DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Venres, 21 de xullo de 2023 Páx. 44753

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 30 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, de carácter compensatorio aos acuicultores pola suspensión temporal da colleita de moluscos cultivados durante o ano 2022, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca nun 75 % (FEMP), e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento PE205K).

O Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (en diante, disposicións comúns dos fondos EIE), e o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, constitúen o marco de financiamento comunitario para o período 2014-2020 que, entre outros, ten como obxectivo apoiar actuacións que fomenten un sector da pesca e acuicultura sustentable e respectuoso co ambiente para acadar os obxectivos da política pesqueira común (PPC) en consonancia cos obxectivos da estratexia de Europa 2020. Por outra banda, mediante a Decisión do 13 de novembro de 2015, a Comisión aprobou o Programa operativo para España do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para os efectos de concesión de axudas do devandito fondo neste Estado membro, de maneira que este contribúa á Estratexia da UE para un crecemento intelixente, sustentable e integrador e á consecución dos obxectivos temáticos seleccionados e ás prioridades da Unión.

O Regulamento (UE) núm. 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, establece as medidas financeiras da Unión para a aplicación da política pesqueira común, das medidas pertinentes relativas ao dereito do mar, do desenvolvemento sustentable das zonas pesqueiras e acuícolas e da pesca interior, e da política marítima integrada.

Entre as medidas recollidas no citado regulamento e, concretamente, no seu artigo 55 encóntrase a posibilidade de conceder compensacións aos produtores de moluscos pola suspensión temporal das actividades de colleita de moluscos cultivados, cando a dita suspensión sexa debida exclusivamente a motivos de saúde pública, cando a suspensión sexa derivada da contaminación dos moluscos debido á proliferación de plancto que produza toxinas ou á presenza de plancto que conteña biotoxinas.

O Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (en diante, FEMP) contribuirá ao logro de, entre outros, os seguintes obxectivos: fomentar unha pesca e unha acuicultura competitivas, ambientalmente sustentables, economicamente viables e socialmente responsables; impulsar a aplicación da política pesqueira común e fomentar un desenvolvemento territorial equilibrado e integrador das zonas pesqueiras e acuícolas.

Ante este marco comunitario, cómpre publicar as bases reguladoras que establezan o procedemento para a concesión de determinadas axudas ao abeiro da normativa antes citada e, ao mesmo tempo, realizar a convocatoria destas axudas para o ano 2023, coa finalidade de apoiar o sector acuícola con medidas que teñen por obxecto compensar os acuicultores pola suspensión temporal de actividades de colleita de moluscos cultivados por motivos de saúde pública, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, oído o sector interesado,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde, con código de procedemento PE205K, ten por obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria, para o ano 2023, para a concesión das axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a compensar aos acuicultores as perdas do ano 2022, pola suspensión temporal das actividades de colleita de moluscos cultivados, cando a dita suspensión se deba exclusivamente a motivos de saúde pública.

A suspensión debeu ter lugar como consecuencia da contaminación dos moluscos por proliferación de plancto produtor de toxinas ou pola presenza de plancto que contiña biotoxinas, e sempre que a suspensión tivese unha duración de máis de catro meses consecutivos.

Segundo o informe emitido o día 20 de xaneiro de 2023 polo Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) da Consellería do Mar, os polígonos que tiveron no ano 2022 un número de días de prohibición de actividade superior a 4 meses continuados, motivado pola presenza de biotoxinas, son Bueu A, Bueu B, Portonovo A, Portonovo B e Portonovo C.

Artigo 2. Marco normativo

No non previsto nesta orde observarase o que establece o Regulamento (UE) 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca; o Regulamento (UE) nº 1303/2013, do 17 de decembro, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ás disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e a outros fondos: Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, Fondo Social Europeo, Fondo de Cohesión e Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural; o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e posteriores modificacións; o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución; a Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. O período de elixibilidade do actual programa operativo (2014-2020) abrangue desde o 1 de xaneiro de 2014 ata o 31 de decembro de 2023, segundo dispón o artigo 65, punto 2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e a outros fondos: Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, Fondo Social Europeo, Fondo de Cohesión e Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.

2. O importe fixado na presente convocatoria, así como as aplicacións a que se impute, poderase ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias e coas condicións establecidas no número 2 do artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto, respectando o disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

3. En todo caso, o incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

4. As axudas mencionadas contan co financiamento do FEMP nun 75 % e do Estado membro (CA de Galicia) nun 25 %.

5. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria que figura no cadro que se insire, dotada no proxecto de orzamento de gastos da Consellería do Mar para o ano 2023. O importe máximo das subvencións que se concedan no dito exercicio orzamentario ascenderá á seguinte contía:

Aplicación orzamentaria

Ano 2023

15.02.723A.772.1

500.000 €

Artigo 4. Beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas acuícolas titulares de establecementos de acuicultura, que visen suspendida a súa colleita de moluscos cultivados, por motivos de saúde pública, no ano 2022, como consecuencia da contaminación dos moluscos motivada pola proliferación de plancto produtor de toxinas ou pola presenza de plancto que contiña biotoxinas.

A suspensión das actividades da colleita tivo que producirse durante un período superior a catro meses consecutivos e, polo tanto, as persoas beneficiarias deben ser titulares de establecementos de acuicultura localizados nos polígonos indicados no artigo 1.

O establecemento de acuicultura deberá ser titularidade da empresa solicitante durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2019 ata a data de presentación da solicitude.

Para os efectos desta orde considéranse empresa acuícola as persoas físicas ou xurídicas, titulares de establecementos que se dedican á realización de actividades de acuicultura en calquera ou todas as súas fases de explotación, cría, cultivo ou reprodución, situados nas zonas terrestre, marítimo-terrestre ou marítima, e que teñan as súas instalacións na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5. Requisitos das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde estarán suxeitas aos seguintes requisitos:

Ser titular do/s establecemento/s de acuicultura por que se solicita a axuda desde o 1 de xaneiro de 2019 e ata a data de presentación da solicitude.

b) Ter transmitido os datos mensuais de produción de acuicultura nos anos 2019, 2020, 2021 e 2022, consonte a Orde do 9 de abril de 2008 pola que se establece o sistema de transmisión dos datos mensuais de produción de acuicultura.

O incumprimento dos requisitos a) ou b) suporá a inadmisión da solicitude.

c) Non ter pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións nin sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira.

d) Non concorrer ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Non ter cometido infracción grave:

– Da política pesqueira común definida como tal en actos lexislativos do Parlamento Europeo e do Consello.

– Do Regulamento (UE) nº 1005/2008, do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009, do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control; durante os 12 meses anteriores á data da presentación de solicitudes. Se o operador ten nove puntos de infracción polas infraccións graves segundo o Regulamento (UE) nº 404/2011, cada punto de infracción acumulado que se engada aos nove puntos de infracción polas infraccións graves segundo o citado Regulamento (UE), suporá un mes adicional de inadmisibilidade da axuda por punto acumulado.

f) No marco do FEP ou FEMP, non ter sido declarado culpable de cometer fraude, segundo a definición do artigo 1 do Convenio relativo á protección dos intereses financeiros das Comunidades Europeas (DOUE serie C 316, do 27 de novembro de 1995).

g) Non estar nin ter estado nos últimos 24 meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que nin estean nin estiveran nos últimos 12 meses enarborando o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro de 2008, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.

h) Non ter cometido ningún dos delitos establecidos nos artigos 3 e 4 da Directiva 2008/99/CE, con carácter xeral serán inadmisibles as solicitudes presentadas por un operador que cometese un dos delitos previstos no artigo 3 durante un período de 12 ou 24 meses, en función de se foi cometido por neglixencia grave ou con dolo. No caso de delitos previstos no artigo 4 da citada directiva, o período de inadmisibilidade será, con carácter xeral, de 24 meses.

i) Estar en posesión dun seguro de responsabilidade civil do establecemento que garanta posibles danos a terceiros.

j) De conformidade co artigo 13.3 bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no caso de subvencións de importe superior a 30.000,00 €, ter aboado os gastos das operacións comerciais en que incorra, nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lles sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade.

k) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

l) Ter capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

As posibles persoas beneficiarias, ao formalizaren a súa solicitude, someteranse voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establezan para as axudas en materia de acuicultura, tanto para o pagamento das subvencións como para a concesión e demais requisitos exixibles pola normativa vixente que sexa de aplicación.

Artigo 6. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais coma comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

b) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a data contable do último pagamento, para os efectos de comprobación e control. Ademais, tamén deberá conservar os devanditos documentos durante dous anos a partir do 31 de decembro do ano seguinte á presentación das contas ás autoridades europeas, por parte da Administración, en que se inclúa a súa operación, para o cal se informará a persoa beneficiaria da axuda da devandita data. Cando proceda, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos exixidos na lexislación aplicable ás persoas beneficiarias.

c) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable específico en relación con todas as transaccións relacionadas coa subvención, que permita seguir a pista de auditoría.

d) Comunicarlle á Consellería do Mar a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente, tanto público como privado.

e) Comunicarlle á Consellería do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda.

f) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento final, a persoa beneficiaria non poderá cometer unha infracción grave da PPC nin do Regulamento (UE) nº 1005/2008, do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009, do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control, non ter sido declarada culpable de cometer fraude, nin estar incluída na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que enarboren o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro de 2008.

Artigo 7. Intensidade da axuda

1. As axudas reguladas nesta orde teñen carácter de subvencións de capital e non constitúen axudas de Estado.

2. O importe da axuda será, como máximo, o 50 % das perdas que se producisen nas vendas realizadas, sempre e cando o importe da axuda correspondente sexa superior a 1.500,00 € por persoa beneficiaria e cun límite máximo de 100.000,00 €. Para calcular o devandito importe teranse en conta as vendas do ano 2022, en comparación cos anos 2019, 2020 e 2021.

3. Os importes das vendas realizadas obteranse do Servizo de Análise e Rexistros da Consellería do Mar.

4. A contía das axudas está condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 8. Compatibilidade das axudas

Os gastos cofinanciados pola presente orde serán compatibles con outras liñas de axudas, sempre que a suma de todas elas non supere o límite da intensidade máxima de axuda pública prevista no artigo 95 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014.

Non obstante, a obtención concorrente de axudas outorgadas para a mesma finalidade polas administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, cando o importe total das subvencións percibidas por cada persoa beneficiaria supere os límites que se indican na epígrafe anterior, dará lugar á redución proporcional que corresponda no importe das subvencións, ata axustarse a ese límite na última subvención que se conceda.

Artigo 9. Prazo de presentación da solicitude

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 10. Forma de presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

Anexo II. Pluralidade de persoas, se é o caso.

Anexo III. Nomeamento de representante para os efectos de presentación da solicitude, se é o caso.

2. Así mesmo, segundo proceda, presentarase a seguinte documentación complementaria:

2.1. Persoas xurídicas:

a) Certificación rexistral actualizada dos estatutos sociais, da escritura de constitución e do representante legal da persoa xurídica.

b) Copia do poder de representación do representante legal da entidade solicitante, no caso de que tal poder non figure na certificación rexistral.

c) Certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza, que deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non foi declarado culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP.

d) Certificado acreditativo de non ter cometido ningún dos delitos establecidos nos artigos 3 e 4 da Directiva 2008/99/CE, obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza.

e) De conformidade co artigo 13.3 bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no caso de subvencións de importe superior a 30.000,00 €, acreditación de ter aboado os gastos das operacións comerciais en que incorra, nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade. Esta circunstancia será acreditada por parte das sociedades que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, coa declaración responsable incorporada no número 13 do anexo I.

Para as sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, establécese a necesidade de acreditar o cumprimento dos prazos legais de pagamento mediante certificación emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá o prazo efectivo dos pagamentos da empresa cliente con independencia de calquera financiamento para o cobramento anticipado da empresa provedora.

O período a que debe facer referencia a certificación mencionada abrangue desde o 20 de outubro de 2022, data de entrada en vigor da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas, que modifica o artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, ata un mes antes da data de publicación desta orde.

2.2. Pluralidade de persoas:

Se a solicitude corresponde a unha pluralidade de persoas, as actuacións efectuaranse co representante ou coa persoa interesada que expresamente sinalen no anexo II e, na súa falta, coa que figure en primeiro termo. A conta bancaria sinalada no anexo I deberá estar a nome de todas as persoas solicitantes.

2.3. Todas as persoas solicitantes:

a) Seguro de responsabilidade do establecemento que garanta posibles danos a terceiros.

b) Certificación bancaria acreditativa de que a titularidade da conta corrente sinalada no anexo I corresponde unicamente á persoa solicitante ou, no caso de pluralidade, a todas as persoas solicitantes.

2.4. No caso de que o establecemento de acuicultura sexa titularidade dun matrimonio casado en réxime de gananciais, deberá presentarse a documentación correspondente á pluralidade de persoas.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que se poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. Para os efectos de presentación da solicitude, os interesados poderán actuar por medio de representantes; a acreditación da representación deberá realizarse mediante a presentación da correspondente autorización e aceptación utilizando o anexo III desta orde.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE de cada persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante legal da persoa xurídica.

d) DNI/NIE da persoa representante nomeada para os efectos da presentación da solicitude.

e) NIF da entidade representante nomeada para os efectos da presentación da solicitude.

f) Consulta de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, de cada persoa solicitante.

g) Consulta de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social, de cada persoa solicitante.

h) Consulta de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga), de cada persoa solicitante.

i) Consulta de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións emitido pola Consellería de Facenda e Administración Pública (Atriga), de cada persoa solicitante.

j) Informe acreditativo de non ter sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira e informe sobre sancións graves dos solicitantes de axudas cofinanciadas co FEMP, de conformidade co artigo 10.1.a) do Regulamento (UE) nº 508/2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, emitidos polo Servizo Técnico-Xurídico da Consellería do Mar, de cada persoa solicitante.

k) Consulta de non estar en concurso de acredores (artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia), obtida a través do Rexistro Público Concursal do Ministerio de Xustiza, de cada persoa solicitante.

l) Informe acreditativo de non ter cometido infracción grave da política pesqueira común, do Regulamento (UE) nº 1005/2008, do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009, do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control, emitido polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, de cada persoa solicitante.

m) No caso de persoas físicas ou pluralidade de persoas físicas: consulta de carecer de antecedentes penais obtida a través da plataforma de interoperabilidade do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza, que deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non ten sido declarado culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP. Se da información anterior non se entende acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitaráselle ao interesado que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.

n) Consulta de non ter sido declarado culpable de cometer fraude, no marco do FEP ou FEMP, obtida a través da plataforma de interoperabilidade da Base de datos nacional de subvencións, de cada persoa solicitante.

ñ) Consulta de non estar nin ter estado nos últimos 24 meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR, obtida do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, de cada persoa solicitante.

o) No caso de persoas físicas ou pluralidade de persoas físicas: consulta de non ter cometido ningún dos delitos establecidos nos artigos 3 e 4 da Directiva 2008/99/CE, obtida a través da plataforma de interoperabilidade do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza. Se da información anterior non se entende acreditada a ausencia de delitos, solicitaráselle ao interesado que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.

p) Consulta de non ter cometido ningún dos delitos establecidos nos artigos 3 e 4 da Directiva 2008/99/CE, obtida a través da plataforma de interoperabilidade da Base de datos nacional de subvencións, de cada persoa solicitante.

q) Consulta de resolucións de concesión doutra axuda para o mesmo proxecto concedida pola Xunta de Galicia, de cada persoa solicitante, se é o caso.

r) Consulta de concesións de subvencións e axudas de cada persoa solicitante.

s) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas de cada persoa solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente (anexo I, anexo II ou anexo III) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude efectuaranse electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Tramitación das solicitudes

1. O Servizo de Planificación e Xestión da Acuicultura da Consellería do Mar analizará os expedientes e requirirá a emenda da documentación necesaria, de ser o caso.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a deficiencia ou remita os documentos preceptivos.

Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se dará por desistido da súa solicitude.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 12 resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

A documentación requirida para a emenda da solicitude deberá ser presentada por medios electrónicos accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

3. Sen prexuízo do sinalado no número anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Para os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución de non admisión ou de desistencia, segundo sexa o caso, na cal se indicarán as causas que a motivan.

5. Sempre que se teñan en conta para a resolución das axudas aspectos distintos aos aducidos polos interesados daráselles a estes un trámite de audiencia con carácter previo á avaliación dos expedientes pola Comisión de Selección.

6. O Servizo de Planificación e Xestión da Acuicultura emitirá un informe das solicitudes que reunisen todos os requisitos e a documentación necesaria, á vista do cal a Comisión de Selección analizará e clasificará as solicitudes de acordo cos criterios fixados nas bases.

7. Unha vez finalizada a fase anterior, a Comisión de Selección emitirá un informe co resultado da selección das solicitudes propostas para a súa concesión, que será incorporado ao expediente.

8. Na proposta que formule a Comisión de Selección figurarán de maneira individualizada os solicitantes propostos para obteren a subvención, os expedientes seleccionados e o importe da subvención para cada un deles.

9. O/a presidente/a da comisión de selección elevará proposta de resolución ao órgano concedente, que ditará as correspondentes resolucións de concesión.

Artigo 15. Comisión de Selección

1. Os expedientes serán avaliados pola Comisión de Selección constituída na Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

2. A Comisión de Selección estará formada polos seguintes membros:

a) Presidencia: subdirector/a xeral de Acuicultura.

b) Vogais: dous funcionarios adscritos á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, designados polo/a presidente/a. O/a xefe/a do Servizo de Planificación e Xestión da Acuicultura, actuará como secretario/a.

3. No caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que designe o/a presidente/a. O órgano colexiado precisará de, polo menos, a maioría simple dos membros para a realización da selección.

4. As reunións da Comisión de Selección poderán realizarse tanto de forma presencial como a distancia, nos termos establecidos pola normativa vixente que sexa de aplicación.

5. A Comisión poderá propoñer que o órgano instrutor requira documentación complementaria necesaria para a correcta valoración da solicitude de que se trate.

6. A Comisión de Selección poderá traballar asistida dos asesores que xulgue conveniente, así como solicitar informes a expertos técnicos externos na materia.

7. A Comisión de Selección reunirase nunha sesión única para a elaboración da proposta de concesión ao órgano concedente, agás no caso de que a suma dos importes das axudas dos expedientes propostos non supere o crédito existente para estas, caso en que poderá realizar cantas sesións considere necesarias e emitir propostas parciais de concesión en cada unha das sesións.

Artigo 16. Criterios de selección

Dado que o obxecto e a finalidade da subvención é o establecemento das bases reguladoras de axudas para compensar os acuicultores pola suspensión temporal da colleita de moluscos cultivados, suspensión derivada da contaminación dos moluscos debido á proliferación de plancto produtor de toxinas ou á presenza de plancto que contiña biotoxinas, non é necesario realizar a comparación e a prelación das solicitudes presentadas.

A Comisión seleccionará as solicitudes segundo a forma de cálculo establecida no artigo 7 desta orde e obterá o importe da axuda correspondente a cada empresa solicitante.

No caso de que o importe fixado na presente convocatoria resulte insuficiente para atender as solicitudes presentadas na súa intensidade máxima, procederase á realización dun rateo do importe global máximo destinado a esta axuda entre todos os solicitantes. Se, unha vez realizado o rateo, a algúns solicitantes lles corresponde unha axuda superior a 100.000,00 €, este importe descontarase do orzamento da orde e a contía restante ratearase entre os demais solicitantes que cumpran as condicións para ser persoas beneficiarias.

Artigo 17. Resolución e aceptación

1. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar, que poderá delegar a dita competencia na persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de seis meses contados desde a data de publicación desta orde de convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia. En todo caso, a data límite para ditar a resolución será o 31 de decembro de 2023. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Unha vez notificada a devandita resolución, o interesado terá un prazo de dez días hábiles, a partir do seguinte ao da súa notificación, para a aceptación desta. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

4. A resolución de concesión indicará, entre outros aspectos, os compromisos asumidos polas persoas beneficiarias, os créditos orzamentarios aos cales se imputa o gasto, a contía da subvención individualizada e a porcentaxe do financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

Artigo 18. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Recursos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se, transcorrido o prazo para resolver establecido no artigo 17, non lle é notificada a resolución ao interesado, entenderase desestimada por silencio administrativo negativo e caberá interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar, en calquera momento, ou recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de seis (6) meses, contados, en ambos os dous casos, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

3. Sen prexuízo do anterior, os interesados poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 20. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por calquera outra Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, deberá ser comunicada á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O acordo de modificación poderá declarar a perda total ou parcial do dereito á subvención concedida e o conseguinte reintegro, se é o caso, nos termos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Non se admitirá a subrogación dun novo propietario na condición de solicitante ou persoa beneficiaria das axudas.

4. O acto polo cal se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente, no cal se dará audiencia ao interesado. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento, nin se teñan en conta na resolución, outros feitos, alegacións ou probas diferentes dos aducidos polo interesado.

Artigo 21. Pagamento

1. O pagamento das axudas concedidas realizarase de oficio, unha vez resolta a presente convocatoria e notificadas as resolucións de concesión, polo que a solicitude de pagamento se entenderá implícita na solicitude da subvención.

2. Para o pagamento da axuda é imprescindible que as persoas beneficiarias estean ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. Igualmente a persoa beneficiaria non terá pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

Artigo 22. Incumprimento e reintegro das axudas

1. Se a persoa beneficiaria incumpre calquera dos requisitos establecidos nestas bases, na correspondente convocatoria e demais normas aplicables, así como as condicións e obrigas que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderanse anular os beneficios concedidos coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.

2. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida, así como os xuros de mora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención e ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 74 a 76 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

3. Ademais, será tamén causa de reintegro, de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2008/C84/06), a comisión de infracción do dereito comunitario pola persoa beneficiaria e, en especial, das normas da política pesqueira común durante o período cuberto pola subvención. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.

4. Sen prexuízo da obriga de reintegro, se como consecuencia dunha comprobación posterior ou de calquera outra verificación se constata falsidade nas declaracións mencionadas nesta orde, serán de aplicación as infraccións e sancións establecidas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

5. Para este procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Infraccións e sancións

Sen prexuízo do establecido nos artigos anteriores, ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da devandita lei, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 25. Servizo Nacional de Coordinación Antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea, no marco da presente convocatoria, poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude na Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto polo dito servizo no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, que se pode consultar no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Documents/ComunicacionSNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf

Artigo 26. Publicidade

1. En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, con expresión da convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputan, da persoa beneficiaria, da cantidade concedida e da finalidade da subvención, coas excepcións previstas no dito artigo, de ser o caso. A aceptación da axuda supón a inclusión da operación e dos seus datos na lista de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, que establece as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/) a relación de persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003 do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira

Delégase no director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica a resolución destas axudas.

Disposición adicional segunda

Facúltase o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2023

Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file