolvan actuacións en catro provincias: 10 puntos.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta, para os efectos de valoración, o seu ámbito territorial.

2º. A experiencia na xestión e execución de programas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia: (máximo 10 puntos). Valorarase a especialización e a experiencia na xestión e na execución de programas sociais no mesmo ámbito de actuación que o dos programas para os que solicita subvención, nos sete anos anteriores á publicación da convocatoria. Para estes efectos, outorgaranse:

2º.1. Ás entidades que teñan unha experiencia de tres anos: 2 puntos.

2º.2. Ás entidades que teñan unha experiencia de catro anos: 4 puntos.

2º.3. Ás entidades que teñan unha experiencia de cinco anos: 6 puntos.

2º.4. Ás entidades que teñan unha experiencia de seis anos: 8 puntos.

2º.5. Ás entidades que teñan unha experiencia de sete anos: 10 puntos.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta a experiencia da propia confederación, federación ou agrupación, ou a das entidades que a integren, tendo en conta neste último caso que para acadar a puntuación anterior deben contar coa experiencia exixida en cada un dos tramos anteriores un mínimo do 30 % das entidades integrantes.

3º. A calidade na xestión da entidade (máximo de 1,5 puntos). Valorarase con 1,5 puntos ás entidades que conten con certificados de calidade en vigor con base na norma ONG con calidade, ISO 9001:2015, EFQM ou outros sistemas de calidade que garantan o control de procesos e programas.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións outorgarase a máxima puntuación cando estas conten co certificado de calidade. Noutro caso, a puntuación outorgarase en función da porcentaxe de entidades asociadas que posúan o citado certificado, de acordo cos seguintes tramos:

3º.1. Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades contan co certificado: 0,5 puntos.

3º.2. Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades contan co certificado: 1 punto.

3º.3. Máis do 70 % das entidades contan co certificado: 1,5 puntos.

4º. A auditoría externa (máximo de 1,5 puntos). Valorarase con 1,5 puntos a entidade que conte con auditoría externa de contas no último exercicio pechado.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións outorgarase a máxima puntuación cando estas conten coa auditoría externa. Noutro caso, a puntuación outorgarase en función da porcentaxe de entidades asociadas que conten coa dita auditoría externa, de acordo cos seguintes tramos:

4º.1. Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades conten con auditoría: 0,5 puntos.

4º.2. Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades conten con auditoría: 1 punto.

4º.3. Máis do 70 % das entidades conten con auditoría: 1,5 puntos.

5º. O orzamento destinado aos programas no ano 2022 (máximo de 4 puntos). Valorarase o volume do orzamento da entidade no ano 2022, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia de acordo coa seguinte distribución:

5º.1. Orzamento anual de importe superior a 25.000,00 euros e igual ou inferior a 100.000,00 euros: 1 punto.

5º.2. Orzamento anual de importe superior a 100.000,00 euros e igual ou inferior a 250.000,00 euros: 2 puntos.

5º.3. Orzamento anual de importe superior a 250.000,00 euros e igual ou inferior a 500.000,00 euros: 3 puntos.

5º.4. Orzamento anual de importe superior a 500.000,00 euros: 4 puntos.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta a suma do orzamento de todas as entidades que as integran.

6º. O financiamento obtido doutras institucións destinado aos programas no ano 2022 (máximo de 1 punto). Valorarase o volume de ingresos procedente do financiamento obtido doutras entidades públicas ou privadas no ano 2022, de acordo cos seguintes tramos:

6º.1. 0,5 puntos ás entidades con, cando menos, o 5 % e ata o 10 % do seu orzamento obtido con financiamento alleo.

6º.2. 1 punto ás entidades con máis do 10 % do seu orzamento obtido con financiamento alleo.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta a porcentaxe de financiamento obtido por todas as entidades que a integran respecto do orzamento total de todas elas.

7º. A participación social e do voluntariado: (máximo de 3 puntos). Valorarase o maior número de persoas voluntarias inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia que actúen en programas sociais da entidade solicitante, sempre e cando a dita entidade actúe nas mesmas áreas de actividade obxecto desta orde, de acordo co seguinte criterio:

7º.1. De 1 a 20 persoas voluntarias: 1 punto.

7º.2. De 21 a 50 persoas voluntarias: 1,5 puntos.

7º.3. De 51 a 100 persoas voluntarias: 2 puntos.

7º.4. De 101 a 200 persoas voluntarias: 2,5 puntos.

7º.5. Máis de 200 persoas voluntarias: 3 puntos.

Para tal efecto, teranse en conta os datos de inscrición no dito rexistro na data de publicación desta orde.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta a suma do número de voluntarios cos que contan todas as entidades que as integran, sempre e cando as ditas entidades actúen nas mesmas áreas de actividade obxecto desta orde.

8º. A adecuación de recursos humanos (máximo de 9 puntos). Valorarase o persoal contratado pola entidade solicitante no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, na data de publicación desta convocatoria, conforme os seguintes criterios:

8º.1. Volume de recursos humanos. Valorarase o número de persoal contratado pola entidade solicitante no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia:

8º.1.1. De 3 e ata 10 persoas contratadas: 1,5 puntos.

8º.1.2. Máis de 10 e ata 50 persoas contratadas: 2 puntos.

8º.1.3. Máis de 50 e ata 100 persoas contratadas: 2,5 puntos.

8º.1.4. Máis de 100 persoas contratadas: 3 puntos.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta o número total de persoas contratadas de todas as entidades que as integran.

8º.2. Proporción do persoal asalariado da entidade cunha antigüidade superior a 2 anos:

8º.2.1. Máis do 10 % e ata o 50 %: 0,5 puntos.

8º.2.2. Máis do 50 % e ata o 70 %: 0,75 puntos.

8º.2.3. Máis do 70 %: 1 punto.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta a porcentaxe de persoal asalariado cunha antigüidade superior a 2 anos de todas as entidades en relación coa cadro de persoal de todas elas.

8º.3. Proporción do emprego de persoas con discapacidade en relación co número total de persoas remuneradas:

8º.3.1. Desde o 2 % ata o 10 %: 0,5 puntos.

8º.3.2. Máis do 10 % e ata o 20 %: 0,75 puntos.

8º.3.3. Máis do 20 %: 1 punto.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta a porcentaxe de persoas con discapacidade contratadas por todas as entidades en relación co cadro de persoal de todas elas.

8º.4. Emprego de persoas perceptoras de renda de inclusión social de Galicia ou que se atopen en situación ou risco de exclusión social conforme o artigo 3 da Lei de inclusión social de Galicia. Outorgarase 1 punto ás entidades que teñan contratada, cando menos, unha persoa que se atope nas circunstancias indicadas.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións a puntuación outorgarase de acordo co seguinte criterio:

8º.4.1. Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades contan cunha persoa contratada en risco ou situación de exclusión: 0,50 puntos.

8º.4.2. Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades contan cunha persoa contratada en risco ou situación de exclusión: 0,75 puntos.

8º.4.3. Máis do 70 % das entidades contan cunha persoa contratada en risco ou situación de exclusión: 1 punto.

8º.5. Emprego de mulleres vítimas de violencia de xénero que non estean en situación ou risco de exclusión social conforme o artigo 3 da Lei de inclusión social de Galicia. Outorgarase 1 punto ás entidades que teñan contratada, cando menos, unha persoa que se atope nas circunstancias indicadas.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións a puntuación outorgarase de acordo co seguinte criterio:

8º.5.1. Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades contan cunha muller vítima de violencia de xénero: 0,50 puntos.

8º.5.2. Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades contan cunha muller vítima de violencia de xénero: 0,75 puntos.

8º.5.3. Máis do 70 % das entidades contan cunha muller vítima de violencia de xénero: 1 punto.

8º.6. Emprego de maiores de 45 anos: valoraranse as contratacións destas persoas nos últimos dous anos sobre o total das contratacións realizadas, de acordo cos criterios seguintes:

8º.6.1. Máis do 10 % e ata o 23 % de contratos realizados a persoas maiores de 45 anos nos últimos dous anos en relación co número total de contratos da entidade: 0,5 puntos.

8º.6.2. Máis do 23 % de contratos realizados a persoas maiores de 45 anos nos últimos dous anos en relación co número total de contratos da entidade: 1 punto.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións para a puntuación terase como referencia o número de contratacións de empregados maiores de 45 anos realizados por todas as entidades que as integran en relación co total de contratacións dos últimos dous anos.

8º.7. A existencia nas entidades de plans de igualdade nos termos previstos na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, e no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, que recollan entre outras medidas o fomento da conciliación da vida persoal, familiar e laboral valorarase con 1 punto.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións outorgarase a máxima puntuación cando estas conten con plans de igualdade. Noutro caso, a puntuación outorgarase en función da porcentaxe de entidades asociadas que conten co citado plan de igualdade, de acordo cos seguintes tramos:

8º.7.1. Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades contan con plan de igualdade: 0,50 puntos.

8º.7.2. Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades contan con plan de igualdade: 0,75 puntos.

8º.7.3. Máis do 70 % das entidades contan con plan de igualdade: 1 punto.

b) Criterios obxectivos de valoración dos programas e actuacións presentados dentro das liñas I, II, III, V e VI (ata 60 puntos), coa seguinte desagregación:

1º. A calidade técnica do programa (ata 39 puntos):

1º.1. Diagnóstico social: ata 6 puntos. Valorarase que o programa conte cun diagnóstico social da situación sobre a que se pretende intervir e a calidade deste.

1º.2. Obxectivos do programa: ata 10 puntos. Valoraranse os obxectivos que se pretenden acadar pola entidade solicitante, o impacto do programa, o número de usuarios e a poboación a que van dirixidos.

No caso do programas da liña I terán prioridade aqueles programas cuxos obxectivos estean relacionados co acollemento familiar e a violencia filioparental.

No caso do programas da liña VII terán prioridade aquelas actuacións que se desenvolvan no ámbito rural da comunidade autónoma ou que estean destinados a paliar o fenómeno da soidade non desexada.

1º.3. Contido técnico do programa: ata 20 puntos. Valorarase o contido técnico do programa e a súa adecuación ao obxectivo proposto, a descrición das actividades concretas que se pretenden realizar, a súa dimensión xeográfica, o calendario de realización, a adecuación dos recursos humanos, dos medios materiais e técnicos para o desenvolvemento e xestión do programa, así como os indicadores de control e a súa avaliación.

1º.4. Innovación: ata 3 puntos. Valoraranse os programas innovadores, especialmente cando se dirixan a atender necesidades emerxentes non cubertas polos recursos do sistema de servizos sociais ou cando incorporen novas tecnoloxías ou sistemas de organización e xestión que aporten un maior valor ao programa.

No caso dos programas da liña II, tipoloxía II.1º, Programas de atención ás necesidades básicas, asignaranse puntos na epígrafe de innovación exclusivamente a aqueles programas en que para distribuír as axudas se empreguen tarxetas moedeiro, vales ou sistemas similares que permitan evitar a estigmatización e potencien a normalización das persoas que fan uso delas.

2º. O ámbito do programa (ata 16 puntos):

2º.1. Ámbito temporal: ata 15 puntos. Valoraranse con 3 puntos por cada ano aqueles programas que, sendo continuidade doutros financiados na mesma liña nalgunha das últimos cinco convocatorias anteriores no marco destas subvencións, garanten a continuidade de atención ás persoas destinatarias, cando pola súa vulnerabilidade, a súa interrupción poida provocar situacións de grave empeoramento da súa situación persoal, social ou económica.

Para os efectos de valorar este punto, terase en conta a liña en que foi subvencionado o programa e a anualidade da concesión da axuda e non a de execución do programa subvencionado. Así mesmo, independentemente da denominación concreta do programa, o contido substancial deste deberá ser similar nos distintos anos de execución para ser obxecto de valoración.

Para os efectos do cálculo e concesión desta puntuación, o programa financiado nalgunha das últimas cinco convocatorias anteriores empregado como referencia de continuidade só poderá relacionarse cun único programa para o que a entidade solicite a subvención, polo que non se admitirán referencias a un único programa que pretenda dar continuidade a dous ou máis programas na presente convocatoria.

2º.2. No caso de que os programas se desenvolvan en áreas rurais e/ou áreas rurais de alta dispersión de acordo co Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, outorgarase 1 punto.

3º. O cofinanciamento do programa. Valoraranse os programas que conten con outras fontes de financiamento (ata 5 puntos) de acordo cos seguintes tramos:

3º.1. Outorgaranse 2,5 puntos para os programas que conten entre o 5 % e o 10 % do seu orzamento con outras fontes de financiamento.

3º.2. Outorgaranse 5 puntos para os programas con máis do 10 % do seu orzamento obtido con outras fontes de financiamento.

c) Criterios obxectivos de valoración dos proxectos de investimento presentados dentro da liña IV: proxectos de investimento e adecuación de centros e unidades de atención destinados a persoas con discapacidade (ata 60 puntos), coa seguinte desagregación:

1º. O contido e obxectivos do proxecto de investimento (ata 50 puntos):

1º.1. Fundamentación do proxecto: ata 8 puntos. Valoraranse as necesidades e razóns que fundamenten e xustifiquen a execución do proxecto presentado, tanto para as persoas destinatarias finais do servizo como para o centro ou entidade que o vai executar.

1º.2. Obxectivos do proxecto: ata 10 puntos. Valoraranse os obxectivos que se pretenden acadar pola entidade solicitante, o impacto social do proxecto, o número de usuarios aos cales se vai atender e a poboación á cal van dirixidos.

1º.3. Contido técnico do proxecto: ata 30 puntos. Valorarase o contido técnico e a súa adecuación ao obxectivo proposto, a descrición das actividades concretas que se pretenden realizar, o calendario de realización, a adecuación dos medios estruturais, materiais e técnicos para o desenvolvemento e xestión do proxecto.

1º.4. Innovación: ata 1 punto. Valoraranse os proxectos innovadores, especialmente cando se dirixan a atender necesidades emerxentes non cubertas polos recursos do sistema de servizos sociais ou cando incorporen novas tecnoloxías ou sistemas de organización e xestión que acheguen un maior valor.

1º.5. Execución do proxecto: ata 1 punto. Se a execución total ou parcial do proxecto de investimento se concerta con entidades que reúnan a condición legal de centros especiais de emprego ou empresas de inserción laboral, de acordo co establecido no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia ou no Decreto 156/2007, do 19 de xullo, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral, outorgaranse 1 punto.

2º. O ámbito territorial do proxecto de investimento (5 puntos).

No caso de que os proxectos de investimento se desenvolvan en áreas rurais e/ou áreas rurais de alta dispersión de conformidade co disposto no Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, outorgaranse 5 puntos.

3º. O cofinanciamento do proxecto de investimento: valoraranse aqueles proxectos de investimento que conten con outras fontes de financiamento (ata 5 puntos), de acordo cos seguintes tramos:

3º.1. Outorgaranse 2,5 puntos para os proxectos de investimento que conten entre o 5 % e o 10 % do seu orzamento con outras fontes de financiamento.

3º.2. Outorgaranse 5 puntos para os proxectos de investimento con máis do 10 % do seu orzamento obtido con outras fontes de financiamento.

d) Criterios obxectivos de valoración dos proxectos de investimento presentados dentro da liña VIII: proxectos de investimento e adecuación de centros e unidades de atención destinados a persoas maiores (ata 60 puntos), coa seguinte desagregación:

1º. O contido e obxectivos do proxecto de investimento (ata 50 puntos):

1º.1. Fundamentación do proxecto: ata 8 puntos. Valoraranse as necesidades e razóns que fundamenten e xustifiquen a execución do proxecto presentado, tanto para as persoas destinatarias finais do servizo como para o centro ou entidade que o vai executar.

1º.2. Obxectivos do proxecto: ata 10 puntos. Valoraranse os obxectivos que se pretenden acadar pola entidade solicitante, o impacto social do proxecto, o número de usuarios aos cales se vai atender e a poboación a que van dirixidos.

1º.3. Contido técnico do proxecto: ata 30 puntos. Valorarase o contido técnico e a súa adecuación ao obxectivo proposto, a descrición das actividades concretas que se pretenden realizar, o calendario de realización, a adecuación dos medios estruturais, materiais e técnicos para o desenvolvemento e xestión do proxecto.

1º.4. Innovación: ata 2 puntos. Valoraranse os proxectos innovadores, especialmente cando se dirixan a atender necesidades emerxentes non cubertas polos recursos do sistema de servizos sociais ou cando incorporen novas tecnoloxías ou sistemas de organización e xestión que acheguen un maior valor.

2º. O ámbito territorial do proxecto de investimento (5 puntos).

No caso de que os proxectos de investimento se desenvolvan en áreas rurais e/ou áreas rurais de alta dispersión de conformidade co disposto no Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, outorgaranse 5 puntos.

3º. O cofinanciamento do proxecto de investimento: valoraranse aqueles proxectos de investimento que conten con outras fontes de financiamento (ata 5 puntos), de acordo cos seguintes tramos:

3º.1. Outorgaranse 2,5 puntos para os proxectos de investimento que conten entre o 5 % e o 10 % do seu orzamento con outras fontes de financiamento.

3º.2. Outorgaranse 5 puntos para os proxectos de investimento con máis do 10 % do seu orzamento obtido con outras fontes de financiamento.

Artigo 15. Resolución

1. As resolucións que procedan ao abeiro desta orde serán ditadas pola persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude por proposta da Comisión Instrutora, segundo o previsto no artigo 13. No caso de que o seu contido sexa a concesión da subvención requirirá a fiscalización previa pola Intervención Delegada.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude por silencio administrativo.

Artigo 16. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os actos administrativos e a correspondente resolución deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

Así mesmo, e con carácter complementario, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Política Social e Xuventude (http://politicasocial.xunta.gal).

Artigo 17. Aceptación e renuncia

1. Publicada no Diario Oficial de Galicia a resolución de concesión, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez días (10) hábiles a súa aceptación, comprometéndose a executar a acción subvencionada nas condicións establecidas na presente convocatoria. No caso de non comunicar o dito extremo no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

2. A renuncia á subvención poderase formular por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Os importes que, se é o caso, resultaren sobrantes por causa de renuncia poderán destinarse ao outorgamento de máis subvencións segundo o determinado no artigo 13.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 19. Réxime de recursos

1. As resolucións expresas ou presuntas ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución, se esta fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

2. Non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se desestime por silencio o recurso de reposición interposto.

Artigo 20. Modificación da resolución de concesión

1. De acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, segundo o previsto no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, unha vez ditada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar a modificación do seu contido sempre que se respecte a actuación subvencionable e non dea lugar á execución deficiente e/ou incompleta. Será de aplicación o seguinte:

a) A solicitude deberá presentarse antes de que conclúa o prazo para a realización da actividade e a esta xuntarase:

1º. Memoria explicativa (anexo III ou IV, segundo corresponda).

2º. Relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

3º. Orzamento modificado, se é o caso.

b) Poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros.

c) Non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela. Ao mesmo tempo, a modificación solicitada deberá respectar o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos nesta orde e que deron lugar ao seu outorgamento, e non poderán comprometer a viabilidade do programa/investimento, polo que se deberán manter os gastos necesarios para o seu correcto desenvolvemento.

d) Cando implique modificación do importe total concedido, tramitarase conxuntamente coa do expediente de gasto.

3. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude, por proposta da Comisión Instrutora, logo da correspondente tramitación e, se é o caso, con audiencia da entidade interesada.

4. Cando a entidade beneficiaria da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non afecten esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen ter dado lugar á modificación da resolución téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa, o órgano concedente poderá aceptar a xustificación presentada, sempre que tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

Esta aceptación polo órgano concedente non exime a entidade beneficiaria das sancións que poidan corresponderlle de conformidade coa citada Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as entidades beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta orde estarán obrigadas a:

a) Executar o programa/proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención e cumprir o seu obxectivo.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real, de acordo co establecido no artigo 23.

c) Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o programa/proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

d) No suposto de adquisición, construción, rehabilitación e mellora de bens inventariables, destinar os ditos bens ao fin concreto para o que se concedeu a subvención durante un prazo que non pode ser inferior a cinco anos no caso de bens susceptibles de inscrición nun rexistro público nin a dous anos para o resto de bens.

e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Conservar os documentos xustificativos orixinais da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

h) Incorporar de forma visible no material de difusión dos programas ou investimentos subvencionados o seu financiamento por parte da Xunta de Galicia, de xeito que se cumpra a obriga de dar publicidade aos programas/investimentos subvencionados con cargo a esta convocatoria, nos termos establecidos no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 20 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

i) Ter subscrito unha póliza de seguro de accidentes e de responsabilidade civil a favor do persoal voluntario que participe nos programas subvencionados conforme o previsto nos artigos 7.g) e 11.i) da Lei 10/2011, do 28 de novembro.

j) As entidades beneficiarias de programas de apoio á inclusión sociolaboral, programas de intervención comunitaria en territorios en exclusión, programas de prestacións en áreas urbanas ou periurbanas en que se acredite unha concentración significativa ou anómala de situacións de exclusión social, programas de mediación social e/ou intercultural, e programas de asesoramento técnico especializado, todos eles da liña II, incorporarse como usuarias da aplicación informática deseñada e implantada para a xestión da anterior Estratexia de inclusión social de Galicia 2014-2020, e introducir a información das prestacións realizadas e dos beneficiarios na plataforma habilitada.

k) Calquera outra obriga imposta ás beneficiarias na normativa estatal ou autonómica aplicable, así como nesta orde.

2. Os servizos da Consellería de Política Social e Xuventude poderán efectuar as comprobacións que consideren oportunas en canto ao cumprimento por parte das entidades dos requisitos exixidos pola Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, e pola súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, poderán solicitar informes dos servizos da rede pública de servizos sociais en canto aos aspectos de complementariedade, oportunidade e eficacia dos servizos e actuacións das entidades solicitantes recollidos nesta orde.

Artigo 22. Pagamento

O pagamento do 100 % do importe da subvención concedida realizarase dunha soa vez en concepto de anticipado, que se fará efectivo unha vez notificada a resolución e, en todo caso, na anualidade 2023.

Artigo 23. Xustificación: obxecto, prazo e documentación

1. O programa e/ou investimento que abrangue deberá coincidir co contido da resolución de concesión da subvención e, se é o caso, coas reformulacións ou modificacións autorizadas e deberase acreditar o cumprimento das obrigas establecidas na normativa aplicable.

2. A xustificación comprenderá o custo total do programa ou investimento subvencionado de acordo coa última memoria explicativa autorizada, e non só a contía da subvención concedida. No caso de actividades financiadas con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberá reflectirse na memoria económica que conterá unha relación detallada deles, con indicación do importe, procedencia e aplicación deles as actividades subvencionadas.

3. Só será subvencionable o gasto realizado que fose efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación determinado no número seguinte respecto do que se xustifique o pagamento, segundo o disposto no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, mediante extractos ou certificacións bancarias.

4. A documentación xustificativa presentarase ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social e Xuventude con data límite do 15 de marzo de 2025.

5. As entidades ás cales se lles concedese unha cantidade igual ou superior a 30.000 € (suma das subvencións concedidas para os programas e/ou proxectos de investimento) realizarán a xustificación a través de conta xustificativa que incorpore unha memoria de actuación e unha memoria económica abreviada, con achega de informe de auditoría, de acordo co regulado no artigo 50 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A emisión do informe de auditoría axústase ao disposto na Orde EHA/1434/2007, do 17 de maio, pola que se aproba a norma de actuación dos auditores de contas na realización dos traballos de revisión de contas xustificativas de subvención, no ámbito do sector público estatal, previstos no artigo 74 do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aprobou o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e ao disposto nesta orde.

6. A verificación que debe realizar a auditoría de contas terá, en todo caso, o seguinte alcance:

a) O cumprimento por parte das entidades beneficiarias das obrigas establecidas nesta orde e no resto da normativa que lle é de aplicación na xestión e aplicación da subvención.

b) A adecuada e correcta xustificación da subvención por parte das entidades beneficiarias.

c) A realidade e a regularidade das operacións que, de acordo coa xustificación presentada polas entidades beneficiarias, foron financiadas coa subvención.

d) O adecuado e correcto financiamento das actividades subvencionadas.

7. O informe da persoa auditora permitirá obter evidencia suficiente para poder emitir unha opinión sobre a execución dos gastos do programa/proxecto ou actividade subvencionada, conforme a estas bases. En todo caso, deberá comprobarse:

a) Que a conta xustificativa foi subscrita polo representante legal da entidade ou persoa con capacidade, e deberá anexar ao informe unha copia desta verificada pola persoa auditora.

b) Que existe concordancia entre a memoria de actuación e os documentos utilizados para realizar a revisión da xustificación económica.

c) Que o importe xustificado corresponde ao concedido, e que se atopa correctamente desagregado e identificado na conta xustificativa, con indicación das imputacións aplicadas. A revisión abranguerá a totalidade dos gastos realizados incorridos na realización das actividades subvencionadas. No caso doutros ingresos ou subvencións que financien a actividade subvencionada, deberá indicar o seu importe e a súa procedencia.

d) Que o gasto declarado é real e elixible e que está debidamente acreditado e xustificado conforme a normativa vixente. Para os ditos efectos, o informe de auditoría deberá confirmar:

1º. Que os gastos realizados e imputados ao programa/proxecto gardan unha relación directa con el, sendo conformes coas normativas autonómica, nacional e comunitaria en materia de elixibilidade de gastos e subvencións.

2º. Que as facturas orixinais ou documentos contables de valor probatorio equivalente que figuran na relación de gastos contan cos datos requiridos pola lexislación vixente, sendo os devanditos gastos realizados e efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación, salvo aqueles que pola súa propia natureza deban liquidarse en datas posteriores.

e) Que a entidade beneficiaria utiliza un sistema de contabilidade separada ou codificación contable que permite a inequívoca identificación dos gastos realizados.

f) Que a entidade beneficiaria dispón de tres ofertas de diferentes provedores, nos supostos previstos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e dunha memoria que xustifique razoablemente a elección do provedor, naqueles casos en que non recaese na proposta económica máis vantaxosa.

g) No informe constará pronunciamento sobre a elixibilidade do IVE imputado ao proxecto e que non é susceptible de recuperación ou compensación.

h) Que existe acreditación documental, material e/ou gráfica (fotografías, copias, capturas de pantallas) do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

i) En caso de que o programa contase coa participación de persoal voluntario, existencia das preceptivas pólizas de seguros de responsabilidade civil e de accidentes que cubran a estas persoas durante a duración da actuación subvencionable, ademais de que a entidade está ao día no pagamento das citadas pólizas.

8. As entidades ás cales se lles concedese unha cantidade inferior a 30.000 € (suma das subvencións concedidas para os programas e/ou proxectos de investimento) poderán optar, á súa elección, por realizar a xustificación a través de conta xustificativa con achega de informe de auditoría nos termos previstos no número 7, ou a través da conta xustificativa simplificada, regulada no artigo 51 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Neste último caso, deberán xuntar:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condiciones impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) De ser o caso, carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

c) Certificación dos gastos polo importe total do programa e/ou proxecto de investimento, distribuídos por partidas orzamentarias, e na cal se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinada pola persoa que teña a representación legal en Galicia da entidade beneficiaria.

d) Declaración responsable do representante legal da entidade (no caso de agrupación de entidade, de cada unha delas), complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o programa e/ou proxecto de investimento subvencionado.

e) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data e do número da factura ou do documento xustificativo do gasto, identificación do seu emisor, data e forma de pagamento e descrición do gasto co seu importe en moeda local e o seu equivalente en euros.

f) Para os programas subvencionados en que participen persoas voluntarias, copia das pólizas e xustificante de estar ao día no pagamento do contrato de seguro de responsabilidade civil e accidentes subscrito pola entidade que cubra as persoas voluntarias durante a duración do programa polos prexuízos que se puidesen causar durante o desenvolvemento da actuación subvencionable.

g) Para os programas de inclusión sociolaboral, excepto para os programas formativos, documento acreditativo das prestacións recibidas polos usuarios no modelo que facilite a Consellería de Política Social e Xuventude.

h) Se o importe do gasto subvencionable supera as contías establecidas para o contrato menor na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2104, deberán remitir copia do expediente de contratación, de ser o caso, e como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, agás que polas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou que o gasto fose realizado con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

9. Os gastos das entidades terán que adaptarse aos conceptos de gasto consignados na memoria inicial presentada coa solicitude, ou na memoria adaptada, no caso de tela presentado, aínda que poderán admitirse desviacións na imputación de cantidades aos conceptos de gasto nunha contía máxima dun 30 %, en máis ou en menos, do importe a axuda finalmente concedida, sempre que non se modifique a contía total subvencionada nin a desviación se aplique a conceptos de gasto non autorizados.

Igualmente, no caso de que figuren varias entidades executantes poderanse admitir desviacións nos gastos consignados para cada unha de estas na memoria inicial presentada coa solicitude, ou na memoria adaptada, de ata un máximo dun 30 %, do importe da axuda finalmente concedida, sempre que non se modifique a contía total subvencionada nin a desviación se aplique a conceptos de gasto non autorizados.

No suposto de desviacións dunha entidade ou de varias entidades executantes indicado nos dous puntos anteriores deberán de respectarse as limitacións establecidas no artigo 6 para as axudas de custo e para os gastos de xestión e administración relacionados co funcionamento habitual da entidade solicitante.

O anterior hase de entender sen prexuízo da obriga da entidade de solicitar, con carácter excepcional e sempre que resulte alterado o contido do programa, modificacións baseadas na aparición de circunstancias que alteren ou dificulten o desenvolvemento do programa, que deberán ser autorizados expresamente de acordo co establecido no artigo 20.

A documentación que xustifique os gastos efectuados con cargo á subvención concedida presentarase separada para cada uns dous programas subvencionados.

A entidade asignará un número de orde a cada xustificante de gasto e debe ter en conta que a suma de todos os importes totais correspondentes aos distintos conceptos de gastos debe xustificar o importe total de cada programa, segundo a memoria adaptada no caso de tela presentado.

Mediante técnica de mostraxe aleatoria simple, a Consellería de Política Social e Xuventude poderá requirirlles aos beneficiarios que acheguen os orixinais dos xustificantes, que considere oportunos nos casos en que a normativa reguladora aplicable así o estableza.

Artigo 24. Incumprimento, reintegro, infraccións e sancións

1. Ás entidades beneficiarias das subvencións recollidas na presente orde, seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para estes efectos, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento e en función do seguinte:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da axuda concedida.

b) Incumprimento da obriga de xustificar o pagamento nos termos establecidos no artigo 23: reintegro do 2 % da axuda concedida no caso de que o atraso na presentación sexa de ata 10 días, do 10 % no caso de que o atraso sexa superior a 10 días e inferior a 20 días, e do 100 % da axuda concedida no caso de que o atraso na presentación sexa igual ou superior a 20 días.

c) Non dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento nos termos establecidos na letra h) do artigo 21: reintegro do 2 % da axuda concedida.

d) Aplicación da subvención a conceptos de gasto e a ámbitos territoriais doutras comunidades autónomas ou a programas diferentes aos que figuran na solicitude: reintegro do 100 % da axuda concedida.

e) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como nos supostos establecidos no artigo 33 desta mesma lei e/ou calquera outro que resulte da normativa aplicable, e non recollido nos puntos anteriores: reintegro de ata o 100 % da axuda concedida.

3. Igualmente, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con axudas ou subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria.

4. As cantidades que teñan que reintegrar as entidades beneficiarias terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto no artigo 14.4 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na normativa comunitaria de aplicación.

5. De conformidade co previsto no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, o beneficiario poderá realizar devolución voluntaria de cantidades indebidamente percibidas mediante ingreso na conta habilitada da Facenda pública galega. O importe da devolución incluirá os xuros de demora. No documento de ingreso deberá identificarse o número do expediente, o concepto da devolución, e o nome e NIF do beneficiario. Unha vez ingresado, deberase comunicar á Secretaria Xeral Técnica da Consellería de Política Social e Xuventude da devolución voluntaria realizada.

Artigo 25. Comprobación, inspección e control

1. A Consellería de Política Social e Xuventude poderá levar a cabo as actividades de comprobación que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta orde.

2. No caso de subvencións de capital superiores a 60.000 €, en cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, o órgano concedente realizará a comprobación material do investimento, quedando constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto polo representante da Administración como pola entidade beneficiaria.

3. Sen prexuízo do anterior, realizará, ben con persoal propio ou a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das axudas. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados nesta orde. O persoal encargado da verificación levantará acta da actuación de control, que asinará a entidade á cal se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitarlle ao persoal designado copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

4. Ademais, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 26. Información ás entidades interesadas

Sobre este procedemento poderase obter información a través do teléfono 012, do enderezo electrónico ceroseteirpf@xunta.gal, na dirección xeral competente en materia de familia e infancia, na dirección xeral competente en materia de inclusión social, na dirección xeral competente en materia de persoas con discapacidade, na dirección xeral competente en materia de xuventude e de voluntariado e na dirección xeral competente en materia de persoas maiores, así como na Guía de procedementos e servizos no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

Disposición adicional primeira. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social e Xuventude para ditar as instrucións e os actos que sexan necesarias para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude

ANEXO I

Liñas de actuación

Liña I. Actuacións no ámbito da familia, infancia e dinamización demográfica.

I.1. Actuacións en materia de prevención, protección e fomento dos dereitos da infancia.

Programas que recollan medidas dirixidas á prevención e protección da infancia e o fomento dos seus dereitos .

Serán obxecto de subvención os seguintes programas:

a) Programas de prevención, intervención e seguimento das situacións de posible risco prenatal.

b) Programas que leven a cabo actuacións que permitan a prevención, detección e intervención educativa, sociofamiliar, e/ou psicoterapéutica en situacións de violencia cara á infancia, incluíndo se é a causa da orientación sexual e/ou a identidade de xénero do/da neno/a, e da explotación infantil, así como da violencia entre iguais.

c) Programas que promovan o desenvolvemento educativo e sociofamiliar da infancia a través de actividades educativas, culturais e de lecer que fomenten hábitos de vida saudables e favorezan a participación infantil e a súa inclusión social, contribuíndo á sensibilización sobre os dereitos da infancia e facilitando o intercambio de información institucional que posibilite a relación dos nenos e nenas e as súas familias, especialmente atendendo a situacións de risco.

d) Programas que ofrezan atención educativa e sociofamiliar a nenos/as e persoas mozas que están aloxadas e conviven en servizos residenciais de protección á infancia, potenciando factores de desenvolvemento persoal e habilidades sociais para a súa integración e reinserción social que sexan innovadores e establezan criterios de avaliación, apliquen estándares de calidade xeral e de accesibilidade por cada tipo de servizo en acollemento residencial e fomenten a participación dos menores na elaboración da programación de actividades do centro.

e) Programas que inclúan aspectos de mediación intercultural para facilitar a adaptación da persoa menor ao centro, ademais da relación dos técnicos coas familias.

f) Programas de acollemento familiar dirixidos a persoas menores que se atopen baixo unha medida de protección, que lle ofrezan un novo medio familiar como alternativa ao internamento en centros de menores.

g) Programas de prevención da delincuencia xuvenil e aqueles deseñados para levar a cabo as medidas e actuacións administrativas en casos de menores de 14 anos que cometan delitos, incluíndo o traballo coas familias.

h) Programas de apoio e colaboración na execución das medidas de internamento e medio aberto que levan a cabo as entidades executantes, que desenvolvan actuacións distintas e complementarias ás requiridas para a execución das medidas ao abeiro do establecido no artigo 45. 3 da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, contribuíndo á integración dos menores no contexto familiar, social, educativo e laboral, con especial relevancia á intervención coas familias.

i) Programas de mediación pre e post sentencial no ámbito da xustiza penal xuvenil baseados na responsabilización, reparación, conciliación, prevención, educación, integración e reinserción.

I.2. Actuacións de apoio ás familias e conciliación.

Programas que recollan actuacións de apoio ás familias e de conciliación da vida persoal, laboral e familiar dos membros da unidade familiar:

Serán obxecto de subvención os seguintes programas:

a) Programas que ofrezan actuacións con familias nas cales convivan nenos, nenas e adolescentes con necesidades especiais de coidado.

b) Programas de orientación, mediación e intervención familiar dirixidos á atención e prevención das diferentes situacións problemáticas ou de risco, que pola súa natureza poidan estar asociadas a procesos de desintegración familiar.

c) Programas de orientación e intervención psicoterapéutica para a abordaxe de situacións de violencia filioparental.

d) Programas que inclúan actividades e intervencións que se desenvolvan en zonas desfavorecidas ou no ámbito rural e que inclúan intervencións en contornos familiares de especial vulnerabilidade ou dificultade social.

e) Programas que inclúan actuacións nas áreas de saúde, seguimento escolar, pautas de crianza saudable e positiva e socialización entre outras.

f) Programas que consideren actuacións dirixidas á difusión, sensibilización ou promoción da parentalidade positiva e aqueles que promovan o desenvolvemento de competencias emocionais, educativas e parentais dirixidos a familias con fillos e fillas menores a cargo.

g) Programas destinados a prestar apoio ás familias mediante servizos de atención socioeducativa a nenos e nenas, que faciliten a conciliación familiar (espazos de xogo, de encontro familiar, de respiro, de atención domiciliaria), así como aqueles destinados a proporcionar pautas de crianza saudables ás familias integrantes do programa.

h) Programas de formación, orientación e apoio ás persoas do ámbito familiar que exerzan labores parentais de coidado e crianza, favorecendo as relacións interxeracionais.

i) Programas de asesoramento e acompañamento laboral a familias que se atopan en situación de especial dificultade ou exclusión social, familias en situación de risco e familias monoparentais e/ou numerosas.

Liña II. Actuacións de inclusión social.

II.1. Actuacións comúns dirixidas a todas as persoas en situación ou risco de exclusión social:

a) Programas de atención ás necesidades básicas: serán programas dirixidos á atención e cobertura das necesidades básicas acuciantes. Incluirá prestacións dos servizos de atención ás necesidades básicas; de cobertura da necesidade de alimento e de provisión de recursos básicos; atención social continuada; de atención na rúa; de acollida básica e de atención urxente incluídos na Carteira de servizos de inclusión da Xunta de Galicia. Poderá estenderse a todas as prestacións incluídas nestes servizos, especialmente: restauración, enderezo postal, ducha e entrega de material de hixiene, barbería, repartición de comida elaborada, provisión de alimentos, provisión de vestiario e enxoval doméstico, apoio na provisión de medios e na obtención de documentos administrativos esenciais, atención á convivencia, apoio psicolóxico.

b) Programas de apoio á inclusión sociolaboral: incluirán programas tanto de inclusión básica como de inclusión e transición ao emprego. Serán programas dirixidos a persoas e familias en vulnerabilidade ou situación de pobreza e/ou exclusión social, orientados a reverter procesos de exclusión social, incluíndo a exclusión severa, mediante o apoio socioeducativo e psicosocial, así como, de ser o caso, o fortalecemento das competencias necesarias para posibilitar o acceso ao emprego. As prestacións e a súa intensidade variarán en función do establecido no proxecto de inclusión sociolaboral.

c) Programas de reforzo socioeducativo para menores en situación ou risco de exclusión social: serán programas dirixidos ao fomento da educación infantil e o reforzo educativo extraescolar, a prevención do absentismo e o abandono escolar e a actividades promotoras da integración social (campamentos, actividades extraescolares…).

d) Programas de formación: as accións formativas normalmente formarán parte das prestacións dos procesos de inclusión e transición e subvencionaranse nos programas de inclusión sociolaboral, aínda que, excepcionalmente, subvencionaranse programas de formación independentes, sobre todo cando sexan para a adquisición das competencias clave e alfabetización dixital.

e) Programas de intervención comunitaria en territorios en exclusión: os seus destinatarios son persoas ou grupos sociais, especialmente en situación de vulnerabilidade, pobreza ou exclusión, que residan nun territorio en exclusión. Para os efectos da presente orde, entenderase como territorio en exclusión aquel que, como consecuencia dos impactos do cambio demográfico (envellecemento e declive de poboación) unidos a unha alta dispersión desta poboación, falta de oportunidades de emprego e dificultade de acceso a servizos públicos, presenta dificultades importantes para o seu desenvolvemento.

f) Programas de prestacións en áreas urbanas ou periurbanas en que se acredite unha concentración significativa ou anómala de situacións de exclusión social: son programas destinados a persoas e familias residentes en áreas urbanas e periurbanas en risco ou situación de exclusión social.

g) Programas de mediación social e/ou intercultural: prestacións dirixidas a dar apoio profesional destinado a facilitar a comunicación, o entendemento e a transformación das relacións entre persoas e grupos sociais culturalmente diferenciados, así como a previr e solucionar conflitos e/ou construír unha nova realidade social compartida.

II.2. Actuacións dirixidas a persoas sen fogar e en exclusión residencial grave. Ademais das prestacións comúns poderán financiarse os seguintes programas específicos:

a) Programas de intervención integral de inclusión sociolaboral tanto de inclusión básica como de transición ao emprego: dirixidos a promover a inclusión social das persoas sen fogar mediante itinerarios de inclusión que inclúen, ademais das prestacións comúns do servizo de apoio á inclusión sociolaboral, o aloxamento, a manutención, o roupeiro, ou a atención á convivencia.

b) Programas de atención a persoas en situación ou risco de exclusión social con trastornos aditivos e patoloxía mental crónica: serán programas dirixidos á provisión dun servizo de inclusión residencial ás persoas con trastornos aditivos que estean na última fase dun proceso terapéutico de deshabituación ou con patoloxías mentais crónicas estabilizadas.

c) Programas de inclusión residencial: comprenderán prestacións de atención orientada ao apoio das persoas en procesos de inclusión sociolaboral que teñan dificultades no acceso ou mantemento da estabilidade residencial. Incluiranse tamén neste punto as prestacións de intervención integral dirixidas a promover a inclusión social básica das persoas sen fogar mediante o acceso á vivenda.

II.3. Actuacións dirixidas á poboación xitana. Ademais dos programas comúns, aos cales poden acceder as persoas xitanas, poderán financiarse os seguintes programas específicos:

Programas de asesoramento técnico especializado: programas destinados a proporcionar información en materias de diversa índole que requiren un coñecemento especializado (estranxeiría, dereito familiar, abordaxe da violencia de xénero, discriminación por motivos raciais ou étnicos...). Incluirá asesoramento técnico profesional e acompañamento na realización de trámites.

II.4. Actuacións dirixidas a persoas inmigrantes. Ademais dos programas comúns, aos cales poden acceder as persoas inmigrantes, poderán financiarse os seguintes programas específicos:

a) Programas de asesoramento técnico especializado: programas destinados a proporcionar información en materias de diversa índole que requiren un coñecemento especializado (estranxeiría, dereito familiar, abordaxe da violencia de xénero, discriminación por motivos raciais ou étnicos...). Incluirá asesoramento técnico profesional e acompañamento na realización de trámites.

b) Programas de promoción da participación social: programas dirixidos á adquisición de habilidades lingüísticas e/ou coñecemento dos costumes, funcionamento e valores da sociedade de acollida pola poboación inmigrante e emigrante retornada en situación de vulnerabilidade. Inclúe accións formativas de alfabetización e competencia oral nas linguas oficiais de Galicia e as dirixidas ao coñecemento dos valores e características da sociedade de acollida, así como a mediación intercultural.

Liña III. Actuacións de promoción da autonomía persoal e apoio de persoas con discapacidade.

Programas que fomenten a autonomía persoal, a inclusión e o apoio das persoas con discapacidade e das súas familias.

Serán obxecto de subvención os seguintes programas:

a) Programas dirixidos a mellorar a calidade de vida, a autonomía persoal e a inclusión social e laboral das persoas con discapacidade.

b) Programas de apoio a persoas con discapacidade con alteracións da saúde mental ou que se atopan noutras situacións que incrementan a súa exclusión social.

c) Programas de apoio a persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica.

d) Promoción da prevención, identificación e diagnóstico precoz da discapacidade e a atención temperá.

e) Programas culturais, deportivos e de participación en xeral nos que se favoreza a presenza conxunta de persoas con e sen discapacidade.

f) Programas de investigación no ámbito sociosanitario que permitan mellorar a autonomía persoal das persoas con discapacidade.

g) Programas de creación de sistemas de información e estatísticos que permitan a avaliación da situación das persoas con discapacidade para poder mellorar a súa calidade de vida.

h) Programas que promovan a autonomía persoal facilitando a comunicación, a mobilidade e accesibilidade das persoas con discapacidade (linguaxe de signos, transporte adaptado, mobilidade porta a porta, etc.).

i) Programas de utilización de tecnoloxías, produtos ou servizos relacionados coa información e a comunicación ou outros servizos que faciliten a autonomía persoal, a súa permanencia no domicilio e na súa contorna social e familiar.

j) Programas que favorezan o apoio ao envellecemento activo das persoas con discapacidade.

k) Programas dirixidos a familias con persoas con discapacidade, en situación de especial vulnerabilidade.

l) Programas que promovan o desenvolvemento das habilidades e competencias adecuadas nas familias e coidadores de persoas con discapacidade.

m) Programas que promovan servizos transitorios de aloxamento de familias desprazadas por motivos médicos e en períodos de convalecencia.

n) Programas que promovan servizos de respiro, apoio e descanso para familiares coidadores de persoas con discapacidade.

o) Programas de reforzo educativo e de mellora da inclusión educativa en centros educativos ordinarios das persoas con discapacidade.

p) Programas de promoción da formación de adultos, formación prelaboral e de adquisición de habilidades das persoas con discapacidade.

q) Programas de atención e apoio ás familias de persoas con discapacidade.

Liña IV. Proxectos de investimento e adecuación de centros e unidades de atención destinados a persoas con discapacidade.

Serán obxecto de subvención as seguintes actuacións:

a) Proxectos de investimento para a realización de obras de primeiro establecemento, reforma, restauración, rehabilitación ou gran reparación para a prestación de servizos de atención a persoas con discapacidade.

b) Proxectos de investimento para a realización de obras de conservación e mantemento de centros e servizos de atención a persoas con discapacidade.

c) Proxectos de investimento para a adquisición de inmobles destinados á prestación de servizos de atención a persoas con discapacidade.

d) A adquisición de subministracións, equipamentos e vehículos que faciliten a prestación de servizos a persoas con discapacidade.

Liña V. Actuacións destinadas á xuventude.

V.1. Actuacións de prevención de riscos contra a saúde dos mozos e mozas e promoción de hábitos de vida saudable neste colectivo.

Serán obxecto de subvención os seguintes programas:

a) Programas de educación para a saúde que establezan actuacións na prevención de enfermidades de transmisión sexual, trastornos da conduta alimentaria, embarazos non desexados e riscos contra a saúde da mocidade.

b) Programas de educación viaria que inclúan actuacións encamiñadas á sensibilización e prevención de accidentes de tráfico entre a xuventude.

c) Programas de fomento de hábitos de vida saudable entre a mocidade mediante a intervención socioeducativa.

V.2. Actuacións de mellora da empregabilidade dos mozos e mozas.

Serán obxecto de subvención os seguintes programas:

a) Programas para mozos e mozas dirixidos á procura de emprego mediante a adquisición de valores, competencias e habilidades.

b) Programas que faciliten o acceso ao emprego por conta propia ou allea mediante o establecemento de itinerarios personalizados de inserción que combinen diferentes actuacións como información, orientación, formación e práctica laboral.

c) Programas de desenvolvemento de actividades formativas e seguimento laboral das mozas e mozos contratados.

d) Programas para o deseño e realización de accións integrais de orientación laboral e itinerarios personalizados de inserción laboral.

e) Programas que promovan a igualdade no emprego entre a poboación xuvenil.

f) Programas para mozas e mozos que cumpran cos obxectivos do Plan nacional de implantación da garantía xuvenil.

g) Programas que fomenten a cultura emprendedora, a creación de empresas e o autoemprego, entre os mozos e mozas.

h) Programas que conteñan accións de información, motivación e asesoramento na elaboración de proxectos empresariais.

i) Programas que desenvolvan accións formativas a emprendedores e emprendedoras.

V.3. Programas de educación non formal que faciliten a integración social dos mozos e mozas.

Serán obxecto de subvención os seguintes programas:

a) Programas que desenvolvan contidos educativos e/ou aprendizaxes e experiencias que faciliten a adquisición de valores de solidariedade, convivencia, tolerancia, igualdade e participación comprometida entre os mozos e as mozas.

b) Programas dirixidos a desenvolver accións preventivas contra o racismo, a xenofobia e todo tipo de discriminación das persoas por razón de sexo, orixe racial ou étnica, nacionalidade, relixión ou crenzas, orientación ou identidade sexual, idade, discapacidade ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

c) Actuacións dirixidas á prevención, detección e loita contra a violencia entre iguais.

d) Programas que desenvolvan e/ou promovan sistemas de recoñecemento e validación formal das competencias e habilidades derivadas da participación en actividades de educación non formal.

Liña VI. Actuacións destinadas ao voluntariado.

VI.1. Actuacións de promoción da acción voluntaria:

Programas de promoción da acción voluntaria que fomenten a participación activa das persoas voluntarias en entidades de acción voluntaria.

Serán obxecto de subvención os seguintes programas:

a) Programas dirixidos a impulsar a participación como persoas voluntarias de colectivos que pola súa específica experiencia profesional ou vital poidan supoñer unha importante achega á esfera cotiá doutros colectivos con específicas necesidades sociais.

b) Programas que fomenten actividades solidarias e de participación social nos diferentes sectores de acción voluntaria establecidos no artigo 5 da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria, como instrumento de cambio e transformación social.

c) Promoción de programas innovadores no ámbito do voluntariado que permitan obter coñecementos en novos eidos de actuación ou impulsen novos mecanismos de participación dentro das distintas áreas de actuación da Estratexia galega de acción voluntaria.

d) Promoción de programas que favorezan e promovan pautas de relación entre entidades de acción voluntaria e entidades empresariais coa finalidade de proxectalos ao exercicio dun voluntariado corporativo e de fomento da responsabilidade social empresarial nesta materia.

VI.2. Actuacións de formación das persoas voluntarias:

Programas dirixidos á formación das persoas voluntarias que permitan mellorar o itinerario da acción voluntaria, a formación e organización do voluntariado, así como a adquisición de experiencias que permitan obter novas habilidades e competencias ou que melloren as xa adquiridas.

Serán obxecto de subvención os seguintes programas:

a) Formación do voluntariado en programas innovadores dentro das diferentes sectores de acción voluntaria establecidos na Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria.

b) Formación do voluntariado no medio rural como elemento dinamizador da realidade socioeconómica e social en que se desenvolve.

VI.3. Actuacións de sensibilización en materia de voluntariado:

Programas dirixidos a sensibilizar a poboación en xeral sobre a importancia da acción voluntaria e o seu recoñecemento como axente de cambio e transformación social.

Serán obxecto de subvención os seguintes programas:

a) Sensibilización do voluntariado en materia ambiental.

b) Sensibilización do voluntariado en materia de atención e acompañamento a persoas maiores.

c) Sensibilización do voluntariado nas distintas áreas de intervención social establecidas na Estratexia galega de acción voluntaria.

Liña VII. Actuacións de promoción da autonomía persoal e apoio a persoas maiores ou persoas dependentes.

Programas que fomenten a prevención da dependencia a través do envellecemento activo e saudable, actuacións que promovan a autonomía persoal e a permanencia das persoas maiores no seu domicilio e programas que contribúan a combater a soidade e o illamento social, entre outras actuacións.

Serán obxecto de subvención os seguintes programas:

a) Programas dirixidos á promoción da autonomía persoal, envellecemento activo e prevención da dependencia.

b) Programas dirixidos a persoas maiores con cargas familiares.

c) Programas dirixidos a persoas maiores destinados a combater o fenómeno da soidade non desexada.

d) Programas de atención dirixidos a persoas maiores con deterioración cognitiva ou dependentes, especialmente os de carácter innovador.

e) Programas dirixidos a persoas maiores que estean en situación de especial vulnerabilidade,

f) Programas de atención sociosanitaria ás persoas maiores no final da vida.

g) Programas dirixidos a persoas maiores incapacitadas legalmente.

h) Programas de servizos de acompañamento para a realización de visitas médicas ou outras xestións ou actividades.

i) Promoción do emprego das TIC entre as persoas maiores.

j) Programas de promoción de redes sociais e outras actuacións de apoio e acompañamento das persoas maiores.

k) Programas de atención, coidado persoal e asistencia doméstica que favorezan a permanencia das persoas maiores no seu domicilio, incluídas as subministracións externas de comida e lavandaría.

l) Programas de atención sociosanitaria en centros de día e centros de noite.

m) Programas de utilización de tecnoloxías, produtos ou servizos relacionados coa información e a comunicación ou outros servizos que faciliten a autonomía persoal, a súa permanencia no domicilio e na súa contorna social e familiar (teleasistencia...).

n) Programas de formación e prestación de servizos de asistencia persoal, para persoas fráxiles sen dereito á prestación de dependencia.

o) Programas que promovan o desenvolvemento das habilidades e competencias adecuadas nas familias e persoas coidadoras de persoas maiores.

p) Programas que promovan servizos transitorios de aloxamento de familias desprazadas por motivos médicos e en períodos de convalecencia.

q) Programas que promovan servizos de respiro, apoio e descanso para familiares coidadores de persoas maiores.

Liña VIII. Proxectos de investimento e adecuación de centros e unidades de atención destinados a persoas maiores ou a persoas dependentes.

a) Proxectos de investimento para a realización de obras de primeiro establecemento, reforma, restauración, rehabilitación ou gran reparación para a prestación de servizos de atención a persoas maiores ou persoas dependentes.

b) Proxectos de investimento para a realización de obras de conservación e mantemento de centros e servizos de atención a persoas maiores ou persoas dependentes.

c) Proxectos de investimento para a adquisición de inmobles destinados á prestación de servizos de atención a persoas maiores ou persoas dependentes.

d) A adquisición de subministracións, equipamentos e vehículos que faciliten a prestación de servizos a persoas maiores ou persoas dependentes.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file