DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Xoves, 20 de xullo de 2023 Páx. 44516

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 4 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Seselle, sito no concello de Oza-Cesuras (A Coruña) e promovido por Galenergy, S.L. (expediente IN408A 2020/010).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Galenergy, S.L., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Seselle, constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 31.1.2020, o promotor, Galenergy, S.L., solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Seselle, sito no concello de Oza-Cesuras (A Coruña), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de compensación Ambiental (en diante, Lei 8/2009).

Segundo. O 28.2.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente, Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais; en diante, esta dirección xeral) notificoulle ao promotor o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, quen achegou, o 9.3.2020, o xustificante de pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos, de acordo co artigo 33 da dita lei.

Terceiro. O 17.4.2020, o promotor presentou a documentación técnica visada (proxecto de execución, proxecto sectorial e separatas técnicas) e o estudo de impacto ambiental asinado polo equipo redactor, a cal non supón cambios na documentación incluída no expediente administrativo do parque eólico en tramitación.

Cuarto. O 19.5.2020, esta dirección xeral solicitou os informes recollidos nos artigos 33.4 e 33.5 da Lei 8/2009 (da versión anterior á última modificación da lei conforme a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia). A este respecto:

O 5.6.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (en diante, órgano ambiental) emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, no cal se indica o procedemento ambiental que se debe seguir e se recollen os organismos que se deben consultar durante a fase de información pública.

O 30.6.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, no cal se conclúe que as posicións dos aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable. Así mesmo, recolle os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

Quinto. O 24.8.2020, o promotor, como resposta a un requirimento desta dirección xeral, achegou documentación complementaria e o xustificante de pagamento da taxa de tramitación do proxecto sectorial.

Sexto. O 4.9.2020, esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Seselle á Xefatura Territorial da Coruña desta consellería (en diante, xefatura territorial) para a continuación da tramitación deste expediente (IN408A 2020/010), de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009.

Sétimo. O 7.10.2020, o promotor, como resposta a un requirimento da xefatura territorial, achegou documentación complementaria.

Oitavo. O 21.10.2020, a xefatura territorial ditou acordo polo que se someteron a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Seselle, no concello de Oza-Cesuras (expediente IN408A 2020/010).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 16.11.2020 e no xornal La Voz de Galicia do 16.11.2020. Así mesmo, permaneceu exposto ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado (Oza-Cesuras) e nas dependencias da xefatura territorial, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Asemade, o dito acordo estivo exposto no portal web desta consellería.

Durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, das cales se deu traslado ao promotor, quen presentou a súa contestación a elas.

Noveno. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do referido parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Concello de Oza-Cesuras, Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A. e Cellnex Telecom (Retevisión I, S.A.U.).

Todas estas entidades emitiron os correspondentes condicionados técnicos nas datas indicadas a seguir: Augas de Galicia o 18.1.2021, AXI o 23.11.2020, o 16.2.2021 e o 18.3.2021, Concello de Oza-Cesuras o 22.12.2020, Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A. o 14.12.2020, e Retevisión I, S.A.U. o 5.3.2021 e o 29.3.2021. O promotor prestou a súa conformidade aos condicionados emitidos.

Décimo. Con respecto ao estudo de impacto ambiental (EsIA), solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia Turismo de Galicia, Concello de Oza-Cesuras, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública e Instituto de Estudos do Territorio.

Décimo primeiro. O 16.6.2022 e o 17.6.2022, o promotor presentou a documentación técnica definitiva, coas adaptacións realizadas con base nas alegacións e informes recibidos durante a tramitación, segundo o disposto no artigo 33.15 da Lei 8/2009.

Décimo segundo. O 6.7.2022, a xefatura territorial, logo de rematada a instrución do expediente IN408A 2020/010 e de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009, deu traslado del esta dirección xeral para os efectos de continuar coa súa tramitación, e xuntou o informe do Servizo de Enerxía e Minas da xefatura territorial, do 6.7.2022, no cal se recolle un resumo da tramitación.

Décimo terceiro. O 27.7.2022, esta dirección xeral, de acordo co disposto no artigo 39 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, deu traslado do expediente ao órgano ambiental, para os efectos de tramitar a declaración de impacto ambiental (DIA). A este respecto:

• O órgano ambiental cursou dous requirimento a esta dirección xeral, o 4.8.2022 e o 18.10.2022, para completar a documentación do expediente, que foron contestadas o 29.9.2022, o 27.10.2022, o 15.12.2022 e o 30.12.2022.

• O órgano ambiental resolveu, o 3.1.2023, formular a DIA do parque eólico Seselle, no concello de Oza-Cesuras (A Coruña) e promovido por Galenergy, S.L. (clave 2020/0102).

• A DIA fíxose pública mediante o Anuncio do 3.1.2023 do órgano ambiental (DOG nº 12, do 18 de xaneiro).

Décimo cuarto. O 27.1.2023, esta dirección xeral, para os efectos da emisión das autorizacións administrativas previa e de construción, requiriulle ao promotor o proxecto de execución refundido resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública, así como, se é o caso, as separatas técnicas refundidas.

En resposta a este requirimento, o 6.2.2023, o promotor achegou o proxecto de execución refundido (visado básico), xunto coa declaración responsable donde indica que este non orixina novas afeccións respecto ás separatas xa informadas, polo que non cómpre solicitar novos informes aos devanditos organismos.

Décimo quinto. O 10.2.2023, esta dirección xeral solicitoulle á xefatura territorial o informe previsto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, en relación co proxecto de execución refundido. A este respecto:

• Como contestación a un requirimento da xefatura territorial, do 2.3.2023, o promotor achegou, o 20.3.2023, o proxecto de execución (visado), complementado cun documento de corrección de erros.

• A xefatura territorial emitiu informe o 22.3.2023, para a autorización administrativa previa, de construción e declaración, en concreto, da utilidade pública do proxecto da instalación do parque eólico Seselle, no cal se conclúe, no marco da autorización administrativa previa e de construción, que se informa favorablemente o proxecto, condicionado á obtención polo promotor da autorización de AESA.

Décimo sexto. O 6.3.2023, o promotor presentou o Acordo do 28.2.2023, da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) que autoriza a instalación do parque eólico Seselle, co seu correspondente condicionado. Esta autorización refírese á configuración do parque eólico sometida a información pública.

Décimo sétimo. O parque eólico Seselle conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 31,5 MW, segundo informes do xestor da rede do 14.6.2019 e do 14.2.2020.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4 de xullo), no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG nº 94, do 16 de maio) e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio (DOG nº 92, do 15 de maio), pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG nº 203, do 25 de outubro) e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG nº 39, do 26 de febreiro) e polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG nº 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, o 21.3.2023, a xefatura territorial remitiu informe complementario de tramitación en que se recolle a resposta a estas, a cal se incorpora textualmente a esta resolución.

«a) A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «Instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou mais aeroxeradores, ou que teñan mais de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban recoller os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto fraccionamento dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de efectos sinérxicos e acumulativos incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun radio de 20 km dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna, entre eles os parque eólicos en funcionamento ou en proxecto Serra da Loba, Cordal de Montouto, Cova da Serpe, Cova da Serpe ampliación, Pena Feixa, Touriñán IV, Cordal de Montouto-Pando, Feás, Fontella e as súas liñas de evacuación.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións.

Así o ten declarado o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que «...unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos en aliña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020, modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar as instalacións co mesmo fin, pois isto comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que hai que perseguir neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, reducindo as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

b) En relación co órgano competente para resolver este procedemento, remítese ao exposto no fundamento de dereito número un. Asemade, indícase que de acordo co artigo 3 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, corresponde á Administración xeral do Estado, a competencia de autorizar instalacións peninsulares de produción de enerxía eléctrica, incluíndo as súas infraestruturas de evacuación, cando a potencia eléctrica instalada é superior a 50 MW eléctricos.

c) No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, hai que indicar que estas cuestións foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 3.1.2023, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas cales se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Concello de Oza-Cesuras, direccións xerais do Patrimonio Cultural, do Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior, e da Dirección Xeral de Saúde Pública, do Instituto de Estudos do Territorio, da Axencia Turismo de Galicia e Augas de Galicia.

d) O organismo Augas de Galicia emitiu informe favorable o 18.1.2021 sobre o documento «Estudio de impacto ambiental refundido parque eólico Seselle. Oza-Cesuras (A Coruña)», asinado o 18.8.2020, e o «Proxecto de Execución. Separata de Augas de Galicia parque eólico Seselle. Oza-Cesuras (A Coruña)» de xaneiro de 2020, sempre que se teñan en conta os condicionados do informe.

Durante os procesos de execución dos traballos de desenvolvemento e implantación da actuación proposta, de cara á non afección ao dominio público hidráulico, deberán recollerse as directrices sinaladas no informe, así como as indicadas no documento sometido a informe.

e) No expediente constan informes da Dirección Xeral de Saúde Pública do 7.2.2022, do 19.4.2022 e do 30.5.2022, que consideran satisfeitos os requisitos exixibles sobre os posibles impactos que puidesen ter unha repercusión na saúde humana excepto en relación co pestanexo de sombras, xa que no estudo do «caso real» existen 5 receptores que superan as 8 horas/ano. Naquelas vivendas que superen este limiar, o proxecto deberá incorporar as correspondentes medidas protectoras, independentemente das medidas de mitigación que puideran ser necesarias na fase de funcionamento.

f) No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, o Servizo de Montes informou o 22.12.2020 e 15.3.2021 que de acordo co informe emitido polo Distrito Forestal II, esta obra non ocasionará afeccións específicas a montes veciñais en man común, a montes de xestión pública nin a montes do Catálogo de montes de utilidade pública.

g) En relación coa afección á paisaxe, no expediente constan informes do Instituto de Estudos do Territorio do 18.12.2020 e 16.6.2022 que conclúen que, á vista do contido do EIIP, pode considerarse formalizado o disposto no artigo 11.2 da Lei 7/2008 e nos artigos 26 e seguintes do RLPPG.

O principal impacto paisaxístico deste proxecto será a incidencia visual dos aeroxeradores que, pola súa forma e altura, serán visibles desde unha ampla extensión de terreos e a longas distancias; esta incidencia perdurará durante o tempo en que estean instalados os aeroxeradores e verase incrementada polo efecto sinérxico derivado da presenza doutros parques eólicos na contorna. Neste caso, entre as zonas afectadas pola incidencia visual caben destacar os núcleos de poboación e as vías de comunicación máis próximos.

Esta incidencia visual, aínda que non pode ser mitigada con medidas correctoras agás nos núcleos rurais, non supón un impacto crítico.

En todo caso, de acordo co artigo 30.3 do RLPPG, as medidas de integración paisaxística deberán quedar oportunamente recollidas no proxecto.

As medidas de integración paisaxística previstas poden considerarse, en xeral, adecuadas para reducir ou mitigar os impactos do proxecto, ben que incorpora unhas recomendacións para asegurar unha mellor integración paisaxística.

h) En relación coa afección ao patrimonio cultural, a Dirección Xeral de Cultura emitiu o 9.4.2021 e o 9.12.2022 informe favorable, coas medidas protectoras, correctoras e compensatorias propostas na Memoria do EsIA, debendo ter en conta asemade determinadas condicións e consideracións.

i) Tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020, modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña.

j) No caso de afectar captacións ou instalacións de subministración de auga, o promotor deberá repoñer os servizos existentes.

k) No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe a que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, como se recolle nos antecedentes de feito.

l) No que respecta ás distancias á núcleos de poboación, no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 30.6.2020 recóllese que: revisado o planeamento vixente no concello afectado (Plan xeral de ordenación municipal de Oza dos Ríos aprobado definitivamente o 29.10.2001, normas subsidiarias do planeamento municipal de Cesuras aprobadas definitivamente o 3.3.1997) e as coordenadas UTM ETRS 89 fuso 29 recollidas no número 2.1.3. da memoria, comprobouse que as posicións dos aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m regulada no punto 3.1 do PSEGA respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable.

m) Respecto ás alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública, nos antecedentes de feito recóllense as diferentes publicacións do Acordo do 21.2.2020, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Seselle no concello de Oza-Cesuras (A Coruña) (expediente IN408A 2020/10).

Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto da información pública estiveron a disposición de todas aquelas persoas interesadas no Concello de Oza-Cesuras e na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xefatura Territorial da Coruña e da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña, así como no Portal de transparencia e goberno aberto da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

n) En canto á utilidade pública das instalacións de xeración eléctrica, esta vén declarada no artigo 54 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; a dita declaración o será para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso.

ñ) En relación coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, tomouse razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas. Non obstante, corresponde á fase de levantamento de actas previas a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

o) En canto ás solicitudes de modificación de vías por afectar predios particulares, o trazado proxectado polo promotor para o acceso aos aeroxeradores está deseñado para aproveitar ao máximo as vías existentes e minimizar o volume do movemento de terras e a superficie das afeccións.

p) En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, só no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

q) En relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, hai que indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución.

r) En particular, en referencia á afección ás terras vinculadas a PAC, a instalación do parque non afecta a superficie agraria coa excepción da superficie estritamente ocupada polas instalacións en superficie do parque eólico.

s) No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente mentres non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «mentres non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

t) Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, e o acordo publicouse no DOG do 15.12.1997.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Logo, este procedemento ambiental soamente obriga os plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

u) Respecto da saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia, así como a solicitude de moratoria na autorización de parques, expoñer que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos».

No caso de alegacións presentadas con posterioridade á DIA, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, por presentarse fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da dita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á DIA do parque eólico Seselle, segundo o disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, se é o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da DIA das instalacións do parque eólico Seselle, formulada polo órgano ambiental o 3.1.2023 (a que se fai referencia nos antecedentes de feito):

a) O órgano ambiental resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Seselle, considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Seselle. Nas súas epígrafes 4 e 5 recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no EsIA e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.2.7. Protección do patrimonio cultural.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Seselle, sito no concello de Oza-Cesuras (A Coruña) e promovido por Galenergy, S.L., para unha potencia de 31,2 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Seselle, denominado Proxecto de execución do parque eólico Seselle. Febreiro 2023, asinado o 15.03.2023 polo enxeñeiro industrial Jorge Núñez Ares (colexiado nº 1.102 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) e visado por este colexio co nº 20230809 e data do 17.3.2023. (Corrección de erros. Marzo 2023).

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

• Promotor: Galenergy, S.L.

• Denominación: parque eólico Seselle.

• Potencia instalada: 31,2 MW.

• Potencia autorizada/evacuable: 31,2 MW.

• Produción neta: 93.849 MWh/ano.

• Horas equivalentes netas: 3.008 h.

• Concellos afectados: Oza-Cesuras (A Coruña).

• Orzamento de execución material: 30.923.341,59 euros.

• Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás cales se circunscriben as autorizacións:

Vértice
poligonal

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

X

Y

a

567.600

4.782.600

b

572.260

4.781.000

c

572.260

4.779.288

d

569.220

4.779.288

• Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

X

Y

SE01

568.333,8

4.781.990,6

SE02

568.707,3

4.781.801,7

SE04

569.684,7

4.779.742,6

SE05

570.064,0

4.779.490,0

SE06

570.536,4

4.779.951,1

SE07

571.014,8

4.779.933,0

• Coordenadas da torre meteorolóxica, do centro de control e da subestación do parque eólico:

Elemento

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

X

Y

Torre meteorolóxica

570.643,0

4.779.501,0

Centro de control e subestación

568.658,0

4.781.478,0

• Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 6 aeroxeradores de marca Siemens Gamesa modelo 5,0-145 de 5,2 MW de potencia unitaria, con velocidade variable e paso variable, altura ata a buxa de 127,5 m e un diámetro de rotor de 145 m.

– 6 centros de transformación montados en góndola de potencia unitaria de 5.700 kVA e relación de transformación de 0,69/30 kV, e coas súas correspondentes celas metálicas de seccionamento, manobra e protección.

– Rede eléctrica soterrada a 30 kV, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e a subestación transformadora do parque de 30/220 kV, proxectada, composta por 2 circuítos con condutores tipo HEPRZ1 Al 18/30 kV de diversas seccións.

– Rede de terras xeral está configurada de modo que as instalacións electromecánicas e subestación do parque eólico forman un conxunto equipotencial conectado por un condutor de terra CU-50 mm2. A rede de terras dos aeroxeradores será con condutor de Cu-50mm , a do centro de control con Cu-95 mm2 e a SET con Cu-120 mm2.

– Subestación con transformador de potencia intemperie, trifásico, en baño de aceite, de potencia 40 MVA, relación de transformación 220/30 kV, distribuído da seguinte forma:

- Parque de 220 kV en intemperie con dúas posicións de liña, unha posición de transformador e unha posición de medida de tensión en barras.

- Parque de 30 kV cunha posición de transformador e celas en interior do edificio coa seguinte configuración: unha posición de transformador, 2 posicións de liña para a conexión dos aeroxeradores, unha posición de medida de tensión en barras, unha reactancia de posta a terra e unha posición de transformador de servizos auxiliares.

- No edificio tamén se situará o centro de control, xunto coas comunicacións, proteccións e un transformador de servizos auxiliares de tipo seco de 100 kVA e relación de transformación 30/0,4 kV.

- 1 torre meteorolóxica de medición de 127,5 m.

Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, o promotor (Galenergy, S.L.) constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta do órgano ambiental, en 266.156,15 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento, cuxo importe se fixa en 355.517,80 euros, por proposta do órgano ambiental.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da DIA.

5. De acordo co condicionado recollido na DIA, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, con informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra, subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a xefatura territorial inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

9. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

10. O promotor deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na DIA, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

11. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais