DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Luns, 7 de agosto de 2023 Páx. 47397

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 21 de xullo de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras e a convocatoria de prazas na Residencia de creación literaria Illa de San Simón 2023 (código de procedemento CT221F).

En virtude do mandato constitucional de promover un acceso igualitario á cultura para toda a poboación, a defensa e apoio do libro e da lectura constitúen un deber das administracións públicas. O libro e a lectura son instrumentos indispensables para a transmisión da cultura e o desenvolvemento da identidade como pobo, así como elementos indispensables no proceso de normalización dos usos públicos e sociais da lingua galega.

A Constitución española establece, no artigo 44.1, a obriga dos poderes públicos de promover e tutelar o acceso á cultura a que teñen dereito todos os españois, e o Estatuto de autonomía de Galicia, no artigo 27, recolle as competencias en materia de cultura e fomento do uso da lingua galega.

De acordo co establecido no artigo 32 do Estatuto de autonomía de Galicia e en consonancia co estipulado no artigo 148.1 da Constitución española, a Xunta de Galicia ten atribuídas funcións en materia de promoción da cultura. No marco deste ámbito competencial, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (en diante, a Consellería) está orientada a manter o impulso do sector cultural galego que, ademais de representar un factor determinante para a identidade e a cohesión social, representa unha oportunidade de desenvolvemento económico que se debe reforzar con políticas proactivas encamiñadas a fortalecer o ecosistema das industrias creativas e culturais, ao tempo que se garante o pleno acceso á cultura de todas as persoas.

A Consellería ten entre as seus principais obxectivos a defensa e a promoción dos valores culturais do pobo galego, que se substancian, entre outros, a través das accións de fomento da cultura que contribúen ao desenvolvemento da literatura e ao estímulo da creación literaria.

A Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, establece entre os seus obxectivos o de procurar a promoción dos creadores e creadoras galegos en todos os ámbitos. Por esta razón, a Consellería desenvolve actividades relacionadas coa promoción da produción creadora, tanto dentro como fóra do territorio da comunidade, consonte o establecido no marco competencial vixente. As actuacións encádranse na política baseada na identidade e a internacionalización da cultura de Galicia a través dos correspondentes intercambios intelectuais. A finalidade última é crear novas vías de internacionalización da cultura, abrindo o abano a diferentes escaparates e actividades de creación literaria.

Estas accións de promoción encádranse no eixe 4 do Plan estratéxico de Galicia (2022-2030) que establece como prioridade de actuación a de potenciar a cultura e a lingua galega como elementos clave para construír unha sociedade inclusiva e cohesionada que contribúa á calidade de vida da cidadanía.

Por outra parte, o obxectivo establecido pola Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, para o fomento do uso da lingua galega no ámbito cultural e da produción dos produtos culturais, recoñece o carácter cooficial do galego como lingua propia de Galicia que proclaman o artigo 3 da Constitución e o artigo 5 do Estatuto de autonomía, reflíctese tanto no Plan de normalización da lingua galega de 2005 como no Plan estratéxico de Galicia (2022-2030) e marca como obxectivo estratéxico o de conseguir que a cidadanía teña garantida a posibilidade de vivir en galego, se así o desexa.

Atendendo tanto ao marco competencial como ao mandato legal e ao plan estratéxico para a nosa comunidade, a Xunta de Galicia pon en marcha a Residencia de creación literaria Illa de San Simón como polo promocional da creación literaria en lingua galega.

A creación da Residencia de creación literaria Illa de San Simón ten como finalidade o estímulo e promoción da creación literaria en galego a través do reforzo e do apoio aos procesos creativos. A través desta nova iniciativa en que a Xunta de Galicia pon ao dispor dos profesionais da creación literaria un espazo, un ambiente e unhas condicións óptimas para a enteira dedicación aos seus proxectos creativos.

A través da presente convocatoria dáse comezo a este programa coa adxudicación de prazas a creadoras e creadores que presenten proxectos do ámbito literario para desenvolver na residencia, de acordo coas seguintes:

Bases

Primeira. Obxecto

1. Este programa ten como obxecto a concesión dun máximo de 12 prazas para a realización de residencias creativas de carácter literario para desenvolver na Residencia de creación literaria Illa de San Simón, así como fornecer unhas condicións favorables para o proceso de creación nun contexto de traballo de características adecuadas.

2. Esta iniciativa pretende o apoio á creación literaria de persoas que desenvolvan residencias de traballo cunha duración de entre unha quincena e un mes como máximo, nos espazos dispoñibles para este obxectivo na Illa de San Simón.

3. Poderanse presentar persoas físicas segundo o indicado na base terceira.

4. As residencias celebraranse nos meses de setembro, outubro e novembro.

5. A concesión das prazas de residencia realizarase mediante o procedemento de concorrencia e de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola entidade concedente.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

Segunda. Normas de aplicación

No desenvolvemento desta convocatoria, observarase o disposto nas seguintes disposicións:

– Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia.

– Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Lei 21/2014, do 4 de novembro, pola que se modifica o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril.

– Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico das administracións públicas.

– Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno da Comunidade Autónoma.

– Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e de garantía dos dereitos dixitais.

– Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística.

– Lei 4/2005, do 18 de febreiro, para a igualdade de mulleres e homes.

– Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

– Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Terceira. Persoas físicas beneficiarias

1. Terán a condición de beneficiarias deste programa aquelas persoas físicas individuais que interveñan no proceso de creación do libro, nos correspondentes labores de escritura, tradución, deseño gráfico e ilustración, segundo establece o artigo 5.1 da Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia.

2. O programa da Residencia de creación literaria Illa de San Simón está dirixido a persoas maiores de 18 anos que desenvolvan un proxecto creativo en lingua galega, en calquera xénero: narrativa, ensaio, poesía, teatro, banda deseñada...

3. As persoas solicitantes acreditarán a súa traxectoria creativa mediante a presentación do seu currículo.

4. Cada participante poderá presentar unha única solicitude e non poderá optar a máis dunha estadía por solicitude.

5. Persoas excluídas:

a) Non poden beneficiarse das prazas da residencia de creación literaria recollidas nesta resolución aquelas persoas solicitantes que se encontren nos supostos previstos no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Aquelas persoas que se atopen sancionadas administrativa ou penalmente coa perda da posibilidade de obtención de subvencións públicas, ou incorran en prohibición legal algunha que a inhabilite para iso, con inclusión das que se producisen por discriminación de sexo de conformidade co disposto na disposición derradeira sexta da Lei 4/2005, do 18 de febreiro, para a igualdade de mulleres e homes.

Cuarta. Requisitos de participación

1. As persoas solicitantes deberán presentar un proxecto de creación para que a súa solicitude sexa tida en conta.

O proxecto non excederá as 10 páxinas e deberá incluír:

– Título e texto explicativo do proxecto de creación literaria que desenvolverá na residencia, xénero de creación, idioma da obra, etc.

– Currículo resumido da/do creadora/or.

– Expediente artístico. Os/as creadores/as poderán achegar información sobre outros traballos.

– Carta de motivación.

– Obxectivos que agarda acadar.

2. As persoas beneficiarias da residencia deberán garantir as seguintes características nas obras resultantes da estadía en réxime de residencia:

a) Idioma. As obras resultantes das estadías en réxime de residencia obxecto desta convocatoria deberán estar correctamente realizadas en galego, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, e nas Normas ortográficas e morfolóxicas aprobadas pola Real Academia Galega.

b) Propiedade intelectual. As persoas participantes responderán da orixinalidade e autoría dos proxectos obxecto desta convocatoria, debendo garantir que teñen lexitimamente todos os dereitos de propiedade intelectual sobre estes e, neste senso, garanten o uso pacífico por parte das entidades organizadoras eximíndoas de calquera responsabilidade por danos e perdas que, directa ou indirectamente, o incumprimento pola súa parte desta garantía puider ocasionar.

c) Difusión da actividade desenvolvida durante os períodos de residencia. As persoas creadoras beneficiarias comprométense a mencionar que parte do desenvolvemento da obra tivo lugar durante o período de residencia na Illa de San Simón posta en marcha pola Xunta de Galicia en todas as accións de difusión ou edición desta que teñan lugar con posterioridade ao seu desfrute.

Quinta. Condicións das residencias

1. As persoas participantes no proxecto da Residencia de creación literaria Illa de San Simón terán ao seu dispor os bens e servizos necesarios para o desenvolvemento do seu traballo.

2. O aloxamento será en cuarto individual con espazo de traballo propio, en réxime de pensión completa na Residencia Stella Maris da Illa de San Simón.

3. Disporán de espazos comúns de traballo, con varias estancias de diferentes características que se adaptan ás necesidades de creación, conexión á internet e os medios técnicos e materiais básicos para o desenvolvemento do traballo creativo.

4. Por parte da Dirección Xeral de Cultura levaranse a cabo todos os labores de acompañamento e seguimento necesarios para facilitar a acollida e viabilidade do proxecto.

5. Deberán observar en todo momento o disposto no Regulamento de uso da Residencia de creación literaria Illa de San Simón, que estará publicado no portal web da Dirección Xeral de Cultura www.cultura.gal e que tamén se lle facilitará ás persoas participantes no momento en que resulten adxudicatarias.

Sexta. Duración e calendario das residencias

Cada residencia terá unha duración mínima dunha quincena e máxima dun mes.

O calendario final determinarase por parte da Dirección Xeral de Cultura de acordo coa solicitude das persoas seleccionadas.

Sétima. Presentación das solicitudes

1. As persoas que desexen participar nesta convocatoria deberán presentar unha única solicitude acompañada do proxecto de creación segundo estipula o punto 1 da base cuarta (4.1).

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, segundo o modelo que se incorpora como solicitude. Anexo I.

As persoas físicas potencialmente beneficiarias da Residencia de creación literaria Illa de San Simón pertencen a colectivos de creación do sector do libro e a lectura cuxa formación e capacidade técnica permite concluír que teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios para relacionarse por este medio co sector público autonómico.

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Oitava. Prazo de presentación das solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro día do mes.

2. Non serán admitidas en ningún caso solicitudes presentadas fóra do prazo e da forma establecida nesta convocatoria.

Novena. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados

b) Proxecto de creación segundo o estipulado no punto 1 da base cuarta (4.1) desta convocatoria.

c) De ser o caso, compromiso de edición da obra resultante do proxecto presentado por parte dunha editora legalmente constituída.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Décima. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI da persoa solicitante.

– DNI da persoa representante.

– NIF da entidade representante, de ser o caso.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social, de ser o caso.

– Certificado de estar ao día no pagamento de débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo primeira. Emenda das solicitudes

Se a documentación presentada fose incompleta ou presentase erros emendables, requirirase a persoa solicitante para que, no prazo de dez (10) días hábiles, rectifique a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, teráselle por desistida da súa solicitude.

Décimo segunda. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo terceira. Instrución do procedemento

1. O procedemento para a selección de persoas participantes na Residencia de creación literaria Illa de San Simón recollido nesta resolución realizarase por concorrencia a través do proceso de avaliación.

2. Correspóndelle á Dirección Xeral de Cultura a instrución do procedemento para a adxudicación das prazas na residencia literaria e desenvolverá, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos que deba formularse a proposta de resolución.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Logo de revisar a documentación inicial e, de ser o caso, realizado o trámite de emenda, o órgano instrutor procederá a remitir á Comisión de Valoración os expedientes presentados para a súa valoración conforme o principio de concorrencia que rexe esta convocatoria.

6. Ás solicitudes que se axusten aos requisitos establecidos nesta convocatoria asignaráselles a puntuación correspondente segundo os criterios de valoración establecidos nesta convocatoria.

7. A Comisión de Avaliación levantará acta en que conste a valoración efectuada, e trasladaralla ao órgano instrutor, que baseándose no seu contido, formulará directamente a proposta de resolución ao órgano concedente, que resolverá.

Décimo cuarta. Comisión de Avaliación de proxectos

1. As solicitudes presentadas serán valoradas por unha comisión de avaliación.

2. A Comisión de Avaliación dos proxectos estará formada polas seguintes persoas:

– Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro.

– Vogais: a persoa titular do Servizo do Libro, Publicacións e Depósito Legal e dúas persoas do ámbito da creación literaria galega de recoñecido prestixio.

– Secretaría: un membro do cadro de persoal da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, que actuará como secretario/a, con voz pero sen voto.

Se por calquera causa, no momento en que a Comisión de Avaliación teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída pola persoa que, para o efecto, designe a persoa titular da Dirección Xeral de Cultura.

3. Na composición da Comisión de Avaliación procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

4. As persoas que integren a Comisión de Avaliación serán designadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Cultura. A composición da Comisión darase a coñecer, con anterioridade á primeira reunión, no portal web da Dirección Xeral de Cultura (https://www.cultura.gal), co fin de que se poidan interpor, de ser o caso, os recursos legais pertinentes.

5. As deliberacións da Comisión serán secretas e delas estenderase a correspondente acta. As súas decisións serán inapelables.

6. As persoas integrantes da Comisión de Avaliación estarán sometidas ao deber de abstención nos casos sinalados no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

7. Para os efectos de validez da constitución da Comisión de Avaliación dos proxectos será de aplicación o disposto no artigo 17 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Décimo quinta. Criterios de valoración

1. A Comisión de Avaliación valorará as solicitudes de acordo cos criterios establecidos neste artigo.

2. A Comisión elaborará a acta correspondente coas puntuacións resultantes de aplicar os seguintes criterios:

– Perfil da persoa creadora candidata. Valorarase o currículo creativo da persoa solicitante. Adxudicaráselle un máximo de 5 puntos.

– Proxecto que se vai desenvolver durante a residencia. Valorarase o proxecto presentado para o seu desenvolvemento durante a súa estadía. Adxudicaráselle un máximo de 10 puntos.

– Carta de motivación. Adxudicaráselle un máximo de 5 puntos.

– Obxectivos que espera acadar no seu desenvolvemento profesional e creativo. Adxudicaráselle un máximo de 5 puntos.

– Compromiso de edición da obra resultante do proxecto presentado por parte dunha editora legalmente constituída. Adxudicaránselle 5 puntos.

As persoas solicitantes deben confirmar de forma expresa este compromiso para que sexa tomado en consideración.

3. Non se valorará ningún mérito ou característica que non conste explicitamente na solicitude; tampouco se terán en conta os méritos alegados e non acreditados documentalmente.

4. A Comisión deixará constancia na acta da valoración da puntuación obtida por cada solicitude.

5. A Comisión remitirá a acta ao órgano instrutor, que elaborará a proposta de concesión.

Décimo sexta. Listaxes provisionais e proposta de resolución

1. O órgano instrutor, á vista dos expedientes e da acta da Comisión de Valoración, elaborará a listaxe provisional de persoas excluídas por non reunir todos os requisitos, así como das persoas admitidas e a puntuación acadada. Estas listaxes publicaranse no portal da Dirección Xeral de Cultura (http://www.cultura.gal).

2. As persoas solicitantes disporán dun prazo de dez (10) días hábiles para formular alegacións ante as listaxes provisionais.

3. O órgano instrutor examinará as alegacións recibidas e, se é o caso, daralle traslado delas á Comisión de Valoración para que as avalíe. Á vista de toda a documentación remitida pola Comisión elaborará as listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas, coa puntuación acadada por estas.

4. O órgano instrutor ditará a correspondente proposta de resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a persoa solicitante, o proxecto que se subvenciona, a puntuación obtida, ou, de ser o caso, a causa de denegación, e elevaralla ao órgano competente para resolver.

5. A proposta incluirá unha relación de adxudicatarios e suplentes como proposta para cubrir as prazas da residencia para cada quincena ou cada mes obxecto de adxudicación. Establecerase unha orde de prelación derivada das valoracións feitas e da puntuación adxudicada pola Comisión de Valoración.

6. A proposta de resolución, ademais dos titulares das prazas por quincena ou mes e a relación de suplentes, poderá determinar que queden prazas sen cubrir.

7. O órgano instrutor elevará a proposta de resolución á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería, que resolverá por delegación da persoa titular da Consellería segundo establece a Orde do 29 de xullo de 2022.

Décimo sétima. Resolución

1. Á vista da acta da Comisión de Avaliación, a Dirección Xeral de Cultura fará a proposta de resolución, que elevará á Secretaría Xeral Técnica da Consellería, para a súa resolución, en virtude da delegación de competencias disposta na letra o) do punto primeiro da Orde do 29 de xullo de 2022, de delegación de competencias nos órganos superiores e de dirección e nas xefaturas territoriais desta consellería.

2. A persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería, no prazo de quince (15) días desde a elevación da proposta de resolución, ditará a resolución de concesión, de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución notificaráselle persoalmente a todas as persoas solicitantes.

4. O prazo máximo para ditar e notificar aos interesados a resolución expresa non poderá superar os cinco meses, segundo establece o artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir do día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo ao vencemento do prazo máximo sen que se notifique a resolución expresa.

Décimo oitava. Publicación dos actos

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a través dos seguintes medios:

1. Portal web oficial da Dirección Xeral de Cultura (https://www.cultura.gal) onde, ademais de obter os modelos normalizados de solicitude, se poderá descargar o texto íntegro desta resolución.

2. Así mesmo, poderá obterse información xeral deste procedemento na Guía de procedementos e servizos na páxina web da Xunta de Galicia (https://www.xunta.gal).

Décimo novena. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas beneficiarias están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Vixésima. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Vixésimo primeira. Aceptación ou renuncia da praza na Residencia

1. As persoas beneficiarias disporán dun prazo de dez (10) días hábiles para a aceptación da residencia, contado desde o día seguinte á data de práctica da notificación individual ou da publicación da resolución no portal web da Dirección Xeral de Cultura (https://www.cultura.gal). Transcorrido este prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

2. As persoas beneficiarias deberán incorporarse á residencia na data establecida na resolución.

3. Quedará sen efecto a concesión ás persoas beneficiarias que:

a) Non acepten a residencia.

b) Non dean comezo á estadía no prazo establecido sen causa suficiente.

c) Non cumpran co obxectivo desta convocatoria.

d) Renuncien á participación.

Vixésimo segunda. Nomeamento de suplentes

1. Os suplentes accederán á residencia, unicamente, no caso de existir vacante, renuncia ou revogación dos propostos como titulares das prazas para cada período temporal.

2. Procederase ao nomeamento de beneficiarios da estadía a aquelas persoas que figuren na listaxe de suplentes, por orde de prelación. Para a cobertura de vacantes, efectuarase o chamamento ás persoas que ocupen os primeiros postos da lista de suplentes, informándoas dos días restantes de estadía. Seguiranse realizando chamamentos da lista de suplentes ata que alguén acepte. Procederase ao nomeamento de beneficiarios da estadía a aquelas persoas que figuren na listaxe de suplentes, por orde de prelación.

3. As persoas interesadas terán un prazo máximo de dez (10) días hábiles para aceptar ou rexeitar o chamamento. A estadía adxudicarase a aquela persoa que aceptase en prazo e que ocupe a posición máis alta entre as chamadas. Se ningunha das persoas chamadas acepta, quedará a praza da residencia dese período sen ocupar.

Vixésimo terceira. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das estadías na Residencia de creación literaria Illa de San Simón deberán cumprir coas seguintes obrigas:

1. Comezar a residencia na data establecida na resolución.

2. Cumprir as normas de uso da Residencia de creación literaria Illa de San Simón, que serán publicadas no portal web da Dirección Xeral de Cultura (https://www.cultura.gal) e que tamén lle serán entregadas a cada unha das persoas residentes.

3. Excepcionalmente, as persoas residentes poderán coincidir e deberán convivir con outras actividades da Illa de San Simón, debendo respectar en todo momento os espazos e o seu uso por parte das persoas ou entidades autorizadas.

4. Participar nas actividades que se organicen desde a Dirección Xeral de Cultura para dar difusión ao programa de residencias.

5. Facilitar á Dirección Xeral de Cultura o material necesario para a difusión do proxecto. As persoas residentes seleccionadas darán o consentimento para que se fagan fotos, vídeos ou calquera outro formato unicamente para a difusión da residencia.

6. Nomear á Dirección Xeral de Cultura en todas as comunicacións que fagan da residencia ou da obra resultante. Ao remate da residencia deberán presentar unha memoria explicativa do traballo realizado e que recolla as conclusións da súa estadía.

7. No caso de que a obra resultante do proxecto de residencia se publique, na páxina de créditos deberá constar o seguinte texto: «Este proxecto contou co apoio da Xunta de Galicia a través da Residencia de creación literaria da Illa de San Simón». Tamén se fará constar o logo oficial da Xunta de Galicia.

Vixésimo cuarta. Propiedade intelectual e protección de datos

En todas as tarefas vinculadas a esta convocatoria respectarase o disposto na Lei 21/2014, do 4 de novembro, pola que se modifica o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, así como o establecido na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e de garantía dos dereitos dixitais.

Vixésimo quinta. Recursos

A resolución pon fin á vía administrativa, de acordo co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e contra ela cabe interpoñer recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado a partir da data de notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a data de notificación.

Vixésimo sexta. Aceptación das bases

A participación nesta convocatoria supón a aceptación total destas bases.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Cultura, no ámbito das súas competencias, para que dite as instrucións precisas para o desenvolvemento desta convocatoria.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades

missing image file
missing image file
missing image file