DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Mércores, 26 de xullo de 2023 Páx. 45886

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Calidade Alimentaria

EXTRACTO da Resolución do 11 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR331B).

BDNS (Identif.): 709360.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán acceder á condición de entidades beneficiarias das subvencións obxecto desta resolución as persoas físicas ou xurídicas, incluídas as administracións públicas, que formen parte dun grupo operativo da AEI-Agri (GO), constituído para a preparación e execución dun ou máis proxectos dirixidos á modernización do sector agroalimentario ou forestal, así como os grupos operativos da AEI constituídos como unha entidade xurídica.

2. Poderán ser entidades beneficiarias os membros do grupo operativo que teñan a condición de:

• Produtores agrarios e forestais e as súas agrupacións ou asociacións ou redes.

• Empresas ou industrias do sector agroalimentario e forestal e as súas agrupacións ou asociacións que teñan a consideración de pemes.

• Cooperativas agrarias e as súas asociacións ou federacións.

• Comunidades de regantes.

• Centros de investigación e experimentación, centros tecnolóxicos, universidades e outras entidades que recollan no seu obxectivo social a innovación, investigación e/ou experimentación en áreas agropecuarias, forestal, agroindustrial (incluíndo industria forestal) ou de calidade agroalimentaria.

• Asesores e/ou axentes de innovación.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións para a execución de proxectos innovadores de grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI) en materia de produtividade e sustentabilidade agrícolas, e convocar estas axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para o ano 2023. O seu código de procedemento é MR331B.

En ningún caso se financiarán proxectos de investigación básica ou fundamental nin investigacións independentes.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 11 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR331B).

Cuarto. Importe

1. O financiamento das iniciativas de cooperación seleccionadas ao abeiro desta convocatoria imputarase á aplicación orzamentaria 14.A2.561A.770.0, código de proxecto 2023 00002, por un valor total de 5.580.000,00 euros, distribuídos nas seguintes anualidades: 279.000,00 € en 2023, 1.953.000,00 € en 2024, 1.953.000,00 € en 2025 e 1.395.000,00 € na anualidade 2026.

De acordo co artigo 25.2 do Decreto11/2009, do 8 de xaneiro, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión das subvencións.

2. A dita aplicación orzamentaria poderá ser incrementada con fondos adicionais comunitarios, estatais e da Comunidade Autónoma de Galicia. De acordo co artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e co artigo 30.2 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, poderanse utilizar outros remanentes que poidan existir doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

3. As axudas están financiadas con fondos Feader nun 80 %, con fondos propios da Xunta de Galicia nun 14 % e con fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación nun 6 %.

A determinación da contía das axudas realizarase en función do número de solicitudes presentadas e da dispoñibilidade orzamentaria, de acordo cos criterios de priorización que se establecen no artigo 21 da resolución.

A intensidade da axuda á execución de proxectos de grupos operativos da AEI será do 100 % dos custos subvencionables.

A contía máxima subvencionada en cada iniciativa de cooperación será de 180.000 euros. Esta cantidade inclúe o máximo de 3.000 euros para a fase de preparación.

Quinto. Obriga de relacionarse electronicamente

Tanto a presentación das solicitudes de axuda como os demais trámites necesarios para a xestión deste procedemento administrativo, incluídos os requirimentos de emenda e as notificacións, faranse a través de medios electrónicos, nos termos previstos nestas bases reguladoras.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2023

José Luis Cabarcos Corral
Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria