DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Xoves, 17 de agosto de 2023 Páx. 48717

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 27 de xullo de 2023, do tribunal designado para cualificar o proceso selectivo, pola quenda de promoción interna, para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de facultativos de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade de bibliotecas, convocado pola Resolución do 30 de marzo de 2022 (Diario Oficial de Galicia número 65, do 4 de abril), pola que se dá publicidade de diversos acordos.

En sesión que tivo lugar o 27 de xullo de 2023, o tribunal nomeado pola Resolución do 14 de abril de 2023 (DOG núm. 78, do 24 de abril) que deberá cualificar o proceso selectivo, pola quenda de promoción interna, para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de facultativos de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade de bibliotecas,

ACORDOU:

Primeiro. En sesión que tivo lugar o 4 de xullo de 2023, ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, logo de revisar as reclamacións presentadas contra o primeiro exercicio deste proceso selectivo, realizado o 21 de xuño de 2023:

Anular as preguntas 3, 16, 49, 70 e 151. O seu lugar pasa a ser ocupado polas preguntas de reserva con número 161, 162, 163, 164 e 165, respectivamente.

Así mesmo, acórdase modificar o modelo de corrección de respostas na pregunta número 46, ao ser correcta a opción b).

Desestímanse as restantes reclamacións presentadas ao dito exercicio.

O modelo definitivo de respostas publícase na paxina web.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, o primeiro exercicio da fase de oposición cualificarase de 0 a 30 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de quince (15) puntos. Superarán o exercicio as persoas aspirantes que acaden o mínimo de 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

De darse o caso de que o número de aspirantes que superen este exercicio non sexa o previsto no parágrafo anterior, rebaixarase ao mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Terceiro. Para estes efectos, de conformidade coas bases da convocatoria, mediante a Resolución deste tribunal do 6 de xuño de 2023, publicada no taboleiro de anuncios web corporativo funcionpublica.xunta.gal, pola que se dá publicidade dos parámetros para a cualificación do primeiro exercicio, estableceuse que:

Superarán o primeiro exercicio as persoas aspirantes que acaden neste o mínimo do 50 % das respostas correctas, sobre a totalidade do exercicio (160 preguntas), unha vez feitos os descontos correspondentes. De darse o caso de que ningún dos aspirantes alcance neste exercicio o 50 % das respostas correctas, rebaixarase ao mínimo do 40% das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación e cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta.

Asignaráselles a valoración de 15 puntos ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto das persoas declaradas aptas terá unha cualificación distribuída entre os 15 e os 30 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. As persoas aspirantes que non superen o exercicio serán declaradas non aptas.

Cuarto. Tras se realizar a corrección dos exames na sesión do 11 de xullo de 2023 de acordo cos criterios anteriores, acadou a puntuación mínima de 15 puntos un total de 3 aspirantes, fixándose en 82,25 o número de respostas correctas para obter a dita puntuación, unha vez feitas as deducións segundo o establecido na base II.1.1.1 da convocatoria: as respostas incorrectas descontan un cuarto dunha pregunta correcta; as preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación.

Quinto. Publicar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal os resultados acadados polas persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo, que son declaradas aptas por superaren os mínimos establecidos na base II.1.1.1 da convocatoria. Son as tres (3) persoas que obtiveron a mínima puntuación establecida do 50 % en cada parte do exercicio da relación que se xunta con esta resolución.

Respecto da persoa que non acadou a porcentaxe mínima dos 15 puntos, publícase nas relacións correspondentes e declárase non apta.

Sexto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sétimo. De acordo co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2023

Cristina Rubal González
Presidenta do tribunal