DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Xoves, 20 de xullo de 2023 Páx. 44500

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 3 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de curta duración que desenvolvan as entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2023-2024 (código de procedemento TR302D).

BDNS (Identif.): 706589.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán solicitar as subvencións previstas nesta orde as microempresas e pequenas empresas, así como as entidades do terceiro sector da acción social, segundo as definicións do artigo 3 desta orde, validamente constituídas e con actividade ininterrompida, cando menos, desde tres anos antes da data de publicación desta convocatoria, con centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver a actividade para a cal solicitan a subvención, que posúan capacidade técnica e financeira suficiente para a execución das accións subvencionadas e non incorran nas circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non poderán ser beneficiarias dos Bonos Talento empresa as microempresas e pequenas empresas en crise segundo as definicións do artigo 3 desta orde, nin aquelas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

2. Tamén poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas que teñan contratadas ao seu cargo persoas traballadoras por conta allea, validamente inscritas no réxime especial de traballadores autónomos ou no réxime especial de traballadores do mar por conta propia, con centro de traballo en Galicia e cunha antigüidade como cotizante igual ou superior a tres anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data de publicación desta convocatoria.

Non poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas en situación de autoemprego societarias, en calquera das súas formas. Así mesmo, quedan excluídas desta orde as persoas traballadoras autónomas colaboradoras e familiares que, de maneira habitual, realizan traballos para persoas traballadoras autónomas ou mutualistas de colexio profesional e que non teñan a condición de persoas traballadoras por conta allea conforme o establecido no artigo 1.3.e) do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

3. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, os centros especiais de emprego, as entidades de formación, así como as entidades sen ánimo de lucro, agás as entidades do terceiro sector da acción social, de conformidade coa definición do artigo 3 desta orde. Así mesmo, non poderán ser beneficiarias as persoas socias de sociedades mercantís ou sociedades laborais.

Segundo. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión dos Bonos Talento empresa, destinados á formación non formal mediante a realización de proxectos formativos de curta duración que teñan como obxectivo mellorar as capacidades das empresas e contribuír ao desenvolvemento profesional dos seus cadros de persoal.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse estas axudas para o período 2023-2024, en réxime de concorrencia non competitiva, e as axudas concedidas no marco desta orde axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 3 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Bonos Talento empresa, para a realización de proxectos formativos de curta duración que desenvolvan as entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2023-2024 (código de procedemento TR302D).

Cuarto. Actuacións subvencionables

1. As actuacións subvencionables son accións formativas de carácter non formal de curta duración, destinadas a contribuír ao desenvolvemento profesional das persoas traballadoras ocupadas por conta allea do cadro de persoal da entidade beneficiaria e a mellorar a competitividade das súas empresas.

2. As accións formativas estarán orientadas á adquisición de competencias comprendidas entre os ámbitos de capacitación prioritarios detectados nas mesas de traballo con empresas e axentes sociais, realizadas no marco da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego.

3. As accións formativas solicitadas non deben estar incluídas na oferta de formación, formal e non formal, recollida no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE). Para facilitar a comprobación da oferta formativa actual do Catálogo ponse ao dispor a seguinte ligazón: https://emprego.xunta.gal/portal/gl/bono-talento

4. A entidade solicitante só poderá solicitar un proxecto formativo que, como máximo, poderá conter ata tres accións formativas; cada unha das accións formativas poderá ter unha duración mínima de 16 horas e máxima de 100.

Quinto. Financiamento

1. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito total de dous millóns de euros (2.000.000 €) distribuído en dúas anualidades, con cargo ás aplicacións orzamentarias 11.50.323B.470.0 e 11.50.323B.481.0, código de proxecto 2023 00105.

Aplicación orzamentaria

Anualidade 2023

Anualidade 2024

Total

11.50.323B.470.0

800.000 €

800.000 €

1.600.000 €

11.50.323B.481.0

200.000 €

200.000 €

400.000 €

Total

1.000.000 €

1.000.000 €

2.000.000 €

2. Estas axudas están cofinanciadas nun 60 % polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, dentro do obxectivo político 4: Unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo de dereitos sociais; prioridade 1. Emprego, adaptabilidade, emprendemento e economía social; obxectivo específico ESO4.4 Promover a adaptación dos traballadores, as empresas e os emprendedores ao cambio, o envellecemento activo e saudable e un contorno de traballo saudable e ben adaptado que aborde os riscos para a saúde, e medida 1.D.01.: Axenda Galega de Capacidades para o Emprego. Formación de persoas traballadoras.

Sexto. Período de realización das accións formativas

O período de realización das accións formativas subvencionables comprenderá desde o día seguinte ao da publicación desta orde ata o 30 de novembro de 2023, para aquelas accións formativas que se desenvolvan exclusivamente no ano 2023. Para as accións formativas que se desenvolvan entre 2023 e 2024, ou exclusivamente en 2024, a data límite para o remate das accións formativas será o 30 de setembro de 2024.

Non serán subvencionables as accións formativas que se realicen antes da presentación da solicitude de axuda.

Sétimo. Forma e lugar de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal

Oitavo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia ata o 29 de setembro de 2023, ou ata que se produza o esgotamento do crédito asignado a esta convocatoria. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2023

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade