DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Martes, 18 de xullo de 2023 Páx. 44013

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 4 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Feás, sito nos concellos de Aranga e Coirós, promovido por Galenergy, S.L. (expediente IN408A2019/009).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Galenergy, S.L. en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción do parque eólico Feás, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 13.2.2019, Galenergy, S.L. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto sectorial (actualmente proxecto de interese autonómico) para o parque eólico Feás, sito nos concellos de Aranga e Coirós (A Coruña).

Segundo. O 15.3.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas notificoulle á dita sociedade o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en adiante, a Lei 8/2009). O 23.4.2019, a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos, de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009.

Terceiro. O 11.2.2020, o promotor solicitou unha modificación substancial do proxecto do parque eólico, consistente no aumento da potencia unitaria dos aeroxeradores, así como no desprazamento da torre meteorolóxica. O 18.3.2020 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas requiriulle ao promotor aclaración á documentación presentada. O 31.3.2020 e o 6.4.2020 o promotor presentou a documentación requirida. O 8.5.2020 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.

Cuarto. O 19.5.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas solicitou os informes recollidos nos artigos 33.4 e 33.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro (da versión anterior á última modificación conforme a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia), ao órgano ambiental e ao órgano competente en materia do territorio.

Quinto. O 10.6.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, no cal indica o procedemento ambiental que hai que seguir e os organismos que hai que consultar durante a fase de información pública.

Sexto. O 25.6.2020 e o 7.7.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009 e corrección de erros onde se indica que o proxecto do parque eólico cumpre os requisitos de distancias ás delimitacións do solo de núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable, establecidos no Plan sectorial eólico de Galicia e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

Sétimo. O 13.8.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas requiriulle ao promotor a verificación da documentación presentada para continuar coa tramitación. O 24.8.2020 o promotor presenta escrito onde indica que a documentación presentada o 31.3.2020 do antecedente de feito terceiro xa recollía o proxecto de execución definitivo e, así mesmo, achega un estudo de impacto ambiental refundido.

Oitavo. O 4.9.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Feás á Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Coruña (en diante, a Xefatura Territorial) para a continuación da tramitación.

Noveno. Mediante Acordo do 2 de novembro de 2020, da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Feás, nos concellos de Aranga e Coirós (A Coruña).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 24.11.2020 e no xornal La Voz de Galicia do 24.11.2020. Así mesmo, remitiuse para exposición ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Aranga e Coirós), e permaneceu exposto nas dependencias da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas polo promotor.

Décimo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Xefatura Territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión I, S.A.U.), Concello de Aranga, Concello de Coirós, Augas de Galicia.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia emitiu informe o 1.2.2021, o Concello de Coirós emitiu informe o 28.1.2021, o Concello de Aranga emitiu informe o 8.12.2020 e Retegal emitiu informe o 20.12.2020.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo primeiro. O 14.12.2021 o promotor remitiu a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea do 9.12.2021 para a instalación do parque eólico, en que se establece o correspondente condicionado.

Décimo segundo. O 16.5.2022, rematados os trámites de información pública, de audiencia e consultas ás administracións públicas afectas, a Xefatura Territorial solicitoulle ao promotor a documentación definitiva adaptada de acordo co artigo 33.15 da Lei 8/2009.

Décimo terceiro. O 14.6.2022 e o 16.6.2022 a empresa presentou ante a Xefatura Territorial os documentos definitivos: Proxecto de execución parque eólico Feás, asinado polo enxeñeiro industrial Jorge Núñez Ares, colexiado nº 1102 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, o 10.6.2022 e visado o 14.6.2022 co nº 20221722.

Décimo cuarto. O 21.6.2022 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico favorable sobre o proxecto refundido recollido no antecedente de feito décimo terceiro, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, no relativo á normativa de instalacións industrias e eléctricas.

Décimo quinto. O 28.6.2022 a Xefatura Territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo sexto. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral do Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Aranga e Concello de Coirós.

Décimo sétimo. Formalizada a tramitación ambiental, o 28.12.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 29.12.2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Feás, nos concellos de Aranga e Coirós (A Coruña) (expediente 2019/009) (DOG núm. 8, do 12.1.2023)

O 19.1.2023 tivo entrada nesta Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais escrito da directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático de aclaración sobre o cumprimento das condicións particulares DIA do parque eólico Feás, onde indica: «No marco da declaración de impacto ambiental (DIA) do parque eólico Feás, detectouse que, na epígrafe de Condicións particulares, para algunhas delas estableceuse que deben cumprirse previamente á autorización por ese órgano substantivo, porén, isto debe ser interpretado como ao inicio das obras».

Décimo oitavo. O 27.1.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

Décimo noveno. O 27.1.2023, Galenergy, S.L. presentou escrito, no cal indica que os documentos presentados o 14.6.2022, recollidos na epígrafe décimo terceira, son os definitivos e xunta declaración responsable onde declara que «para as seguintes empresas e organismos non se modifican as afeccións respecto dos condicionados xa emitidos durante o proceso de información pública e, polo tanto, non cómpre solicitar un novo informe sobre o condicionado técnico: Concello de Aranga, Concello de Coirós, Retevisión, Retegal e Augas de Galicia».

Vixésimo. O 20.3.2023, o promotor presentou o proxecto do parque recollido no antecedente de feito décimo terceiro con visado de proxecto de execución, coa seguinte denominación: proxecto de execución parque eólico Feás, asinado polo enxeñeiro industrial Jorge Núñez Ares, colexiado nº 1102 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, o 15.3.2023 e visado o 16.3.2023 co nº 20230796.

Vixésimo primeiro. O 28.3.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico sobre o proxecto refundido recollido no antecedente de feito vixésimo, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, no relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas.

Vixésimo segundo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 40,00 MW, de acordo cos informes do xestor da rede do 14.6.2019, do 20.2.2020, do 12.3.2020 e do 13.11.2020.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), e polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, o 20.3.2023 a Xefatura Territorial remitiu informe complementario de tramitación en que se recolle a resposta a estas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución:

«a) A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o “mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I”. O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as “instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que estean a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental”.

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban contemplar os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto “fraccionamento” dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de efectos sinérxicos e acumulativos incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun raio de 20 km dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna, entre eles os parques eólicos en funcionamento ou en proxecto Serra da Loba, Serra da Loba ampliación, Sotavento, Cordal de Montouto, Cova da Serpe, Cova da Serpe ampliación, Pena Feixa, Touriñán IV, Cordal de Montouto-Pando, Fontella, Seselle e as súas liñas de evacuación.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que “... unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede”.

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020, modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares de ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, “non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais”.

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que hai que perseguir neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, reducindo a superficie afectada polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

b) En relación co órgano competente para resolver este procedemento remítese ao exposto no fundamento de dereito número un. Así mesmo, indícase que, de acordo co artigo 3 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, corresponde á Administración xeral do Estado a competencia de autorizar instalacións peninsulares de produción de enerxía eléctrica, incluíndo as súas infraestruturas de evacuación, cando a potencia eléctrica instalada é superior a 50 MW eléctricos.

c) No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, hai que indicar que estas cuestións foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 28.12.2022, onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

d) Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: concellos de Aranga e Coirós, direccións xerais do Patrimonio Cultural, do Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior, e da Dirección Xeral de Saúde Pública, do Instituto de Estudos do Territorio, da Axencia de Turismo de Galicia e de Augas de Galicia.

e) O organismo Augas de Galicia o 1.2.2021 emitiu informe favorable sobre os documentos presentados polo promotor, sempre que se teñan en conta as consideracións feitas no informe.

Durante os procesos de execución dos traballos de desenvolvemento e implantación da actuación proposta, de cara á non afección ao dominio público hidráulico, deberán terse en conta as directrices sinaladas no informe, así como as indicadas nos documentos sometidos a informe.

f) No expediente constan informes da Dirección Xeral de Saúde Pública do 3.3.2022, do 19.4.2022 e do 30.5.2022, que consideran satisfeitos os requisitos exixibles sobre os posibles impactos que puidesen ter unha repercusión na saúde humana, excepto en relación coa escintilación de sombras, xa que no estudo do “caso real” existen 5 receptores que superan as 8 horas/ano. Naquelas vivendas que superen este limiar, o proxecto deberá incorporar as correspondentes medidas protectoras, independentemente das medidas de mitigación que poidan ser necesarias na fase de funcionamento.

g) No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, o Servizo de Montes informou o 18.12.2020 de que, de acordo cos datos do servizo e co informe emitido polo Distrito Forestal II, esta obra afecta dous montes veciñais en man común e diversos expedientes de subvención para plantacións ou tratamentos forestais.

Respecto ás afeccións aos montes veciñais en man común Recebés ou Costa do Sal e Mariña, Calzada e Agre, é necesario lembrar que se trata de terreos que forman parte dun ben indivisible, inalienable, imprescritible e inembargable. De acordo co artigo 6 da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, no caso de que sexa necesario expropiar estes terreos sería preciso declarar previamente a prevalencia da utilidade pública ou interese social do novo equipamento público fronte ao interese do propio monte veciñal. A empresa promotora e a comunidade propietaria do monte veciñal poden asinar de común acordo un acto de disposición (cesión, ocupación ou dereito de superficie) que non obrigue á expropiación das superficies afectadas.

h) En relación coa afección á paisaxe, no expediente consta informe do Instituto de Estudos do Territorio do 18.12.2020 en que indica que o proxecto incorpora un EIIP, cuxo contido se axusta formalmente ao disposto no artigo 11.2 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, e nos artigos 25 e seguintes do Regulamento da Lei 7/2008.

Os principais impactos sobre a paisaxe derivan dos efectos sinérxicos que se producen pola existencia doutros proxectos eólicos na contorna e da proximidade dos aeroxeradores aos núcleos de poboación e ás vías de comunicación máis importantes que discorren polo ámbito do parque, como son a autovía A-6 e a estrada nacional N-VI. Ademais, poderanse ver afectados polas obras de accesos e localización das infraestruturas, elementos naturais presentes no ámbito do parque como son os afloramentos rochosos.

As medidas de integración paisaxística previstas poden considerarse, en xeral, adecuadas para reducir ou mitigar os impactos do proxecto, ben que incorpora unhas recomendacións para asegurar unha mellor integración paisaxística.

i) En relación coa afección ao patrimonio cultural, a Dirección Xeral de Cultural emitiu o 9.4.2021 un oficio en que solicita completar a documentación presentada en determinados aspectos.

O 10.5.2021 e o 12.1.2022 o promotor presentou a documentación solicitada.

j) Tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares de ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña.

k) No caso de afectar a captacións ou instalacións de subministración de auga, o promotor deberá repoñer os servizos existentes.

l) No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe a que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, como se recolle nos antecedentes de feito.

m) No que respecta ás distancias á núcleos de poboación, no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 25.6.2020, recóllese que, revisado o planeamento vixente nos concellos afectados (Plan xeral de ordenación municipal de Coirós, aprobado definitivamente o 19.9.2002, e Plan xeral de ordenación municipal de Aranga, aprobado definitivamente o 16.12.2013) e as coordenadas UTM ETRS 89 fuso 29 recollidas no número 2.1.3 da memoria, comprobouse que as posicións dos aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 metros a núcleos de poboación, regulada no punto 3.1 do Psega, respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable.

n) Respecto ás alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública, nos antecedentes de feito recóllense as diferentes publicacións do Acordo do 2.11.2020, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Feás nos concellos de Aranga e Coirós (expediente IN408A 2019/09).

ñ) Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto da información pública estiveron á disposición de todas aquelas persoas interesadas nos concellos de Aranga e Coirós e na Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Coruña e na Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña, así como no Portal de transparencia e goberno aberto da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no Convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

o) En relación coas posibles afeccións producidas pola poligonal do parque eólico, cómpre indicar que a poligonal do parque é sinxelamente unha referencia xeográfica do territorio en que se sitúa a totalidade das instalacións do parque. A afección real aos bens e dereitos limítase á producida polas instalacións do parque: aeroxeradores, liñas eléctricas de conexión, subestación e vías.

p) En relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, hai que indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución.

q) En particular, en referencia á afección a terras vinculadas á PAC, a instalación do parque non afecta a superficie agraria, coa excepción da superficie estritamente ocupada polas instalacións en superficie do parque eólico.

r) En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, só no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador se fixarán as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

s) No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente mentres non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «en canto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

t) Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, e o acordo publicouse no DOG do 15.12.1997.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Logo, este procedemento ambiental soamente obriga os plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

u) Respecto da saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia, así como a solicitude de moratoria na autorización de parques, hai que expoñer que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos».

No caso de alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, por presentarse fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 28.12.2022, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso, sen prexuízo dos que, se é o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Feás, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 18.11.2022, e recollida no antecedente de feito décimo sexto desta resolución:

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Feás, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Feás.

Nos números 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Feás, sito nos concellos de Aranga e Coirós (A Coruña), promovido por Galenergy, S.L., cunha potencia de 40,00 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Feás, composto polo documento: proxecto de execución parque eólico Feás, asinado polo enxeñeiro industrial Jorge Núñez Ares, colexiado nº 1102 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, o 15.3.2023 e visado o 16.3.2023 co nº 20230796.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Galenergy, S.L.

Domicilio social: avenida de Compostela, 1, 27200 Lugo.

Denominación: parque eólico Feás.

Potencia instalada: 40,00 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 40,00 MW.

Produción neta: 124.725 MWh/ano.

Concellos afectados: Aranga e Coirós (A Coruña).

Orzamento de execución material: 40.548.946,99 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico ás cales se circunscriben as autorizacións:

Vértice

Parque eólico Feás (Aranga e Coirós)

Coordenadas UTM (Fuso 29 ETRS89)

UTM-X

UTM-Y

a

573.600

4.787.800

b

576.300

4.786.200

c

576.300

4.785.000

d

572.400

4.785.000

e

572.400

4.786.000

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Parque eólico Feás (Aranga e Coirós)

Coordenadas UTM (Fuso 29 ETRS89)

UTM-X

UTM-Y

Concellos

A01

573.801,7

4.787.084,4

Coirós

A02

574.140,2

4.786.837,1

Aranga

A03

574.439,2

4.786.571,5

Aranga

A04

574.847,5

4.786.448,5

Aranga

A05

575.395,8

4.786.061,6

Aranga

A06

575.750,0

4.785.862,3

Aranga

A07

573.076,7

4.786.047,7

Coirós

A08

573.444,0

4.785.897,0

Coirós

Coordenadas da torre meteorolóxica do parque eólico:

Torre meteorolóxica

Parque eólico Feás (Aranga e Coirós)

Coordenadas UTM (Fuso 29 ETRS89)

UTM-X

UTM-Y

1

575.064,0

4.786.172,0

Coordenadas da subestación do parque eólico:

Subestación

Parque eólico Feás (Aranga e Coirós)

Coordenadas UTM (Fuso 29 ETRS89)

UTM-X

UTM-Y

1

574.546,5

4.786.352,5

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 8 aeroxeradores de 5 MW de potencia unitaria, con velocidade variable e paso variable, altura ata a buxa de 127,5 m e un diámetro de rotor de 145 m.

– 8 centros de transformación montados en góndola de potencia unitaria de 5.300 kVA e relación de transformación de 0,69/30 kV, e coas súas correspondentes celas metálicas de seccionamento, manobra e protección.

– Rede eléctrica soterrada a 30 kV, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e a subestación transformadora do parque, de 30/220 kV, proxectada, composta por 2 circuítos con condutores tipo HEPRZ1 Al 18/30 kV de diversas seccións.

– Rede de terras xeral de modo que as instalacións electromecánicas e a subestación do parque eólico forman un conxunto equipotencial. A rede de terras dos aeroxeradores será con condutor de Cu-50 mm², a do centro de control con Cu-95 mm² e a SET con Cu-120 mm².

– Subestación con transformador de potencia intemperie, trifásico, en baño de aceite, de potencia 40/45 MVA ONAN/ONAF, relación de transformación 220/30 kV, distribuído da seguinte forma:

• Parque de 220 kV en intemperie con dúas posicións de liña e unha posición de transformador.

• Parque de 30 kV cunha posición de transformador e celas en interior do edificio coa seguinte configuración: unha posición de transformador, 2 posicións de liña para a conexión dos aeroxeradores, unha posición de transformador de servizos auxiliares.

– No edificio tamén se situará o centro de control, xunto coas comunicacións, proteccións e un transformador de servizos auxiliares de tipo seco de 250kVA e relación de transformación 30/0,4kV.

– Torre meteorolóxica de medición de 127,5 metros.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Galenergy, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 304.009,00 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao inicio de obras, segundo se recolle na declaración de impacto ambiental no seu número 4.1.2, 4.1.3, e segundo escrito, do 19.1.2023, presentado pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático onde recolle que, na epígrafe de condicións particulares, as que deben cumprirse previamente á autorización deberán ser interpretadas como previamente ao inicio das obras, polo que o promotor deberá contar previamente ao inicio de obras co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

5. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar ante a Xefatura Territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que se aproba mediante esta resolución, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante esta Dirección Xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación destes.

9. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

10. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

11. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar a revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 28.12.2022 e recollida no antecedente de feito décimo sexto, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servicio público de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

15. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais