DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Martes, 22 de agosto de 2023 Páx. 49418

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 9 de agosto de 2023 pola que se amplían e redistribúen por anualidades os créditos orzamentarios recollidos na Resolución do 2 de xuño de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de axudas para a realización de actuacións de eficiencia enerxética en explotacións agropecuarias (código de procedemento IN418D).

O Programa de axudas para a realización de actuacións de eficiencia enerxética en explotacións agropecuarias (en diante, Programa) está regulado polo Real decreto 149/2021, do 9 de marzo, e foi convocado en Galicia pola Resolución do Inega do 2 de xuño de 2021, publicada no DOG do 15 de xuño.

O Real decreto 149/2021 foi modificado polo Real decreto 1126/2021, do 22 de decembro, coa finalidade de ampliar a súa vixencia ata o 31 de decembro de 2023.

Unha vez ampliada a vixencia do Programa e visto que as solicitudes recibidas sumaban un importe superior ao orzamento dispoñible, o Inega solicitou, o 4 de xullo de 2022, unha ampliación do orzamento asignado ao Programa. Conforme o recollido no punto primeiro da Resolución do 2 de xuño de 2023, do Consello de Administración da E.P.E. Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía, M. P. (IDAE), publicada no BOE do 22 de xuño, pola que se amplía o orzamento do Programa, apróbase unha ampliación de 1.769.887,20 euros para asignar á Comunidade Autónoma de Galicia, quedando o orzamento nun importe total de 3.539.774,40 euros.

O artigo 4.3 da convocatoria prevé a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Ademais, o artigo 4.1 da convocatoria establece que o orzamento por anualidades poderá redistribuírse tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O artigo 31 do Decreto 11/2009 establece que, cando a contía total máxima das subvencións convocadas se distribúa entre distintos créditos orzamentarios, a alteración da dita distribución non precisará de nova convocatoria pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,

DISPOÑO:

Primeiro. Ampliar e redistribuír por anualidades os fondos destinados ao Programa de axudas para a realización de actuacións de eficiencia enerxética en explotacións agropecuarias de Galicia, modificando os puntos 1 e 2 do artigo 4 da Resolución do 2 de xuño de 2021, que quedarán redactados do seguinte xeito:

1. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 3.341.901,02 euros.

As subvencións previstas nesta convocatoria financiaranse con cargo ás partidas orzamentarias 06.A3.733A.770.0 e 06.A3.733A.78, recollidas nos orzamentos do Inega, coa repartición plurianual establecida na seguinte táboa:

Importe 2022 (€)

Importe 2023 (€)

Importe 2024 (€)

107.651,93

2.732.966,30

501.282,79

O orzamento por partida e anualidade redistribuirase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as seguintes partidas: 06.A3.733A.770.0 e 06.A3.733A.781.

2. O crédito máximo segundo a tipoloxía de proxecto será o seguinte:

Tipo de actuación

Orzamento total

Actuación 1: mellora da eficiencia enerxética das explotacións de regadío

3.341.901,02 €

Actuación 2: mellora da eficiencia enerxética e utilización de enerxías renovables en explotacións agropecuarias

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.gal), para os efectos previstos no artigo 44 e 45.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2023

Pablo Fernández Vila
Director do Instituto Enerxético de Galicia