DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Mércores, 9 de agosto de 2023 Páx. 47885

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 20 xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT207B).

BDNS (Identif.): 711771.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeneral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pódese consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas ou xurídicas constituídas como produtoras audiovisuais independentes e dadas de alta na epígrafe IAE 961.1, que teñan cando menos un ano de antigüidade e un ano de actividade sen interrupcións no momento da publicación da presente convocatoria. Ademais, deberán ter unha sucursal ou oficina permanente de polo menos un ano previo a esta convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e desenvolver a súa actividade habitual en Galicia.

1.1. Para estes efectos, se a produtora non ten o domicilio social na Comunidade Autónoma, entenderase que desenvolve a súa actividade habitual en Galicia cando máis do 50 % do IVE declarado pola empresa no exercicio económico anterior ao ano de publicación da presente convocatoria se corresponde con gastos efectuados na Comunidade Autónoma de Galicia.

1.2. Por produtora audiovisual independente enténdese, para os efectos desta convocatoria, toda persoa física (autónoma) ou xurídica privada, que teña a iniciativa e asuma a responsabilidade na produción audiovisual e non sexa obxecto de influencia dominante por parte dun prestador de servizo de comunicación/difusión audiovisual nin dun titular de canal televisivo privado nin, pola súa parte, exerza unha influencia dominante, tal e como establece a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, artigo 4.n).

1.3. Quedan excluídas desta convocatoria as agrupacións de interese económico.

1.4. Ademais, a persoa solicitante deberá posuír, cando menos, a opción de compra sobre os dereitos de propiedade intelectual do concepto, tema, tratamento, guión ou biblia dos contidos que se presentan ou os dereitos de adaptación cando se trate de obras preexistentes. No caso de existir acordos de codesenvolvemento entre empresas produtoras, aceptarase unha repartición equitativa de dereitos entre estas. A posesión dos dereitos deberá ter unha duración mínima suficiente para cubrir todo o cronograma de desenvolvemento do proxecto.

1.5. A persoa solicitante deberá ter, cando menos, un acordo ou precontrato cun director e/ou guionista para o desenvolvemento do proxecto audiovisual.

Segundo. Finalidade

Determinar as condicións polas cales se regulará a concesión das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, da Axencia Galega das Industrias Culturais para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos convocadas para o 2023.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 20 xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT207B).

Cuarto. Importe

O importe global máximo para o financiamento da presente convocatoria será de 300.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0 código de procedemento 2010-0005 do orzamento de gastos da Axencia Galega das Industrias Culturais, coa seguinte distribución, 60.000,00 € no ano 2023 e 240.000,00 € no ano 2024.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2023

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais