DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Xoves, 17 de agosto de 2023 Páx. 48723

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 27 de xullo de 2023, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade de bibliotecas, convocado mediante a Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública, do 30 de marzo de 2022, pola que se lles dá publicidade a diversos acordos.

En sesión que tivo lugar o 27 de xullo de 2023, o tribunal nomeado mediante a Resolución do 14 de abril de 2023, que deberá cualificar o proceso selectivo de acceso libre para o ingreso no corpo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade de bibliotecas (DOG núm. 78, do 24 de abril),

ACORDOU:

Primeiro. Ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, anular as preguntas número 15, 65, 66, 75, 86, 88 e 117 do primeiro exercicio. O seu lugar pasa a ser ocupado polas preguntas 121, 123, 124, 125, 126 e 127, respectivamente.

Así mesmo, acórdase modificar o modelo de corrección de respostas na pregunta número 6, en que é correcta a opción d); na pregunta número 40, en que é correcta a opción b), e na pregunta número 50, en que é correcta a opción a). Tamén se cambia a resposta na pregunta 129 (reserva), na cal pasa a ser correcta a opción a), aínda que esta pregunta non se aplica no modelo de corrección definitivo por non ser necesaria que actúe como reserva de ningunha das 30 da parte segunda deste primeiro exercicio.

Desestímanse na súa totalidade as restantes reclamacións.

Polo tanto, o número total de preguntas válidas correspondente á primeira parte deste primeiro exercicio é de 89, en vez das 90 previstas na base II.1.1.1., das cales vinte (20) preguntas se corresponden coa parte común do programa e sesenta e nove (69) preguntas coa parte específica, en vez das 70 previstas inicialmente. A segunda parte conta coas 30 preguntas previstas na convocatoria.

O modelo definitivo de respostas publícase na paxina web.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, superarán o primeiro exercicio do proceso selectivo as persoas aspirantes que obtiveron unha puntuación mínima de vinte e cinco puntos (25 puntos).

No acceso libre superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas nesta quenda, sempre que acaden, en cada un dos bloques, o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes. De se dar o caso de que o número de aspirantes que superaron este exercicio non sexa o previsto no parágrafo anterior, rebaixarase ao mínimo, en cada un dos bloques, do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes, sempre que non superen o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocado nesta quenda.

Terceiro. Para estes efectos, de conformidade coas bases da convocatoria, mediante a Resolución deste tribunal, do 6 de xuño de 2023, publicada no taboleiro de anuncios web corporativo funcionpublica.xunta.gal, pola que se dá publicidade aos parámetros para a cualificación do primeiro exercicio, estableceuse que:

No acceso libre superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de dezaseis (16) persoas, sempre e cando acaden en cada un dos bloques o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Unicamente de darse o caso de non completar o número de dezaseis (16) persoas aprobadas, rebaixarase ao mínimo do 40 % en cada unha das partes das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes, sempre que non superen o número máximo de dezaseis (16) persoas.

O criterio expresado de obtención neste primeiro exercicio dunha porcentaxe mínima de acertos en cada unha das dúas partes vén referido, respectivamente, á primeira parte teórica (89 preguntas) e á segunda parte práctica (30 preguntas).

De se dar o caso de que o número de aspirantes que superaron este exercicio non sexa o previsto nos parágrafos anteriores, rebaixarase ao mínimo en cada un dos bloques do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Cada resposta correcta equivale a unha unidade de puntuación, cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta e as preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación.

Todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación a aquela que marque a nota de corte establecida de acordo cos criterios anteriores se consideran igualmente aprobadas.

Cuarto. Realizada a corrección en sesión do 11 de xullo de 2023, de acordo coas normas e criterios anteriores, acadaron a puntuación mínima de 25 puntos un total de 16 persoas aspirantes, e fixáronse en 61,75 o número de respostas correctas necesarias para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións previstas na base II.1.1.1 da convocatoria: as respostas incorrectas descontan un cuarto dunha pregunta correcta; as preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación. Para a obtención do dito número de persoas aptas foi preciso aplicar o criterio subsidiario de porcentaxe neta de aprobados sinalada do 40 % de respostas correctas netas en cada un dos bloques teórico e práctico.

Quinto. Publicar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal os resultados acadados polas persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo e son declaradas aptas por superaren os mínimos establecidos na base II.1.1.1 da convocatoria. Son as primeiras dezaseis (16) da relación que se xunta a esta resolución. Publicar tamén as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas que se declaran non aptas ao non obter as dezaseis cualificacións máis elevadas, aínda que acadasen as porcentaxes do 40 % sinaladas. A respecto das persoas que non acadaron algunha das ditas porcentaxes mínimas, publícase na relación correspondente, declarándose tamén non aptas, e sinalándose para cada aspirante os bloques *1, *2 e *3 (=ambos os bloques) nos cales non se cumpriu a condición de porcentaxe mínima. En razón aos ditos criterios, unha asignación de puntuacións neste último grupo non sería homologable á dos restantes aspirantes.

Sexto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, os/as aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sétimo. De conformidade co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2023

Cristina Rubal González
Presidenta do tribunal