DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Mércores, 9 de agosto de 2023 Páx. 47892

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 27 de xullo de 2023, conxunta da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social e Xuventude e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se declara como actuación administrativa automatizada a emisión de certificados sobre o grao de discapacidade.

O Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude indica que a Secretaría Xeral Técnica, órgano de dirección da Consellería de Política Social e Xuventude, con relación xerárquica directa coa persoa titular da Consellería, corresponderanlle as seguintes funcións:

a) As establecidas no artigo 29 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, entre elas coordinar, baixo a dirección da persoa titular da Consellería, os programas e actuacións das diferentes direccións xerais e entes do sector público adscritos á Consellería, actuar como órgano de comunicación coas demais consellerías, dirixir e xestionar os servizos comúns da Consellería e velar pola organización, simplificación e racionalización administrativa, así como polo cumprimento das disposicións legais en materia de igualdade.

b) Exercer as funcións relativas ao rexistro de entidades prestadoras de servizos sociais, o réxime de control, inspección, acreditación e sancionador, de ser o caso, así como a súa coordinación cos demais órganos e coas xefaturas territoriais en aplicación e de conformidade coa Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia; coa Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia; coa Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia; coa Lei 10/2014, do 23 de decembro, de accesibilidade e demais normas de aplicación, sen prexuízo das encomendadas aos órganos da Xunta de Galicia competentes en materia de avaliación e reforma administrativa.

c) Dirixir, impulsar, xestionar, planificar, coordinar, controlar e supervisar o conxunto das actuacións da Consellería de Política Social e Xuventude en materia de valoración da dependencia e da discapacidade, en aplicación da Lei 13/2008, do 3 de decembro, e da Lei 39/2006, do 14 de decembro.

d) As que lle atribúa a normativa en vigor e as que lle sexan encomendadas por delegación da persoa titular da Consellería.

O 9.7.2015 asinouse un acordo entre a Consellería de Traballo e Benestar e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para o inicio de prestación do servizo de interoperabilidade do certificado de discapacidade. Este acordo ten como obxecto o inicio da prestación do servizo de intercambio de datos relativos ao certificado de discapacidade a través do nodo de interoperabilidade de Galicia pasaXe!

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da devandita lei determina que «en caso de actuación administrativa automatizada deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para efectos de impugnación».

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas deberán declararse mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable a efectos de impugnación.

Nesta resolución especificarase a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, de ser o caso, para á actuación administrativa automatizada. Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas na epígrafe anterior.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar a emisión de certificados nos que conste a información sobre o grao de discapacidade recoñecido pola Xunta de Galicia para unha persoa física determinada coma actuación administrativa automatizada a través de sistemas de información no ámbito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social e Xuventude. Estes certificados poderán consultarse a través da plataforma de interoperabilidade PasaXe! e na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no punto anterior serán:

a) A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social e Xuventude como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.

b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.

c) A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social e Xuventude como órgano responsable para os efectos de impugnación.

Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para xestionar a solicitude de creación dun selo electrónico denominado «SECRETARÍA XERAL TÉCNICA DA CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E XUVENTUDE» ante a autoridade de servizos de certificación que corresponda.

A titularidade, así como a responsabilidade do seu uso, corresponderá á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social e Xuventude.

O selo electrónico estará baseado nun certificado electrónico recoñecido ou cualificado e as súas características técnicas xerais serán as que consten na declaración de prácticas de certificación do emisor do certificado.

Os datos necesarios para acceder ao servizo de validación para a verificación do certificado estarán incluídos no certificado. Os datos que deberán constar no selo electrónico son os seguintes:

a) NIF do organismo subscritor: S1511001H.

b) Organismo subscritor: Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social e Xuventude.

c) Nome do selo: SECRETARÍA XERAL TÉCNICA DA CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E XUVENTUDE.

Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para utilizar o selo electrónico denominado «SECRETARÍA XERAL TÉCNICA DA CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E XUVENTUDE» para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte ás actuacións e procedementos mencionados.

Quinto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico «SECRETARÍA XERAL TÉCNICA DA CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E XUVENTUDE» sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.

Sexto. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2023

Mª Francisca Gómez Santos
Secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social e Xuventude

Julián Cerviño Iglesia
Director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia