Mediante a Orde da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria do 28 de xullo de 2017 autorizouse a apertura e o funcionamento temporal do centro privado estranxeiro Eleven School, situado en Vigo, co fin de impartir ensinanzas do currículo nacional de Inglaterra e País de Gales para alumnado español e estranxeiro, autorización prorrogada mediante distintas ordes desta consellería.
A titularidade do centro educativo solicita a modificación da autorización e achega un certificado de acreditación do British Council en que consta que o centro reúne os requisitos para impartir as ensinanzas a alumnado desde Year 7 (de 11 a 12 anos de idade) a Year 11 (de 15 a 16 anos de idade) para 45 postos escolares. A capacidade total do centro é de 245 postos escolares, válido ata o 9 de xuño de 2025, do Currículo nacional de Inglaterra.
Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España, así como no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e na Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,
DISPOÑO:
Artigo 1. Modificación da autorización
Modificar a autorización do centro privado estranxeiro Eleven School conforme a seguinte configuración:
Denominación xenérica: centro privado estranxeiro (Cprex).
Denominación específica: Eleven School.
Código do centro: 36024963.
Titular: Eleven School, S.L.
Enderezo: Camiño Real, nº 10, Parada.
Parroquia: Matamá (San Pedro).
Concello: Vigo.
Código postal: 36213.
Provincia: Pontevedra.
Composición resultante:
Ensinanzas do sistema educativo do Reino Unido a alumnado español e estranxeiro:
• Nursery (de 3 a 4 anos de idade) a Year 6 (de 10 a 11 anos de idade), para 150 postos escolares.
• Year 7 (de 11 a 12 anos de idade) a Year 11 (de 15 a 16 anos de idade), para 45 postos escolares.
Artigo 2. Ensinanzas de lingua e cultura
O centro deberá complementar as ensinanzas autorizadas, de niveis equivalentes aos obrigatorios do sistema educativo español, con ensinanzas de lingua española e de lingua galega, que deberán impartirse co mesmo deseño e horario establecidos nos correspondentes decretos da Comunidade Autónoma de Galicia.
Así mesmo, a Cultura Española deberá desenvolver os contidos esenciais da correspondente área de coñecemento, recollidos na norma reguladora das ensinanzas.
Artigo 3. Requisitos do profesorado
O profesorado que imparta as ensinanzas mencionadas no artigo 2 deberá reunir os requisitos de titulación requiridos pola lexislación española para o nivel educativo e terá os dereitos e obrigas que determina o artigo 12 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España.
A Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades de Pontevedra, logo de informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta estas materias.
Artigo 4. Validez da autorización
A autorización a que fai referencia o artigo 1 desta orde terá validez ata a próxima inspección por parte do British Council, que terá lugar non máis tarde do 9 de xuño de 2025.
Artigo 5. Inscrición no rexistro
Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 6. Obrigas do centro
O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e sometido á inspección educativa da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, de conformidade co establecido no artigo 9 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, así como a solicitar unha nova autorización e inscrición no caso de que se produza calquera variación nos elementos e circunstancias que dan lugar a esta autorización.
Disposición derradeira primeira. Recursos
Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2023
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades