De conformidade co previsto no artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de setembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e o artigo 16 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, dáse publicidade da prórroga que presenta as seguintes características:
I. Mediante a Resolución do 19 de xullo de 2022, do conselleiro de Sanidade e presidente do Servizo Galego de Saúde (DOG núm. 155, do 17 de agosto), encargouse á empresa pública Empresa de Transformación Agraria, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsa), como medio propio personificado e servizo técnico, a execución da obra de reforma da zona de consultas externas do Hospital Comarcal de Valdeorras (Ourense).
II. De conformidade co establecido na condición básica número 4. «Duración», o encargo tiña prevista unha vixencia de doce meses a partir da súa aprobación e poderán ser acordadas as prórrogas do prazo de execución que sexan necesarias sempre e cando estivesen xustificadas as causas do atraso e sen que supuxese en ningún caso incremento do importe total do encargo.
III. Mediante o escrito do 5 de xullo de 2023, asinado polo representante de Tragsa e polos directores de obra e de execución, solicítase unha prórroga ata o vindeiro 31 de decembro de 2023, debido á necesidade de realizar unha modificación do proxecto inicial para implementar as modificacións necesarias para que a fase 1 e a fase 2 do encargo conten con instalacións de electricidade, iluminación, megafonía, climatización, detección de incendios, voz e datos que se axusten ás necesidades actuais do hospital e á normativa vixente, modificación que ineludiblemente alterou os prazos de execución das obras.
IV. Á vista destas circunstancias, mediante a Resolución do 18 de xullo de 2023, prorrógase ata o vindeiro 31 de decembro de 2023 a vixencia do encargo á empresa pública Empresa de Transformación Agraria, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsa), como medio propio personificado e servizo técnico, da execución da obra de reforma da zona de consultas externas do Hospital Comarcal de Valdeorras (Ourense), mantendo inalteradas o resto das condicións previstas para o encargo na Resolución do 19 de xullo de 2022.
Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2023
Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade