DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Venres, 21 de xullo de 2023 Páx. 44701

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 6 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos concellos e mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de accesibilidade de competencia municipal, ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, de conformidade co Regulamento (UE) número 2021/241, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento BS701B).

missing image file

O Consello Europeo aprobou, o 21 de xullo de 2020, a creación do programa NextGenerationEU, como instrumento de estímulo económico en resposta á crise causada polo coronavirus.

O 10 de novembro de 2020, o Parlamento Europeo e o Consello alcanzaron o acordo sobre o paquete de medidas que inclúe os fondos de NextGenerationEU e o Marco financeiro plurianual 2021-2027, creándose o Mecanismo europeo de recuperación e resiliencia como instrumento de apoio aos Estados membros a través de transferencias directas e préstamos para incrementar os investimentos públicos e acometer reformas para paliar os devastadores danos producidos pola COVID-19.

O Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, sinala que os Estados membros elaborarán plans de recuperación e resiliencia nacionais para acollerse a este e alcanzar os obxectivos establecidos, e serán presentados formalmente polos Estados, como moi tarde, o 30 de abril.

En virtude da Resolución da Subsecretaría de Asuntos Económicos e Tranformación Dixital do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital do 29 de abril de 2021, publícase o Acordo do Consello de Ministros, do 27 de abril de 2021, polo que se aproba o Plan de recuperación, transformación e resiliencia, que define as estratexias que se deberán seguir no desenvolvemento dos fondos europeos de recuperación (Boletín Oficial del Estado número 103, do 30 de abril).

As medidas que recolle o dito plan cumpren cos seis piares establecidos polo dito Regulamento da UE nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, e articúlanse ao redor de catro eixes principais: a transición ecolóxica, a transformación dixital, a cohesión social e territorial e a igualdade de xénero. Estes catro eixes de traballo desenvólvense a través de dez políticas panca que integran 30 compoñentes ou liñas de acción, para contribuír a alcanzar os obxectivos xerais do plan.

O Plan de recuperación articula unha axenda coherente de reformas estruturais que responden ao diagnóstico compartido polas institucións europeas, o Goberno español e os principais axentes económicos e sociais, en ámbitos clave para reforzar a estrutura económica e social do país; concretamente, no ámbito dos servizos sociais, aquelas necesarias para a implantación dun estado de benestar moderno que protexa os cidadáns, garanta o coidado das persoas dependentes, reforce os servizos sociais e proporcione oportunidades vitais ás novas xeracións.

Mediante Acordo do Consello Territorial de Servizos Sociais e do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, do 30 de abril de 2021, aprobouse a distribución territorial dos créditos correspondentes a 2021 para o financiamento de proxectos de investimento das comunidades autónomas, e as cidades de Ceuta e Melilla, no marco do compoñente 22: economía dos coidados e reforzo das políticas de igualdade e inclusión social do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Pola Resolución da Secretaría de Estado de Dereitos Sociais, do 11 de setembro de 2021, publicouse o convenio entre o Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 e a Comunidade Autónoma de Galicia para a execución de proxectos con cargo aos fondos europeos procedentes do Mecanismo para a recuperación e resiliencia, o cal prevé, no seu anexo III, a relación de proxectos que se executarán, entre os que figura como proxecto nº 9, na liña C22.I3, Plan de mellora da accesibilidade nos concellos e mancomunidades de Galicia, cun orzamento total de 2.050.000 €.

A accesibilidade universal é a condición que deben cumprir os contornos, procesos, bens, produtos e servizos, así como os obxectos ou instrumentos, ferramentas e dispositivos, para que todas as persoas poidan ter un participación social plena. Trátase dun concepto relacionado coa idea de «deseño para toda a cidadanía», o deseño universal entendido como factor que permite crear produtos, contornos e comunicacións de modo que sexan utilizables por todas as persoas en condicións de seguridade e comodidade e da forma máis autónoma e natural posible, sen necesidade de adaptación nin deseño especializado. Polo tanto, beneficia o conxunto da poboación, con independencia das súas capacidades.

O Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, establece que para que as persoas con discapacidade poidan participar plenamente en todos os aspectos da vida en igualdade de condicións coas demais persoas, os poderes públicos adoptarán medidas para asegurar a accesibilidade universal, entre outros ámbitos, nos servizos e instalacións de uso público. Así mesmo, a Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade de Galicia, ten como obxectivo acadar unha sociedade inclusiva e accesible que garanta a autonomía das persoas, evite a discriminación e favoreza a igualdade de oportunidades para toda a cidadanía, especialmente para as persoas que teñen discapacidades.

É indubidable que se avanzou na aplicación dos criterios de accesibilidade, pero resulta necesario continuar promovendo medidas de fomento que contribúan a mellorar e a afianzar as condicións de accesibilidade nos edificios e espazos públicos municipais pertencentes aos distintos concellos e mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude da habilitación competencial outorgada ás comunidades autónomas polo artigo 148.1.20 da Constitución española, segundo o establecido no artigo 27.23 do Estatuto de autonomía de Galicia, ten competencia exclusiva en materia de asistencia social. Por outra banda, a Consellería de Política Social e Xuventude, de conformidade co Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude, asume, entre outras, as competencias en materia de atención das persoas con discapacidade e das persoas dependentes, así como as relativas ao desenvolvemento de accións de fomento destinadas á promoción da accesibilidade universal e deseño para toda a cidadanía.

No marco desas competencias, así como en virtude do principio de colaboración entre administracións, a Consellería de Política Social e Xuventude, a través da presente orde, promove a realización de actuacións destinadas a mellorar a accesibilidade en edificios e espazos de uso público no ámbito da Administración local.

Polo tanto, nesta orde establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria de axudas aos concellos e mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia para o financiamento de actuacións durante 2023 en materia de accesibilidade de competencia municipal, ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

Esta orde de convocatoria de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e normas de desenvolvemento, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia.

Na súa virtude e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, polo Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e polo Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2023 de axudas económicas aos concellos e mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia para a execución de proxectos de investimento, no período desde o 1 de xaneiro de 2023 ao 5 de decembro de 2023, que contribúan a mellorar as condicións de accesibilidade e a supresión de barreiras en edificacións, instalacións, equipamentos ou espazos públicos dos seus respectivos termos municipais, ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, de conformidade co Regulamento (UE) nº 2021/241, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia.

Será subvencionable un único proxecto de investimento por concello ou mancomunidade de concellos solicitante.

Os concellos e mancomunidades beneficiarios deberán observar o disposto na normativa aplicable en materia de contratación pública vixente na tramitación do procedemento de contratación.

2. O procedemento de concesión das axudas será o de concorrencia competitiva, de acordo co previsto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 29 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

3. Terá o código BS701B para os efectos de identificación na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e o acceso aos formularios de inicio específicos, de uso obrigatorio.

4. Estas axudas contribúen á consecución dos obxectivos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, no marco do compoñente 22, liña de investimento 3 e co proxecto denominado Plan de mellora da accesibilidade nos concellos e mancomunidades de Galicia, ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, de conformidade co Regulamento (UE) nº 2021/241, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, e demais normativa de aplicación.

Artigo 2. Réxime xurídico

Para o non establecido nestas bases, aplicarase o previsto nas seguintes normas:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

f) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

g) Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

h) Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia, do 10.12.2021.

i) Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación, transformación e resiliencia, Regulamento do MRR, e as demais disposicións que articule o MRR e o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

j) Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

k) Orde HFP/1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e formato da información que deben proporcionar as entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento de fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

l) Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, relativa á análise sistemática do risco de conflito de intereses nos procedementos que executen o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Artigo 3. Financiamento

As actuacións subvencionables serán financiadas integramente pola Unión Europea a través dos fondos asignados á Xunta de Galicia con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia, mediante o instrumento do Mecanismo de recuperación e resiliencia, aprobado polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, dentro do compoñente 22 de economía dos coidados e reforzo das políticas de igualdade e inclusión social, liña de investimento I3.

Artigo 4. Contía das axudas

1. Para o financiamento desta convocatoria destínase, con cargo á anualidade 2023, crédito por importe total de dous millóns cincuenta mil euros (2.050.000,00 €), consignado na aplicación orzamentaria 13.04.312E.760.2 (proxecto 2022 00124).

2. O importe da axuda poderá ser de ata o 100 % do custo do proxecto de investimento, cun límite máximo de corenta e oito mil catrocentos euros (48.400,00 €), IVE incluído, de ser o caso, por proxecto de investimento e entidade solicitante.

3. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou ben cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.

Artigo 5. Compatibilidade das axudas

1. A axuda concedida no marco desta orde poderase sumar á proporcionada conforme outros programas e instrumentos da Unión Europea sempre que a dita axuda non cubra o mesmo custo e, en todo caso, de conformidade co disposto no Regulamento (UE Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión (Regulamento financeiro).

2. A suma de todas as axudas, ingresos ou recursos destinados ao mesmo fin, en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadas ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo total da actividade obxecto da axuda.

3. Tanto na solicitude da axuda (anexo I) como na solicitude de pagamento (anexo III), a entidade beneficiaria deberá indicar o detalle doutros ingresos ou subvencións que financien a actividade subvencionada, con indicación do importe e da súa procedencia.

Artigo 6. Requisitos para adquirir a condición de entidade beneficiaria

1. Poderán ser entidades beneficiarias das axudas os concellos e mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia que conten cun censo máximo de 10.000 habitantes (segundo o ultimo informe publicado polo Instituto Galego de Estatística na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes).

En ningún caso poderán ter a condición de beneficiarios aqueles concellos e mancomunidades que incorran nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 7. Actuacións subvencionables

1. Esta convocatoria ten como finalidade a subvención das seguintes actuacións:

a) Actuacións para as solucións de accesibilidade en edificios e que a continuación se relacionan:

1º. Mellora dos accesos aos edificios rebaixando chanzos e/ou executando ramplas.

2º. Actuacións en comunicacións verticais como instalación ou mellora de ascensor, rampla ou algún mecanismo elevador.

3º. Actuacións en comunicacións horizontais como a mellora no largo de corredores e portas, pequenos desniveis en pavimentos e instalación de portas automáticas.

4º. Instalación ou reforma de servizos hixiénicos accesibles.

5º. Adecuación ou instalación de mostradores e/o portelos de información ao público.

6º. Dotación de bucles magnéticos ou elementos de comunicación sensorial en espazos de uso público con compoñente acústico.

7º. Dotación ou mellora de sinalización, información e iluminación accesible.

8º. Creación de espazos accesibles en edificios municipais para o traslado de dependencias municipais que actualmente non son accesibles.

b) Actuacións para as solucións de accesibilidade en espazos públicos urbanizados e que a continuación se relacionan:

1º. Modificación nas beirarrúas como rebaixar bordos e executar vaos peonís accesibles en vías públicas.

2º. Eliminación de desniveis en vías públicas como execución de ramplas ou modificación de escaleiras.

3º. Execución de plataformas únicas.

4º. Dotación ou mellora da sinalización accesible.

5º. Adaptación de paradas de transportes urbanos.

6º. Dotación de mobiliario urbano accesible.

7º. Dotación de equipamento municipal accesible.

8º. Habilitación de prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida.

9º. Adecuación de zonas accesibles en espazos públicos.

2. As actuacións deberán executarse dentro do período subvencionable, que será o comprendido entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 5 de decembro de 2023, ambos os dous incluídos.

Os proxectos de investimento subvencionables deberán axustarse en todo caso á normativa vixente en materia de accesibilidade.

Artigo 8. Criterios de valoración

1. Para a valoración e ponderación das solicitudes presentadas establécense os seguintes criterios:

a) Poboación do concello solicitante ata un máximo de 20 puntos. Para o cálculo deste criterio atenderase aos últimos datos poboacionais publicados polo IGE con carácter definitivo na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes, como se indica:

1º. Concellos e mancomunidades cunha poboación de ata 5.000 habitantes: 20 puntos.

2º. Concellos e mancomunidades cunha poboación entre 5.001 e 10.000 habitantes: 10 puntos.

b) Porcentaxe de persoas con discapacidade recoñecida e de persoas maiores de 65 anos con relación á poboación do concello solicitante ata un máximo de 8 puntos, segundo o seguinte detalle:

1º. Porcentaxe de persoas con discapacidade con relación á poboación do concello solicitante ata un máximo de 4 puntos. Para o cálculo deste criterio teranse en conta os datos sobre discapacidade recoñecida que figuren na última explotación do censo de persoas con discapacidade publicada pola Consellería de Política Social e Xuventude na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes, como se indica:

1º.1. Concellos e mancomunidades cunha porcentaxe de ata o 7 %: 2 puntos.

1º.2. Concellos e mancomunidades cunha porcentaxe superior ao 7 %: 4 puntos.

2º. Porcentaxe de persoas maiores de 65 anos con relación á poboación do concello solicitante ata un máximo de 4 puntos. Para o cálculo deste criterio teranse en conta as cifras de poboación publicadas polo IGE con carácter definitivo na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes, como se indica:

2º.1. Concellos e mancomunidades cunha porcentaxe de ata o 50 %: 2 puntos.

2º.2. Concellos e mancomunidades cunha porcentaxe superior ao 50 %: 4 puntos.

c) Aos proxectos de investimento que contribúan a mellorar ou promover as condicións de accesibilidade e a supresión de barreiras en dependencias dos servizos sociais municipais ou en centros ou recursos sociais destinados á atención de persoas maiores, de persoas dependentes ou de persoas con discapacidade, outorgaráselles un total de 12 puntos.

2. Cada unha das solicitudes poderá obter un máximo de 40 puntos e establecerase unha orde de prelación para a concesión das subvencións en función da puntuación obtida pola valoración dos criterios establecidos nesta convocatoria.

3. En caso de empate na puntuación entre varias solicitudes, tomarase como criterio de desempate a solicitude cuxa data e hora de presentación fose anterior, segundo conste no Rexistro Electrónico Xeral.

Artigo 9. Procedemento

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria. Porén, poderá ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria, quedando este incremento condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Os mecanismos e as medidas aplicables no procedemento para reducir o risco de fraude e de corrupción e os conflitos de intereses ateranse ao previsto no Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia.

Conforme o establecido no artigo 6.4 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, as persoas que interveñan no proceso de selección dos concellos e mancomunidades beneficiarios ou nos procesos de verificación do cumprimento das condicións manifestarán, de forma expresa, a ausencia ou non de conflito de intereses a través dunha declaración de ausencia de conflito de intereses (DACI), de acordo co modelo establecido na dita orde.

No caso de que concorra conflito de intereses, a persoa afectada concretará as solicitudes sobre as que recae este conflito e debe absterse de intervir na súa selección, co fin de mitigar os riscos de materialización deste conflito.

Artigo 10. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algún dos concellos e mancomunidades interesados presenta a súa solicitude presencialmente, será requirido para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará, en todo caso, no momento de esgotamento do crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes. Os sábados e festivos considéranse inhábiles para todos os efectos.

3. Na solicitude, anexo I, asinada polo/a representante da entidade, deberán figurar os datos identificativos e acreditativos dos aspectos sinalados nesta orde e demais normativa aplicable.

4. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, o órgano instrutor requirirá a entidade solicitante para que, nun prazo improrrogable de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. Os concellos e mancomunidades solicitantes deberán achegar, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, a seguinte documentación:

a) Solicitude (anexo I).

b) Memoria explicativa e xustificativa que permita unha definición exacta da intervención que se vai realizar.

c) Proxecto, anteproxecto ou memoria económica valorada da actuación proposta, axustados á normativa vixente en materia de accesibilidade.

d) Declaración responsable conforme a actuación proposta se axusta á normativa de accesibilidade vixente.

e) Orzamento detallado, agrupado por partidas, dos gastos necesarios para a execución do proxecto.

f) Certificación emitida e asinada pola persoa secretaria da entidade solicitante (anexo II).

g) Declaración responsable sobre os principios transversais do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) (anexo IV).

h) Declaración de aceptación da cesión e tratamento de datos, en relación coa execución e actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia derivado da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (anexo V).

i) Declaración do compromiso en relación coa execución de actuación do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) (anexo VI).

j) Documentación técnica segundo a natureza da actuación sobre a que se solicita a subvención, que deberá comprender:

1º. Para a execución de actuacións de mellora da accesibilidade en edificios ou espazos públicos deberase achegar a seguinte documentación:

1º.1. Proxecto, anteproxecto ou memoria económica valorada da actuación proposta, axustados á normativa vixente en materia de accesibilidade.

1º.2. Declaración responsable conforme a actuación proposta se axusta á normativa de accesibilidade vixente.

2º. Para a adquisición de subministracións e equipamentos accesibles deberase achegar a seguinte documentación:

2º.1. Memoria económica valorada da actuación proposta, axustada á normativa vixente en materia de accesibilidade.

2º.2. Orzamento detallado, agrupado por partidas, dos gastos necesarios para a execución do proxecto.

2º.3. Declaración responsable conforme o equipamento proposto se axusta á normativa de accesibilidade vixente, de ser o caso.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente polo concello ou a mancomunidade interesada ante calquera Administración. Neste caso, o concello ou a mancomunidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algún dos concellos e mancomunidades interesados presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante da entidade.

c) Certificado de estar ao día no pagamento nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Consulta de inhabilitación para obter subvencións.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

h) Consulta da inscrición no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Instrución do procedemento

1. A instrución do procedemento corresponderalle á Subdirección Xeral de Programas de Apoio á Discapacidade. Este órgano realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. O órgano instrutor examinará o contido da documentación co fin de determinar se as actuacións e os gastos que abranguen son susceptibles de subvención.

Artigo 15. Comisión de Valoración

1. De conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as solicitudes admitidas serán examinadas por unha Comisión de Valoración, coa seguinte composición:

a) Presidente/a: unha persoa funcionaria, con rango de subdirector/a adscrita á Subdirección Xeral de Programas de Apoio á Discapacidade. No caso de ausencia, a suplencia será exercida por unha persoa funcionaria adscrita á Consellería de Política Social e Xuventude co mesmo rango que a persoa titular.

b) Vogal: unha persoa funcionaria, con rango mínimo de xefe/a de servizo da Subdirección Xeral de Programas de Apoio á Discapacidade.

No caso de ausencia, será substituída pola persoa designada pola persoa que exerza a presidencia da Comisión de Valoración.

Na composición da Comisión de Valoración procurarase acadar una presenza equilibrada de homes e mulleres.

2. O/a secretario/a, con voz pero sen voto, será unha persoa funcionaria adscrita á Subdirección Xeral de Programas de Apoio á Discapacidade, nomeada pola persoa que exerza a presidencia da Comisión de Valoración. No caso de ausencia, nomearase outra persoa funcionaria na mesma forma que a titular.

3. Para a determinación do importe da axuda que corresponde procederase do seguinte modo:

a) A Comisión de Valoración determinará cal é o orzamento subvencionable; este será igual á axuda solicitada coa exclusión daqueles gastos que non sexan elixibles ou que non sexan estritamente necesarios para acadar a finalidade da subvención.

b) Ordenaranse os orzamentos presentados segundo a puntuación total acadada, de maior a menor.

c) Irase asignando o importe subvencionable a cada un dos proxectos admitidos seguindo a orde de prelación ata o esgotamento do crédito.

Posteriormente, a Comisión de Valoración emitirá un informe cos resultados da citada avaliación, que presentará ao órgano instrutor para que este formule a correspondente proposta de resolución.

4. En todo caso, non se admitirán a trámite, ditarase a resolución de inadmisión e arquivaranse as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

5. No funcionamento da Comisión aplicaranse as disposicións que regulan os órganos colexiados contidas na Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 16. Proposta de resolución

1. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nesta orde ou na restante normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de desestimación ou inadmisión que proceda, na cal se indicarán as causas desta.

2. En relación con aquelas solicitudes que estean completas e cumpran coas condicións exixidas, o órgano instrutor elaborará, respecto de cada unha delas, un informe en que consten esas circunstancias, que motivarán a súa proposta de resolución. Todas as solicitudes que reúnan os requisitos establecidos na orde serán admitidas e contarán cunha proposta de resolución favorable, sempre que estean dentro do límite orzamentario previsto para atender as axudas reguladas nesta orde.

Artigo 17. Resolución

1. A persoa titular da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude, ditará a correspondente resolución respecto das solicitudes presentadas á vista da proposta do órgano instrutor. No caso de que o seu contido sexa a concesión da subvención, requirirá a fiscalización previa da Intervención Delegada.

2. Na resolución que se dite especificaranse os compromisos asumidos polas entidades beneficiarias, créditos orzamentarios a que se imputa o gasto, contía da subvención individualizada, fondo europeo, eixe, categoría de gasto e porcentaxe de financiamento, compatibilidade ou incompatibilidade con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais, prazos e modos de pagamento da subvención, posibilidade de efectuar pagamentos anticipados e pagamentos á conta, prazo e forma de xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e da aplicación dos fondos percibidos, así como o carácter condicionado da concesión, nos supostos previstos, no artigo 17.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. A resolución motivarase de conformidade co disposto nesta orde e na lexislación vixente en materia de subvencións. Constará da relación de entidades solicitantes ás cales se lles concede a axuda, de maneira expresa e, de ser o caso, a desestimación do resto das solicitudes.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o dito prazo sen que se dite resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude por silencio administrativo.

Artigo 18. Publicación dos actos

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

E serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da consellería (http://politicasocial.xunta.gal).

2. Así mesmo, as notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse de forma complementaria só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, estas notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

5. Estas notificacións complementarias entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Aceptación e renuncia

1. Notificada a resolución de concesión, o concello beneficiario deberá comunicar no prazo de dez días (10) hábiles a súa aceptación e comprometerse a executar a acción subvencionada nas condicións establecidas na presente convocatoria. No caso de non realizarse a dita comunicación no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

2. A renuncia á subvención poderase formular por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Os importes que, se é o caso, resultaren sobrantes por causa de renuncia poderán destinarse ao outorgamento de máis subvencións.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 21. Réxime de recursos

1. As resolucións expresas ou presuntas ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

2. Non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se desestime por silencio o recurso de reposición interposto.

Artigo 22. Modificación da resolución de concesión

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e admitiranse, dentro dos límites xerais establecidos nestas bases, modificacións relativas ao gasto subvencionable, á estrutura de custos inicialmente orzada e ás datas de execución da actuación. Non se admitirán modificacións que dean lugar a unha contía de axuda superior á establecida na resolución de concesión, que desvirtúen a actuación ou que minoren a baremación da axuda de xeito que coa nova puntuación non resultase concedida en réxime de concorrencia competitiva.

2. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade, por proposta do órgano instrutor, logo da correspondente tramitación e, se é o caso, con audiencia da entidade interesada.

3. Cando a entidade beneficiaria da subvención poña de manifesto no trámite de xustificación que se produciron circunstancias que supoñen unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, que non afecten esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que poderían ter dado lugar á modificación da resolución téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa, o órgano concedente poderá aceptar a xustificación presentada, sempre que tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros, conforme o artigo 35.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Esta aceptación polo órgano concedente non exime a entidade beneficiaria das sancións que poidan corresponderlle de conformidade coa citada Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 23. Obrigas dos concellos e mancomunidades beneficiarios

Ademais das obrigas recollidas nos artigos 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e sen prexuízo das demais obrigacións que resulten da normativa aplicable, os concellos e mancomunidades beneficiarios destas axudas están obrigados a:

a) Executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención e o cumprimento dos requisitos e das condicións desta ante o órgano concedente, sen prexuízo da facultade da consellería da Xunta de Galicia con competencia en materia de servizos sociais de comprobar a realización material das actuacións.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a consellería da Xunta de Galicia con competencia en materia de servizos sociais, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos concellos e mancomunidades beneficiarios e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

d) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

e) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con cargo á subvención e a obriga do mantemento da documentación soporte. O soporte da documentación realizarase nos termos que estableza o Ministerio de Facenda de conformidade coa normativa nacional e da Unión Europea, mantendo os requisitos de pista de auditoría de conformidade co artigo 22 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro.

f) As infraestruturas e/ou equipamentos obxecto da actuación subvencionada deberán obter as correspondentes autorizacións establecidas no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, e permanecer destinados ao fin concreto para o que se concedeu a subvención por un período non inferior a 5 anos desde o pagamento final ao beneficiario, tal e como recolle o artigo 29.4.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño. O incumprimento disto dará lugar á revogación da resolución de concesión, ao reintegro das cantidades percibidas e á exixencia dos xuros de demora legalmente establecidos desde o momento do pagamento da subvención.

g) Dar cumprimento á obriga da adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do disposto no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e artigo 20 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Así mesmo, os perceptores de fondos da Unión deben cumprir coas obrigas de información e publicidade que as autoridades competentes establezan relativas ao financiamento do Mecanismo de recuperación e resiliencia, polo que farán mención da orixe deste financiamento e velarán por darlle visibilidade, mediante o emblema da Unión e unha declaración de financiamento adecuado que indique «financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU», en particular cando promovan as accións e os seus resultados, facilitando información coherente, efectiva e proporcionada dirixida a múltiples destinatarios, incluídos os medios de comunicación e o público. En particular, estarán obrigadas a:

1º. Incorporar nun lugar visible do inmoble unha referencia expresa a que a construción ou reforma foi financiada pola Xunta de Galicia (Consellería de Política Social e Xuventude). Esta información debe levar o logotipo oficial da Xunta de Galicia previsto no manual de identidade corporativa (http://www.xunta.gal/identidade-corporativa/descarga-do-manual).

2º. Destacar, nas actividades que realice, nos materiais que reproduzan e utilicen para a difusión ou publicidade do proxecto, o financiamento efectuado pola Administración xeral do Estado, de conformidade co establecido no Manual de imaxe institucional da Administración xeral do Estado e na Guía para a edición e publicación de páxinas web na Administración xeral do Estado.

3º. Incluír a mención da orixe deste financiamento mediante o emblema da Unión e a declaración «financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU», tal como se reflicte no artigo 34 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, de conformidade co establecido no Manual de marca do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (anexo informativo VII).

Todos os carteis e placas deberán colocarse nun lugar ben visible de acceso ao público.

h) Facilitar toda a información que lle requiran a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

i) Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude («bandeiras vermellas») e asegurar a adopción de medidas dirixidas a previr, detectar, comunicar e corrixir a fraude, a corrupción e previr o conflito de intereses e o dobre financiamento.

j) Respectar o principio de «non causar un prexuízo significativo» na execución das actuacións subvencionadas, nos termos do artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2020/2088.

k) Contribuír ao correcto funcionamento da Base de datos nacional de subvencións, en cumprimento do disposto na Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, como ferramenta de consulta no procedemento de concesión de axudas, cumprindo adecuadamente coas obrigacións de subministración de información a esta (Real decreto 130/2019, do 8 de marzo).

l) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

m) Conservar os documentos xustificativos e demais documentación relacionada co financiamento da actuación, en formato electrónico, durante un prazo mínimo de 5 anos a partir da recepción do último pagamento. Este período será de tres anos se o financiamento non supera os 60.000 €.

Artigo 24. Anticipos do pagamento da axuda concedida

1. Os concellos e mancomunidades beneficiarios, unha vez ditada a resolución de concesión da subvención, poderán solicitar un anticipo de ata o 80 % da subvención concedida, en virtude do disposto no artigo 63.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que establece que o Consello da Xunta de Galicia poderá autorizar unha porcentaxe maior á determinada no decreto. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada.

Os concellos e mancomunidades beneficiarios quedarán exonerados de constituír as garantías previstas no Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, Decreto 11/2009, segundo o seu artigo 65.4.c).

Artigo 25. Xustificación da subvención e pagamento da axuda concedida

1. Para os efectos do establecido no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, considerarase gasto realizado cando fose contabilizado o recoñecemento da obriga polo órgano competente da entidade local.

Así pois, para ter dereito ao pagamento da axuda deberá achegarse a documentación xustificativa antes do 5 de decembro de 2023 e a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), de conformidade co disposto no artigo 13.

2. A documentación xustificativa que deberán presentar os concellos e mancomunidades beneficiarios será a seguinte:

a) Solicitude de pagamento efectuada pola entidade beneficiaria (anexo III).

b) Certificación da Intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento para a finalidade para a que foi concedida a axuda.

c) Unha memoria económica xustificativa do custo das actuacións realizadas.

d) Certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace da Alcaldía, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se farán constar, como mínimo de forma detallada, o cumprimento da finalidade da subvención e os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables ás actuacións subvencionadas coa seguinte relación: identificación da persoa acredora, número de factura ou documento equivalente, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente.

e) Certificado da persoa secretaria do concello ou mancomunidade de que a contratación das obras ou equipamentos se realizou conforme a normativa de contratación do sector público.

f) Relación e copia das facturas e dos seus correspondentes xustificantes bancarios de pagamento, relativos ao investimento elixible realizado e que respondan ao orzamento presentado.

g) Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actuación subvencionada, con indicación do importe e da súa procedencia.

h) Acreditación documental, material ou gráfico (fotografías, copias, capturas de pantallas) do cumprimento do deber de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

i) Certificado de fin de obra con base no proxecto de execución asinado por un/unha técnico/a competente.

j) Declaración responsable sobre principios transversais do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (anexo IV), en relación co cumprimento do artigo 5 da Orde HFP/130/2021.

3. Se o importe do gasto subvencionable supera as contías establecidas para o contrato menor na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, deberán remitir copia do expediente de contratación, de ser o caso, e como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, agás que polas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou que o gasto fose realizado con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

4. O investimento xustificado ten que coincidir coa resolución de concesión da subvención, ou coas modificacións autorizadas. Se a xustificación fose inferior ao investimento previsto, sempre que se manteña o cumprimento da finalidade da subvención, minorarase a concesión proporcionalmente ao investimento non xustificado. No caso de que non se xustifique a subvención en prazo, ou de que o executado non cumprise o fin para o que se concedeu a subvención, quedaría revogada na súa totalidade.

5. No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días hábiles, advertíndoa de que, de non facelo, se producirá, logo de resolución, a perda do dereito á subvención concedida e deberá proceder ao reintegro da contía percibida e dos xuros de demora, no caso de terse realizado o pagamento anticipado da axuda.

6. Unha vez xustificada a axuda consonte o previsto anteriormente, procederase ao seu libramento, que se fará nun único pagamento, mediante transferencia bancaria ao número de conta indicado na solicitude. Así pois, o pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acreditase que a actuación subvencionada foi executada de acordo co proxecto presentado e se xustifique correctamente o seu emprego e o cumprimento das obrigas establecidas na presente resolución, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados, para o que se observará o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 26. Incumprimento, reintegro, infraccións e sancións

1. Aos concellos e mancomunidades beneficiarios das subvencións recollidas na presente orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e o previsto polas disposicións nacionais e comunitarias en relación co Mecanismo de recuperación e resiliencia e normativa de desenvolvemento.

2. Producirase a perda do dereito ao pagamento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento da actuación, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de pagamento da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Procederá a perda total do dereito ao pagamento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actuación e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención. Tamén será aplicable no caso de que a actuación xustificada minorase a baremación da axuda, de xeito que coa nova puntuación non resultase concedida en réxime de concorrencia competitiva.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o órgano concedente, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en concreto a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Cuentas, o Consello de Contas e os órganos de control da Comisión Europea, non achegar canta información sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e non permitir as verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013, do Consello ou, se é o caso, ás actuacións de control previstas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

d) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Non comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións e axudas concorrentes coas percibidas. Este suposto orixinará o reintegro do 100 % do importe da subvención recibida, máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.

f) Non comunicarlle ao órgano concedente a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, salvo o establecido no artigo 25.

5. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

6. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con axudas ou subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria.

7. As cantidades que teñan que reintegrar os concellos e mancomunidades beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto no artigo 14.4 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na normativa comunitaria de aplicación.

8. De conformidade co previsto no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a entidade beneficiaria poderá realizar a devolución voluntaria de cantidades indebidamente percibidas mediante ingreso na conta habilitada da Facenda pública galega. O importe da devolución incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ata o momento en que se produza a devolución efectiva por parte da entidade beneficiaria.

No documento de ingreso deberán identificarse o número do expediente, o concepto da devolución, e o nome e NIF da entidade beneficiaria. Unha vez ingresado, deberase comunicar á Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social e Xuventude a devolución voluntaria realizada.

9. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, o órgano concedente poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou aos conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de executar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, se é o caso, e deberanse reintegrar as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable da actuación, entenderase que o dito incumprimento é total, e deberanse reintegrar todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) Suporá o reintegro dun 10 % da subvención concedida o incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para os mesmos gastos.

c) Suporá o reintegro dun 10 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os conceptos financiados con fondos de recuperación.

d) Suporá o reintegro dun 5 % da subvención concedida o incumprimento das obrigas de información, comunicación e visibilidade do apoio procedente dos fondos.

Artigo 27. Comprobación, inspección e control

1. A Consellería da Xunta de Galicia con competencias en materia de política social e xuventude poderá levar a cabo as actividades de comprobación que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta orde.

2. Sen prexuízo do indicado no punto anterior, a consellería poderá realizar, ben con persoal propio ben a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das subvencións. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados nesta orde. O persoal encargado da verificación levantará acta da actuación de control, que asinará a entidade, á cal se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitarlle ao persoal designado copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

3. Ademais do anterior, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos establecidos no título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade responsable dos fondos de recuperación e resiliencia e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e da Oficina Europea de Loita contra a Fraude.

Artigo 28. Medidas antifraude

1. A detección de feitos que poidan ter sido constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria, serán comunicados ao Servizo Nacional de Coordinación Antifraude (SNCA) da Intervención Xeral da Administración do Estado por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto: https://www.conselleriadefacenda.gal/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, nos termos establecidos na Comunicación 1/2017 do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude, do 6 de abril, sobre a forma en que poden proceder as persoas que teñan coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea. A detección de irregularidades pode implicar a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente, tal como se establece no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, e na Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro.

2. Coa finalidade de dar cumprimento ás obrigas que o artigo 22 do Regulamento (UE) nº 241/2021 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, impón a España en relación coa protección dos intereses financeiros da Unión como beneficiario dos fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia, as comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla, como entidades executoras, deberán dispor dun plan de medidas antifraude que lles permita garantir e declarar que, no seu respectivo ámbito de actuación, os fondos correspondentes se utilizaron de conformidade coas normas aplicables, en particular no que se refire á prevención, á detección e á corrección da fraude, á corrupción e aos conflitos de intereses, segundo o estipulado no artigo 6 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro.

3. O presente procedemento de concesión de subvención está suxeito á análise sistemática e automatizada do risco de conflito de intereses prevista na disposición adicional centésimo décimo segunda da Lei 31/2022, do 23 de decembro, e na Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, relativa á análise sistemática do risco de conflito de intereses nos procedementos que executan o Plan de recuperación, transformación e resiliencia. 

De acordo co establecido no artigo 7 da Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, o órgano de concesión poderá solicitar aos solicitantes da axuda a información da súa titularidade real cando a AEAT non dispoña desa información e así o indicase mediante a correspondente bandeira negra, tendo en conta a análise do risco realizada a través da aplicación Minerva. Este suposto non implicará a suspensión automática do procedemento en curso, pero a dita información deberá achegarse ao órgano de concesión da subvención no prazo de 5 días hábiles desde que se formule a solicitude de información. A falta desta información no prazo sinalado será motivo de exclusión do procedemento.

Os datos, unha vez recibidos, serán adecuadamente custodiados de acordo co Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016 (Regulamento xeral de protección de datos), e coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais. A través da aplicación Minerva, o responsable de operación levará a cabo un novo control ex ante do risco de conflito de intereses, indicando, en lugar do solicitante da axuda, os titulares reais recuperados polo órgano de concesión da subvención.

Artigo 29. Información aos concellos e mancomunidades interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social e Xuventude, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (https://politicasocial.xunta.gal/es) e na Guía de procedementos e servizos no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

b) O teléfono 981 54 67 37 da devandita dirección xeral.

c) O enderezo electrónico: programas.discapacidade@xunta.gal

Artigo 30. Base de datos nacional de subvencións

1. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións.

2. A Base de datos nacional de subvencións cederá información ao Sistema de fondos europeos, segundo as previsións contidas na normativa europea e nacional que resulte de aplicación.

Disposición adicional única. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias na persoa titular da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social e Xuventude para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar os gastos e ordenar os correspondentes pagamentos, ao abeiro do establecido no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social e Xuventude para ditar as instrucións e os actos que sexan necesarios para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file