DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Venres, 21 de xullo de 2023 Páx. 44787

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 30 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, de carácter compensatorio aos acuicultores pola suspensión temporal da colleita de moluscos cultivados durante o ano 2022, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca nun 75 % (FEMP), e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento PE205K).

BDNS (Identif.:): 708357.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas acuícolas titulares de establecementos de acuicultura, que visen suspendida a súa colleita de moluscos cultivados, por motivos de saúde pública, no ano 2022, como consecuencia da contaminación dos moluscos motivada pola proliferación de plancto produtor de toxinas ou pola presenza de plancto que contiña biotoxinas.

A suspensión das actividades da colleita tivo que producirse durante un período superior a catro meses consecutivos e, polo tanto, as persoas beneficiarias deben ser titulares de establecementos de acuicultura localizados nos polígonos indicados no punto segundo.

O establecemento de acuicultura deberá ser titularidade da empresa solicitante durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2019 e a data de presentación da solicitude.

Para os efectos desta orde, considéranse empresa acuícola as persoas físicas ou xurídicas, titulares de establecementos que se dedican á realización de actividades de acuicultura en calquera ou todas as súas fases de explotación, cría, cultivo ou reprodución, situados nas zonas terrestre, marítimo-terrestre ou marítima, e que teñan as súas instalacións na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Finalidade

Esta orde, con código de procedemento PE205K, ten por obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria, para o ano 2023, para a concesión das axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a compensar aos acuicultores as perdas do ano 2022, pola suspensión temporal das actividades de colleita de moluscos cultivados, cando a dita suspensión se deba exclusivamente a motivos de saúde pública.

A suspensión debeu ter lugar como consecuencia da contaminación dos moluscos por proliferación de plancto produtor de toxinas ou pola presenza de plancto que contiña biotoxinas, e sempre que a suspensión tivese unha duración de máis de catro meses consecutivos.

Segundo o informe emitido o día 20 de xaneiro de 2023 polo Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) da Consellería do Mar, os polígonos que tiveron no ano 2022 un número de días de prohibición de actividade superior a 4 meses continuados, motivado pola presenza de biotoxinas, son Bueu A, Bueu B, Portonovo A, Portonovo B e Portonovo C.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 30 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, de carácter compensatorio aos acuicultores pola suspensión temporal da colleita de moluscos cultivados durante o ano 2022, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca nun 75 % (FEMP), e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento PE205K).

Cuarto. Importe

As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria que figura no cadro que se insire, dotada no proxecto de orzamento de gastos da Consellería do Mar para o ano 2023. O importe máximo das subvencións que se concedan no dito exercicio orzamentario ascenderá á seguinte contía:

Aplicación orzamentaria

Ano 2023

15.02.723A.772.1

500.000 €

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2023

Silvia Cortiñas Fernández
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar