DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Venres, 18 de agosto de 2023 Páx. 49060

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 26 de xullo de 2023, do tribunal cualificador do proceso selectivo de acceso libre para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, convocado pola Resolución do 22 de xuño de 2022, pola que se dá publicidade de diversos acordos.

En sesión que tivo lugar o 26 de xullo de 2023, o tribunal nomeado pola Resolución do 28 de abril de 2023 (DOG núm. 88, do 9 de maio) para cualificar o proceso selectivo de acceso libre para o ingreso no corpo superior de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, convocado pola Resolución do 22 de xuño de 2022 (DOG núm. 121, do 27 de xuño),

ACORDOU:

Primeiro. Ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, anular a pregunta número 158. O seu lugar pasa a ser ocupado pola pregunta 188. Modificar o cadro de corrección de respostas na pregunta 179, sendo correcta a alternativa a). Desestímanse na súa totalidade as restantes alegacións.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria e de acordo cos criterios de corrección publicados, superaron o primeiro exercicio trescentas unha (301) persoas aspirantes, que obtiveron unha puntuación mínima de 25 puntos, fixouse en 103,75 o número de respostas correctas necesarias para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións previstas na base II.1.1.1. da convocatoria. O resto das persoas declaradas aptas terá unha cualificación distribuída entre os 25 e os 50 puntos, proporcional ao número de respostas correctas.

Terceiro. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo de acceso libre para o ingreso no corpo superior de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal. Publicar a relación de persoas aspirantes que non acadaron o número de respostas correctas necesarias para obter a puntuación mínima de 25 puntos, así como a relación das que non acadaron os mínimos establecidos na base II.1.1.1 da convocatoria.

Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. De acordo co disposto na base II.1.1.3 da convocatoria, estarán exentas de realizar o terceiro exercicio as persoas aspirantes que acrediten, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, que posuían, o día da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG), o Celga 4 ou o título equivalente debidamente homologado de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

A Dirección Xeral da Función Pública publicará, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, unha listaxe de persoas aspirantes na cal figurarán aquelas que, por teren acreditado a posesión do Celga requirido, en calquera procedemento cuxa competencia corresponda a esta dirección xeral non teñen que presentar a documentación xustificativa da exención.

Sexto. De conformidade co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2023

Juan José Nieto Montero
Presidente do tribunal