DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Luns, 14 de agosto de 2023 Páx. 48412

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

DECRETO 125/2023, do 3 de agosto, polo que se transforman institutos de educación secundaria en centros integrados de formación profesional.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece que é competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis, graos, modalidades e especialidades, competencia que o Decreto 119/2022, do 20 de novembro, lle atribúe á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

A Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, no seu artigo 79, punto 6, establece que se impulsará a especialización dos centros de formación profesional, a creación de centros integrados e a xeración de redes de especialización intelixente entre eles.

O Real decreto 1558/2005, do 23 de decembro, polo que se regulan os requisitos básicos que deben reunir os centros integrados de formación profesional (CIFP), concibe estes centros como un instrumento para asegurar unha nova oferta integrada que capacite para o desempeño cualificado das distintas profesións e sirva de recurso formativo permanente á poboación adulta para mellorar as súas condicións de empregabilidade.

O Decreto 266/2007, do 28 de decembro, que regula os centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, establece como accións formativas que se inclúen nestes centros as ensinanzas propias da formación profesional inicial, as accións de inserción e reinserción laboral das persoas traballadoras e as dirixidas á formación permanente da poboación traballadora ocupada. En canto á forma de creación dos CIFP, o dito decreto sinala no seu artigo 3 que poderán ser de nova creación ou proceder da transformación de centros xa existentes.

A Estratexia de FP Galicia 2030, aprobada no Consello da Xunta de Galicia do día 10 de febreiro de 2022, ten como un dos seus eixes promover o papel dos centros integrados de excelencia como referencia para cada familia profesional-sector produtivo, mediante iniciativas como a ampliación da Rede de centros integrados de formación profesional e a especialización dos CIFP como centros de excelencia nas diferentes familias profesionais, referentes para o tecido produtivo de Galicia.

O Plan Conecta FP Galicia de colaboración público-privada para o establecemento de ofertas de formación profesional á medida do tecido produtivo galego 2023-2025, sinala os centros que constitúen a Rede de centros integrados de formación profesional de Galicia, como referentes da formación profesional galega, reservándolles un papel destacado na organización e desenvolvemento das actuacións previstas.

No curso 2022/23, o instituto de educación secundaria (IES) de Vilamarín (32016285) imparte ciclos formativos das familias profesionais Agraria, Hostalaría e Turismo e Industrias Alimentarias. O IES Montecelo (36006419) imparte ciclos formativos das familias profesionais Agraria, Artes Gráficas, Imaxe Persoal, Sanidade e Transporte e Mantemento de Vehículos. O IES Audiovisual de Vigo (36024461) imparte ciclos formativos da familia profesional de Imaxe e Son. A totalidade da actividade formativa impartida nestes centros docentes corresponde, polo tanto, a ensinanzas de formación profesional.

A transformación do IES de Vilamarín, do IES Montecelo e do IES Audiovisual de Vigo en CIFP permite adaptar o seu sistema organizativo á súa configuración actual, superando as estruturas propias do ensino secundario e sentando as bases para o seu recoñecemento como centros de referencia en ensinanzas de formación profesional.

Ademais, esta transformación permite reforzar as ensinanzas regradas de formación profesional que se ofertan nos centros e, ao tempo, a posibilidade de ampliar e diversificar a súa oferta formativa a través da incorporación de novos ciclos, de novas modalidades de impartición, da formación a persoas desempregadas e do establecemento de sistemas de acreditación de competencias profesionais, contribuíndo de forma clave a fomentar a actividade emprendedora dentro dos niveis non universitarios do sistema educativo galego, así como á inserción e orientación laboral para o progreso nos distintos itinerarios formativos e profesionais.

Os centros resultantes da transformación inclúense na Rede de centros integrados de formación profesional de Galicia, canle fundamental na consecución de solucións formativas para os principais sectores da economía e base para a formación profesional de calidade na Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 1.3 do Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, aprobado polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo, establece que a creación e a supresión destes centros docentes se realizará mediante decreto aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.

Os centros integrados de formación profesional da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o establecido polo Decreto 266/2007, do 28 de decembro, serán, ademais, autorizados pola consellería competente en materia de educación e pola consellería competente en materia de traballo, logo de ditame do Consello Galego de Formación Profesional.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día tres de agosto de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo único. Transformación de institutos de educación secundaria en centros integrados de formación profesional

Transfórmanse en centros integrados de formación profesional, incorporándose á Rede de centros integrados de formación profesional de Galicia, os seguintes centros:

– Instituto de Educación Secundaria de Vilamarín (código 32016285).

– Instituto de Educación Secundaria Montecelo (código 36006419).

– Instituto de Educación Secundaria Audiovisual de Vigo (código 36024461).

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de educación para ditar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para a aplicación e o desenvolvemento do establecido neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de agosto de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades