DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Xoves, 3 de agosto de 2023 Páx. 46883

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

DECRETO 118/2023, do 27 de xullo, polo que se modifica o Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, concretou, entre outros aspectos, o deseño e a estrutura curricular da etapa de bacharelato de acordo co disposto na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e no Real decreto 243/2022, do 5 de abril, polo que se establecen a ordenación e as ensinanzas mínimas do bacharelato.

Nos artigos 10 e 11, correspondentes ambos ao capítulo I, Organización, do título I, Organización e desenvolvemento, o Decreto 157/2022, do 15 de setembro, determinou as materias para cada curso da etapa de bacharelato.

O artigo 10 concretou a organización do primeiro curso indicando as materias comúns, as materias, obrigatorias e de opción, de cada unha das modalidades, e indicou que todo o alumnado debe cursar unha materia optativa en función da oferta dos centros docentes, de entre as seguintes: Anatomía Aplicada; Antropoloxía; Cultura Científica; Segunda Lingua Estranxeira I; Literatura Galega do Século XX e da Actualidade; Tecnoloxías da Información e da Comunicación I, ou calquera das materias de modalidade de primeiro curso das enumeradas nos puntos 2, 3, 4, 5 e 6 do dito artigo.

O artigo 11 concretou a organización para o segundo curso, determinando as materias comúns, as materias, obrigatorias e de opción, de cada unha das modalidades, e indicou que todo o alumnado debe cursar unha materia optativa en función da oferta dos centros docentes, de entre as seguintes: Métodos Estatísticos e Numéricos; Psicoloxía; Segunda Lingua Estranxeira II; Tecnoloxías da Información e da Comunicación II; Xeografía, Historia, Arte e Patrimonio de Galicia, ou calquera das materias de modalidade de segundo curso das enumeradas nos puntos 2, 3, 4, 5 e 6 do dito artigo.

O desenvolvemento curricular en materia educativa representa para a Comunidade Autónoma de Galicia un importante desafío pero tamén unha grande oportunidade para acometer os cambios precisos de cara a que as ensinanzas do sistema educativo galego se adapten aos requirimentos normativos estatais e, ao mesmo tempo, se sitúen un paso por diante das necesidades presentes e futuras que demanda a sociedade galega, conforme as directrices determinadas pola Unión Europea e pola Unesco para a década 2020-2030.

Nesa dirección de adaptación aos posibles cambios sociais e á nosa propia realidade, cómpre determinar unha formulación aberta, que posibilite a incorporación, a través de novas materias optativas que amplíen as opcións de configuración da oferta dos centros e de elección para o alumnado, doutros coñecementos ou competencias que poidan xurdir ou facerse necesarios para que o alumnado acade os obxectivos educativos establecidos no bacharelato.

Por outra banda, o Real decreto 205/2023, do 28 de marzo, polo que se establecen medidas relativas á transición entre plans de estudos, como consecuencia da aplicación da Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificou na súa disposición derradeira primeira o Real decreto 243/2022, do 5 de abril, afectando deste modo a regulación do Decreto 157/2022, do 15 de setembro.

En relación co exposto, precísase unha modificación do Decreto 157/2022, do 15 de setembro, que regule a posibilidade de ampliar a oferta de materias optativas no bacharelato e adapte o texto normativo á modificación do Real decreto 243/2022, do 5 de abril.

Desde o punto de vista da mellora da calidade normativa, este decreto adecúase aos principios de boa regulación previstos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como aos principios de necesidade, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, accesibilidade, simplicidade e eficacia, que se recollen no artigo 37 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

No que se refire aos principios de necesidade e eficacia, trátase dunha norma necesaria para adaptar o Decreto 157/2022, do 15 de setembro, á entrada de novas materias optativas, así como para introducir as modificacións do Real decreto 243/2022, do 5 de abril. De acordo co principio de proporcionalidade, contén a regulación imprescindible para cumprir co seu obxecto, ao non existir ningunha alternativa reguladora menos restritiva de dereitos. Conforme o principio de seguridade xurídica, resulta coherente co ordenamento xurídico actual. Cumpre cos principios de transparencia e accesibilidade, que se garantiron a través da exposición do proxecto no Portal de transparencia da Xunta de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 41.5 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Así mesmo, respéctanse os principios de eficiencia e simplicidade, ao permitir unha xestión máis eficiente dos recursos públicos e non prever cargas administrativas para os destinatarios.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, en exercicio das facultades outorgadas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, consultado o Consello Escolar de Galicia, de acordo co Consello Consultivo, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e sete de xullo de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia

O Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, queda modificado como segue:

Un. Engádese o número 8 ao artigo 10, que queda redactado como segue:

«8. A persoa titular da consellería con competencias en materia de educación poderá ampliar a oferta de materias optativas a que se refire o número 7 deste artigo e establecerá o seu currículo de acordo co estipulado neste decreto».

Dous. Engádese o número 8 ao artigo 11, que queda redactado como segue:

«8. A persoa titular da consellería con competencias en materia de educación poderá ampliar a oferta de materias optativas aque se refire o número 7 deste artigo e establecerá o seu currículo de acordo co estipulado neste decreto».

Tres. Modifícase o número 2 da disposición adicional terceira, que queda redactado como segue:

«2. Co fin de adaptar a oferta do bacharelato ao principio de flexibilidade que rexe a educación de persoas adultas, na oferta que realice a consellería con competencias en materia de educación para as devanditas persoas adultas non será de aplicación o disposto nos puntos 2, 3 e 4 do artigo 23».

Catro. Modifícase a disposición transitoria única, que queda redactada como segue:

«1. O Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, será de aplicación no segundo curso de bacharelato, durante o curso académico 2022/23, sen prexuízo do disposto na disposición transitoria segunda do Real decreto 243/2022, do 5 de abril.

2. Non obstante, as probas para a obtención directa do título de bacharel que se realicen ata finais do curso 2023/24 organizaranse baseándose no currículo do Decreto 86/2015, do 25 de xuño».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de xullo de dous mil vinte e tres

O presidente
P.S. (Artigo 33 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro)
Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades