DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Xoves, 3 de agosto de 2023 Páx. 46879

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

DECRETO 117/2023, do 27 de xullo, polo que se modifica o Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, concretou, entre outros aspectos, o deseño e a estrutura curricular da etapa de educación secundaria obrigatoria de acordo co disposto na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e no Real decreto 217/2022, do 29 de marzo, polo que se establecen a ordenación e as ensinanzas mínimas da educación secundaria obrigatoria.

Nos artigos 9 e 10, correspondentes ambos ao capítulo I, Organización, do título I, Organización e desenvolvemento, o Decreto 156/2022, do 15 de setembro, determinou as materias para cada un dos catro cursos da etapa. O artigo 9 concretou a organización de materias para os tres primeiros cursos que todo alumnado debe cursar no primeiro, segundo e terceiro cursos da educación secundaria obrigatoria, coa indicación de que, no terceiro curso, o alumnado debe elixir unha materia optativa de entre Cultura Clásica, Educación Dixital, Oratoria ou Segunda Lingua Estranxeira.

O artigo 10 concretou a organización, neste caso, para o cuarto curso, determinando as materias que todo alumnado debe cursar no último curso da etapa, coa indicación de que o alumnado debe elixir unha materia optativa en función da oferta dos centros docentes, de entre Cultura Clásica –se non foi cursada no terceiro curso–, Filosofía, Oratoria –se non foi cursada no terceiro curso– ou unha materia de opción non cursada das enumeradas na letra g) do número 1 do artigo 10 do Decreto 156/2022, do 15 de setembro.

O desenvolvemento curricular en materia educativa representa para a Comunidade Autónoma de Galicia un importante desafío pero tamén unha grande oportunidade para acometer os cambios precisos de cara a que as ensinanzas do sistema educativo galego se adapten aos requirimentos normativos estatais e, ao mesmo tempo, se sitúen un paso por diante das necesidades presentes e futuras que demanda a sociedade galega, conforme as directrices determinadas pola Unión Europea e pola Unesco para a década 2020-2030.

Nesa dirección de adaptación aos posibles cambios sociais e á nosa propia realidade, cómpre determinar unha formulación aberta, que posibilite a incorporación, a través de novas materias optativas que amplíen as opcións de configuración da oferta dos centros e de elección para o alumnado, doutros coñecementos ou competencias que poidan xurdir ou facerse necesarias para que o alumnado logre os obxectivos educativos establecidos na etapa de educación secundaria obrigatoria.

Desde o punto de vista da mellora da calidade normativa, este decreto adecúase aos principios de boa regulación previstos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como aos principios de necesidade, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, accesibilidade, simplicidade e eficacia, que se recollen no artigo 37 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

No que se refire aos principios de necesidade e eficacia, trátase dunha norma necesaria para adaptar o Decreto 156/2022, do 15 de setembro, á entrada de novas materias optativas. De acordo co principio de proporcionalidade, contén a regulación imprescindible para cumprir co seu obxecto, ao non existir ningunha alternativa reguladora menos restritiva de dereitos. Conforme ao principio de seguridade xurídica, resulta coherente co ordenamento xurídico actual. Cumpre cos principios de transparencia e accesibilidade, que se garantiron a través da exposición do proxecto no Portal de transparencia da Xunta de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 41.5 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Así mesmo, respéctanse os principios de eficiencia e simplicidade, ao permitir unha xestión máis eficiente dos recursos públicos e non prever cargas administrativas para os destinatarios.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, en exercicio das facultades outorgadas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, consultado o Consello Escolar de Galicia, de acordo co Consello Consultivo, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e sete de xullo de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia

O Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, queda modificado como segue:

Un. Modifícase o número 5 do artigo 9, que queda redactado como segue:

«5. Os centros docentes deberán ofrecer a totalidade das materias optativas. Só se poderá limitar a elección destas materias por parte do alumnado cando haxa un número insuficiente deste segundo os criterios que determine a consellería con competencias en materia de educación, e que terán en conta o carácter específico dos ámbitos rurais.».

Dous. Engádese o número 6 ao artigo 9, que queda redactado como segue:

«6. A persoa titular da consellería con competencias en materia de educación poderá ampliar a oferta de materias optativas a que se refire a letra l) do número 3 deste artigo e establecerá o seu currículo de acordo co estipulado neste decreto.».

Tres. Modifícase o número 3 do artigo 10, que queda redactado como segue:

«3. O cuarto curso terá carácter orientador, tanto para os estudos postobrigatorios como para a incorporación á vida laboral. Coa finalidade de orientar a elección das alumnas e dos alumnos, os centros docentes, na configuración da súa oferta, poderán establecer agrupacións das materias mencionadas no punto 1.g) e das materias optativas en itinerarios, orientados cara ás diferentes modalidades de bacharelato e os diversos campos da formación profesional, fomentando a presenza equilibrada de ambos os sexos nas diferentes ramas de estudo. En todo caso, o alumnado deberá poder alcanzar, por calquera dos itinerarios que se establezan, o nivel de adquisición das competencias clave establecido para a educación secundaria obrigatoria no perfil de saída do alumnado ao termo do ensino básico.».

Catro. Modifícase o número 4 do artigo 10, que queda redactado como segue:

«4. Os centros docentes deberán ofrecer a totalidade das materias de opción citadas no punto 1.g) e poderán ofrecer as materias optativas nos termos que estableza a consellería con competencias en materia de educación.

Só se poderá limitar a elección de materias por parte do alumnado cando haxa un número insuficiente deste para algunha das materias ou itinerarios, segundo os criterios que determine a consellería con competencias en materia de educación, e que terán en conta o carácter específico dos ámbitos rurais.».

Cinco. Engádese o número 5 ao artigo 10, que queda redactado como segue:

«5. A persoa titular da consellería con competencias en materia de educación poderá ampliar a oferta de materias optativas a que se refire a letra h) do número 1 deste artigo e establecerá o seu currículo de acordo co estipulado neste decreto.».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de xullo de dous mil vinte e tres

O presidente
P.S. (Artigo 33 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro)
Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades