DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Mércores, 9 de agosto de 2023 Páx. 47888

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 4 de agosto de 2023 pola que se modifica a Resolución do 20 de xullo de 2003 pola que se convoca, para o ano 2023, o procedemento de concorrencia competitiva para a selección dunha entidade colaboradora para a xestión do Programa da aceleradora cultural de proxectos musicais ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) 2021/241 (código de procedemento CT402G).

O 3 de agosto de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 147 a Resolución do 20 de xullo de 2023 pola que se convoca, para o ano 2023, o procedemento de concorrencia competitiva para a selección dunha entidade colaboradora para a xestión do Programa da aceleradora cultural de proxectos musicais ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) 2021/241 (código de procedemento CT402G).

Ao mesmo tempo estase a tramitar desde a Agadic o proxecto de Resolución pola que se convoca, para o ano 2023, o procedemento para a selección, en réxime de concorrencia competitiva, das persoas participantes no Programa da aceleradora cultural de proxectos musicais ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) 2021/241 (código de procedemento CT402H).

A Agadic pretende, con estas novas convocatorias, afondar no apoio da Administración autonómica aos procesos de aceleración cultural dos artistas musicais que participarán neste segundo programa de aceleración, no convencemento da necesidade de que hai unha base moi ampla de intérpretes que necesitan do apoio institucional para poder desenvolver unha carreira profesional competitiva e sólida.

Dada a experiencia adquirida do ano anterior faise necesario, para que garden coherencia ambas as convocatorias, efectuar unha modificación no texto do convenio, anexo I da Resolución do 20 de xullo de 2023.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Modificar o anexo I da Resolución do 20 de xullo de 2003 pola que se convoca, para o ano 2023, o procedemento de concorrencia competitiva para a selección dunha entidade colaboradora para a xestión do Programa da aceleradora cultural de proxectos musicais ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) 2021/241 (código de procedemento CT402G), no sentido que segue:

Primeiro. O punto terceiro do manifestado polas partes no convenio resulta modificado nos anos máximos de existencia permitidos das persoas ou entidades beneficiarias no ámbito da música:

«O Programa de aceleración cultural de proxectos musicais é un programa de aceleración empresarial e está dirixido a proxectos emprendedores no ámbito da música, polo que as persoas ou entidades beneficiarias deberán ser novas empresas, físicas (autónomas) ou xurídicas, con menos de seis anos de existencia…».

Segundo. Á cláusula terceira, punto 1, paragrafo b), engádeselle a seguinte especificación:

«b) Organizar a fase I de aceleración. A aceleración consiste nunha etapa individualizada e/ou grupal para o desenvolvemento das actividades da aceleración en forma presencial no lugar designado pola Agadic como sede do programa de aceleración e, ocasionalmente, cando a actividade o permita, de forma telemática».

Terceiro. A cláusula quinta resulta modificada coa seguinte redacción:

«O Programa de aceleración cultural de proxectos musicais consiste no acompañamento ás persoas e entidades seleccionadas do sector musical para acelerar o proxecto musical presentado desde unha perspectiva profesional, empresarial e mercantil.

A Agadic realizará unha convocatoria pública para seleccionar un máximo de 12 persoas físicas ou xurídicas que serán as beneficiarias deste Programa de aceleración cultural de proxectos musicais, conforme os criterios que, pertinentemente, se establezan na devandita convocatoria. O número mínimo para que o programa se realice será de catro participantes.

A entidade colaboradora deseñará as programacións da fase I de aceleración e a fase II de promoción e mercados, para realizar as actividades que se sinalan na cláusula terceira deste convenio. No caso de que a entidade subcontrate parcialmente as actuacións obxecto do convenio fóra das súas funcións de intermediación, supervisión e control, deberá respectar o establecido no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O custo das actividades que se van realizar mediante o Programa de aceleración musical será de 312.450 euros e os gastos imputables ao proceso de aceleración serán os que, de maneira indubidable, respondan á natureza desta actividade e resulten estritamente necesarios para desenvolver as actuacións do Programa da aceleradora. En concreto, serán considerados gastos do Programa de aceleración, entre outros:

a) Gastos de profesionais e servizos necesarios para poder desenvolver a actividade de aceleración. Considéranse gastos de profesionais os honorarios das persoas participantes nas actividades de mentorización, así como os custos que a súa participación poidan xerar no que atinxe a desprazamento, aloxamento e/ou manutención. Enténdense como gastos de servizos os custos relativos a satisfacer as necesidades técnicas, de produción, distribución, etc. que se orixinen no desenvolvemento das actividades do Programa de aceleración, particularmente aqueles que están vinculados á creación de produto, exhibición musical e outros similares.

b) Gastos en dereitos de autor. Enténdese por gastos de autor os custos que se producen ante a Sociedade Xeral de Autores (SGAE) ou outras de similar natureza.

c) Gastos de alugueiro de espazos para exhibir os proxectos que se desenvolvan a través da aceleradora fóra da sede do programa.

d) Gastos de promoción en medios de comunicación e redes sociais (RRSS). Serán considerados gastos de promoción e difusión os realizados tanto en accións en liña (on line) como os fóra de liña (off line), incluíndo os gastos necesarios para o deseño, materiais promocionais e outros.

e) Gastos de produción. Neste concepto inclúense todos os gastos precisos para realizar un espectáculo musical: deseño de luces, vestiario, escenografía, ensaios xerais, etc.

f) Gastos de concertos. Terán esta consideración aqueles gastos que derivan da exhibición do espectáculo nun ou máis lugares, dentro e fóra de Galicia: desprazamentos, aloxamento, manutención, promoción (cartelaría, anuncios, etc.), produción e outros. Deberase ter en conta que os gastos de aloxamento e manutención non poderán superar os 150 euros/día por persoa e os gastos de desprazamento aboaranse a razón de 0,19 euros/km.

A entidade colaboradora implementará o desenvolvemento das actividades segundo a proposta técnica remitida na selección de entidade colaboradora, coas achegas e suxestións que poida realizar a Agadic en todo momento para o correcto desenvolvemento e consecución do fin que se persegue con esta iniciativa.

Finalizado o programa, a entidade colaboradora entregará unha memoria cos resultados, individualizados, deste e realizará unha enquisa de satisfacción entre os participantes.

A porcentaxe de cofinanciamento máximo, de conformidade co Regulamento xeral de exención de categorías (Regulamento (UE) 651/2014), será do 80 % do custo da actividade, polo que o financiamento proveniente da Agadic non poderá superar esta intensidade».

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2023

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais