DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Venres, 21 de xullo de 2023 Páx. 44746

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 6 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos concellos e mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de accesibilidade de competencia municipal, ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, de conformidade co Regulamento (UE) número 2021/241, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento BS701B).

BDNS (Identif.): 708684.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/es/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias das axudas os concellos e mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia que conten cun censo máximo de 10.000 habitantes, segundo o ultimo informe publicado polo Instituto Galego de Estatística na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

En ningún caso poderán ter a condición de beneficiarias aquelas entidades que incorran nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, para o ano 2023, axudas económicas aos concellos e mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia para a execución de proxectos de investimento no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 5 de decembro de 2023, que contribúan a mellorar as condicións de accesibilidade e a supresión de barreiras en edificacións, instalacións, equipamentos ou espazos públicos dos seus respectivos termos municipais, ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, de conformidade co Regulamento (UE) núm. 2021/241, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia.

Será subvencionable un único proxecto de investimento por concello ou mancomunidade de concellos solicitante.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 6 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos concellos e mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de accesibilidade de competencia municipal, ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, de conformidade co Regulamento (UE) número 2021/241, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento BS701B).

Cuarto. Financiamento e contía da subvención

As actuacións subvencionables serán financiadas integramente pola Unión Europea a través dos fondos asignados á Xunta de Galicia con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia mediante o instrumento do Mecanismo de recuperación e resiliencia, aprobado polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, dentro do compoñente 22: economía dos coidados e reforzo das políticas de igualdade e inclusión social, liña de investimento I3.

Para o financiamento desta convocatoria destínase, con cargo á anualidade 2023, crédito por importe total de dous millóns cincuenta mil euros (2.050.000,00 €), consignado na aplicación orzamentaria 13.04.312E.760.2 (proxecto 2022 00124).

O importe da axuda poderá ser de ata o 100 % do custo do proxecto de investimento, cun límite máximo de corenta e oito mil catrocentos euros (48.400,00 €), IVE incluído, de ser o caso, por proxecto de investimento e entidade solicitante.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes. Os sábados e festivos considéranse inhábiles para todos os efectos.

Sexto. Outros datos

De conformidade co establecido na orde e nos termos establecido no seu artigo 7, esta convocatoria ten como finalidade a subvención das seguintes actuacións:

a) Actuacións para as solucións de accesibilidade en edificios e que a continuación se relacionan:

1º. Mellora dos accesos aos edificios rebaixando chanzos e/ou executando ramplas.

2º. Actuacións en comunicacións verticais, como instalación ou mellora de ascensor, rampla ou algún mecanismo elevador.

3º. Actuacións en comunicacións horizontais, como a mellora no largo de corredores e portas, pequenos desniveis en pavimentos e instalación de portas automáticas.

4º. Instalación ou reforma de servizos hixiénicos accesibles.

5º. Adecuación ou instalación de mostradores e/ou portelos de información ao público.

6º. Dotación de bucles magnéticos ou elementos de comunicación sensorial en espazos de uso público con compoñente acústico.

7º. Dotación ou mellora de sinalización, información e iluminación accesible.

8º. Creación de espazos accesibles en edificios municipais para o traslado de dependencias municipais que actualmente non son accesibles.

b) Actuacións para as solucións de accesibilidade en espazos públicos urbanizados e que a continuación se relacionan:

1º. Modificación de beirarrúas, como rebaixar bordos e executar vaos peonís accesibles en vías públicas.

2º. Eliminación de desniveis en vías públicas, como a execución de ramplas ou modificación de escaleiras.

3º. Execución de plataformas únicas.

4º. Dotación ou mellora da sinalización accesible.

5º. Adaptación de paradas de transportes urbanos.

6º. Dotación de mobiliario urbano accesible.

7º. Dotación de equipamento municipal accesible.

8º. Habilitación de prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida.

9º. Adecuación de zonas accesibles en espazos públicos.

As actuacións deberanse executar dentro do período subvencionable, que será o comprendido entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 5 de decembro de 2023, ambos os dous incluídos.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude