DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Xoves, 17 de agosto de 2023 Páx. 48714

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 27 de xullo de 2023, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de facultativos de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade de bibliotecas, convocado pola Resolución do 30 de marzo de 2022, pola que se dá publicidade de diversos acordos.

En sesión que tivo lugar o 27 de xullo de 2023, o tribunal nomeado pola Resolución do 14 de abril de 2023 que deberá cualificar o proceso selectivo de acceso libre para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de facultativos de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade de bibliotecas (DOG núm. 78, do 24 de abril),

ACORDOU:

Primeiro. Ao non terse recibido ningunha alegación respecto das preguntas do primeiro exercicio, non se realiza ningunha modificación no modelo de respostas publicado.

Xúntase con esta resolución o modelo definitivo de respostas.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, superarán o primeiro exercicio do proceso selectivo as persoas aspirantes que obteñan unha puntuación mínima de vinte e cinco puntos (25 puntos).

No acceso libre superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas nesta quenda, sempre que acaden, en cada un dos bloques, o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

De darse o caso de que o número de aspirantes que superen este exercicio non sexa o previsto no parágrafo anterior, rebaixarase ao mínimo, en cada un dos bloques, do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes, sempre que non superen o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocado nesta quenda.

Terceiro. Para estes efectos, de conformidade coas bases da convocatoria, mediante a Resolución deste tribunal do 6 de xuño de 2023, publicada no taboleiro de anuncios web corporativo funcionpublica.xunta.gal, pola que se dá publicidade dos parámetros para a cualificación do primeiro exercicio, estableceuse que:

No acceso libre superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de dezaseis (16) persoas, sempre e cando acaden en cada un dos bloques o mínimo do 50 % das respostas correctas unha vez feitos os descontos correspondentes.

Unicamente de darse o caso de non completar o número de dezaseis (16) persoas aprobadas se rebaixará ao mínimo do 40 % en cada unha das partes das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes, sempre que non superen o número máximo de dezaseis (16) persoas.

O criterio expresado de obtención neste primeiro exercicio dunha porcentaxe mínima de acertos en cada unha das dúas partes vén referido, respectivamente, á primeira parte teórica (140 preguntas) e á segunda parte práctica (40 preguntas).

De darse o caso de que o número de aspirantes que superen este exercicio non sexa o previsto nos parágrafos anteriores, rebaixarase ao mínimo en cada un dos bloques do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Cada resposta correcta equivale a unha unidade de puntuación, cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta e as preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación.

Consideraranse igualmente aprobadas todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación a aquela que marque a nota de corte establecida de acordo cos criterios anteriores.

Cuarto. Realizada a corrección na sesión do 11 de xullo de 2023, de acordo coas normas e criterios anteriores, acadou a puntuación mínima de 25 puntos un total de 13 persoas aspirantes, fixándose en 75,00 o número de respostas correctas necesarias para obter a dita puntuación, unha vez feitas as deducións previstas na base II.1.1.1 da convocatoria: as respostas incorrectas descontan un cuarto dunha pregunta correcta; as preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación. Para acadar o dito número de persoas aptas foi preciso aplicar o criterio subsidiario de porcentaxe neto de aprobados sinalado do 40 % de respostas correctas netas en cada un dos bloques teórico e práctico.

Quinto. Publicar no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal os resultados acadados polas persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo, que son declaradas aptas por superaren os mínimos establecidos na base II.1.1.1 da convocatoria. Son as trece (13) persoas que acadaron a puntuación mínima establecida do 40 % en cada parte do exercicio da relación que se xunta con esta resolución. Respecto das persoas que non obtiveron algunha das ditas porcentaxes mínimas, publícanse na relación correspondente e decláranse non aptas; sinálanse para cada aspirante os bloques *1, *2 e *3 (=ambos bloques) en que non se cumpriu a condición de porcentaxe mínima. En razón aos ditos criterios, unha asignación de puntuacións neste último grupo non sería homologable á das restantes aspirantes.

Sexto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sétimo. De conformidade co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2023

Cristina Rubal González
Presidenta do Tribunal