DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Xoves, 20 de xullo de 2023 Páx. 44438

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 3 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de curta duración que desenvolvan as entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2023-2024 (código de procedemento TR302D).

A Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea (2000/c 364/01) inclúe, dentro do dereito á educación (artigo 14), o dereito de toda persoa á educación e ao acceso á formación profesional e permanente, en consonancia cos principios contidos na Proclamación interinstitucional sobre o piar europeo de dereitos sociais (2017/C 428/09). Concretamente, o primeiro principio establece que toda persoa ten dereito a unha educación, formación e aprendizaxe permanente, inclusivo e de calidade, co fin de manter e adquirir capacidades que lle permita participar plenamente na sociedade e xestionar con éxito as transicións no mercado laboral. O cuarto principio establece que toda persoa ten dereito a recibir asistencia personalizada e oportuna, co fin de mellorar as súas perspectivas de emprego ou de traballar por conta propia, e isto inclúe o dereito a recibir axuda para a formación e a reciclaxe.

A Unión Europea está a impulsar o modelo de experiencias curtas de aprendizaxe a través das microcredenciais. Considera que poden ser un instrumento clave para facer realidade ese dereito á formación e á aprendizaxe permanente, tal e como xa se recolle na Axenda de Capacidades Europea para a competitividade sustentable, a equidade social e a resiliencia (COM 2020 274), contribuíndo a un triplo obxectivo: a inclusión social, a adaptación ás novas exixencias dun mercado laboral en continuo cambio, e a mellora da competitividade da economía na Unión Europea.

Nesa liña, o Consello da Unión Europea, na súa Recomendación do 16 de xuño de 2022, relativa a un enfoque europeo das microcredenciais para a aprendizaxe permanente e a empregabilidade (2022/C 243/02), recoméndalles aos Estados membros adoptar medidas ao nivel adecuado para permitir que as persoas adquiran, actualicen e melloren os coñecementos, capacidades e competencias que necesitan para prosperar nun mercado de traballo e sociedade cambiantes, para beneficiarse plenamente dunha recuperación socialmente xusta e dunhas transicións xustas cara á economía ecolóxica e dixital e para estar mellor preparadas para facer fronte aos retos presentes e futuros.

Tal e como recolle esta recomendación, cada vez son máis as persoas que necesitan actualizar e mellorar os seus coñecementos, capacidades e competencias para reducir a fenda entre a súa educación e formación e as necesidades dunha sociedade e un mercado de traballo en rápida evolución –e un dos principais retos que afrontan as empresas e os empregadores é a oferta insuficiente de capacidades pertinentes no mercado de traballo– e, ao mesmo tempo, as persoas traballadoras estanse enfrontado a cambios sen precedentes na organización do traballo. Ademais, os perfís das tarefas e as capacidades requiridas están a cambiar de forma radical debido ás transicións dixital e ecolóxica. O perfeccionamento e a reciclaxe continuos son esenciais para que as traballadoras e traballadores respondan ás necesidades do seu emprego actual ou para a transición a novos empregos e sectores en expansión.

En liña co anterior, o Goberno galego quere asegurarse de que as persoas teñan as habilidades que necesitan para prosperar; por iso, seguindo as directrices europeas está a despregar unha Axenda Galega de Capacidades para o Emprego co obxectivo de mellorar as capacidades das persoas, para fortalecer a competitividade das empresas, garantir a equidade social e desenvolver a nosa resiliencia.

Con carácter previo, e co obxectivo de aumentar o coñecemento sobre as necesidades de capacitación do tecido produtivo galego, realizou o Estudo de tecnoloxías emerxentes para a transformación do emprego.

Este estudo levouse a cabo durante o ano 2021 co obxectivo de elaborar unha proposta de cualificacións profesionais que serán necesarias para facer fronte aos empregos do futuro. A detección e a análise de necesidades baseouse na implantación de catorce (14) tecnoloxías emerxentes, especialmente potenciadas polos efectos da COVID, para tratar de prever os futuros requirimentos formativos que serán demandados desde o noso mercado de traballo.

Coa mesma finalidade, e co obxectivo de aumentar o coñecemento sobre as necesidades dos sectores produtivos que non están a ser cubertas polas ofertas formativas actuais, e no marco das actuacións da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, leváronse a cabo mesas de traballo sectoriais a través dun proceso participativo orientado a capturar a información do tecido produtivo para detectar as necesidades de capacitación. Estas mesas de traballo permitiron identificar cinco focos claros de necesidades: o ámbito dixital (tanto necesidades de nivel básico e medio como necesidades cun elevado compoñente técnico de especialización, etc.), o ámbito industrial (manexo de maquinaria, prototipaxe, inspección, fabricación, etc.), o ámbito da xestión empresarial (necesidades asociadas á xestión de proxectos e equipos, recursos humanos e xestión do talento, contabilidade ou tarefas administrativas, etc.), o ámbito da venda e os servizos (atención ao cliente, atención telefónica, necesidades asociadas ao desempeño de accións de venda ou prestación de servizos profesionais, etc.) e o ámbito asistencial (prestación de asistencia, coidados e servizos sanitarios, etc.).

Co coñecemento adquirido a través desas dúas iniciativas, xustifícase a pertinencia desta convocatoria de axudas co obxectivo de asegurar que as persoas teñan as capacidades adecuadas, mobilizando e incentivando as empresas para adoptaren accións para a mellora e a reciclaxe profesional das persoas en idade de traballar e, dese modo, resolver as necesidades das empresas de perfís capacitados.

Nese sentido, tamén cómpre facer referencia ao aliñamento desta convocatoria coa Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, a cal aborda, a través da I+D+i, tres grandes retos da economía e da sociedade galega; para darlles resposta a eses retos, por unha banda, a estratexia orienta as capacidades e os esforzos de investigación e innovación en Galicia cara a tres prioridades temáticas transversais, e, pola outra, reforza e impulsa o ecosistema galego de innovación a través de cinco obxectivos estratéxicos, arredor dos cales articula os instrumentos e a actuación que se van desenvolver, integrados nos correspondentes programas. Estes instrumentos poden dirixirse a prioridades e ámbitos de priorización concretos ou ser horizontais en relación cos retos e prioridades. No que se refire, en concreto, ao obxectivo estratéxico 4, este aposta polas persoas como activo principal e a súa finalidade é desenvolver o talento das persoas capacitándoas nos ámbitos de prioridade de futuro, polo que esta convocatoria se enmarca no programa Persoas da RIS3.

Trátase de deseñar medidas que axuden as empresas a xestionar o talento persoal e organizativo e a xerar vantaxes competitivas. Un aspecto básico do talento refírese aos coñecementos do persoal das empresas; de aí a importancia da formación para garantir a preparación adecuada e a transmisión interna do coñecemento, optimizar o desempeño individual e global, mellorar a competitividade da empresa e garantir o desenvolvemento profesional dos empregados e empregadas.

Con este obxectivo, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade pon ao dispor das empresas os Bonos Talento empresa como un instrumento para mellorar a xestión do talento financiando accións de capacitación que atendan as necesidades do seu negocio e acompañen no desenvolvemento profesional dos seus empregados e empregadas.

Así mesmo, o Regulamento (UE) 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se deroga o Regulamento (UE) 1296/2013, recolle entre as súas consideracións que o FSE+ debe promover oportunidades flexibles para que todos poidan mellorar as súas capacidades e adquirir capacidades novas e diferentes e que, en consonancia coa Axenda de Capacidades para Europa e a Recomendación do Consello relativa aos itinerarios de mellora das capacidades, o FSE+ debe apoiar itinerarios flexibles, entre eles a formación modular, específica, de curta duración e accesible que dea lugar a certificados, co fin de proporcionarlles ás persoas as capacidades que se axustan ás necesidades do mercado de traballo e dos ecosistemas industriais, as transicións ecolóxica e dixital, a innovación e o cambio social e económico, a facilitación da reciclaxe, a mellora das capacidades e a empregabilidade, as transicións profesionais e a mobilidade xeográfica e sectorial, e apoiar, en particular, as persoas pouco capacitadas, as persoas con discapacidade ou as persoas adultas pouco cualificadas. O FSE+ tamén debe facilitar a prestación de axuda ás persoas en materia de capacidades integradas, incluídas as persoas traballadoras por conta allea, traballadoras por conta propia e desempregadas, a través de instrumentos como as contas individuais de aprendizaxe.

O Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, dispón no seu artigo 1.b), relativo ao seu ámbito competencial, que lle corresponden, de conformidade co Estatuto de autonomía e a Constitución, entre outras, o exercicio das competencias e funcións de proposta, deseño, coordinación e execución das directrices xerais do Goberno no ámbito laboral e do emprego, que engloba, entre outras, as competencias en materia de políticas activas de emprego, formación para o emprego, orientación, colocación e intermediación laboral.

As axudas recollidas nesta orde están cofinanciadas nun 60 % pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, dentro do obxectivo político 4: Unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo de dereitos sociais; prioridade 1. Emprego, adaptabilidade, emprendemento e economía social; obxectivo específico ESO4.4 Promover a adaptación dos traballadores, as empresas e os emprendedores ao cambio, o envellecemento activo e saudable e un contorno de traballo saudable e ben adaptado que aborde os riscos para a saúde, e medida 1.D.01.: Axenda Galega de Capacidades para o Emprego. Formación de persoas traballadoras.

Desde o punto de vista de axudas de Estado, tendo en conta a natureza das entidades beneficiarias e das persoas destinatarias finais do programa, así como as características das actuacións que se van realizar, as subvencións previstas ampáranse no artigo 31 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

Nesta convocatoria incorpórase o establecemento de métodos de custos simplificados conforme o disposto no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

As bases do programa regulado nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que, de acordo coa finalidade e obxecto deste réxime, non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia na entidade solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito. A convocatoria financia accións formativas referidas a un ámbito relevante para as empresas e non cuberto polos instrumentos actuais. O proceso participativo de diálogo coas empresas para coñecer as súas necesidades e o estudo a que se alude nesta exposición de motivos identificaron os ámbitos que as accións formativas deben abordar para responder ás necesidades de formación demandada polas empresas. Estas necesidades son comúns a todas elas, sen que exista ningún aspecto vinculado ao tamaño da empresa, ao sector a que pertence ou a calquera outra característica que permita establecer unha prelación e sobre a base dela fixar criterios de concorrencia. Neste escenario, que a Administración estableza un criterio sería arbitrario e contrario ao obxectivo, que non é outro que dar resposta a necesidades de formación específica, comúns a todas as entidades beneficiarias a que se dirixe a convocatoria.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro. No que resulte de aplicación, someterase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

En consecuencia, consultados a Comisión Galega de Formación Profesional Continua, o Consello Galego de Relacións Laborais e o Consello Galego de Formación Profesional, obtidos os informes preceptivos na tramitación e autorizado por acordo do Consello da Xunta o carácter plurianual, así como a exención de garantías, no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión dos Bonos Talento empresa, destinados á formación non formal mediante a realización de proxectos formativos de curta duración que teñan como obxectivo mellorar as capacidades das empresas e contribuír ao desenvolvemento profesional dos seus cadros de persoal.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse estas axudas para o período 2023-2024, en réxime de concorrencia non competitiva, e as axudas concedidas no marco desta orde axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

Artigo 2. Principios de xestión

Os principios que rexen a xestión desta convocatoria de axudas son:

a) Publicidade, obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

c) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Artigo 3. Definicións

1. Empresa: segundo o artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, entenderase por empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.

2. Microempresa e pequena empresa: segundo o artigo 2 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, considerarase pequena empresa aquela que ocupa menos de 50 persoas e o seu volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros, e microempresa, aquela que ocupa menos de 10 persoas e o seu volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros.

Para o cálculo deses efectivos, deberán considerarse as indicacións incluídas nos artigos 3, 4, 5 e 6 do citado anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

3. Empresa en crise: a que así se defina conforme o previsto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) núm. 651/2014 e nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crises (DOUEC núm. 249, do 31 de xullo), ou documento que os substitúa.

4. Empresa vinculada: son empresas vinculadas segundo o artigo 3.3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 aquelas empresas entre as cales existe algunha das seguintes relacións:

– Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto das persoas accionistas ou socias da outra empresa.

– Unha empresa ten dereito a nomear ou revogar a maioría dos membros dos órganos de administración, dirección ou control da outra empresa.

– Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre a outra, en virtude dun contrato subscrito con ela ou dunha cláusula estatutaria da segunda empresa.

– Unha empresa, accionista ou asociada á outra, controla soa, en virtude dun acordo subscrito con outras persoas accionistas ou socias da segunda empresa, a maioría dos dereitos de voto das súas persoas accionistas ou socias.

Presumirase que non existe influencia dominante cando as persoas investidoras enunciadas no artigo 3.2 (segundo parágrafo) do citado anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 non teñan implicación directa ou indirecta na xestión da empresa en cuestión, sen prexuízo dos dereitos que lles correspondan na súa calidade de accionistas.

As empresas que manteñan calquera das relacións recollidas no parágrafo primeiro do artigo 3 do citado anexo I a través doutra ou doutras empresas, ou coas persoas investidoras enumeradas no punto 2 do mesmo artigo, consideraranse tamén vinculadas.

Tamén se considerarán empresas vinculadas as que manteñan algunha das ditas relacións a través dunha persoa física ou un grupo de persoas físicas que actúen de común acordo, se as ditas empresas exercen a súa actividade ou parte desta no mesmo mercado de referencia ou en mercados contiguos; considérase mercado contiguo o mercado dun produto ou servizo situado nunha posición inmediatamente anterior ou posterior á do mercado en cuestión.

5. Empresa asociada: son empresas que manteñen lazos significativos de asociación financeira con outras empresas, sen que ningunha exerza, directa ou indirectamente, un control efectivo sobre a outra.

Son asociadas as empresas que nin son autónomas nin están vinculadas entre si.

A empresa solicitante é asociada doutra empresa no caso de que:

– Posúa unha participación ou dereitos de voto superiores ou iguais ao 25 % da dita empresa, ou se dita empresa posúe unha participación ou dereitos de voto superiores ou iguais ao 25 % da empresa solicitante.

– E as empresas non son empresas vinculadas, o que significa, entre outras cousas, que os dereitos de voto dunha delas na outra non supera o 50 %.

– E a empresa solicitante non elabora contas consolidadas que inclúan a dita empresa por consolidación, nin está incluída por consolidación nas contas da dita empresa nin nas de ningunha empresa vinculada a ela.

6. Persoas traballadoras autónomas: con base no artigo 1 do título I da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, terán esta consideración as persoas físicas que realicen de forma habitual, persoal, directa, por conta propia e fóra do ámbito de dirección e organización doutra persoa, unha actividade económica ou profesional a título lucrativo e, para os efectos das axudas previstas nesta orde, dean ocupación a persoas traballadoras por conta allea.

7. Persoa traballadora ocupada por conta allea: persoa que presta servizos nunha empresa no marco dunha relación laboral con esta, figurando inscrita no réxime xeral da Seguridade Social e percibindo remuneración a cambio do seu traballo, con independencia do tipo de relación laboral establecida coa empresa (persoal fixo, temporal, a xornada completa ou parcial), condición que virá determinada pola situación laboral en que se encontre ao comezo da acción formativa financiada polo Bono Talento.

8. Entidades do terceiro sector da acción social: son aquelas que cumpren cos requisitos do artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector da acción social, sempre que estean legalmente constituídas e reúnan os seguintes requisitos:

a) Estar recoñecidas e inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (en diante, RUEPSS) da consellería da Xunta de Galicia con competencias en materia de servizos sociais.

b) Carecer de ánimo de lucro. Para estes efectos, a entidade solicitante acreditará que non reparte beneficios, que, no caso de liquidación ou disolución desta, o seu patrimonio se destina a fins sociais e que os membros do seu padroado ou órgano de goberno desenvolven a súa función con carácter gratuíto, de conformidade co disposto no seus estatutos e co disposto nos puntos 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.

c) Cumprir a definición de pequena empresa ou microempresa establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.

Non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía destas entidades do terceiro sector da acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións dependentes deles, os colexios profesionais, as cámaras de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais e os sindicatos, e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.

9. Competencias transversais: aquelas habilidades relacionadas co desenvolvemento persoal, que non dependen dun ámbito temático ou disciplinario específico senón que aparecen en todos os dominios da actuación profesional.

10. Acción formativa de carácter non formal de curta duración: proceso de formación estruturado que non conduce a unha titulación, acreditación ou certificación oficial e cuxa duración mínima será de 16 horas e máxima de 100 horas.

11. Proxecto formativo: aquel que estea integrado por un máximo de tres accións formativas de carácter non formal de curta duración.

Artigo 4. Réxime xurídico

1. Aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

2. Así mesmo, tamén serán de aplicación:

a) Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

b) Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

c) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

d) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

e) Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

f) Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia.

g) Regulamento delegado (UE) 2021/702 da Comisión, do 10 de decembro de 2020, polo que se modifica o Regulamento Delegado (UE) 2015/2195, que complementa o Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Social Europeo, no que respecta á definición de custos unitarios e importes a tanto global para o reembolso de gastos aos Estados membros por parte da Comisión.

h) Normativa comunitaria aplicable aos fondos, mecanismos e instrumentos financeiros previstos dentro do Marco financeiro plurianual (MFP) 2021-2027 da Unión Europea, contida no Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión; o Regulamento (UE, Euratom) 2020/2093 do Consello, do 17 de decembro de 2020, polo que se establece o marco financeiro plurianual para o período 2021-2027; o Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta, ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á Xestión de fronteiras e á política de visados; o Regulamento (UE) 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se deroga o Regulamento (UE) 1296/2013.

i) Normas de subvencionabilidade ditadas pola autoridade de xestión para o período 2021-2027.

j) Normativa sobre protección de datos persoais: Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; Regulamento xeral de protección de datos persoais (RXPD); Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da administración electrónica.

k) Calquera outra norma da Unión Europea, ou normativa nacional ou autonómica vixente, que poidan resultar de aplicación.

Artigo 5. Financiamento

1. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito total de dous millóns de euros (2.000.000 €) distribuído en dúas anualidades, con cargo ás aplicacións orzamentarias 11.50.323B.470.0 e 11.50.323B.481.0, código de proxecto 2023 00105.

Aplicación orzamentaria

Anualidade 2023

Anualidade 2024

Total

11.50.323B.470.0

800.000 €

800.000 €

1.600.000 €

11.50.323B.481.0

200.000 €

200.000 €

400.000 €

Total

1.000.000 €

1.000.000 €

2.000.000 €

A distribución de fondos entre as aplicacións orzamentarias sinaladas é unha previsión que se poderá axustar con base nas solicitudes recibidas, tendo en conta a natureza xurídica das entidades beneficiarias, sen incrementar o crédito total e segundo o disposto no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na dita aplicación e condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, despois de aprobación da modificación orzamentaria que proceda, logo do informe favorable da modificación orzamentaria por parte do organismo intermedio do programa FSE+ Galicia 2021-2027 (actualmente, a Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos). Neste caso, publicarase a ampliación do crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio do novo cómputo de prazo para resolver.

3. As axudas recollidas nesta orde están cofinanciadas nun 60 % polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, dentro do obxectivo político 4: Unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo de dereitos sociais; prioridade 1. Emprego, adaptabilidade, emprendemento e economía social; obxectivo específico ESO4.4 Promover a adaptación dos traballadores, as empresas e os emprendedores ao cambio, o envellecemento activo e saudable e un contorno de traballo saudable e ben adaptado que aborde os riscos para a saúde, e medida 1.D.01.: Axenda Galega de Capacidades para o Emprego. Formación de persoas traballadoras.

Artigo 6. Entidades beneficiarias

1. Poderán solicitar as subvencións previstas nesta orde as microempresas e pequenas empresas, así como as entidades do terceiro sector da acción social, segundo as definicións do artigo 3 desta orde, validamente constituídas e con actividade ininterrompida, cando menos, dsnde tres anos antes da data de publicación desta convocatoria, con centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver a actividade para a cal solicitan a subvención, que posúan capacidade técnica e financeira suficiente para a execución das accións subvencionadas e non incorran nas circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non poderán ser beneficiarias dos Bonos Talento empresa as microempresas e pequenas empresas en crise segundo as definicións do artigo 3 desta orde, nin aquelas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

A Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade realizará as comprobacións necesarias para garantir que as entidades beneficiarias teñen a condición de microempresa e pequena empresa, e, de ser o caso, que se cumpren as condicións establecidas no artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014 do 17 de xuño, da Comisión, para considerar unha empresa en crise.

2. Tamén poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas que teñan contratadas ao seu cargo persoas traballadoras por conta allea, validamente inscritas no réxime especial de traballadores autónomos ou no réxime especial de traballadores do mar por conta propia, con centro de traballo en Galicia e cunha antigüidade como cotizante igual ou superior a tres anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data de publicación desta convocatoria.

Non poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas en situación de autoemprego societarias, en calquera das súas formas. Así mesmo, quedan excluídas desta orde as persoas traballadoras autónomas colaboradoras e familiares que, de maneira habitual, realizan traballos para persoas traballadoras autónomas ou mutualistas de colexio profesional e que non teñan a condición de persoas traballadoras por conta allea conforme o establecido no artigo 1.3.e) do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

3. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, os centros especiais de emprego, as entidades de formación, así como as entidades sen ánimo de lucro, agás as entidades do terceiro sector da acción social, de conformidade coa definición do artigo 3 desta orde. Así mesmo, non poderán ser beneficiarias as persoas socias de sociedades mercantís ou sociedades laborais.

Artigo 7. Requisitos das entidades beneficiarias

Para obter a condición de beneficiaria destas subvencións requirirase:

a) Asumir a totalidade de dereitos e obrigas inherentes a tal condición, derivada da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

b) Cumprir co estipulado nestas bases reguladoras.

c) Non incorrer en ningún dos supostos recollidos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

d) Non ter débedas por reintegro de axudas ou préstamos coa Administración, ou estar suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 8. Actuacións subvencionables

1. As actuacións subvencionables son accións formativas de carácter non formal de curta duración, destinadas a contribuír ao desenvolvemento profesional das persoas traballadoras ocupadas por conta allea do cadro de persoal da entidade beneficiaria e a mellorar a competitividade das súas empresas.

2. As accións formativas estarán orientadas á adquisición de competencias comprendidas entre os ámbitos de capacitación prioritarios detectados nas mesas de traballo con empresas e axentes sociais, realizadas no marco da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego. Estes ámbitos son:

a) As competencias dixitais, desde a dixitalización básica (traballo colaborativo con ordenadores, ofimática nivel usuario de paquetes ofimáticos sectoriais e especializados ou uso de dispositivos, etc.) ata a adquisición de competencias e coñecementos técnicos avanzados (programar sistemas informáticos, configurar e protexer sistemas informáticos, acceder a e analizar datos dixitais, etc.), a adquisición de coñecementos de tecnoloxías innovadoras ou disruptivas, etc.

b) As competencias das persoas traballadoras en procesos industriais, incluíndo a manipulación de maquinaria especializada, coñecementos e técnicas do ámbito da construción, técnicas de soldadura, instalación de compoñentes, deseño ou interpretación de documentación ou diagramas técnicos, entre outros.

c) As competencias vinculadas á xestión empresarial, incluíndo competencias de xestión de persoas e equipos (recursos humanos e xestión do talento, xestión de proxectos, etc.), a xestión eficiente dos recursos, a toma de decisións e a planificación estratéxica ou a realización de tarefas administrativas, financeiras e contables, etc.

d) As competencias de prestación de servizos a clientes, tanto vinculadas a promocionar, vender e comprar produtos ou servizos como relativas á atención ao cliente (orientación e asesoramento, satisfacción do cliente, asistencia posventa, xestión de reclamacións, etc.) e a atención telefónica.

e) As competencias do ámbito asistencial, incluíndo a prestación de coidados (asistencia a persoas enfermas, con problemas de mobilidade e maiores, entre outras), técnicas e coñecementos sanitarios, de diagnóstico ou de medicina preventiva ou de benestar, entre outros.

3. As accións formativas solicitadas non deben estar incluídas na oferta de formación, formal e non formal, recollida no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE). Para facilitar a comprobación da oferta formativa actual do Catálogo ponse ao dispor a seguinte ligazón: https://emprego.xunta.gal/portal/gl/bono-talento

4. Ao abeiro desta convocatoria, a entidade solicitante só poderá solicitar un proxecto formativo que, como máximo, poderá conter ata tres accións formativas; cada unha das accións formativas poderá ter unha duración mínima de 16 horas e máxima de 100. O número de horas semanais por persoa participante non poderá ser superior a corenta horas, cun límite máximo diario de oito horas. A participación nas accións subvencionadas ao abeiro desta orde non terá ningún custo para a persoa participante.

5. Estas accións formativas poderán ser executadas en modalidade presencial ou teleformación.

Para os efectos desta orde, enténdese por formación presencial aquela que ten lugar nunha aula, coa presenza simultánea de alumnado e do profesorado, que transmite os mesmos coñecementos e ao mesmo tempo a un grupo de persoas.

Enténdese por teleformación aquela en que as persoas participantes acomodan os seus ritmos de aprendizaxe á súa dispoñibilidade individual, para o cal contan cun profesor ou profesora que lles resolva as dúbidas que poidan ter e comprobar os seus progresos.

6. A impartición na modalidade presencial poderá realizarse en aula virtual e, nese caso, deberá empregarse o Campus Virtual de Formación para o Emprego que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade pon ao dispor. En todo caso, as persoas participantes deberán dispor dos medios técnicos necesarios e adecuados para poderen asistir con aproveitamento á actividade, e para estes efectos deberán dispor de micrófono e cámara web que deberá estar acesa e en uso durante todo o tempo da acción formativa.

Non se poderán impartir en aula virtual aqueles contidos que requiran a utilización de espazos, instalacións e/ou equipamentos para a adquisición de destrezas prácticas.

7. A impartición na modalidade de teleformación deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) Non é teleformación a mera descarga de contidos en pdf ou noutro formato.

b) O paso da persoa participante na formación polos contidos da acción formativa ten que quedar rexistrado.

c) A teleformación deberá complementarse con asistencia titorial. A persoa titora deberá levar un rexistro de todas as actuacións realizadas durante a acción formativa e que asegure o control e a rastrexabilidade de todo o proceso seguido por cada persoa participante, incluíndo a asistencia ás sesións planificadas en cada formación.

d) Para poder realizar as probas de coñecemento que se establezan, a persoa participante debe acceder previamente aos contidos que as orixinan.

8. No caso de que as entidades non fagan uso do Campus Virtual de Formación para o Emprego para a impartición de accións formativas na modalidade de teleformación, as plataformas que usen deberán deixar constancia, como mínimo, das seguintes cuestións:

a) A acción formativa debe identificarse mediante o nome completo da acción e data de inicio e fin que figuren na solicitude de subvención ou, de ser caso, a resolución de concesión.

b) Rexistros de actividade en que se reflictan o número total de horas de conexión, as datas e hora de conexión, así como o enderezo IP por cada unha das persoas participantes.

c) Rexistros das probas de coñecementos nos cales figuren os resultados das probas realizadas por cada persoa participante e a data ou datas de realización.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio da acción formativa, a entidade deberá comunicar á Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego a URL correspondente, xunto cun usuario e contrasinal dun perfil que teña os permisos requiridos nesa plataforma, para que o persoal técnico do órgano convocante poida acceder á dita plataforma para os efectos de poder levar a cabo as tarefas de seguimento e control que xulgue oportunas.

9. O control de asistencia realizarase do seguinte xeito:

a) Actividades formativas en modalidade presencial: a entidade solicitante deberá levar un control diario da asistencia, que será asinado polo alumnado á hora da entrada e da saída da acción formativa, así como pola persoa representante da entidade conforme o modelo de acta de asistencia que estará dispoñible na páxina web da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación. No caso de facer uso da aula virtual, a Consellería comprobará, ademais, o rexistro de conexións do alumnado na plataforma do Campus Virtual de Formación para o Emprego correspondentes aos días da acción formativa.

b) Actividades formativas en modalidade de teleformación: o alumnado non terá que asinar a acta de asistencia, aínda que o dito documento o redactará e o asinará igualmente a persoa representante da entidade solicitante conforme o modelo que estará dispoñible na páxina web da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación e que se completará coa información relativa aos rexistros de actividade que proporcionen as plataformas de teleformación que se empreguen.

As actas de asistencia de todas as accións formativas remitiranse xunto coa xustificación final para a liquidación da subvención, tal e como se establece no artigo 28.3.f) desta orde.

10. As actividades formativas poderán conter módulos de aprendizaxe baseada na experiencia a través de xornadas de intercambio de boas prácticas, estadías temporais, visitas, formación in company e sesións de mentoring con empresas ou profesionais que sexan referentes ou constitúan un caso de éxito na aplicación dos coñecementos e/ou técnicas a que se refire a actividade formativa. Do mesmo xeito, poderase incluír como módulo práctico, cuxa duración máxima subvencionable non superará as catro horas, a asistencia a feiras, congresos e exposicións vinculadas coa temática obxecto da formación; para os efectos do control de asistencia nestes supostos, será suficiente unha certificación da persoa representante da entidade solicitante xunto cunha declaración responsable da persoa participante conforme participou nesa actividade, e achegando, se é o caso, os datos de inscrición na actividade.

11. A formación realizada deberá incluír probas de coñecemento sobre os contidos. Deberá realizarse, como mínimo, unha proba por cada 8 horas, cando a duración da acción formativa sexa inferior a 24 horas, e cada 16 horas cando a duración da acción formativa sexa igual ou superior a 24 horas.

12. As persoas participantes nas accións formativas terán dereito a recibir a acreditación correspondente de ter participado, sempre que cumpran os seguintes requisitos:

a) Modalidade presencial: asistir, como mínimo, ao 80 % do total de horas da acción formativa e ter realizado as probas de coñecemento correspondentes.

b) Modalidade de teleformación: acreditar un tempo de conexión mínimo do 60 % da duración total da acción formativa e ter realizado as probas de coñecemento correspondentes.

Esa acreditación terá o seguinte contido:

a) Identificación da persoa participante.

b) Título da formación recibida.

c) Contidos impartidos.

d) Volume de horas de traballo teórico asociadas á formación recibida.

e) Volume de horas de traballo práctico asociadas á formación recibida.

f) Resultados de aprendizaxe.

g) Empresa beneficiaria da subvención que promoveu a acción formativa.

h) Lugar de expedición.

i) Data de expedición.

13. Non estarán incluídas dentro do obxecto desta orde as accións de formación, acreditacións ou certificacións que resulten de obrigado cumprimento para as empresas ou profesionais autónomos por contrato ou convenio colectivo.

14. A participación nas accións formativas será completamente gratuíta para as persoas destinatarias e en ningún caso as entidades beneficiarias lles poderán cobrar por calquera concepto.

Artigo 9. Proxecto formativo

1. De acordo co establecido no artigo 3.11 desta orde, enténdese por proxecto formativo aquel que estea integrado por un máximo de tres accións formativas. Por cada acción formativa, as entidades beneficiarias deberán presentar un anexo II, no cal constará a seguinte información:

a) Obxectivos, contidos, duración en horas e modalidade de impartición.

b) Número de persoas participantes previsto, indicando os perfís profesionais a que responden e os criterios de selección, se é o caso.

c) O calendario estimado, e as horas estimadas de formación e horas estimadas de xornada laboral consumida.

d) Lugar de execución da formación. Cando se trate de impartición na modalidade de teleformación, entenderase como lugar de execución o enderezo URL de acceso á plataforma para cada unha das accións. No caso de que se descoñeza o lugar de impartición no momento de presentar a solicitude de axuda, deberá comunicarse á Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego cunha antelación mínima de quince (15) días ao do inicio da impartición.

e) No caso de que a formación a realice mediante subcontratación, perfil da entidade que imparte a formación e criterios de selección.

f) No caso de formación interna, perfil das persoas responsables da impartición do programa que acredite a súa idoneidade técnica (formación específica, experiencia...).

g) Custo económico da acción formativa.

h) Tipoloxía de probas de coñecemento, número de probas previstas e criterios de valoración destas.

Artigo 10. Persoas destinatarias das accións formativas

Poderán participar nas accións formativas obxecto de financiamento:

a) As persoas traballadoras ocupadas por conta allea que presten os seus servizos nas entidades beneficiarias destas axudas e estean adscritas ao centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) As persoas traballadoras ocupadas por conta allea que estean contratadas baixo a modalidade de fixos descontinuos poderán realizar a formación tanto nos períodos de ocupación como de non ocupación.

A consideración como persoas traballadoras ocupadas por conta allea virá determinada pola situación laboral en que se encontren na data de comezo da acción formativa.

Artigo 11. Criterios para a determinación da contía da subvención

1. A metodoloxía para calcular a contía da subvención, para os efectos da súa concesión, xustificación e liquidación, así como para a determinación e cuantificación económica dos supostos de incumprimento que, de ser o caso, se produzan, axustarase ao réxime de módulos de acordo co disposto nos artigos 52 a 55 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, e conforme o previsto neste artigo.

2. A contía máxima da subvención por entidade solicitante non poderá ser superior a 25.000 euros.

En todo caso, a intensidade máxima da axuda solicitada está limitada ao 70 % do gasto subvencionable, en aplicación do establecido no artigo 31.4.b) do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

3. De acordo co establecido nos artigos 3.10 e 8.4 desta orde, cada acción formativa terá unha duración mínima de 16 horas e máxima de 100 horas, e a entidade poderá solicitar un proxecto formativo composto por un máximo de tres accións formativas.

4. O gasto máximo subvencionable de cada acción formativa determinarase mediante a suma de:

a) 16,21 euros por hora de formación polo número de persoas asalariadas pertencentes ao cadro de persoal da entidade solicitante que realizan a acción formativa.

b) 16,82 euros por hora de formación para cubrir o salario aboado ás persoas asalariadas polo número de persoas asalariadas pertencentes ao cadro de persoal da entidade solicitante que participan na acción formativa.

Estes dous módulos de custo unitario resultan da aplicación do anexo IX do Regulamento delegado (UE) 2021/702 da Comisión, do 10 de decembro de 2020, polo que se modifica o Regulamento delegado (UE) 2015/2195, segundo o previsto no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, e, concretamente, conforme os artigos 51.c) e 94.4 do dito regulamento.

5. O gasto máximo subvencionable da solicitude será o resultante de sumar os gastos máximos subvencionables das accións formativas que o comprenden. De acordo co establecido no artigo 8.4 desta orde, cada entidade poderá solicitar só un proxecto formativo que poderá estar composto por un máximo de tres accións formativas.

6. Unha vez executadas as actuacións subvencionadas, para efectos do cálculo da contía da subvención no momento da súa xustificación e liquidación, así como da determinación e cuantificación económica dos supostos de incumprimento que, de ser o caso, se produzan, ademais de aplicar o disposto nos puntos anteriores deste artigo, teranse en conta as regras establecidas nos artigos 28 e 30 desta orde.

Artigo 12. Período de realización das accións formativas

O período de realización das accións formativas subvencionables comprenderá desde o día seguinte ao da publicación desta orde ata o 30 de novembro de 2023, para aquelas accións formativas que se desenvolvan exclusivamente no ano 2023.

Para as accións formativas que se desenvolvan entre 2023 e 2024, ou exclusivamente en 2024, a data límite para o remate das accións formativas será o 30 de setembro de 2024.

Non serán subvencionables as accións formativas que se realicen antes da presentación da solicitude de axuda.

Artigo 13. Subcontratación das accións formativas

1. A entidade beneficiaria poderá subcontratar, total ou parcialmente, a impartición das accións formativas obxecto da subvención e a subcontratación axustarase ao establecido nos artigos 27 e 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Para o caso de que a realización das actuacións obxecto de axuda nesta orde requira a contratación con outra entidade, cando o importe do gasto subvencionable da subcontratación cunha mesma entidade supere as contías establecidas para os contratos menores no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes persoas ou empresas provedoras non vinculadas entre si, con carácter previo á contratación do servizo, salvo que, polas súas especiais características, non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, nos termos do artigo 29 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As ofertas presentadas deberán conter os mesmos conceptos ofertados.

No caso de renuncia dunha ou máis das entidades que presentasen as ofertas, estas deberán ser substituídas por outras ata acadar o mínimo de tres exixido.

A elección entre as tres ofertas presentadas, que se deberán achegar na xustificación, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposición económica máis vantaxosa.

3. Non se poderá realizar a subcontratación con persoas ou entidades en quen concorra algunha das circunstancias consignadas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como as establecidas no artigo 71 da Lei 9/2017, do 8 de novembro.

4. No contrato ou convenio subscrito para acordar a subcontratación deberá acreditarse que se recollen as garantías precisas para o tratamento de datos de carácter persoal e incluír as cláusulas necesarias para o seu cumprimento, conforme o disposto na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

5. En ningún caso se poderá concertar, total ou parcialmente, a prestación ou adquisición de servizos ou subministracións necesarios para a execución da actividade subvencionada cunha persoa ou entidade vinculada coa entidade beneficiaria, salvo que concorran as seguintes circunstancias:

a) Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

b) Que se obteña a autorización previa da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación.

A carga de proba de que a contratación se realiza en condicións normais de mercado corresponderalle á entidade beneficiaria. A Administración actuante determinará a suficiencia ou insuficiencia da xustificación presentada.

Artigo 14. Réxime de concesión

1. O procedemento de concesión de subvencións tramitarase e resolverase en réxime de concorrencia non competitiva, de conformidade co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, segundo o cal as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.

De acordo co disposto no artigo 71.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, a instrución e resolución das solicitudes efectuarase seguindo a orde correlativa de entrada no Rexistro electrónico da Xunta de Galicia e ata o límite da dotación orzamentaria, de ser o caso, salvo que aquelas teñan que ser obxecto de corrección por non reuniren os requisitos ou non se xuntar a documentación requirida, para o cal se considerará, na orde de prelación que se siga para a súa resolución, a data en que as solicitudes reúnan os requisitos e/ou documentación requirida, unha vez emendada a ausencia ou insuficiencia que, de ser o caso, apreciou o órgano convocante.

As axudas outorgaranse conforme os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación. A súa xestión realizarase con criterios de eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria. Porén, poderá ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria e este incremento quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En todo caso, é necesario informe favorable previo da modificación orzamentaria que corresponda por parte do organismo intermedio do programa FSE+ Galicia 2021-2027 (actualmente a Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos).

Artigo 15. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Esta obriga de presentación electrónica mantense durante toda a tramitación do expediente.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda. Se a emenda deste concreto defecto (presentación presencial da solicitude) se realiza unha vez transcorrido o prazo indicado na convocatoria da subvención para a presentación de solicitudes, o órgano competente ditará resolución en que se desestimará a solicitude por presentarse fóra do prazo, de acordo co artigo 23 en relación co artigo 20.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de persoa usuaria e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Estes formularios soamente terán validez se están debidamente asinados pola persoa que exerce a representación legal da entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada.

3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación incondicional destas bases reguladoras.

4. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, serán causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. As empresas e as persoas traballadoras autónomas realizarán as seguintes declaracións responsables, empregando para o efecto o formulario do anexo I:

i. Relación doutras axudas concedidas ou solicitadas para o mesmo proxecto ou conceptos obxecto de solicitude.

ii. A veracidade de todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan.

iii. Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

iv. Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

v. Estar ao día nas obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

vi. Que a entidade solicitante posúe un centro de traballo en Galicia e desenvolverá en Galicia as actividades para as cales se solicita a axuda.

vii. Que a entidade solicitante sabe que as persoas ou empresas provedoras non poderán estar asociadas nin vinculadas coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorren neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, nin no artigo 43 do regulamento que desenvolve a dita lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, tendo en conta, ademais, o disposto no Regulamento (UE) nº 651/2014 sobre empresas vinculadas.

viii. Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos da actuación para a cal se solicita a axuda.

ix. Manter un sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado en relación con toda as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados.

x. Ter coñecemento de que as axudas solicitadas ao abeiro desta convocatoria están cofinanciadas polo programa FSE+ Galicia 2021-2027, nun 60 %.

xi. Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicarlle ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

xii. Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.

xiii. Non ter a consideración de empresa en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.

xiv. Non estar incursa nun procedemento de concurso de acredores.

xv. Non estar suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

xvi. Cumprir os requisitos de pequena empresa ou microempresa, segundo o anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño de 2014.

xvii. Estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.

xviii. Estar validamente constituídas e con actividade ininterrompida, cando menos, desde tres anos antes da data de publicación desta convocatoria. No caso das persoas traballadoras autónomas, estar de alta ininterrompidamente cunha antigüidade mínima de tres anos no réxime da Seguridade Social correspondente.

xix. A actividade que se vai subvencionar non causa un prexuízo significativo (Do no significant harm) aos obxectivos ambientais nos termos do artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2019/2088, e restante normativa de aplicación.

xx. A actividade que se vai subvencionar non está incluída na oferta de formación, formal e non formal, recollida no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE).

Artigo 16. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia ata o 29 de setembro de 2023, ou ata que se produza o esgotamento do crédito asignado a esta convocatoria. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

2. O esgotamento de crédito publicarase no Diario Oficial de Galicia, producirá a imposibilidade de continuar outorgando subvencións ao abeiro desta e constituirá motivación suficiente para a denegación do resto de subvencións non concedidas.

Artigo 17. Documentación complementaria

1. As entidades solicitantes deberán achegar coa solicitude da axuda (anexo I) a seguinte documentación:

a) Anexo II (memoria proxecto formativo).

b) Anexo III (ficha de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas).

c) Anexo IV, declaración da condición de pequena empresa ou microempresa. No caso de empresas vinculadas ou asociadas ou participadas de acordo cos criterios establecidos no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, deberanse achegar os anexos IV-A, IV-B, IV-A.1 ou IV-B.1, segundo corresponda.

Tamén como documentación complementaria se deberá achegar, para cada unha das empresas vinculadas ou asociadas, a documentación das alíneas d) e e) deste artigo.

d) Cando se actúe mediante representación, documento público acreditativo do poder con que actúa a persoa representante da entidade solicitante (escrituras, poder con verificación da suficiencia, entre outros).

e) No caso das entidades que estean obrigadas á inscrición no Rexistro Mercantil ou en calquera outro rexistro público, nota simple ou certificación do Rexistro Mercantil actualizada, na cal se especifique a data de constitución, o obxecto social, sede social e clasificación CNAE. No suposto de que sexan empresas que non están obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou en calquera outro rexistro público ou que non teñan o domicilio social en Galicia, deberán presentar documentación acreditativa da constitución, na cal se especifique a data en que se produciu esta. No caso de persoas traballadoras autónomas, informe de vida laboral actualizado.

f) Declaración completa do último exercicio fiscal pechado do imposto de sociedades (modelo 200), do imposto da renda das persoas físicas (modelo 100) ou da declaración informativa (modelo 184), segundo corresponda pola forma xurídica da entidade solicitante.

g) Informe de traballadores/as en alta (ITA) emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social na data de solicitude da axuda.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou estes documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no punto anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Sen prexuízo do disposto nos puntos anteriores, a Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación poderá requirirlle á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 18. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente, con carácter previo á concesión, os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

f) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

i) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

j) Imposto de actividades económicas (IAE).

k) Consulta da vida laboral de todos os códigos de conta de cotización da entidade solicitante, referidos ás persoas participantes nas accións formativas obxecto da subvención.

l) Se é o caso, vida laboral da persoa traballadora autónoma solicitante dos últimos tres (3) anos.

m) DNI ou NIE da persoa participante na acción formativa.

n) Consulta da vida laboral da persoa participante na acción formativa.

2. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da empresa ou da persoa representante para realizar a consulta.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos pertinentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás empresas ou ás persoas traballadoras autónomas que presenten os documentos correspondentes.

4. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, conforme o artigo 21.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dean como resultado que a persoa beneficiaria ten débedas ou obrigas con algunha das administracións, será requirida para que, no prazo de dez días, regularice a situación e presente o correspondente certificado.

Artigo 19. Representación

1. As persoas físicas que realicen a sinatura ou a presentación electrónica de documentos en representación das entidades solicitantes ou beneficiarias deberán exercer a representación necesaria para cada actuación, nos termos establecidos no artigo 5 da referida Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. A persoa asinante da solicitude deberá acreditar que, no momento da súa presentación, ten poder bastante en dereito para actuar en nome e representación da persoa xurídica solicitante. O incumprimento desta obriga, de non se emendar, dará lugar a que se considere desistida da solicitude, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 20. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo de correo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deberán realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 22. Instrución e emenda

1. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación.

2. A sede electrónica remitiralle as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde.

3. No caso de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa ou entidade interesada para que nun prazo de dez (10) días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará que a persoa ou entidade interesada desiste da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

4. En aplicación dos principios de eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos, establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sendo unha convocatoria en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinada polo establecido no punto 1 do artigo 15 desta orde.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 24. Resolución e recursos

1. A competencia para resolver as solicitudes corresponderá, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, á Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación.

2. O prazo máximo para resolver e notificar será de dous meses que se computará desde a presentación da solicitude pola persoa interesada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Unha vez notificada a resolución definitiva, as entidades beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. No caso de existir solicitudes que non consigan o dereito á subvención, ao esgotarse o crédito dispoñible, pasarán a formar unha lista de espera, coas entidades solicitantes que poderán ser susceptibles de recibir a axuda se se produce un incremento do crédito, ben por dispoñer de crédito por se producir algunha renuncia ou modificación nos bonos inicialmente concedidos, ben por incremento do orzamento inicialmente destinado aos Bonos Talento, de conformidade co disposto nos artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

5. En todo caso, deberá notificarse a cada entidade beneficiaria un documento en que se establezan as condicións da axuda. Na resolución de outorgamento da subvención constará a información sobre o cofinanciamento polo programa FSE+ Galicia 2021-2027 e a correspondente porcentaxe, con indicación do obxectivo político, prioridade, obxectivo específico e medida. Así mesmo, figurarán a identificación da entidade beneficiaria, a contía da subvención e as obrigas que lle correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deben entregarse ou prestarse, o plan de financiamento, o prazo de execución e, se procede, o método que se aplicará para determinar os custos da operación e as condicións de pagamento da axuda, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter o documento polo cal se establecen as condicións da axuda (DECA).

Cando proceda, tamén se informará a entidade beneficiaria de que a aceptación da subvención podería implicar a súa aparición na lista de operacións que se publique nos termos establecidos no artigo 49.3 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

6. As persoas interesadas teñen dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na alínea d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

7. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse con carácter potestativo recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 25. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O órgano competente para a concesión destas axudas, nos supostos en que proceda, poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria e coa debida antelación. Estas bases habilitan para aprobar, nos supostos en que proceda, as modificacións atendendo aos obxectivos e aos requisitos da convocatoria e demais normativa aplicable.

Artigo 26. Obrigas das entidades beneficiarias

Son obrigas mínimas das entidades beneficiarias as seguintes:

1. As entidades beneficiarias das subvencións adquiren os compromisos e as obrigas establecidos no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable.

2. Son tamén obrigas mínimas das entidades beneficiarias as seguintes:

a) Executar a actuación que fundamenta a concesión da subvención no prazo establecido segundo o disposto nestas bases.

b) Solicitar un mínimo de tres (3) ofertas diferentes e acreditar que a proposta seleccionada se adecúa aos prezos do mercado, nos supostos en que utilicen fórmulas de subcontratación para importes iguais ou superiores a 15.000 €.

c) Conservar todos os documentos xustificativos relacionados coa operación que reciba axuda do FSE+ durante un período de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que a autoridade de xestión do programa FSE+ Galicia 2021-2027 efectúe o último pagamento á entidade beneficiaria, nos termos establecidos no artigo 82 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

d) Xustificar, ante o órgano concedente, o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actuación definida no artigo 1 e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

e) Convocar, mediante cita electrónica en calendario ao seguinte enderezo de correo, a todas as sesións de cada acción formativa: ctb.igcualif@xunta.gal

A convocatoria realizarase con, polo menos, unha semana de antelación á execución de cada sesión. Calquera modificación da axenda actualizarase a través da modificación da convocatoria canto antes, e sempre antes da execución da acción.

O título da convocatoria terá a seguinte estrutura: [Razón social]-[nome e acción formativa]-Sesión [número de sesión].

Os campos entre corchetes serán particulares para cada sesión. Un exemplo da aplicación desta nomenclatura sería «Empresa A-Xestión do talento-Sesión 4».

Na convocatoria incluirase o enderezo en que se executará a sesión da acción formativa.

f) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade; ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do programa FSE+ Galicia 2021-2027, nos termos establecidos no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo; ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

g) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, así como a documentación xustificativa da aplicación dos fondos recibidos, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

h) Manter rexistros contables independentes ou empregar códigos de contabilidade apropiados para todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con fondos do programa FSE+ Galicia 2021-2027.

i) Comunicarlle ao órgano convocante a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos concorrentes que financien as actuacións, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a dita concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a solicitude de pagamento coa xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. O incumprimento desta obriga considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

j) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público da actuación por parte do órgano convocante, a Xunta de Galicia e o programa FSE+ Galicia 2021-2027.

k) Subministrar toda a información necesaria para que o órgano concedente poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno –as consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da dita lei– así como facilitar calquera outra información relacionada coa medición dos indicadores dos instrumentos de planificación que sexan de aplicación.

l) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

m) No caso de non ser quen de realizar a actuación para a cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

Artigo 27. Pagamento

1. Ditada e notificada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar un anticipo de ata o 50 % da subvención concedida, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos artigos 62 e 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, e nesta convocatoria.

A porcentaxe restante, ou a parte que corresponda, librarase logo da xustificación por parte das entidades beneficiarias do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta resolución.

A contía do importe do referido anticipo calcularase sobre a base do importe concedido para o total do proxecto formativo, entendido este como o conxunto das accións formativas que o integren obxecto da subvención.

2. Nos termos do artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, os anticipos non poderán superar a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario e, polo tanto, o pagamento poderá ser dividido en dúas anualidades para respectar ese límite, para o cal se adoptarán as correspondentes medidas de xestión orzamentaria que permitan a percepción do importe total do anticipo ou suma de anticipos a que se teña dereito.

3. Os gastos realizados con cargo aos anticipos deberán referirse á anualidade orzamentaria para a que foron concedidos e deberán xustificarse dentro dos prazos establecidos no artigo 28 desta orde.

4. Os anticipos deberán ser solicitados polas entidades beneficiarias mediante o modelo que estará dispoñible na páxina web da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación.

5. A concesión do anticipo quedará condicionada ao cumprimento, por parte da entidade beneficiaria, dos requisitos establecidos no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. O órgano concedente poderá solicitar as aclaracións ou informes que considere convenientes relativos á xustificación da execución da actuación subvencionada. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que a entidade beneficiaria os presentase, o órgano convocante iniciará o correspondente procedemento de decaemento no dereito de cobramento.

7. En aplicación do artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan exentas da obriga de constituír garantías para a realización e o cobramento dos anticipos.

Artigo 28. Xustificación final da subvención e liquidación

1. A xustificación realizarase a través da modalidade de custos simplificados segundo o previsto no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, e concretamente conforme os artigos 51.c) e 94.4 do dito regulamento.

2. As entidades beneficiarias presentarán, ante a Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, a xustificación do cumprimento das actuacións subvencionadas e dos gastos realizados, mediante o réxime de módulos, de acordo cos seguintes límites:

a) Proxectos formativos que se desenvolvan exclusivamente en 2023: a data límite para a presentación da xustificación será o 15 de decembro de 2023.

b) Proxectos formativos que se desenvolvan entre 2023 e 2024, ou exclusivamente en 2024: a data límite para a presentación da xustificación será o 15 de outubro de 2024.

3. A xustificación presentarase por vía telemática, de acordo co artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; a entidade beneficiaria, para xustificar a realización da actividade subvencionada, presentará a seguinte documentación, cuxos modelos ou documentos tipo estarán dispoñibles na páxina web da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación:

a) Solicitude de pagamento debidamente cuberta e asinada pola persoa responsable da entidade beneficiaria.

b) Declaración complementaria e actualizada na data da xustificación de todas as axudas ou subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou, de ser o caso, declaración de que non foron solicitadas outras axudas ou subvencións.

c) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións establecidas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos, e os programas da formación impartida con detalle da planificación temporal.

d) Unha memoria económica xustificativa que conterá, como mínimo, as seguintes cuestións:

1º. Acreditación ou declaración, por parte da entidade beneficiaria, do número de unidades físicas consideradas como módulos, é dicir, o número de persoas que participaron na acción formativa.

2º. Contía global da subvención xustificada, calculada sobre a base das actividades cuantificadas na memoria de actuación presentada conforme os módulos recollidos no artigo 11.4 desta orde.

A liquidación non poderá superar a contía global da subvención concedida. O cálculo realizarase multiplicando o número de persoas participantes na acción formativa polo número de horas de participación acreditadas por cada persoa e polos módulos económicos correspondentes establecidos no artigo 11.4 desta orde e, en todo caso, tendo en conta os límites establecidos no artigo 11.2.

Para a xustificación da actividade subvencionada achegaranse, ademais, unha memoria relativa ás persoas participantes na acción formativa, xunto cunha certificación da entidade beneficiaria que inclúa a relación de persoas participantes por cada acción formativa, indicando para cada persoa o período de permanencia na acción formativa, así como a relación das probas de coñecemento realizadas por cada persoa.

e) Para o caso de que a impartición da formación se efectúe a través da contratación con outra entidade, cando o importe do gasto subvencionable da subcontratación cunha mesma entidade supere as contías establecidas para os contratos menores no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, memoria xustificativa da elección entre as tres ofertas presentadas cando a elección non recaia na proposición económica máis vantaxosa.

f) As actas de asistencia de todas as accións formativas. Cada acta remitirase nun arquivo separado, cuxo título terá a seguinte estrutura:

BTE_2023_[NIF entidade beneficiaria]_[nome acción formativa]_[data da sesión en formato AAAAMMDD]_[número de sesión do día, en caso de haber máis dunha].

Os campos entre corchetes serán particulares para cada acta. Un exemplo da aplicación desta nomenclatura sería «BTE_2023_B12345678_Xestión do talento_20230501_1».

Ademais, para a modalidade de teleformación presentaranse os resultados obtidos nas probas de coñecemento realizadas por cada unha das persoas participantes, que permitan identificar se realizou a proba ou probas, a data e hora en que as realizou e o tempo empregado para iso. Esta información, en todo caso, debe estar almacenada pola plataforma de teleformación empregada para a execución da formación, de acordo ao establecido no artigo 8.8 desta orde.

Os modelos de acta que se van empregar serán os que estean dispoñibles na páxina web da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación.

g) No caso de opoñerse á consulta por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ou no suposto de non prestar o consentimento a que se refire o artigo 18 desta orde, deberán presentar certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, e que están ao día no pagamento das obrigas por reintegro, de acordo co disposto no artigo 9 do Decreto11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

h) Informe de vida laboral do código ou códigos de cotización, correspondente á persoa ou entidade beneficiaria, desde polo menos o día anterior ao do inicio da primeira das accións formativas que realizase ao abeiro desta convocatoria e ata a data de xustificación.

i) Calquera outra documentación xustificativa ou informes que, de acordo coa normativa autonómica, nacional ou europea, resulten exixibles.

4. Ao abeiro do disposto no artigo 55 do Decreto 11/2009 polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, e no artigo 79 do Regulamento da Lei xeral de subvencións, as entidades beneficiarias estarán dispensadas da obriga de presentar libros, rexistros e documentos de transcendencia contable ou mercantil ou calquera outra documentación xustificativa dos gastos realizados, sen prexuízo da obriga da entidade beneficiaria de conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das correspondentes actuacións de comprobación e control, segundo o disposto no artigo 14.1.g) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, así como de calquera outra obriga derivada da normativa autonómica, estatal ou da Unión Europea que así o exixa.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, segundo o establecido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da dita lei.

A Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, logo de solicitude da entidade beneficiaria, poderá autorizar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non poderá exceder a metade deste e sempre que non se prexudiquen dereitos de terceiros. En todo caso, o prazo de xustificación, incluída a ampliación, deberá permitirlle ao órgano concedente a verificación do cumprimento dos requisitos fixados nesta orde dentro do exercicio orzamentario.

6. O persoal técnico da Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación realizará a correspondente comprobación técnico-económica. No caso de que a documentación presentada sexa incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, e advírteselle que, de non o facer, logo de resolución, se revogará a subvención concedida e, se é o caso, deberá reintegrar as contías percibidas en concepto de anticipo e os xuros de demora.

Así mesmo, se da dita comprobación resulta o incumprimento, total ou parcial, dos fins para os cales foi concedida a subvención, das obrigas previstas ou dos requisitos establecidos para a xustificación, comunicaráselle tal circunstancia á entidade beneficiaria xunto cos resultados da comprobación técnica e económica e iniciarase, se é o caso, o procedemento de reintegro total ou parcial da subvención.

Artigo 29. Réxime de incompatibilidades

As subvencións reguladas nesta orde serán incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, para o mesmo proxecto formativo, procedentes de calquera Administración pública ou ente público ou privado, estatal ou de organismos internacionais.

Artigo 30. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao pagamento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento da actuación, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de pagamento da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a perda total do dereito ao pagamento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar, ante o órgano concedente, o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actuación e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención. Tamén será aplicable no caso de que a actuación xustificada minorase a baremación da axuda, de xeito que coa nova puntuación non resultase concedida en réxime de concorrencia competitiva.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o órgano concedente, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en concreto a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e os órganos de control da Comisión Europea, e non achegar canta información sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Non comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións e axudas concorrentes coas percibidas. Este suposto orixinará o reintegro do 100 % do importe da subvención recibida máis os xuros de demora, e sen prexuízo das sancións que poidan corresponder.

f) Non comunicarlle ao órgano concedente a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.

4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tidos en conta na concesión das axudas, o órgano concedente poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance aplicando a mesma ponderación que teña a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou aos conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de executar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, se é o caso, e deberanse reintegrar as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable da actuación, entenderase que o dito incumprimento é total e deberanse reintegrar todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) Suporá o reintegro dun 10 % da subvención concedida o incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para o mesmo proxecto formativo.

c) Suporá o reintegro dun 10 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente.

d) Procederá o reintegro dun 2 % do importe da axuda concedida no caso do incumprimento das obrigas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas.

Artigo 31. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que consten a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 32. Control da fraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá pór estes feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraudes da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo, no seguinte enderezo:

https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Paginas/ComunicacionSNCA.aspx

Mentres non se habilite outra canle específica para o programa FSE+ Galicia 2021-2027, os ditos feitos poderán pórse en coñecemento a través da seguinte ligazón:

http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

Artigo 33. Fiscalización e control

As entidades beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de control, incluída a consulta aos sistemas de información, que realice o órgano convocante, con anterioridade ou posterioridade á concesión da subvención, para o seguimento dos proxectos aprobados e do efectivo cumprimento das obrigas e compromisos da entidade beneficiaria fixados no artigo 28, e ás de comprobación material e control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, da Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF) ou da Fiscalía Europea.

Así mesmo, as entidades beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de comprobación e control e facilitarán toda a información requirida polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 74 a 80 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 34. Especificacións de publicidade e información do programa do Fondo Social Europeo Plus (FSE+)

1. As entidades beneficiarias das subvencións quedan obrigadas ao cumprimento das medidas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021. En particular, de conformidade cos artigos 47 e 50 do dito Regulamento, nos espazos en que se desenvolvan as actuacións contarán co emblema da Unión Europea xunto coa declaración «Cofinanciado pola Unión Europea». Igualmente, nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a operación nun lugar ben visible para o público. Tamén se fará unha breve descrición da actuación na páxina web e nas contas nos medios sociais, no caso de disporen delas, mencionando os obxectivos e resultados, e destacando a axuda financeira da Unión Europea. Ademais, en todos os documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da actuación, destinados ao público ou ás persoas participantes, proporcionarase unha declaración que saliente a axuda da Unión Europea de xeito visible.

2. En todas as actividades de visibilidade, transparencia e comunicación que o órgano xestor e as entidades beneficiarias da subvención leven a cabo deberán recoñecer o apoio recibido, mostrando:

a) O emblema da Unión Europea, de conformidade coas normas de uso e características técnicas establecidas no anexo IX do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e o Consello, do 24 de xuño de 2021. O emblema figurará de maneira destacada en todos os materiais de comunicación, como produtos impresos ou dixitais, sitios web e as súas versións móbiles, relativos á aplicación dunha operación e destinados ao público ou ás persoas participantes. A declaración «Cofinanciado pola Unión Europea» escribirase sen abreviar e xunto ao emblema.

b) O logo corporativo da Xunta de Galicia.

Estes logotipos poden ser descargados na páxina web dos Fondos Estruturais de Galicia: https://www.conselleriadefacenda.gal/es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2021-2027, así como na páxina web da Xunta de Galicia https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/introducion?langId=gl_ES

3. Ademais, as entidades que perciban a axuda aseguraranse de que as partes que interveñen nos proxectos foron informadas do dito financiamento, e para iso, durante a execución do proxecto cofinanciado:

a) Na páxina web e nas contas nos medios sociais, no caso de disporen delas, mencionarán os obxectivos e resultados e destacarán a axuda financeira da Unión Europea e da Xunta de Galicia.

b) Proporcionarán unha declaración que destaque a axuda da Unión e da Xunta de Galicia de maneira visible en documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da operación, destinada ao público ou ás persoas participantes.

c) Exhibirán nun lugar ben visible para o público, polo menos, un cartel de tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a operación, onde se destaque a axuda do Fondo Social Europeo+ e a Xunta de Galicia.

d) Todos os documentos relacionados co procedemento e a resolución de concesión das axudas, así como coa execución da operación, conterán, así mesmo, a referencia do FSE+.

4. A aceptación por parte das entidades beneficiarias do cofinanciamento destas axudas de conformidade con estas disposicións podería implicar a súa aparición na lista de operacións que se publique nos termos establecidos no artigo 49.3 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

5. As entidades beneficiarias destas axudas quedan obrigadas a facilitar a información necesaria relativa ao desenvolvemento da actividade, que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de realización e de resultados previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) 2021/1057, do 24 de xuño, relativo ao Fondo Social Europeo Plus (FSE+). Así, deberán realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente, relativa ao desenvolvemento da prestación, que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través dos ditos indicadores.

Os indicadores de realización relativos á persoa solicitante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación da persoa participante coa actuación subvencionada, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior ao da finalización da súa vinculación coa operación e a as catro semanas seguintes, no período de xustificación da correspondente subvención. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación da persoa participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no dito regulamento. Para estes efectos, facilitaránselles ás entidades beneficiarias o acceso á aplicación informática de rexistro e almacenamento dos datos de indicadores que poña ao seu dispor o organismo intermedio do programa FSE+ Galicia 2021-2027 e os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos.

Artigo 35. Seguimento

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade levará a cabo a función de control, así como a de avaliación e seguimento das accións obxecto desta convocatoria.

Para realizar as ditas funcións, poderanse utilizar cantos medios estean ao dispor da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normativa vixente que resulte de aplicación.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas entidades beneficiarias, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da Consellería.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións

1. De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións (BDNS) a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

2. A Base de datos nacional de subvencións cederá información ao Sistema de fondos europeos, segundo as previsións normativas contidas na normativa europea e nacional que resulte de aplicación.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2023

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file