DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Luns, 7 de agosto de 2023 Páx. 47418

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

EXTRACTO da Resolución do 21 de xullo de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras e a convocatoria de prazas na Residencia de creación literaria Illa de San Simón 2023 (código de procedemento CT221F).

BDNS (Identif.): 711181.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Terán a condición de beneficiarias deste programa aquelas persoas físicas individuais que interveñan no proceso de creación do libro, nos correspondentes labores de escritura, tradución, deseño gráfico e ilustración, segundo establece o artigo 5.1 da Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia.

2. O programa da Residencia de creación literaria Illa de San Simón está dirixido a persoas maiores de 18 anos que desenvolvan un proxecto creativo en lingua galega, en calquera xénero: narrativa, ensaio, poesía, teatro, banda deseñada...

3. As persoas solicitantes deben estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Obxecto

1. Este programa ten como obxecto a concesión dun máximo de 12 prazas para a realización de residencias creativas de carácter literario para desenvolver na Residencia de creación literaria Illa de San Simón, así como fornecer unhas condicións favorables para o proceso de creación nun contexto de traballo de características adecuadas.

2. Esta iniciativa pretende o apoio á creación literaria de persoas que desenvolvan residencias de traballo cunha duración de entre unha quincena e un mes como máximo, nos espazos dispoñibles para este obxectivo na Illa de San Simón.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 21 de xullo de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras e a convocatoria das prazas na Residencia de creación literaria Illa de San Simón 2023 (código de procedemento CT221F).

Cuarto. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o derradeiro día do mes.

2. Non serán admitidas en ningún caso solicitudes presentadas fóra do prazo e da forma establecida nesta convocatoria.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades