DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Luns, 31 de xullo de 2023 Páx. 46334

III. Outras disposicións

Presidencia da Xunta de Galicia

RESOLUCIÓN do 10 de xullo de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a participación no programa Reencontros con Galicia dirixido a persoas emigrantes maiores de 65 anos que residan en América, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento EM926G).

Segundo o establecido no artigo 27 do Decreto 108/2022, do 16 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional primeira do Decreto 108/2022, do 16 de xuño, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A Secretaría Xeral da Emigración ten como un dos seus obxectivos promover a participación de toda a colectividade galega no exterior na nosa vida cultural e social. Na realización de todas estas funcións, a Secretaría Xeral da Emigración conta con distintas liñas de axudas e subvencións baseadas nos principios de publicidade e concorrencia, segundo os criterios establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con cargo aos fondos públicos.

Neste contexto enmárcase esta resolución pola cal se convoca e se regula o programa de viaxes Reencontros con Galicia, que lles permite a persoas emigrantes galegas de 65 anos ou máis, residentes en América e con baixos recursos económicos, reencontrarse coa terra que os viu nacer.

Para acadar esta finalidade cóntase coa colaboración da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 108/2022, do 16 de xuño, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas correspondentes ao programa Reencontros con Galicia para o ano 2023, que ten por finalidade facilitarlles ás persoas maiores da Galicia exterior, mediante un período de estadía na residencia dependente da Xunta de Galicia en Panxón (Nigrán) e posteriormente coas súas familias, o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares.

As axudas consistirán no financiamento do custo da viaxe de ida e volta desde os seus países de residencia ata Galicia e da estadía na residencia das persoas emigrantes galegas con escasos recursos económicos.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución convocar estas axudas para o ano 2023, código de procedemento EM926G.

3. Co fin de lograr a efectiva difusión deste programa para vindeiras convocatorias e co obxectivo de garantir os principios de transparencia, accesibilidade da información e veracidade (artigo 2 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno), recolleranse experiencias e mesmo imaxes das instalacións e das persoas participantes que poderán ser empregadas para noticias contidas en xornais e publicacións e, mesmo, divulgadas tanto a través de servizos da sociedade da información como na páxina web: https://emigracion.xunta.gal

Para estes efectos, a presentación da solicitude de participación implica a autorización para a publicación destas imaxes, que serán incorporadas ao ficheiro «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», de acordo co previsto na información básica sobre a protección de datos persoais que figura no anexo II.

Artigo 2. Número de prazas convocadas e características do programa

1. Convócanse 119 prazas, para emigrantes maiores de 65 anos residentes en América, para unha estadía na residencia de tempo libre de Panxón (Nigrán-Pontevedra) de 11 días, entre o 9 e o 19 de outubro, durante os cales participarán no desenvolvemento dun programa de actividades socioculturais deseñado para contribuír ao coñecemento da cultura galega e o fortalecemento dos vínculos de unión cos seus familiares e a súa terra natal.

A asignación inicial do número de prazas para os distintos países reflíctese no anexo I.

As persoas participantes poderán optar entre regresar ao seus países de residencia o día do remate das actividades previstas ou 15 días despois. Para o caso de que desexen prorrogar a súa estadía coa súa familia 15 días, todos os gastos durante o tempo que permanezan desde que abandonan o establecemento residencial ata o embarque no aeroporto de regreso serán pola súa conta.

2. A prestación sanitaria das persoas beneficiarias realizarase de acordo coa lexislación aplicable nesta materia e cos convenios subscritos polo Estado español e a Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, as persoas acompañantes traerán contratado un seguro médico suficiente.

Por outra banda, tendo en conta que a residencia de tempo libre de Panxón non conta con servizo médico, está previsto que as persoas participantes estean asistidas en todo momento durante o desenvolvemento do programa por unha persoa titulada en Medicina, que viaxará a Galicia desde Bos Aires co grupo procedente da Arxentina; entre as funcións que vai realizar están as de prestar os primeiros auxilios médicos, así como acompañar os participantes en todas as actividades que se realicen no desenvolvemento do programa. Esta persoa facultativa porase ao seu dispor desde a súa chegada a Galicia ata o día 19 de outubro, polo cal non percibirá honorarios nin contraprestación ningunha. A súa selección realizarase, tendo en conta a súa antigüidade e a experiencia en programas similares, na Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires, que o comunicará a esta secretaría xeral para a confirmación da súa designación.

3. A Consellería de Política Social e Xuventude colabora na execución deste programa poñendo á disposición das persoas participantes os servizos de aloxamento e manutención en réxime de pensión completa na residencia de tempo libre de Panxón, á cal está adscrita. A residencia dispón de 39 habitacións dobres, 29 triplas e 4 cuádruplas. Na medida do posible, disporase dalgunhas delas para uso individual.

4. A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo da organización e financiamento total ou parcial, segundo o sinalado no anexo I, dos traslados de ida e volta en avión de todas as persoas participantes desde os lugares de partida en América, así como tamén dos desprazamentos terrestres desde os aeroportos de chegada a Galicia ata o lugar de residencia e os de retorno daquelas persoas que escollan a opción de regreso o día da finalización da actividade.

5. Con carácter previo á realización da viaxe a Galicia, as persoas seleccionadas serán informadas, de ser posible, a través da súa asistencia ás reunións que se celebren nos seus países de residencia, do réxime interno da residencia onde serán aloxadas, actividades previstas e demais cuestións relativas ao programa.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias deste programa as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ser unha persoa emigrante galega.

b) Ter a nacionalidade española.

c) Residir en América de maneira continuada, como mínimo, durante os dez (10) últimos anos naturais (2013-2023).

d) Ter 65 anos feitos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

e) Non ter participado nos últimos cinco (5) anos naturais en programas de viaxes a Galicia organizados pola Secretaría Xeral da Emigración, isto é, desde 2018 en diante.

f) Valerse por si mesmas e non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia, e estar en condicións de realizar unha viaxe de longa duración, circunstancias que deberán acreditar mediante os correspondentes certificados médicos.

g) Ter uns ingresos persoais inferiores a tres veces o importe das bases de cálculo da prestación por razón de necesidade do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións do Estado español para o ano 2023, segundo o país de residencia. Se a persoa solicitante convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número de persoas que convivan menos unha.

Para optar ás prazas coas viaxes financiadas ao cen por cento pola Secretaría Xeral da Emigración, o límite máximo de ingresos da persoa solicitante non poderán superar a contía resultante de multiplicar por 2,5 o importe das bases de cálculo da prestación por razón de necesidade do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións do Estado español para o ano 2023, segundo o país de residencia, e no caso de que conviva con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía determinada pola suma dese límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número de persoas que convivan menos unha. O resto das persoas solicitantes terá que pagar cincocentos (500) euros para contribuír aos gastos do desprazamento desde o país de orixe ata Galicia.

Terán a consideración de rendas ou ingresos computables todo tipo de rendas, mesmo as axudas públicas ou privadas, os bens ou dereitos de que dispoña anualmente a persoa beneficiaria e/ou a súa unidade económica familiar, derivadas tanto do traballo coma do capital, así coma calquera outro substitutivo daqueles.

Entenderase como unidade económica familiar a integrada pola persoa solicitante e, de ser o caso, o seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade, así como os/as fillos/as e parentes por consanguinidade ou adopción ata o segundo grao, sempre que convivan coa persoa solicitante.

h) Contar co consentimento de familiares ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade para que residan con eles se deciden prolongar a súa estadía en Galicia.

2. As persoas solicitantes poderán vir acompañadas polas unidas a elas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade, coa condición de que teñan a súa residencia en América, leven convivindo coa persoa solicitante polo menos un ano, cumpran os requisitos establecidos nas alíneas e) e f) e presenten a documentación xustificativa.

O feito de levar convivindo polo menos un ano poderase probar por medio da inscrición no rexistro correspondente, por manifestación expresa mediante acta de notoriedade ou por calquera outro medio admisible en dereito. Para o caso de ter descendencia en común, chegará con acreditar a convivencia.

Artigo 4. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e/ou carezan dos medios técnicos e así o desexen poderán dirixirse aos consulados de España, ou ben ás delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo e ás entidades colaboradoras que se indican a seguir, nas cales existen persoas habilitadas para facilitar o asesoramento e a presentación electrónica das súas solicitudes:

• En Brasil:

– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.

– Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.

– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.

– Asociación Cultural Cabaleiros de Santiago, en Salvador de Bahía.

• En Cuba:

– Federación de Sociedades Galegas na Habana.

• En Venezuela:

– Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.

Para o caso de que as persoas solicitantes acudan a algunha desas entidades para que presenten a súa solicitude na sede electrónica da Xunta de Galicia no seu nome, autorizarán a persoa que designasen na correspondente epígrafe do modelo normalizado de anexo II.

2. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, mesmo o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Cada persoa participante só poderá presentar unha solicitude e nela fará constar a súa preferencia para o regreso: ao remate da actividade ou aos 15 días desde o día da finalización das actividades do programa.

4. A presentación da solicitude implica a aceptación das normas deste procedemento.

Artigo 5. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa súa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade, mediante o pasaporte español ou outro documento en que consten os seus datos persoais de identificación e a nacionalidade española.

b) Documentación acreditativa do lugar e data de nacemento, para o caso de que estes datos non estean especificados na documentación anterior.

c) Unha fotografía recente tamaño carné.

d) Certificado do Rexistro de Matrícula Consular como residente no país de América que corresponda, no cal conste a data de inscrición ou outro documento acreditativo da súa residencia en América de xeito continuado, polo menos, durante os últimos 10 anos.

e) Certificado médico, conforme o modelo oficial que figura como anexo III, no cal conste que a persoa solicitante se vale por si mesma, non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

f) Xustificantes acreditativos dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que percibira a persoa solicitante nos meses de abril, maio e xuño deste ano e os demais membros da unidade económica familiar, que resulten suficientes para acreditar que non superan o triplo do importe das bases de cálculo da prestación por razón de necesidade do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións do Estado español para o ano 2023, segundo o país de residencia.

g) Libro de familia, se procede. Na súa falta, presentarase a documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga de afectividade e do nacemento do resto de membros da unidade económica familiar.

h) Documento en que conste se a persoa solicitante é beneficiaria da prestación por razón de necesidade do Estado español. De non presentalo, entenderase que desiste da aplicación do criterio de selección sinalado no punto 6 do artigo 9 desta resolución.

i) Declaración da persoa acompañante segundo o modelo do anexo IV, se for o caso.

j) Consentimento, segundo o modelo do anexo V, asinado polos familiares de ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade para que as persoas que así o indiquen na súa solicitude poidan residir con eles durante 15 días posteriores á finalización da súa estadía no centro residencial dependente da Xunta de Galicia. Este anexo poderá ser presentado directamente pola persoa asinante en Galicia, para a súa incorporación ao expediente de solicitude do familiar solicitante.

2. Para o caso de que a persoa solicitante desexe vir acompañada da persoa unida a ela por matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade, esta deberá presentar, debidamente cuberto, o anexo IV que se indica na alínea i) do punto 1 deste artigo, xunto coa súa seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da identidade: pasaporte ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade.

b) Certificado médico, segundo o modelo incluído no anexo III, conforme é válida por si mesma e non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia, e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

c) Unha fotografía recente, tamaño carné.

d) Documentación acreditativa da súa residencia, lugar e da data de nacemento.

e) Para os efectos de acreditar a convivencia coa persoa solicitante de, polo menos, un ano, deberán achegar a documentación establecida no artigo 3.2.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos de xeito electrónico a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os referidos documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos de xeito separado da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas participantes unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos poderán presentalos de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI da persoa solicitante, de ser o caso.

2. Para o caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, para o caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Comisión avaliadora

1. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado formado por tres persoas funcionarias da Secretaría Xeral da Emigración: unha que exerce a presidencia, unha que exerce a vogalía e outra que actúa como secretaria, designadas pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración. Para o caso de ausencia dalgunha das persoas integrantes da Comisión de Avaliación, poderá ser substituída pola persoa funcionaria que para o efecto designe o/a titular da Secretaría Xeral da Emigración.

2. Para as solicitudes presentadas na Arxentina e Uruguai poderanse crear comisións de avaliación, presididas polas persoas titulares das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, respectivamente.

3. Os expedientes que non sexan examinados polas comisións mencionadas no punto 2 serano pola Comisión de Avaliación indicada no punto 1.

4. Se algunha das comisións de avaliación citadas así o considera, poderá encargar informes que comproben a veracidade dos datos achegados nas solicitudes e que deberán realizar traballadores sociais ou outros profesionais titulados. Os resultados obtidos serán tidos en conta na avaliación das solicitudes e, de ser o caso, darán lugar ao rexeitamento da solicitude.

5. Unha vez examinados os expedientes polas comisións previstas nos puntos anteriores, a Comisión de Avaliación citada no punto 1 elaborará un informe que elevará ao órgano instrutor para que formule a correspondente proposta de resolución.

6. O funcionamento da Comisión de Avaliación rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I, título I, da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 9. Instrución

1. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, e demais normativa de aplicación.

2. O órgano instrutor será a persoa titular da subdirección xeral competente en materia de programas sociais.

3. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes e comprobado que as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta resolución, elaboraranse listas provisionais de solicitudes admitidas e inadmitidas por países, con indicación, de ser o caso, da documentación que deben achegar e prazo, así como das causas de inadmisión. Estas listas serán publicadas no prazo máximo de 50 días desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal), e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das delegacións da Xunta de Galicia e as entidades colaboradoras citadas no artigo 4.1.

4. As persoas interesadas disporán dun prazo de 10 días hábiles desde o día seguinte ao da publicación na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración das listas provisionais (https://emigracion.xunta.gal) para formular as alegacións que consideren oportunas e para emendar a solicitude. Transcorrido ese prazo sen que as persoas solicitantes acheguen a documentación indicada, consideraranse desistidas da súa petición e arquivarase o seu expediente nos termos establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas.

5. Transcorrido este prazo publicaranse na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal), e nos taboleiros de anuncios das delegacións da Xunta de Galicia e entidades colaboradoras citadas no artigo 4.1, as listas definitivas de solicitudes admitidas, con indicación do tipo de financiamento, e inadmitidas por países.

6. Nos seguintes días, a correspondente Comisión Avaliadora elaborará unha relación das persoas admitidas seleccionadas por países, atendendo aos seguintes criterios de prelación:

– En primeiro lugar, terán preferencia as persoas que neste ano sexan beneficiarias da prestación económica por razón de necesidade.

– En segundo lugar, aquelas persoas que nunca participaron en programas de viaxes da Secretaría Xeral da Emigración.

– En terceiro lugar, terán preferencia as de maior idade.

A selección dunha persoa solicitante comportará a da persoa unida a ela por matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade, sempre que esta presentase a súa solicitude e reúna os requisitos establecidos no artigo 3.2.

7. Seguindo os criterios anteriores, ordenaranse as solicitudes admitidas, que darán lugar ás listas de persoas seleccionadas de acordo co número de prazas asignadas a cada país no anexo I.

As persoas solicitantes admitidas e que non sexan seleccionadas pasarán a unha listaxe de reservas na orde resultante da aplicación dos criterios de selección anteriormente expostos.

8. Esas listaxes de persoas seleccionadas e de reserva, por países, publicarase na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal) co fin de que, nun prazo de 10 días, as persoas afectadas poidan presentar, de ser o caso, a súa renuncia. Neste último suposto, as prazas serán cubertas con persoas da lista de reserva dese país, seguindo a orde de prelación.

9. Se nalgún país con prazas asignadas quedan vacantes por falta de solicitudes, aquelas poderán ser distribuídas proporcionalmente, pola Secretaría Xeral da Emigración, comezando por aqueles países que teñan un maior número de solicitudes admitidas en relación co tipo de prazas ofertadas, ata un máximo dun 25 % do total das prazas.

10. Ao finalizar este proceso, a comisión avaliadora elaborará un informe que presentará ao órgano instrutor para que este, pola súa vez, lle eleve á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a correspondente proposta de resolución.

Artigo 10. Resolucións

1. Á vista da proposta de resolución do órgano instrutor, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, no uso das competencias que lle atribúe o Decreto 108/2022, do 16 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección competentes da Presidencia da Xunta de Galicia (DOG núm. 117, do 20 de xuño), ditará as resolucións oportunas.

A seguir, publicarase a relación das persoas beneficiarias na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal), que tamén estará exposta nos taboleiros de anuncios das delegacións e entidades colaboradoras citadas no artigo 4.1.

2. No caso de que con posterioridade á resolución, por renuncias ou outras circunstancias que imposibiliten a viaxe, queden prazas sen cubrir, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá resolver, nas condicións que considere oportunas, para non prexudicar o desenvolvemento normal do programa, a adxudicación das prazas vacantes ás persoas solicitantes seguintes que figuren na lista de reserva.

3. O prazo máximo para resolver será de 3 meses contados desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se diten as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Os datos das persoas beneficiarias da subvención incorporaranse ao Rexistro Público de Subvencións da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia- Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Con carácter xeral, as persoas adxudicatarias das prazas convocadas por esta resolución quedan obrigadas a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, en concreto ás recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As persoas adxudicatarias das prazas quedan obrigadas a respectar as normas de réxime interno da residencia, así como todas aquelas que se lles dean no transcurso das actividades, nas cales, en todo caso, terán a obriga de participar. Non cumprir estas normas poderá ter como consecuencia a expulsión da actividade e o regreso ao seu país de orixe no primeiro voo dispoñible.

3. No suposto de que as persoas beneficiarias presenten a baixa ou renuncia ao programa, deberán comunicarllo por escrito á Secretaría Xeral da Emigración, cunha antelación de 10 días á data da viaxe, detallando a causa da renuncia. De non ser así, poderán ser penalizadas con non seren beneficiarias de edicións futuras do programa e, no caso de ter aboado a cantidade correspondente, non poderán recuperala.

Artigo 13. Concorrencia de axudas, seguimento e modificación da resolución

1. As axudas outorgadas ao abeiro desta resolución son compatibles con calquera outra axuda que poida ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que vai levar a cabo a persoa beneficiaria.

2. A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento das axudas concedidas ao abeiro desta resolución. Para realizar as devanditas funcións poderán utilizarse cantos medios estean á disposición da Secretaría Xeral da Emigración para comprobar os requisitos exixidos na correspondente convocatoria anual e demais normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal as persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta resolución prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida.

3. As persoas beneficiarias quedan obrigadas a comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas, e a Secretaría Xeral da Emigración poderá adoptar a resolución de modificación ou revogación da concesión que corresponda.

Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e ao Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino destas axudas.

4. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora, nos casos de incumprimento das bases da convocatoria nos termos e supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Nos supostos en que se declare a procedencia do reintegro considerarase como cantidade recibida, que haberá que reintegrar, o importe dos billetes pagados pola Secretaría Xeral da Emigración xunto cos correspondentes xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 3.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Financiamento

As axudas do presente programa teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización do gasto. Os servizos que se lles prestan aos participantes neste programa serán obxecto de licitación de acordo coa normativa de contratos do sector público.

Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Transparencia e bo goberno

1. Deberá dárselles cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 17. Réxime de recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento do establecido nesta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2023

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

ANEXO I

A distribución das prazas do programa Reencontros con Galicia por países é a seguinte:

País

Prazas financiadas 100 %

Prazas copagamento 500 €

Total prazas

Arxentina

39

5

44

Brasil

10

5

15

Cuba

10

0

10

Uruguai

20

5

25

Venezuela

20

0

20

Resto América

3

2

5

Total

102

17

119

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file