De acordo co disposto no artigo 75.1.a) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 186 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, que aproba o Regulamento da citada lei, en relación co artigo 21.1.j) da Lei 7/85, do 2 de abril, de bases de réxime local, e co Decreto da Alcaldía, do 19.6.2023 (BOP Ourense núm. 154, do 6.7.2023), de delegación de atribucións na Xunta de Goberno Local, polo Acordo da Xunta de Goberno Local do Concello de Verín do 17.7.2023 adoptouse o seguinte acordo:
Primeiro. Aprobar inicialmente o Plan especial de protección e reforma interior do núcleo histórico de Verín e do barrio de San Lázaro, promovido polo Concello de Verín segundo o proxecto redactado pola empresa Alfonso Botana, S.L., e presentado neste concello con data do 2.12.2022 (núm. de rexistro 2022-E-RE-2402).
Segundo. Someter o expediente administrativo ao trámite de información pública durante o prazo de dous meses mediante anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia e nun dos xornais de maior difusión da provincia, así como realizar a publicidade telemática de acordo co disposto no artigo 70.ter da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local.
Notificar individualmente a todas as persoas titulares catastrais dos terreos afectados polo ámbito do Plan especial de protección e reforma interior do núcleo histórico de Verín e do barrio de San Lázaro.
Terceiro. De acordo co disposto no artigo 47 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 86 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, suspender o procedemento de outorgamento de licenzas de parcelación, edificación e demolición en todo o ámbito do Plan especial de protección e reforma interior do núcleo histórico de Verín e do barrio de San Lázaro nos cales a ordenación proxectada polo Plan especial altera a vixente, en particular:
a) Os ámbitos afectados por sistemas xerais ou locais de infraestruturas de comunicacións, espazos libres e zonas verdes, equipamentos ou infraestruturas de servizos previstos polo PEPRI, agás naquelas zonas habilitadas para a propia execución destes.
b) Nos soares baleiros do solo urbano consolidado e na área de repartición en solo urbano non consolidado (AR-1).
Esta suspensión terá unha duración máxima de dous anos contados desde esta aprobación inicial e, en calquera caso, extinguirase coa aprobación definitiva do Plan especial.
A suspensión de licenzas non afectará:
a) As obras de mantemento, conservación e reforma, salvo no caso de obras de rehabilitación integral que sexan equiparables á reconstrución total do edificio non xustificadas en razóns de urxencia ou que supoñan un aumento do volume edificado.
En particular, a suspensión non afectará as intervencións definidas como obras de mantemento, conservación, consolidación, restauración, rehabilitación, reestruturación, ampliación e reconstrución, tal e como as ditas obras aparecen definidas no artigo 40 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.
As actuacións serán autorizables segundo os niveis de protección integral, estrutural e ambiental, tal e como se recolle no artigo 42 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.
b) As licenzas de primeira ocupación.
c) Os proxectos que cumpran simultaneamente o instrumento de planeamento en vigor e a revisión ou modificación deste, sempre que esta fose aprobada inicialmente.
d) Os actos suxeitos ao trámite de comunicación previa, sempre e cando se trate de obras ou actos para a implantación de usos ou actividades autorizados polo novo planeamento.
Mentres dure a suspensión de licenzas, poderán autorizarse usos e obras provisionais nos termos do artigo 89 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.
En todo caso, as licenzas e autorizacións que se poidan conceder por non resultar incluídas nos supostos de suspensión requirirán a autorización previa da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural segundo o réxime previsto na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e a instrución do 8 de novembro de 2017, relativa ao trámite de autorizacións en materia de patrimonio cultural nos bens inmobles catalagados e declarados de interese cultural, os seus contornos de protección e as zonas de amortecemento.
Cuarto. Dar cumprimento ao resto de trámites legalmente exixidos para acadar a aprobación definitiva e entrada en vigor do Plan especial.
Por conseguinte, durante o prazo de dous meses, que comezará a contarse desde a data de publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia, o expediente administrativo quedará á disposición de calquera que queira examinalo no Servizo de Urbanismo do Concello de Verín, así como no taboleiro de anuncios da sede electrónica deste concello (https://verin.sedelectronica.gal), para que se formulen as alegacións que se consideren oportunas.
Verín, 21 de xullo de 2023
Gerardo Seoane Fidalgo
Alcalde